main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

03/04/201809:15
Man sostendo un cartón de crédito por riba dun portátil.
Lugo

A Aula TIC PEME de Lugo volve mostrarnos como vender en liña

Aula TIC PEME do Campus de Lugo (Universidade de Santiago) vén de pór en marcha a edición número once do seu obradoiro sobre novos e eficaces xeitos de vender nas redes, de facermos empresa e de comunicarnos cos nosos clientes. A vindeira edición do seu Taller Online sobre Xestión de Tendas con Pretashop é o novo paso dunha referencial actividade formativo-tecnolóxica, referencial polos recursos de axuda que ten posto en xogo para novos empresarias/os e emprendedoras/es, e tamén polos éxitos de participación acadados. De feito, a onceava convocatoria do obradoiro é unha consecuencia directa da boa acollida que tivo a última edición. 

O curso tamén é unha resposta a un desafío concreto: o reto de acadar da maneira máis simple e eficaz a dixitalización da actividade das nosas empresas, e máis tendo en conta até que punto, nos últimos anos, disparáronse as cifras correspondentes ás vendas de comercio electrónico sobre o total das vendas a nivel galego e estatal. Segundo informa a Aula TIC do Campus de Lugo, entre abril e xuño do ano 2017, a facturación por vendas en liña subiu un 23,4% internanual até acadar os 7.338,1 millóns de euros. Estas cifras, que figuran nos datos sobre ecommerce achegados pola CNMC, obrigan ás empresas a facérense a seguinte pregunta: hai que permitir que a competencia se adiante ou cómpre que aproveitemos a oportunidade de negocio que nos brinda as novas tecnoloxías e canles da información?

Durante o desenvolvemento do obradoiro, o alicerce temático será a plataforma de software libre Prestashop Cartium. O contido do curso inclúe o seguinte: instalación e posta en marcha da aplicación, administración dos clientes e dos empregados, manipulación do catálogo de produtos, xestión dos pedidos e dos pagos, análises estatísticas dos datos e outras ferramentas. 

Respecto da metodoloxía a seguir, é un obradoiro de natureza práctica baseado en software libre e de código aberto, impartíndose integramente de maneira virtual a través dun espazo dixital habilitado para tal efecto. Inclúe vídeo-titorías das temáticas devanditas e convídase ao alumnado a revisar os materiais fornecidos e completar as tarefas semanais para comprobar cal é o grao de aproveitamento dos módulos. No curso, con independencia de que se dirixa sobre todo a emprendedores, PEME e autónomas/es, poderá participar calquera persoa interesada na temática do mesmo. A duración da actividade é de 50 horas. Desenvolverase entre o 13 de abril e o 23 de maio deste mesmo ano.

03/04/201809:09
Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo en Lugo.
Lugo

A Fundación TIC achegará contidos para sensibilizar sobre o autismo

A Deputación de Lugo e a Fundación TIC, integrada na entidade provincial, están a achegar hoxe a súa colaboración co Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo. E fano sumándose aos actos organizados por Raiolas Lugo e levando a cabo actividades concretas como o revestimento con cores azuis das fachadas do Pazo de San Marcos e do Fogar de Santa María, unha intervención que simboliza, en palabras da Deputación, “a sensibilidade do organismo provincial coas persoas e familias afectadas polo autismo”.

Asemade, a Fundación TIC está a achegar os seus equipos humanos e tecnolóxicos para gravar as actividades desenvolvidas na Praza Maior. Por exemplo a lectura do manifesto a cargo de Jorge Vilaboa, usuario de Raiolas. A Fundación TIC gravará todo o evento para difundilo por toda a provincia e nas redes sociais co fin de sensibilizar e concienciar á cidadanía. 

As actividades comezaron ás 10.30, coa inauguración na sede provincial dunha mostra de fotografías feitas polos integrantes da dita asociación. Pola tarde, na Praza Maior, está previsto o desenvolvemento dun photocall, unha mesa informativa, un certame de debuxo, un obradoiro de decoración de galletas e un taller de concienciación. Ademais, ás 19.00 horas entregaranse os premios do dito certame e escenificarase o derrube simbólico dunha barreira, símbolo dos atrancos que separan ás persoas autistas das oportunidades das que gozan os restantes cidadáns. A Fundación TIC, como dixemos, creará contidos dixitais a partir do acontecido hoxe no centro neurálxico de Lugo.

