- En 2016 recibiron formación prelaboral en Novas Tecnoloxías 24 persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual da FUNDACIÓN DOWN COMPOSTELA (entre a II e III edición do Programa)
A Fundación DOWN COMPOSTELA e Fundación Vodafone España presentaron ‘Enreda2', unha iniciativa cuxo obxectivo é poñer en contacto a empresarios da zona e mozos con síndrome de Down co obxectivo de que dialoguen e intercambien opinións sobre os beneficios que ten a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual, tanto para este colectivo como para o ámbito empresarial.
Esta acción de networking, que xorde a partir do programa de formación prelaboral ‘Yo me prep@ro' impulsado por ambas as entidades, permite que os empresarios poidan coñecer de preto a persoas con esta discapacidade intelectual candidatas a incorporarse como traballadores nas súas empresas. A interacción entre empregadores e posibles empregados serve para que o sector empresarial derrube prexuízos e falsos estereotipos que historicamente se relacionaron coa síndrome de Down.
A pesar de contar coa formación adecuada e ser traballadores constantes, metódicos e organizados, tan só o 5% das persoas con síndrome de Down puideron demostrar a súa valía; por iso é indispensable contar co apoio e a colaboración do tecido empresarial. Así, grazas a Enreda2', ‘a conversación e a formulación de diversos xogos, os empresarios puideron coñecer de primeira man as calidades que estes mozos atesouran, ademais de apreciar os seus valores e as capacidades para o traballo que posúen.
Para presentar esta iniciativa estiveron presentes a Secretaria Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca; a Concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago de Compostela, Concepción Fernández; a Vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, María Dores Álvarez; o Presidente da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela, Jesús Asorey; o Director Xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno; o Presidente da Fundación DOWN COMPOSTELA e Tesoureiro de DOWN ESPAÑA, Juan Jesús Martínez. Tamén se contou cos empresarios Ramón Salgado, de Limpezas ‘Salgado', e Chelo Suárez, de Multiusos ‘Fontes do Sar'.
Na súa intervención, a Secretaria Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca, indicou que "a inserción laboral é un traballo de colaboración entre todos", polo que “para mellorar neste aspecto, na Xunta de Galicia contamos coa iniciativa Axenda 20, que consta con tres retos: emprego de calidade, formación e capacitación e orientación laboral". Toca concluíu sinalando que "desde a Xunta animamos aos empresarios para ofrecer oportunidades laborais ás persoas con discapacidade".
En opinión da Concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago de Compostela, Concepción Fernández, "debemos traballar en sensibilizar á sociedade contra os prexuízos e as barreiras interpostas á inserción sociolaboral das persoas con discapacidade intelectual". Para Fernández "o investimento social debe ir orientada á formación e a capacitación dos cidadáns; necesitamos persoas que poidan achegar desde a diversidade á sociedade na que vivimos e conseguir así que sexa máis plural, máis xusta e máis diversa".
A Vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, María Dores Álvarez, instou a abordar “a baixa taxa de inserción laboral no colectivo con iniciativas como esta", xa que “a sociedade ignora a valía das persoas con síndrome de Down. Contan con ganas e merécense unha oportunidade".
Pola súa banda, o Presidente da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela, Jesús Asorey, felicitou ao colectivo “polo seu esforzo” e deu as grazas aos “que fan posible que esteamos hoxe aquí, posto que este tipo de iniciativas son indispensables na nosa sociedade”.
Na súa quenda, o Director Xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, comentou que “é necesario que a Administración Pública, a industria e as empresas impulsen o emprego e asuman riscos". Ademais, mencionou que ”están moi orgullosos e agradecidos de colaborar con DOWN ESPAÑA neste proxecto".
O Presidente da Fundación DOWN COMPOSTELA e Tesoureiro de DOWN ESPAÑA, Juan Jesús Martínez, destacou que "os obxectivos deste proxecto cumpríronse con fartura polo alto índice de insercións conseguido", e mostrouse "agradecido á Fundación Vodafone España por este tipo de iniciativas tan necesarias".
Por último, os empresarios Ramón Salgado, de Limpezas ‘Salgado', e Chelo Suárez, de Multiusos ‘Fontes do Sar', animaron a todos os empresarios a que fagan un esforzo para contratar a persoas con síndrome de Down: "Cumpren no traballo con motivación e ganas, e de feito houbo algún cliente que nos felicitou por ter contratadas a dúas persoas con esta discapacidade". Tamén comentaron que contar con traballadores con síndrome de Down “está a ser moi gratificante, son perfectamente capaces de levar a cabo as súas tarefas e achegan moitas cousas á empresa ademais do seu bo facer: a súa actitude ante o traballo, a súa puntualidade, ou a súa activa colaboración no bo ambiente laboral"
O programa ‘Yo me prep@ro'
O obxectivo do proxecto ‘Yo me prep@ro' é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso adecuado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de axudarlles a salvar a fenda dixital que lles pode condicionar á hora de atopar un posto de traballo, as súas aspiracións de mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.
No ano 2016 recibiron formación en novas tecnoloxías a través deste programa 240 persoas con discapacidade intelectual, que adquiren as competencias necesarias para poder desempeñar un posto de traballo coa normalidade e eficacia de calquera empregado.
Estes alumnos de Santiago de Compostela sumaranse a outros en diversas provincias, alcanzando un total de 240 mozos que recibirán esta formación en toda España. En total serán 10.500 horas formativas apoiadas en sete novos vídeo-tutoriais que, cunha linguaxe sinxela e accesible, detallarán os pasos e instrucións para que os alumnos coñezan a fondo o uso da internet, xestionar o correo electrónico ou manexar redes sociais como LinkedIn, entre outras habilidades.
Tras o éxito de anteriores edicións, o proxecto afronta este ano a súa terceira edición a nivel nacional con renovado impulso, pois superou as expectativas tanto no número de prácticas conseguidas como na cifra de contratacións alcanzadas. Desde a súa posta en marcha en 2014, e a pesar das complicadas condicións do mercado de traballo, este programa conseguiu 150 contratos para alumnos con síndrome de Down.
Como complemento a esta edición, os 480 mozos que participaron nas dúas edicións anteriores do proxecto recibirán un curso de refresco dos seus coñecementos para que actualicen as destrezas adquiridas en novas tecnoloxías aplicadas á vida laboral.