main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

23/09/201608:28
Santiago Paz, de Dos Espacios, en medio de Fausto García e Nacho Rey
Vilagarcía de Arousa

BATA e a galega Dos Espacios crean unha app para axudar a persoas con trastorno de espectro autista

Onte presentábase unha aplicación de balde para emprestar axuda a persoas con trastorno do espectro autista. A app móbil, chamada INEIP, foi levada a cabo pola empresa Dos Espacios de Vilagarcía de Arousa financiada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deportes partindo da base que a asociación BATA leva desenvolvendo dende hai un ano de cara á orientación laboral das persoas con necesidades específicas. Indo á aplicación, cómpre dicir que é para dispositivos móbiles con sistema operativo Android e que tentará facer máis doada a tarefa dos orientadores laborais que traballan con autistas ou persoas con diversidades intelectuais permitindo a estes últimos atopar a súa verdadeira vocación.

A aplicación, Instrumento de Evaluación de Intereses Profesionais (INEIP), xa foi testada con catorce mozos de BATA e outra vintena de dous colexios de educación especial de Barcelona e Murcia. A aplicación xa está dispoñíbel de maneira gratuíta para todo tipo de colectivos que empresten apoio a persoas con autismo ou outras características.

O proxecto parte dunha aplicación máis rudimentaria para computador que BATA vén empregando dende 2006. A nova app mellóraa e optimízaa e está a traballar nunha versión mellorada máis encamiñada a persoas que xa atoparon emprego, para facilitarlles a adaptación ao seu posto de traballo.

Na presentación desta versión, dirixida por Fausto García (presidente de BATA), Ignacio Rey (coordinador do servizo de emprego da asociación), Santiago Paz e Víctor Barros (de Dos Espacios) púidose ver que mediante o uso de pictogramas e vídeos gravados (en empresas locais e en situacións reais) é posíbel dirixir e axudar ao usuario a través de dezaseis preguntas nas que terá que elixir entre distintas profesións dos sectores agroforestal, mecanización, servizos e administrativo. Con estes datos, fíxose saber, o sistema elabora un informe sobre o sector profesional que máis lle interesa á persoa en cuestión e as competencias que necesita para desenvolver ese traballo de maneira eficaz. O obxectivo é que os autistas "poidan tomar unha decisión consciente e informada sobre algo tan importante como a súa vida laboral", explica Ignacio Rey, que agarda que a aplicación "chegue a moitas persoas con autismo e necesitadas de apoio e lles sexa útil". Así, o servizo de emprego que el dirixe, asesora a uns 170 mozos e conseguiu inserir no mercado laboral a outros corenta. A maior parte mozos de entre 16 e 25 anos que remataron a ESO pero "que non son quen de seguir estudando e buscan acceder a outro tipo de formación ou a unha actividade remunerada", apunta Rey, que incide en que a aplicación ideada por BATA conta co respaldo da Asociación Española de Emprego con Apoio (AESE).

22/09/201613:45
GaliciaTIC
Santiago de Compostela

Mar Pereira destaca a importancia da colaboración entre o sector TIC e a administración autonómica para facilitar a dixitalización do tecido empresarial galego

  • A directora da Amtega inaugurou esta mañá, na Cidade da Cultura, Galicia TIC 2016
  • Sinalou que a Comunidade está en disposición de afrontar os retos da transformación dixital, grazas o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de calado en todos os ámbitos nos últimos anos
  • Afirmou que os resultados destas iniciativas son o mellor escaparate para o sector fóra de Galicia e contribúen a situar á Comunidade como un polo tecnolóxico de referencia
  • Actualmente, a Amtega está a desenvolver 14 plans recollidos na Axenda Dixital 2020 para consolidar a dixitalización de servizos públicos, empresas e sectores primarios

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe durante a inauguración de Galicia TIC 2016 que “a dixitalización do tecido empresarial galego é un reto inaprazable” e destacou o papel fundamental do sector tecnolóxico como elemento tractor e facilitador de este proceso.

