main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

12/12/201709:15
Cartel do evento.
Pontevedra

A nosa comunidade desenvolvedora xúntase esta finde co gallo do DevFestGalicia

Este vindeiro sábado celebrarase a conferencia informática DevFestGalicia, organizada polos Google Developer Groups de Galicia (CDG Ourense, CDG Santiago e CDG Vigo) na Facultade das Ciencias Sociais e Comunicación no Campus de Pontevedra. A xornada, que conta coa colaboración da Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra e a propia empresa Google, está patrocinada por Optare Solutions e o Centro Tecnolóxico Gradiant. A previsión é a de xuntar máis de dez expertos en tecnoloxía, co fin de compartir coñecementos arredor de cuestións tan candentes como a Intelixencia Artificial, o posicionamento en buscadores, a marca persoal, o desenvolvemento web, a linguaxe Scala, a nube de Google, ou o desenvolvemento móbil. 

A cita xa conta con conta con máis de 150 persoas inscritas e con capacidade para 300 asistentes. A entrada será de balde e o público, segundo informan os grupos organizadores, gozará de conferencias, obradoiros, xantar e espazos para traballo en rede. A xuntanza, amais dos devanditos temas, acollerá charlas sobre a importancia da diversidade no sector tecnolóxico, e as últimas tendencias en desenvolvemento para tecnoloxías web e móbil. “O obxectivo deste evento é reunir aos integrantes da comunidade galega para proxectar o talento local a nivel nacional”, sinalan os organizadores do evento. Entre os relatores cómpre salientar figuras referenciais no ámbito tecnolóxico galego, estatal e mundial, como Carlos Azaustre, developer relations en Google; Paola García, directora executiva e co-fundadora de Chefly; Antón M. Rodríguez, director técnico en Optare Solutions; ou Ana Cidre, desenvolvedora independente e fundadora de GalsTech, grupo de mulleres galegas en tecnoloxía.

Ademais, as conferencias contan coa participación de Google Developer Experts, expertos recoñecidos por Google polo seu labor no desenvolvemento e difusión da tecnoloxía, como Abdón Rodríguez, desenvolvedor vigués de IBM Research. O evento, ademais, ten un marcado compromiso a prol da visibilidade do papel da muller no ámbito da programación e o desenvolvemento informático, tal e como se mostra ao contar coa presenza de importantes expertas en tecnoloxías como Paola García, Ana Cidre ou Noelia Luaces, entre outras. O obxectivo é “romper cos mitos que perpetúan o feito de que menos dun 15% de mozas se matriculen en Informática na nosa comunidade”, afirman os organizadores do DevFest Galicia.

11/12/201710:45
Logo SmartPeme.
Pontevedra

SmartPEME organiza 18 obradoiros TIC este mes de decembro

A Deputación de Pontevedra deu a coñecer estes días o seu programa de actividades formativas TIC para o mes de decembro, un total de 18 de obradoiros. Estas sesións, como vén sendo costume, desenvólvense ao abeiro da rede SmartPEME, constituída polas sedes operativas de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín. Dende estes centros operativos, as/os profesionais da Deputación (en colaboración cos Concellos e as asociacións) despregan un importante labor de capacitación dixital ao servizo de autónomos, PEME e traballadores. Nove dos devanditos obradoiros do mes de decembro levaranse a cabo nas áreas de Vigo, Pontevedra, Cambados e Lalín. 

As quendas para decembro na oficina de Vigo comezaron este pasado luns co curso Bota as túas propias fotografías para o comercio electrónico. Dez días despois celebrarase a segunda quenda, o xoves 14 de decembro, co curso Google Analytics: Interpretación dos datos e toma de decisións. Por último, o martes 19 de decembro, as persoas interesadas poderán asistir ao obradoiro de Ferramentas TIC básicas e sinxelas para a xestión do teu negocio. A oficina SmartPEME de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, núm. 3. Os tres obradoiros comezarán ás 19 horas.

Polo que atinxe á oficina de Ponteareas, acollerá o mércores 13 de decembro o obradoiro Coñece as claves para a dixitalización documental. O martes 19 de decembro, organizarase o curso Como utilizarInstagram para promover a túa empresa. E para rematar o ano, o xoves 21, desenvolverase o obradoiro Como facturar electrónicamente para as empresas e administracións públicas. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, núm. 5. Todos os cursos tamén comezarán ás 19 horas.

Polo que respecta á oficina do Porriño, dará acubillo (novamente en horario de 19 horas) aos seguintes obradoiros: o martes 12 de decembro, Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEOGoogle Analytics: Interpretación dos datos e toma de decisións o luns 18 de decembro e para rematar o mércores 20, o obradoiro Crea o teu propio logotipo con Canva. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do Concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
 

Tres cursos para Pontevedra
As quendas na sede da Deputación de Pontevedra comezaron este luns ás 19 horas co curso Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google. A segunda cita terá lugar o mércores 13 de decembro, tamén ás 19 horas, cando impartirase o curso Woocommerce II–A solución que procurabas para vender por Internet. Por último, o luns 18 de decembro, a mesma hora, Pontevedra acollerá o curso Edición de fotografía para plataformas e-commerce. A oficina SmartPEME de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n.
 

Tres obradoiros en Lalín
Os obradoiros programados no Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 no mes de decembro, todos eles en horario de 19 horas, terán como primeiro evento Como utilizar Instagram para promover a túa empresa, previsto para o luns 11 de decembro. O xoves 14 organizarase o obradoiro Crea o teu propio logotipo con Canva. Por último, o martes 19 de decembro terá lugar o curso Elixe a túa plataforma de comercio electrónico. A oficina SmartPEME de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo.
 

Outras tantas sesións en Cambados
A actividade de decembro do Centro ExpoSalnés de Cambados ao abeiro de SmartPEME arrancou xa este luns 4 de decembro co obradoiro Ferramentas de google para a promoción de negocios locais e seguirá o mércores 13 de decembro co curso Guía de boas prácticas para redes sociais. Por último, o mércores 20 de decembro, celebrarase o curso Sácalle partido á túa conta de Gmail. A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/nTodas as actividades deste mes comezarán ás 19 horas.
 

O Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. 

O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

11/12/201710:37
Portal Pictoeduca.com.
Santiago de Compostela

En marcha un portal galego para a inclusión de crianzas con necesidades educativas especiais, Pictoeduca.com

A Fundación Barrié e Pictoaplicaciones (iniciativa do Grupo Promedia, con sede en Milladoiro) están a impulsar un novo portal educativo que se dirixe a fortalecer a inclusión social das crianzas con necesidades educativas especiais pola vía da inclusión tecnolóxica (as novas tecnoloxías como porta de acceso a unha vida mellor). Estamos a falar do portal Pictoeduca.com, unha proposta web gratuíta e inclusiva que, entre outras cousas, permite crear e consultar leccións adaptadas para os nenos coas devanditas demandas específicas. 

O proxecto, posible grazas ao mecenado da Fundación Barrié, ten tamén o obxectivo de crear unha comunidade infantil de escolares, aberta á participación activa de nais, pais e educadores, que teñen ao seu dispor unha ferramenta de administración para pendurar diferentes achegas, a leccións de todo tipo de materias (matemáticas, ciencias, música), vídeos, pictogramas ou imaxes, entre outros contidos dixitais. 

En palabras dos seus creadores, Pictoeduca é un “completo portal que xunta unha gran variedade de material didáctico en diferentes formatos e cuxa formulación metodolóxica suporá un apoio importante dentro das Tecnoloxías de Apoio á Diversidade”. O sitio web, ademais, foi concibido desde unha formulación con carácter integrador, sen etiquetaxes e “asumindo a heteroxeneidade das persoas, universal, onde se compartan e intercambien coñecementos e se promova a inserción social”. 

O propósito último, polo tanto, “é unha mellora na calidade de vida do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo proporcionando formación directa de e para profesionais e usuarios, reunindo os recursos necesarios para iso”.

Nun plano máis concreto, o portal e os seus diferentes recursos permiten facer cousas como dar forma a leccións empregando vídeos, imaxes e textos, e traducir todo a pictogramas cando as necesidades educativas dos nenos aos que nos diriximos así o require. Asemade, poderemos escoitar os textos que acheguemos e, para tirar partido das ferramentas que queiramos usar, teremos ao noso dispor vídeo-titoriais onde se nos explica como facelo. 
Pictoeduca foi desenvolvido para PC e para móbiles con sistemas iOS e Android.

11/12/201710:31
Responsables de TalkAACtive.
Vigo

Unha app de AtlantTIC para mellorar a expresión de persoas con autismo, premiada por Indra e Universia

As tecnoloxías tamén están para romper barreiras, comunicativas e tamén sociais. Así o entenden os responsables do proxecto galego TalkAACtive, impulsado polo Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo (Centro AtlantTIC, Campus de Vigo) e dirixido a fornecer ás persoas autistas dunha aplicación móbil que lles permita, no ámbito laboral, practicar e autoavaliar a súa fala e escritura mediante pictogramas, e todo isto grazas a un sistema de xeración de linguaxe natural. Segundo puidemos saber, a iniciativa foi seleccionada (xunto a outros dos proxectos das universidades de Salamanca e Málaga) na segunda convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de tecnoloxías accesibles, lanzada pola empresa Indra e a Fundación Universia.

