A iniciativa de crowdworking que Telefónica impulsa na nosa terra, o centro de emprendementoGalicia Open Future, segue a ser fonte de achegas innovadoras e revolucionarias, de gran potencial para loitar contra problemas sociais, atrancos comunicativos ou doenzas concretas. Un exemplo disto é o proxecto iQ-Brain, un software de axuda ao diagnóstico médico, encamiñado á detección temperá de doenzas neurodexenerativas: demencia, alzhéimer ou párkinson. O dito software levouse a cabo na empresa da Coruña Qubiotech, creada como unha spin-off dun grupo de investigadores do Servizo de Medicamento Nuclear e Imaxe Molecular do CHUS, apoiado pola Fundación Ramón Domínguez.
Volvendo a iQ-Brain, cómpre dicir que foi deseñado para complementar a análise visual de imaxes e contribuír á realización de diagnósticos máis exactos. Automatiza a cuantificación de imaxes PET (Tomografía por Emisión de Positróns, en inglés Positron Emission Tomography) e a fusión de PET con RM (Resonancia Magnética), “facendo máis doado o labor do médico nuclear”.
En canto ao seu manexo, os seus creadores fan fincapé “na súa sinxeleza”. De feito, explican, ao ser unha plataforma web, o médico só ten que subir a imaxe PET/RM (coma un Dropbox), a ferramenta analízaa e localiza as diferenzas entre o doente a valorar e unha base de datos de pacientes sans, e en arredor de 6 minutos, emite un informe cos resultados, no que se amosa información visual e cuantitativa. Unha das súas vantaxes é que iQ-Brain só emite a información que o médico precisa, podendo así encaixar o seu uso cotián, amais de dispor dunha validación clínica exhaustiva. Arestora, IQ-Brain estase a empregar no Complexo Universitario de Santiago de Compostela. Con máis de 400 pacientes analizados, os resultados indican unha mellora no diagnóstico no 20% dos casos.
De cara a súa expansión, dicir que nunhas semanas o software IQ-Brain será probado noutros hospitais españois para melloralo e adaptarse á normativa europea, pensando xa en comezar a súa andaina comercial por España e nun futuro dar o pulo internacional.