03/04/201809:06
Cami e Santi Rey.
A Coruña

CUAC FM contará cun espazo sobre o uso seguro e responsable da tecnoloxía

Asociación Educativa AtlanTICs, nacida en 2016 co obxectivo de fomentar o uso seguro e responsable da tecnoloxía, ten desenvolvido distintos cursos, charlas e obradoiros a prol da alfabetización dixital, a promoción da mediación parental e a concienciación sobre as normas de comportamento propias da cidadanía dixital, á que o vindeiro 12 de abril sumarase a emisión do magazine radiofónico Internet de tu Color Favorito, que poderá escoitarse a través de CUAC FM.

O novo espazo sonoro desenvolverase os xoves de 19:00 a 20:00 horas, incluíndo faladoiros, debates, entrevistas, novas de actualidade, axenda de eventos... coa intención de achegar aos seus oíntes ferramentas e consellos para poder enfrontase aos cambios que supón a sociedade dixital actual.Internet de tu Color Favorito é un proxecto dos irmáns Cami e Santi Rey, acompañados por La Gata-Cristi, quen buscarán dar vida a un espazo ameno, divertido e desenfadado, e aínda que a emisión do programa estea ligada á plataforma da emisora comunitaria da Coruña, cómpre lembrar que pode seguirse dende todo o mundo a través da Internet, e os seus programas goza de especial difusión a través do formato podcast.

03/04/201808:58
Cartel do evento.
A Coruña

O Ciclo CyberCoruña mostra o potencial en ciberseguridade da UDC

Esta semana, os días 5 e 6 de abril, celébrase na Universidade da Coruña (o CITIC e a Facultade de Informática) un interesante achegamento colectivo (da man de diferentes investigadoras/es dos campus) á realidade actual e vindeira da protección tecnolóxica e da información, dende a óptica dos achados locais. O Ciclo CyberCoruña Actualidade Europea en Ciberseguridade vén da man da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación da UDC (OTRI), o Centro de Investigación TIC (CITIC), a Facultade de Informática da Coruña e a Xunta. 

As xornadas, segundo informan as entidades organizadoras, buscan reunir a todos os actores do sector e “dar a coñecer a aposta da Universidade da Coruña a prol dunha formación e investigación aplicada en ciberseguridade”, unha cuestión que adquire cada vez máis relevancia e xera, ao mesmo tempo, importantes oportunidades laborais e empresariais. As entidades impulsoras dos encontros, para facernos unha idea da dimensión dos temas a tratar, tamén lembran que “o sector da ciberseguridade resulta unha oportunidade de mercado non só en Europa senón a nivel global, onde se prevé que en 2018 móvanse ao redor duns 100 billóns de dólares de negocio”.

Seguindo este fío, as xornadas CyberCoruña diríxense a ofrecer unha visión múltiple da ciberseguridade a nivel europeo, en canto a formación, investigación e recursos humanos altamente cualificados, así como as oportunidades de desenvolvemento e innovación nos programas europeos máis competitivos. As xornadas están orientadas, por unha banda (sesión da tarde) aos actores industriais e do sector público, así como aos investigadores e formadores. Por outra banda, na sesión da mañá, o foro ficará aberto para que se incorporen aos perfís devanditos os alumnos e investigadores interesados no sector, ben porque “ven unha oportunidade de formarse nun ámbito de futuro prometedor, ben porque realizan investigación no ámbito ciber e teñen intención de proxectarse a nivel europeo”.

03/04/201808:52
Mans de neno sobre o teclado dun portátil.
A Coruña

As adicións dixitais e as maneiras de evitalas, polo miúdo na Coruña

O Centro Cívico Monelos da Coruña, en colaboración con ACLAD (Asociación Cidadá de Loita Contra a Droga), vai organizar os vindeiros días unha actividade divulgativa para mozas e mozos de entre 11 e 13 anos que busca capacitalas/os para inculcar usos racionais e seguros das novas tecnoloxías da información. Taller de prevención e abordaxe de adicións dixitais desenvolverase os días 23 e 25 de abril ás 16.30 horas, no devandito local social. A actividade, que é de balde, xorde como resposta aos crecentes datos que alertan sobre o emprego non axeitado das novas ferramentas e as súas consecuencias.

Farase, polo tanto, especial fincapé nos colectivos máis vulnerables (os menores) e nos principais problemas derivados do mal uso das TIC (acceso a contidos inadecuados, cesión de datos persoais, suplantación de identidade, ciberacoso, ciberchantaxes, etc). Dende ACLAD e o CCM sinalan que “é preciso establecer estratexias tanto de tipo preventivo como asistencial que aborden as devanditas consecuencias”. O taller tamén tocará temas como o uso-abuso-dependencia de TIC, a privacidade, a identidade dixital e a reputación en liña, o ciberacoso escolar, as prácticas do sexting e o grooming, a xestión da información e o acceso a contidos apropiados.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS