O campionato científico escolar D3Mobile, o o certame de modelado 3D de precisión con teléfono móbil promovido polo grupo de investigación Cigeo da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, vén de superar na súa edición de 2017 os niveis de participación da súa anterior entrega, ao contabilizar entre os distintos equipos participantes un total de 1.476 estudantes e 350 docentes pertencentes a 268 centros educativos de 44 países diferentes. Ademais, a organización (unha vez rematada a fase de competición) vén de abrir o prazo de votacións para determinar os modelos 3D máis valorados polo público, un proceso que ficará aberto en liña até o vindeiro 15 de xullo na páxina web www.d3mobile.es.
Na páxina devandita, segundo informan os promotores da actividade, tamén se poden ver todos os modelos presentados, xeolocalizados nun mapa elaborado polo Instituto Xeográfico Nacional. As achegas tamén están accesibles na rede social 3D do campionato.
O grupo impulsor do certame D3Mobile 2017 tamén informou de que se van repartir premios entre os participantes agasallados por un importe global de 14.000 euros. Do mesmo xeito que nas edicións previas, haberá premios xerais (nos que os participantes modelan calquera obxecto), e premios específicos (nos que os participantes deben modelar en 3D un obxecto representativo/relacionado con algún tema/institución proposto pola organización). Esta edición, como novidade, establece catro premios específicos para que aqueles participantes que elaborasen modelos 3D relacionados cos obxectivos estratéxicos da UNESCO para a Educación, Ciencia, Desenvolvemento social, Patrimonio, Cultura, Comunicación e a Información no mundo. Para concorrer a estes galardóns, os estudantes tiveron que ler os citados obxectivos estratéxicos, elixir un deles e seleccionar un obxecto representativo do mesmo, para escanealo a continuación en 3D co seu smartphone ou tableta.
Segundo informa a organización, tres equipos optan ao premio D3Mobile Difusión Científica USC-Ciencia na USC, un galardón específico creado este ano para difundir o labor científico que desenvolven os grupos de investigación da USC. Os tres equipos aspirantes buscaron información dalgún investigador/grupo/instituto da institución académica e seleccionaron un obxecto representativo do seu labor científico. Os modelos 3D realizados por estes participantes son: un neno feito por un equipo de Ferrol e relacionado co traballo de Mariano López García, do grupo de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria; unha pota de barro, proposta por un equipo ecuatoriano, relacionada co Instituto de Cerámica que dirixe Francisco Guitián Rivera, e unha buguina de mar, feita polo equipo galego do investigador guardés Emilio Rolán Mosquera.
Completan o conxunto de distincións específicas o premio Fronteira (para difundir a relación entre España e Colombia-Latinoamérica no ámbito industrial, de investigación ou de colaboración sobre a paz), o premio Fundación Mulleres (para contribuír ao coñecemento por parte dos mozos españois do labor dunha científica/tecnóloga de éxito nos eidos da enxeñaría/arquitectura), ou o premio Fundación Comforp (para o equipo mellor clasificado pertencente a un centro estatal no que se imparta automoción).