main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

01/12/201709:55
Youtubeir@s.
Santiago de Compostela

O segundo certame Youtubeir@s amplía categorías e premios, 5.500 euros en total

Se YouTube é un praza onde se xuntan millóns de persoas, calquera iniciativa que queira reivindicar de verdade o galego terá que pasar por forza por ese espazo de confluencia. Sobre todo se tempos en conta que non se trata dunha praza calquera: trátase do segundo buscador máis grande do mundo e o terceiro sitio máis visitado despois de Google e Facebook, cunha taxa de crecemento de 10 vídeos por segundo. Este 30 de novembro presentouse en Santiago a segunda edición dunha iniciativa que é como montar un estrado na dita praza e subir ben o volume para que se nos escoite. E facendo fincapé nas novas xeracións, que son as que lle inxectan a maior cantidade de combustible a YouTube. Estamos a falar da segunda convocatoria de Youtubeir@s, cuxo obxectivo é ateigar a Rede de vídeos na nosa lingua.

Segundo se lembrou na presentación, celebrada na Facultade Ciencias da Comunicación, o proxecto vén da man dos servizos de normalización lingüística de nove concellos, das nosas tres universidades e da Deputación da Coruña. Tamén se recordou que outra das finalidades é fomentar a creatividade con temas propios ao tempo que se xeran referentes en galego.

Na presentación participaron a coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia, Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, a vicerreitora de Servizos Universitarios da Universidade de Santiago, María do Carme Silva Domínguez e os responsables dos servizos de Normalización Lingüística dos restantes concellos implicados. 

No acto, que tivo como distintivo máis visible unhas lentes vermellas nas facianas dos participantes (lentes que tamén apareceron no vídeo promocional proxectado e que serán un sinal ou marca youtubeira para fortalecer as ligazóns entre os vídeos a concurso e facilitar a súa identificación, a “marca” galega de seu), Fernández Valencia achegou unha serie de detalles importantes sobre a edición do ano pasado e a presente. Segundo dixo, este ano hai máis premios e máis contías a repartir (5.500 euros) en relación á convocatoria previa, e tamén máis entidades implicadas (por exemplo a Deputación da Coruña). Respecto da edición 2017, dixo que saldouse cunhas importantes cifras de convocatoria, con máis de 200 vídeos presentados da man de internautas de idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos. Fernández Valencia tamén lembrou que o certame xa está a piques de comezar, e que a partir deste 1 de decembro poderemos presentar xa as nosas achegas audiovisuais de reivindicación do galego. 

Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, fixo fincapé no potencial de promoción cultural da Internet: “Nas redes podemos refrescar a lingua, unha lingua que por desgraza aínda fica afastada de moitos ámbitos de uso”. A intención de Youtubeir@s, dixo, é conectar coa mocidade, xa que a mocidade está nas redes, e a mocidade é quen posúe verdadeiramente o poder para facer preservar a lingua que lle foi herdada. Tamén recordou que entre as novidades desta convocatoria atópase a de dar máis voz ás persoas maiores para que contribúan elas tamén ao obxectivo de reivindicar a lingua ao mesmo tempo que se impulsa a creatividade e a innovación.

 

Premios Youtubeir@s

Nos Premios Youtubeir@spoderán participar “todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle”. Segundo se fixo saber, as pezas deberán estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017 sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios, repartidos nun conxunto de categorías que, como dixemos, incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. Así, o certame dividirase nos seguintes apartados: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. Este último galardón, chamado #propostayoutubeira, será tamén unha das grandes novidades deste ano. A través deste premio, os membros de Facebook poderán propoñer a través dun comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira. Os vídeos propostos han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. As bases ao completo pódense consultar na web youtubeiras.gal e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no cal o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores.

01/12/201709:49
Presentación da aplicación ADAppTA.
Santiago de Compostela

A Xunta apoia a posta en marcha dunha aplicación sobre accesibilidade nos campus universitarios santiagueses

  • O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu hoxe á presentación da aplicación ADAppTA da Universidade de Santiago de Compostela e GREDDIS
  • Trátase dunha ferramenta que permite identificar infraestruturas e servizos con necesidade de adaptación
  • O titular autonómico salientou que este tipo de iniciativas poñen de manifesto a importancia que ten a tecnoloxía para mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas

 

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou esta mañá na facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela na presentación dunha aplicación móbil deseñada polo Grupo de estudo sobre os dereitos das persoas con discapacidade (GREDDIS) da Universidade de Santiago de Compostela.

