V Congreso de Software Libre e Foro Libre para a Educación
A quinta edición do Congreso de Software Libre e Foro Libre para a Educación é un evento de Igaciencia que bota luz sobre as moitas posibilidades que se abren coa interacción entre o ensino e a informática aberta e que este ano terá dous piares fundamentais: a arela de compartir a máxima cantidade de experiencias e a de amosar, para estender o seu espírito, o miolo das máis salientables aventuras educativo-tecnolóxicas da nosa terra. Celebrarase os días 30 de xuño e 1 de xullo no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago. Organiza a Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) e colaboran a axencia AMTEGA e o propio CNTG.









