Finalmente a Deputación de Pontevedra presentou a listaxe de actividades do seu programa Conectadas 2017, que este ano, como salientamos os días pasados, van desenvolver as firmas Forox e Marexada por valor de 324.000 euros. Segundo fixo saber a presidenta da entidade, Carmela Silva, a edición deste ano de Conectadas (programa dirixido a impulsar a formación das mulleres do eido provincial, facendo fincapé nas potencialidades das novas tecnoloxías), inclúe un total de 343 accións formativas de 35 horas de duración cada unha, para o mesmo número de entidades espalladas por 60 concellos da provincia. O obxectivo é beneficiar este ano a 5.145 persoas, superando en preto de dous centenares a cifra de 2016. Conectadas reforzou este ano seus dous bloques TIC, dun total de oito bloques: Muller Emprende e Actualízate.
Carmela Silva aproveitou a ocasión para recordar os obxectivos principais do programa, que ten por finalidade “a formación básica das mulleres na comunidade para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo e reducir a fenda dixital mediante o emprego da información e das novas tecnoloxías”. En total, o programa ofrece oitos bloques de accións formativas: Muller Emprende, con cursos para crear empresas, administrar redes sociais, comercio electrónico, asesoría laboral e adestramento; Muller e Cultura, con formación sobre fotografía, pintura, percusión e canto tradicional, teatro e encontro con lectoras; Actualízate, con cursos sobre alfabetización dixital e socializándose coas redes; Coas túas Mans, con formación sobre cestería, traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais e costura creativa; Porque ti o Fas, con cursos sobre arte floral, poda, xardinería e horta ecolóxica; Súmate ao Cambio, con formación sobre cociña e alimentación, conservación de alimentos, cociña, tapas e petiscos, pastelería e repostería creativa, iniciación á costura, coidados, mantemento do fogar e xestión doméstica, coida o teu vehículo, bricolaxe e reparacións, reciclaxe e igualdade; Ponte en Forma, con cursos sobre pilates, taichí, ioga, ximnasia, zumba e sendeirismo; e Coidados Persoais, con formación sobre menopausa de xeito saudable, coidar coidándonos, relaxación, intelixencia emocional, risoterapia, musicoterapia e obradoiro de mindfulness.
Este ano as accións formativas máis solicitadas pertencen ás áreas de Actualízate, Coas túas Mans, Porque ti o Fas, Súmate ao Cambio, Ponte en Forma e Coidados Persoais. Un dos obradoiros máis demandados foi o de Alfabetización dixital II: Internet e correo electrónico.