A finalidade desta ferramenta tecnolóxica gratuíta é identificar infraestruturas e servizos con necesidade de adaptación no entorno dos campus universitarios. Trátase dun software que representa unha novidade mundial que permite marcar con foto xeolocalizada e comentar puntos concretos de xeito positivo ou negativo. O primeiro paso por parte do usuario para a súa utilización é instalar a app no seu dispositivo móbil. Cando o usuario observe un espazo ou acceso da USC non adaptado, este debe acceder á app, localizar dito espazo nun mapa, realizar unha fotografía do espazo, marcar o símbolo vermello de espazo non adaptado e, a continuación, escribir unha pequena descrición sobre o problema detectado. O mesmo proceso será realizado no caso de detectar un espazo accesible, marcando no seu lugar o símbolo de espazo adaptado. Grazas a isto, a app rexistra e amosa nun mapa os puntos adaptados e non adaptados para persoas con problemas de mobilidade.

Con esta información, elaborarase unha auditoría ou informe que permitirá coñecer as deficiencias para subsanalas. Así mesmo, a app empoder ao usuario con necesidades específicas como suxeito activo na busca de solucións e na mellora do proceso de adaptación das infraestruturas da USC.

Na súa intervención, Rey Varela salientou que este tipo de iniciativas poñen de manifesto a importancia que ten o mundo dixital para mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas. “ADAppTA é todo un exemplo da tecnoloxía ao servizo de quen máis o precisan e resulta moi útil para salvar as barreiras físicas ás que se enfrontan cada día as persoas con discapacidade”, explicou o conselleiro.

O titular autonómico agradeceu o compromiso coa sociedade galega de GREDDIS e da Universidade ao poñer a andar esta nova ferramenta dixital, e animou a este grupo de estudo a seguir traballando xa que “para conseguir a inclusión plena e efectiva das persoas con discapacidade na sociedade en igualdade de oportunidades, é imprescindible a implicación de todos: administracións, axentes sociais e cidadanía en xeral”, asegurou.

Cómpre destacar que a Consellería de Política Social incrementa o seu orzamento para o vindeiro 2018 na área de Maiores e Persoas con Discapacidade nun 10% con respecto ao presente exercicio co obxectivo de mellorar a calidade de vida de todos os galegos e galegas.

 

01/12/201709:46
Emprendedores Think Big.
Madrid

Mozos emprendedores crean solucións disruptivas para mellorar o benestar social a través de Think Big

Nove grupos de mozos emprendedores do programa formativo de innovación e emprendemento social Think Big, da Fundación Telefónica, mostraron as súas experiencias e logros no ámbito social, da sanidade e da sustentabilidade a través das súas solucións disruptivas. Fixérono durante o 5º Demo Day, un encontro para compartir os proxectos de emprendemento social e dixital máis destacados dos desenvolvidos na última convocatoria do programa.

No ámbito da sustentabilidade, presentouse o desenvolvemento dun novo sistema de almacenamento de enerxía en forma de aire comprimido chamado ‘Comprimir é vivir' e o proxecto de agricultura intelixente para a optimización de cultivos extensivos, aforro en custos e uso eficiente dun recurso tan escaso como a auga, denominado ‘LegioAgro'.

 

Intelixencia Artificial, dispositivos conectados e Apps

Na área de saúde, déronse a coñecer os proxectos ‘HiBed', un dispositivo electrónico adaptable, tanto a camas hospitalarias como convencionais, para monitorar o estado dos pacientes en tempo real; ‘Around Us', que expón solucións disruptivas aplicando novas tecnoloxías para resolver problemas actuais de navegación e mobilidade; ‘Braille Writer', unha aplicación multiplataforma para que as persoas invidentes ou con agudeza visual baixa poidan acceder e xestionar a información na súa contorna dunha maneira sinxela, e ‘MamApp', unha ferramenta de prevención, seguimento e autoexploración para a detección precoz do cancro de mama.

En canto ao ámbito social, presentouse ‘Un botón para a vida', un dispositivo que axuda a posibles vítimas de violencia de xénero, a posibles vítimas de acoso escolar ou, mesmo, ao coidado de persoas dependentes; “Bauspace”, un cadro de mandos para a xestión de situacións de crises, e “@SAMEbullying”, un sistema de Intelixencia Artificial que detecta, prevén e trata o ciberacoso en redes sociais.

O programa Think Big enmárcase dentro do Telefónica Open Future. Desde a súa chegada a España (xurdiu en Reino Unido) impulsou máis de 1.630 proxectos nos que participaron máis de 15.000 mozos.

01/12/201709:33
Aula informática.
Santiago de Compostela

Mar Pereira destaca o papel dos profesionais das TIC como embaixadores das vocacións STEM

  • A directora da Amtega felicita ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia no seu décimo aniversario
  • Destacou a súa colaboración na formación e difusión das TIC en diferentes iniciativas da Axenda Dixital de Galicia

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, destacou o papel dos profesionais das TIC como embaixadores das vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) para difundir o amplo abano de posibilidades laborais que ofrece o sector tecnolóxico.

Mar Pereira clausurou o acto do X aniversario do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), ao que felicitou por esta década de traballo e ao que recoñeceu a súa colaboración na formación e difusión das TIC en diferentes iniciativas da Axenda Dixital de Galicia, claves para contribuír a xerar un clima de confianza entre os cidadáns e dinamizar o seu uso.

 

Os retos dos profesionais TIC

A responsable autonómica lembrou que, a pesar de ser un perfil moi demandado, en Galicia só un 9,3% dos alumnos matriculados no sistema universitario cursa carreiras do ámbito científico-tecnolóxico. Ademais, só o 29,1% das persoas matriculadas en carreiras STEM son mulleres, unha fenda de xénero que xa se percibe antes da universidade, xa que só o 33% das mozas optan polo Bacharelato Científico-Tecnolóxico fronte ao 46% dos mozos.

Neste sentido, Mar Pereira subliñou que incrementar estas cifras é unha responsabilidade conxunta que implica a Administracións públicas, universidades, colexios profesionais e sector empresarial, e que se está a afrontar cun enfoque multidisciplinar”.

Unha das liñas mais claras de actuación é a de espertar o interese pola tecnoloxía dende idades temperás. Nese eido, o Proxecto Abalar marcouse como reto adaptar o sistema educativo tradicional ao novo contexto dixital. Galicia está a apostar por unha educación dixital innovadora que este curso 2017/2018 conseguiu que 12.000 rapaces e rapazas estuden con libros dixitais. Así mesmo, a Estratexia Galega de Educación Dixital 2020, contempla o impulso das vocacións STEM.

Ademais, estanse a impulsar actuacións noutros ámbitos, moitas delas en colaboración co Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia como o de fomentar a especialización dos profesionais TIC ou facilitar o acceso a novas habilidades dixitais a outras profesións tradicionalmente afastadas do contexto tecnolóxico.

30/11/201713:01
Fogar dixital.
Santiago de Compostela

A Xunta abre unha consulta pública ao mercado para estender o modelo de teleasistencia avanzada no fogar na Comunidade

  • Esta mañá celebrouse a primeira xornada de traballo con empresas interesadas en participar na busca de solucións para prestar servizos sociosanitarios no fogar
  • A administración autonómica xa está a traballar na creación dunha plataforma tecnolóxica única para os servizos sociais e sanitarios no fogar, sobre o que traballarán diferentes prestadores de servizos en cada un dos ámbitos
  • Permitirá a monitoraxe continua no domicilio de persoas maiores ou de pacientes crónicos para identificar situacións de risco de forma automática e comunicalas telematicamente aos seus coidadores

 

A Xunta abriu esta semana unha convocatoria de consultas preliminares ao mercado para definir os servizos e solucións que permitan estender a teleasistencia avanzada no fogar na Comunidade. Esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) Mar Pereira, xunto co subdirector Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia da Consellería de Política Social, Luis Vázquez; e o subdirector Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón, mantiveron a primeira xornada de traballo con empresas interesadas en participar na consulta.