Pereira lembrou que a Amtega vén colaborando estreitamente con sector TIC nos últimos anos no desenvolvemento das iniciativas recollidas nas Axendas Dixitais de Galicia, 2014.gal e ADG2020. No caso concreto da dixitalización empresarial, a Amtega está a desenvolver diferentes actuacións como o Programa Reacciona TIC, que en colaboración co Igape, ofrece un catálogo de servizos dixitais ás pemes co asesoramento de empresas TIC.

Proxectos TIC de referencia

A directora da Amtega sinalou que Galicia está hoxe en posición de poder afrontar os retos da transformación dixital tras o esforzo dos últimos anos para avanzar na converxencia con España e Europa na integración das TIC. Un esforzo, indicou, no que Galicia contou cunha Administración comprometida, que a situou entre as primeiras Comunidades en contar cunha estratexia tecnolóxica e coa capacidade dun sector tecnolóxico que conta con máis de 2.200 empresas e 14.000 profesionais.

Neste sentido, recalcou que os resultados dos proxectos e iniciativas de dixitalización da Administración, a Xustiza, a Educación postos en marcha nos últimos anos constitúen o mellor escaparate para sector tecnolóxico e contribúen a converter a Galicia nun polo tecnolóxico de referencia.

Finalmente, a responsable da estratexia tecnolóxica autonómica lembrou que o reto da Axenda Dixital de Galicia 2020 é consolidar a dixitalización de servizos públicos, empresas e sectores primarios con 14 plans xa en marcha. O principal obxectivo desta estratexia dixital é impulsar un crecemento, intelixente, sostible e integrador e cuxo orzamento previsto suporá que desde 2009 e ata 2020 Galicia terá investidos 3.000 millóns de euros entre capital público e privado na transformación dixital da Comunidade.

 

22/09/201608:23
“Maiores Apptivados”
Santiago de Compostela

A Fundación Esplai e a Fundación Vodafone España promoven o uso do móbil entre as persoas maiores

  • Iníciase a segunda edición do proxecto “Maiores Apptivados”, sobre o uso dos dispositivos móbiles avanzados

 

Desde setembro e até mediados do mes de xuño do 2017, 2.700 persoas de máis de 55 anos participarán en obradoiros que os capacitarán para o uso dos seus dispositivos móbiles: smartphones e tablets. A primeira edición do programa, que se realizou en 2015, formou a máis de 2.400 participantes de 10 comunidades autónomas diferentes.

Os obxectivos do proxecto "Maiores Apptivados" son, por unha banda, mostrar as posibilidades que os actuais teléfonos intelixentes ofrecen en relación aos servizos de Internet e, por outro, mellorar a calidade de vida das persoas maiores potenciando a súa autonomía, diversificando o seu lecer e aumentando as súas capacidades comunicativas, todo iso a través do uso de dispositivos móbiles dixitais.

O proxecto desenvólvese no marco da Rede Conecta, unha rede estatal de organizacións sociais que traballan pola inclusión social mediante a capacitación e o empoderamiento dixital da cidadanía.

Cada organización pon en marcha obradoiros, con 15 participantes por obradoiro, de 6 horas de duración cada un, que inclúen 3 sesións de 2 horas.

Dinamizadores de cada entidade participante están ao cargo de cada grupo e utilizan unha metodoloxía práctica baseada no “bring your own device” («trae o teu propio dispositivo»), desta forma cada participante aprende coas ferramentas que usa no seu día a día.

 

22/09/201608:08
Google Expeditions
Santiago de Compostela

Google Expeditions xa está dispoñible en España

Na última edición do Google I/O deixaron clara a aposta pola realidade virtual e os sistemas inmersivos, sendo un dos eidos nos que consideraron de maior interese a aplicación desta tecnoloxía o educativo, polo que propuxeron Google Expeditions, un novo xeito de realizar viaxes virtuais valéndose do cartón de Google, e hoxe presentan a aplicación de balde que xa está dispoñible en Google Play e na App Store, e que permite guiar a pequenos grupos de usuarios conectados localmente dende un teléfono ou tableta.

A nova aplicación pode funcionar en modo guía ou modo explorador, de xeito que o usuario que escolle ser guía elixirá os contidos que explorarán o resto de usuarios que empreguen a aplicación conectados á mesma rede Wi-Fi. Os móbiles ou tabletas poden servir como unha fiestra a un mundo envolvente que, de contarmos cun visor como o cartón de Google, achega unha experiencia moi inmersiva, na que os estudantes teñen a sensación de estar a viaxar en algunha das máis de 200 expedicións que van incrementándose en número paulatinamente. En España dende Google Arts & Culture desenvolveron expedicións co Museo Nacional de Ciencias Naturais e tamén relativas a Cervantes, o que permite organizar visitas virtuais nas que o guía pode ir explicando aos exploradores o que están a ver, para o que conta con información de apoio na aplicación que convértese así nunha ferramenta educativa moi práctica. O mestre pode ir seguindo os puntos de interese que indica a aplicación, guiando aos nenos nos percorridos, podendo ir ao seu ritmo, facilitando así que os nenos exploren pola súa conta.

Un punto forte da aplicación é que, aínda que os contidos estean principalmente en inglés, os textos están orientados ao guía, de xeito que o profesor poderá iniciar moitas experiencias para os seus alumnos explicándolles o que están a ver na lingua que estime oportuno (ou sexa, que o idioma só sería unha barreira para o docente, non para o alumno).

22/09/201607:57
Pantallazo de YoTeCuido Alzhéimer
Santiago de Compostela

Unha app galega de balde apoia aos doentes de Alzhéimer e aos seus coidadores

Onte celebrábase en todo o mundo o Día do Alzhéimer e por este motivo queremos lembrar que as novas tecnoloxías son nalgunhas ocasións boas ferramentas das que botar man á hora de axudarnos a combater doenzas como esta da que falamos. Desta volta referímonos a unha aplicación móbil galega, de balde, que foi lanzada ao mercado pola start-up coruñesa Lapisoft. Trátase de YoTeCuido Alzhéimer. A dita ferramenta, encamiñada a coidadores e doentes de Alzhéimer, foi elaborada xunto con AFACO (Asociación de Familiares de enfermos de Alzhéimer de A Coruña), e é un proxecto desenvolvido con fins sociais (non económicos), que pode axudar moito no caso concreto de Galicia, pois no rural hai poucos recursos e información dispoñíbles para as familias que se enfrontan ao Alzhéimer.

A app tenta dar resposta e apoio a doentes diagnosticados de Alzhéimer e aos seus coidadores, xa que a falta de información é moi grande neste senso.

Que contidos achega esta ferramenta? Pois dende os distintos síntomas e coidados específicos de cada fase, resposta a multitude de dúbidas relacionadas coa alimentación, a saúde, a vivenda, ou recursos sociais e legais dispoñíbeis, rutinas de estimulación física e cognitiva para facer na casa, unha sección propia para que o coidador se coide e un apartado con recursos sobre o Alzhéimer (asociacións de familiares de toda España, libros e filmes…).

Asemade, a aplicación conta coa posibilidade de enviar directamente calquera dúbida relacionada coa enfermidade, que será respondida polo equipo de especialistas de AFACO e incorporada á aplicación de xeito que esa nova información poida servir de axuda a outros afectados ou coidadores.

Os contidos de YoTeCuido foron elaborados tanto por familiares como por coidadores, polo que a información que se achega está baseada na experiencia de persoas que conviviron coa doenza.

YoTeCuido Alzhéimer xa está dispoñíble en GooglePlay e tamén poderá descargarse en dispositivos iOS a través de iTunes.

Para máis información, cómpre visitar a web da aplicación.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS