Un total de 150 persoas con discapacidade desempregadas de toda Galicia participan no programa `COGAMI integra a través das TIC e no que a Fundación Vodafone España colabora co fin de potenciar o uso das novas tecnoloxías para que sirvan como un apoio máis á hora de capacitar a persoas que están en situación de desemprego.
O programa, que se iniciou no principio do ano, ofrece ás persoas participantes un servizo de asesoramento, información, formación e capacitación en TIC baseado en soportes, equipamentos, tecnoloxías e software adaptados, co propósito de facilitar a procura de emprego e poder acceder ao mercado laboral. Para isto, impartíronse obradoiros sobre manexo de portais de emprego a través de Internet nos que participaron 65 persoas e desenvolvéronse outros 4 obradoiros presenciais sobre procura activa de emprego, contando estes con 74 participantes.
As persoas seleccionadas para formar parte do programa cumpren uns perfís similares: teñen discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida para desenvolvemento da súa profesión habitual, durante os seis meses anteriores ao programa non tiveron un contrato laboral, son persoas con maiores dificultades de inserción (por iso é polo que o 50% de participantes son mulleres), e viven en zona rural. Segundo o ámbito territorial ao que pertencen, 24 dos participantes son da Coruña, outras 24 son de Santiago de Compostela, 18 de Ferrol, 18 de Lugo, 19 de Ourense, 22 de Pontevedra e 25 de Vigo.
Sete orientadores laborais, situados nas oficinas que COGAMI ten abertas nas cidades galegas, son os que se encargan de valorar e avaliar as potencialidades e capacidades de cada unha das persoas e da súa motivación. Para iso trazan un itinerario o máis axustado posible aos intereses e posibilidades da persoa, ademais de proporcionarlles formación sobre uso de ferramentas TIC, portais de emprego e videocurriculums.
Outra das accións que se realizan durante o desenvolvemento do programa `COGAMI integra a través das TIC, é a visita a empresas onde se realizan labores de sensibilización cara á discapacidade, infórmase sobre bonificacións e incentivos e xestiónanse ofertas de emprego. Durante este primeiro semestre de programa, visitáronse 213 empresas que abriron 152 ofertas de emprego.
A metade do programa, 45 persoas están a traballar actualmente, o 30% das que o iniciaron, uns datos que se espera superar durante o segundo semestre de desenvolvemento de programa. Con respecto ao tipo destas contratacións, 24 son por obra ou servizo, 12 son temporais, 4 por interinidade ou substitución, 3 son indefinidos e 2 son contratos eventuais.