A Administración autonómica aposta por un modelo de Fogar Dixital Sociosanitario, que a través dunha única plataforma tecnolóxica permita a prestación tanto de servicios sanitarios como sociais no domicilio dos usuarios. Búscase a evolución da teleasistencia social actual, baseada no botón de alarma ante unha incidencia, a un modelo que permita identificar situacións de risco no fogar de forma automática e comunicalas telemáticamente aos coidadores ou prestadores de servizos.

O obxectivo desta consulta é identificar o modelo tecnolóxico que permita prestar no domicilio os servizos catalogados como teleasistencia avanzada. É preciso definir tanto os compoñentes tecnolóxicos cos que ten que contar o fogar, como a conectividade necesaria para o correcto funcionamento dos diferentes servizos, así como o modelo económico que permita estender de maneira eficiente a teleasistencia avanzada no territorio galego.

Entre os servizos que incorporará a teleasistencia avanzada están os relacionados coa domótica (detección de situacións de risco por escapes de gas, auga, lume...); os relacionados co estudo de alteracións nos hábitos no domicilio (patróns de actividade, caídas...); a xeolocalización dos usuarios; a telediagnose, teleconsulta médica, telemonitorización sanitaria ou os relacionados coa mellora da capacidade cognitiva dos usuarios.

Na actualidade, aproximadamente uns 5.000 fogares benefícianse do modelo de teleasistencia actual dentro dos programas impulsados pola Xunta. Estes fogares son susceptibles de beneficiarse da evolución a un novo modelo de telasistencia, así como outros colectivos de persoas maiores que vivan soas ou enfermos crónicos que así o requiran.

 

Actuacións en marcha: Activage, HSUE, Decreto Fogar Dixital

A Administración autonómica ten en marcha diferentes actuacións encamiñadas a facilitar este novo modelo de prestación de servizos sociosantiarios.

Así, no marco do proxecto europeo Activage, o Sergas, a Consellería de Política Social, a Amtega están a colaborar con Televés e a Cruz Vermella na pilotaxe de solucións de fogar dixital sociosanitario con 700 usuarios, 100 deles con necesidades puramente clínicas, 450 usuarios de prestacións sociais, e 150 con necesidades sociosanitarias.

As probas de diferentes solucións en función dos perfiles permitirá sentar as bases dunha futura carteira de servizos sociais prestados desde o fogar (coidado integral para os adultos de idade avanzada con enfermidades crónicas, a monitoraxe da actividade diaria, solucións de seguridade e confort en casa, de estimulación cognitiva ou de prevención do illamento social, etc).

Por outra banda, dentro do proceso de modernización dos servizos sociais, a Xunta puxo en marcha a Historia Social Única Electrónica, que proporciona aos profesionais deste área social, tanto a nivel autonómico como municipal, un acceso único ao expediente social dixital de 530.000 usuarios incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais. Xa está operativa en preto de 200 concellos e nun futuro será un dos instrumentos que facilitará o modelo de teleasistencia avanzada no fogar. A entrada en funcionamento do HSUE supón un avance cara á futura historia-sociosanitaria, que permitirá a completa trazabilidade da información do cidadán en ambos sistemas.

A nivel normativo aprobouse o Decreto que garante que as novas vivendas dispoñan das infraestruturas necesarias para ter acceso a servizos dixitais avanzados do Fogar Dixital, tanto sociosanitarios, como de eficiencia enerxética, domótica, seguridade ou confort.

Establece que para obter as licenzas oportunas será requisito obrigatorio proxectar e instalar as infraestruturas de soporte do Fogar Dixital. A norma obriga a incorporar unha serie de canalizacións, rexistros e espazos de reserva durante a fase de construción das vivendas e recolle tamén a recomendación de que estas se inclúan cando se rehabiliten ou remodelen as vivendas xa existentes.

 

Benestar e autonomía

A teleasistencia avanzada busca mellorar o benestar, a autonomía e saúde das persoas maiores ou con dependencia, convertendo o fogar nun lugar seguro e confortable para aquelas persoas maiores que tendo autonomía, e preferindo manterse na súa contorna social, precisan de servizos e coidados sociais e sanitarios que se poidan prestar a distancia.

Falamos dun servizo de gran importancia para acadar un modelo de prestación de servizos públicos sustentables na Comunidade onde o 23,6% da poboación ten máis de 65 anos, dos que aproximadamente 110.000 viven sós e a maioría prefiren vivir no seu fogar.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS