A Deputación de Lugo vén de facer reconto da cifra de asistentes ás actividades desenvolvidas ao longo deste cuarto trimestre ao abeiro da iniciativa InLugo. Segundo fai saber a entidade provincial, máis de 400 maiores de toda a provincia participaron nas distintas accións encamiñadas a introducir ás persoas da idade nas moitas utilidades e funcionalidades (e recursos saudables) das tecnoloxías da información. Estas novas cifras de seguimento de InLugo, programa xestionado pola Fundación TIC da Deputación, foron dadas a coñecer polo vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, que visitou os días pasados un dos cursos gratuítos que se imparten na sede da Fundación, en concreto, o titulado: Escribe no ordenador empregando un editor de texto. Como o seu nome indica, trátase dun obradoiro para introducir aos participantes (neste caso un total de 15) no manexo do teclado do computador e os aspectos máis básicos dos procesadores de texto.
“Con este curso de balde”, sinala a Deputación, “xa son 19 os cursos impartidos na sede de InLugo, dos 29 programados para os tres últimos meses do ano, nos que houbo máis de 200 participantes”. A entidade provincial tamén salientou que as prazas para os outros 10 “xa están cubertas desde o mesmo día que se abriu o prazo de inscrición”. De feito, “para as 354 prazas previstas houbo 575 inscricións en tan só seis horas”, engadiu.
AlimentaTIC
AlimentaTIC, o programa de obradoiros da Deputación que bota man das novas tecnoloxías para favorecer e impulsar hábitos alimenticios saudables entre os maiores da provincia, tivo no mes de outubro un amplo seguimento. De feito, no mes de outubro participaron arredor de 200 persoas nos cursos que houbo en Láncara, O Corgo, Guitiriz, A Pontenova e Trabada e na conferencia do especialista en nutrición, Manuel Antonio Botana. Lembrar que o luns 7 de novembro AlimentaTIC chegou a Burela, achegando un obradoiro sobre novas ferramentas dixitais e nutrición que contou coa presenza da deputada de Economía, Mayra García, e o alcalde da localidade mariñá, Alfredo Llano. Neste mes de novembro o programa de alimentación saudable tamén chegará a Paradela, Pol e Ourol.
Recordos a través do móbil
Por outra banda, a Deputación de Lugo tamén recordou na visita ao curso sobre procesadores de texto que no último trimestre de 2016 a Fundación TIC desprazarase por toda a provincia para impartir 15 obradoiros sobre o uso do móbil coa finalidade de gravar recordos dos lucenses participantes que formarán parte do arquivo Memoria Dixital Lugo. “Trátase”, sinalou a entidade provincial, “dun programa pioneiro na nosa provincia, especialmente dirixido aos maiores, pero aberto a todos os lucenses interesados en contar os seus testemuños”. Memoria Dixital Lugo(www.memoriadixitallugo.es) inclúe vídeos, audios, fotografías antigas e diversos documentos “que axudarán a coñecer mellor a historia recente da nosa provincia, especialmente a da primeira metade do século XX”. Todas estas actuacións desenvólvense no marco do programa de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia, que xestiona a Fundación TIC a través dunha encomenda da Deputación.