O Grupo de Tecnoloxías da Información, que grazas á súa inclusión na dita convocatoria recibirá 24.000 euros para o desenvolvemento do proxecto, está formado por Enrique Costa, Milagros Fernández, Silvia García e Jonathan Juncal e o director do mesmo, Javier González Castaño. Para o impulso da ferramenta móbil, o equipo de AtlantTIC contará coa colaboración das asociacións Teavi e Autismo Ourense, con cuxos usuarias e usuarias probará a aplicación. “Primeiro falaremos coas asociacións para ver a que ámbito laboral orientan ás persoas con autismo e así ver cales son as necesidades de comunicación nese ámbito. Logo, crearíase a aplicación móbil para esas persoas, adaptándoas a ese ámbito e axudándolle a practicar a comunicación, para que cando se incorporen ao traballo saiban as frases usuais”, explican Milagros Fernández e Enrique Costa.

O xurado da II convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de Tecnoloxías Accesibles, lanzada por Indra e a Fundación Universia, destacou dos tres proxectos seleccionados “a súa innovación e a excelencia tecnolóxica da solución formulada, así como a viabilidade para converterse nun produto ou servizo real que aínda non existe no mercado”. A súa utilidade práctica nunha contorna real de inclusión laboral, o alcance do seu impacto e a súa gratuidade ou baixo custo para as e os usuarios finais, foron outras cuestións valoradas polos integrantes do xurado, que destacou a elevada calidade dos máis de 70 proxectos que concorreron á convocatoria.

Por certo que a elección de TalkAACtive na dita convocatoria non é o primeiro recoñecemento que recibe o traballo do Grupo de Tecnoloxías da Información no ámbito da comunicación de pictogramas e xeración del linguaxe natural. “Dentro do proxecto Accegal, que eu dirixo, temos publicadas varias aplicacións de comunicacións con pictogramas e unha das liñas de traballo do grupo é a xeración de linguaxe natural. A idea de unir estas dúas liñas foi previa a este certame e de feito o premio da Fundación Vodafone que recibiu Silvia García, cun dos galardóns Connecting for Good á Innovación en Telecomunicación, seguía esta liña”, lembra Costa.

O proxecto, titulado Librería para a xeración de linguaxe natural en castelán, ten o obxectivo de facilitar a comunicación de persoas con trastornos na fala a través da xeración de linguaxe natural a partir de seleccións de palabras. A proposta que presentou e que conformaba o seu traballo fin de máster é unha adaptación ao castelán da librería SimpleNLG para a xeración automática de linguaxe natural a partir de seleccións de palabras.

11/12/201710:27
Espazo +60 Afundación.
Santiago de Compostela

O Espazo +60 de Afundación convoca varias actividades solidarias protagonizadas por maiores

  • Enmárcanse no programa «O valor da experiencia» da área de Envellecemento Activo de Afundación

 

O Espazo +60 Afundación de Ourense e Ferrol organizan para o mes de decembro, varias actividades solidarias protagonizadas por persoas maiores. Así o Espazo +60 de Ferrol colabora coa recollida de alimentos a beneficio da Cociña Económica ferrolá. Paralelamente pódese participar depositando os alimentos a partir do luns 4 de decembro e ata o día 22 de decembro, de luns a venres, en horario de 9.30 a 14.00 h e de 16.30 a 20.00 h, no Espazo +60 Afundación de Ferrol. 

 

Pola súa banda o Espazo +60 Afundación de Ourense organiza ás súas voluntarias e voluntarios que levarán a cabo unha serie de actividades con fin solidario para celebrar as festas do Nadal. En concreto, na Tenda Solidaria organizouse un mercado solidario no que se poñerán á venda produtos elaborados por eles mesmos no 'Taller solidario' curso que se imparte no propio Espazo +60 durante todo o ano. Os beneficios recadados destinaranse á Asociación Española Contra o Cancro para o seu proxecto 'O carriño de Don Amable'. A tenda estará aberta o luns 11 e o martes 12 de decembro en horario de 11.00 a 13.00 h e de 17.00 a 19.00 h.  

 

Estas propostas teñen como finalidade promover accións de voluntariado, a creatividade e as actividades artesanais, á vez que fomentan a solidariedade e a cooperación. Enmárcanse no programa 'O valor da experiencia' da área de Envellecemento Activo de Afundación, que ten como obxectivo potenciar o papel activo das persoas maiores na sociedade e o desenvolvemento de actividades interxeracionais e de voluntariado. 

 

Área de envellecemento activo

Afundación ten unha rede de 11 centros que contan con máis de 12.500 socios e socias e presentan unha ampla e innovadora oferta de actuacións que contempla diferentes dimensións do envellecemento activo: o benestar psicolóxico, físico e social, a aprendizaxe ao longo de toda a vida, así como a participación e a inclusión social das persoas maiores, tendo en conta a pluralidade de intereses e expectativas deste sector da poboación. Esta oferta está estruturada a través de cinco programas: hábitos saudables, cultura e expresión artística, formación e coñecemento, TIC e lecer activo, aos que se suman tres proxectos estratéxicos de Afundación neste ámbito: o valor da experiencia, a difusión dunha imaxe social dos maiores afastada de estereotipos e o voluntariado social e profesional.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS