main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

04/07/201711:51
Persoas maiores.
Vigo

Conjupes e o Imserso abren o debate sobre as estratexias de envellecemento

  • Esta xornada, á que acudiron máis de 150 persoas, enmárcase dentro das accións desenvolvidas por esta entidade dentro do seu Plan de Formación en Servizos Sociais do Imserso

A cidade galega de Vigo volveu situarse, unha vez máis, como anfitrioa no eixo do debate sobre a atención e necesidades das persoas maiores. Este foi o lugar escollido pola Confederación Nacional de Xubilados e Pensionistas de España (Conjupes) para organizar, xunto ao Imserso, a Xornada “Estratexias de Envellecemento Activo”.

Como expoñía o xefe de Área de Formación e Comunicación do Imserso, Jorge Domínguez, na presentación deste encontro, “trátase da primeira de próximas colaboracións futuras que haberá, seguro, entre Conjupes e o Imserso”. Esta xornada, á que acudiron máis de 150 persoas, enmárcase dentro das accións desenvolvidas por esta entidade dentro do seu Plan de Formación en Servizos Sociais.

Pola súa banda, o vicepresidente da confederación, José Andrade, foi o encargado de introducir un dos temas centrais da xornada: a Estratexia Nacional de Envellecemento Activo, un documento do que dixo, “nace coa misión de velar polos dereitos das persoas maiores, garantindo o acceso do colectivo a todos os bens e servizos e a súa participación activa na sociedade”.

A clave deste tema expúxoa Vicente Sanz, presidenre de Conjupes, que sinalou como un dos obxectivos deste encontro o de transmitir “á sociedade que o fenómeno do envellecemento debe ser entendido, non como un problema, senón como unha oportunidade”. 

Nesta mesa inaugural estivo presente, tamén, José Piñeiro, presidente de Cogama (Confederación Galega de Organizacións de Maiores), que reclamou un “chamamento ás autoridades para que pensen nas persoas maiores e busquen aquelas solucións que sirvan para afrontar o envellecemento que estamos a vivir”.

Todos eles, ademais, coincidiron en desculpar a ausencia da directora xeral do Imserso, Carmen Balfagón, que, no último momento, non puido asistir a este encontro.

Amparo González, directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, pechou esta mesa inaugural recuperando unha das frases que pronunciara José Andrade uns minutos antes, cando dixo que “os maiores somos de primeira”. Así, González asegurou estar de acordo con esta afirmación e, engadiu, o compromiso que con este colectivo ten o Goberno galego. “A Xunta mantén un firme compromiso co benestar das persoas maiores e a que sigades envellecendo dunha forma libre de discapacidade e dependencia, pois o obxectivo non é só dar anos á vida, senón vida aos anos”, declarou Amparo González. Así mesmo, a directora xeral insistiu en que, tal e como se demostra na Estratexia Galega de Enevellecemento Activo, “as persoas son o centro das nosas políticas”. Doutra banda, tamén fixo fincapé na aposta da Xunta de Galicia por achegar “os servizos e os programas a todas as persoas, e en especial a aquelas que viven no rural, como faremos, por exemplo, coa posta en marcha duns servizos itinerantes destinados a persoas con Alzheimer”. 

A importancia de apostar pola innovación
“As novas tecnoloxías da información ao servizo das persoas maiores” foi o tema central da primeira mesa da xornada na que interviñeron Rubén Olmeda, director da empresa Let's Marketing, e a psicóloga da Univerdad de Santiago, Sara Marsillas.

O director de Let's Marketing centrou a súa exposición na “atención ao cidadán a través das redes sociais en servizos sociais para persoas maiores”. Así, analizou a función das redes sociais na actualidade, destacando que “son unhas ferramentas que se as ides a usar, axilizan moito e evitan desprazamentos pero, en caso de non querer utilizalas, non pasa nada. Ninguén debe sentirse excluído –engadiu Rubén Olmeda– por non empregar as redes sociais”. 

Comezou a súa alocución cunha análise da transformación que se viviu nos últimos anos do concepto de xubilado. “Hai que refugar ao xubilado como carga, como avó, porque isto cambiou”, dixo. “Un 18,4% da poboación é maior, por iso é polo que as administracións deban adaptarse a eles”, sinalou. Así mesmo, enumerou as vantaxes que os senior poden percibir grazas ao uso das redes sociais, como o entretemento, a inmediatez da comunicación, o acceso a todos os servizos, etcétera. Especial mención fixo, por exemplo, ao ámbito da saúde, pois a xestión online permite, actualmente, infinidade de trámites médicos a través do computador (como, por exemplo, pedir unha cita de Atención Primaria).

En palabras do director de Let's Marketing, “as persoas maiores están a superar a fenda dixital e demandan máis posibilidades. Por tanto, as administracións deben achegar o seu uso porque as redes, ao final, facilitarán unha mellora na calidade de vida dos maiores”.

Tomou a palabra, posteriormente, Sara Marsillas, que realizou unha detallada análise do uso que os senior fan das redes sociais dixitais. Coincidía con Olmeda ao dicir que “a fenda dixital estase pechando” e enumeraba as necesidades que satisfán as redes da seguinte maneira: comunciación, socialización, entretemento, ampliación de coñecementos e intercambio de información.

A psicóloga interactuou cos asistentes preguntándolles sobre o coñecemento que tiñan das principais redes como Facebook, WhatsApp, Twitter, etcétera; e tamén lles mostrou, con exemplos prácticos, que as redes están ao seu alcance e que son moitos os maiores que fan uso delas.

A estratexia de envellecemento
Dolores San Martín, presidenta da Federación de Asociacións de Maiores do Principado de Asturias (Fampa) pronunciou a seguinte conferencia na que se centrou en expoñer a misión do Grupo de Traballo da Estratexia de Envellecemento ao que ela mesma pertence. “Esta comisión formámola dez persoas que xa elaboramos dous borradores da estratexia”, afirmou. En canto ao obxectivo deste documento, dixo, “pretende recoller as liñas de actuación que orienten as políticas para as persoas maiores cara á promoción do envellecemento activo e a solidariedade interxeracional. Consideramos, en todo caso, que o primeiro para alcanzar este obxectivo é ter unhas pensións dignas”. 

Entre as propostas desta estratexia, tal e como expuxo Dolores San Martín, destacan: o dereito dos maiores a unha vida digna e independente; promover o envellecemento activo; impulsar a solidariedade entre xeracións; dereito a que os senior participen na vida social, económica e cívica; e mantemento dos maiores activos como consumidores, cidadáns, traballadores, etcétera. Doutra banda, respecto diso das garantías, a presidenta de Fampa fixo fincapé na igualdade de oportunidades en todos os ámbitos; a non discriminación por motivos de idade; e a participación na formulación e aplicación das políticas que lles afecten, entre outras.

San Martín tamén reivindicou unha maior presenza dos senior nos medios de comunicación, así como outras liñas importantes que se inclúen na estratexia: potenciar o voluntariado de maiores para maiores, prevención dos malos tratos e seguridade xurídica en todos os ámbitos.

A visión autonómica púxoa Carmen Orgeira, subdirectora xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia da Xunta de Galicia, que detallou aos presentes os aspectos da “nova estratexia galega de envellecemento activo desde a innovación”.

Envellecemento e actitudes positivas
A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) tamén tivo o seu espazo nesta xornada coa conferencia do presidente da entidade, Miguel Ángel Vázquez, “Estratexias saudables no envellecemento”, e a do secretario da mesma, José María Faílde “Cambios na memoria durante o envellecemento”. 

Faílde presentou unha detallada explicación de que é a memoria e como esta cambia na vellez, insistindo na preocupación de moitas persoas de poder perdela nesta etapa vital. Faílde aclarou que o envellecemento “non é realmente o que dana a memoria”, polo que se se teñen problemas con ela, “hai que acudir a un especialista, e non atribuír aos anos cumpridos a causa do problema” sinalando que, a mellor maneira de manter e coidar a memoria é “exercitala e aprender cousas novas, mesmo novos idiomas, música e lectura”. De feito, continuou, a aprendizaxe “prolonga a actividade cognitiva” e a memoria que, pode coidarse paralelamente con distintas pautas como: mellorar o estado xeral de saúde con exercicio físico e evitando tóxicos; reducir os niveis de tensións; ter unha boa alimentación e durmir, polo menos, oito horas diarias; adecuar a aprendizaxe ao estilo e método cognoscitivo dominante: visual ou auditivo; implicar todos os sentidos posibles durante a codificación; relacionar a información nova con coñecementos xa establecidos; manterse motivado e cunha actitude positiva.  

Ambos os profesionais insistiron nos estilos de vida saudables tradicionais para un bo envellecemento, pero enumeraron diversos avances recentes do coñecemento científico en envellecemento e os distintos enfoques, actitudes positivas e educación ao longo da vida que inflúen, de forma beneficiosa nun envellecemento positivo, digno e saudable. Vázquez sinalou que “non deberiamos preocuparnos de vivir moitos anos, senón de vivir satisfactoriamente”.

“O envellecemento activo ten que ver coa participación continua ao longo da vida, coa seguridade e a boa saúde”, declarou o presidente da SGXX. 

04/07/201708:58
Campus Xuvenciencia.
Lugo

A Fundación TIC organizará en Xuvencencia un obradoiro de contidos para YouTube

A Fundación TIC da Deputación de Lugo vén de subir un novo chanzo no seu labor de cooperación coa Universidade de Santiago, e faino apoiando o desenvolvemento da quinta edición do Campus de Verán Xuvenciencia, que se celebra do 2 ao 8 de xullo. Ao abeiro desta colaboración, a Fundación TIC aplicará a súa longa experiencia elaborando audiovisuais e promovéndoos nas redes realizando un obradoiro de contidos para YouTube. 

A dita actividade será impartida por un docente da Escola de Imaxe e Son. Isto complementarase cos traballados dun equipo de profesionais e bolseiros da TIC achegando apoio técnico e asesoramento para o alumnado con vistas a dar forma aos vídeos de presentación dos proxectos finais dos estudantes. A achega da Fundación TIC complementarase con reportaxes e un vídeo de escolma dos intres máis destacados de Xuvenciencia, que se proxectará o día da clausura. Xuvenciencia conta coa participación de 130 alumnos de cuarto da ESO e Bacharelato en máis dun centenar de actividades. Desenvólvese ao abeiro do programa estival do Campus Terra (Campus de Lugo), tentando mostrar á xuventude preuniversitaria a ciencia e a tecnoloxía dun xeito práctico, fomentar o seu interese polas titulacións neste eido e amosar os itinerarios formativos das seis facultades e escolas da USC en Lugo. A eles súmanse os ciclos de formación profesional que é posible estudar na cidade, incluídos os superiores de Realización e Produción que se imparten na EIS. O doutor en Física Cibrán Santamarina, profesor da USC e colaborador do CERN, abrirá o V Campus de Verán cunha charla tituladaElemental, querido Schrödinger

Segundo lembra a Deputación de Lugo, a Fundación TIC mantén dende hai tempo unha estreita colaboración coa USC para impulsar o Campus Terra, con varias actuacións como a difusión da campaña Para Estudar Lugo, que impulsa a entidade provincial. Entre outras achegas divulgativas, cómpre salientar a do curso de verán O impacto da prensa local na configuración do tecido social e político. O caso de Ortigueira, celebrado na Facultade de Humanidades e a visita didáctica realizada, este curso, polos alumnos do cuarto ciclo ás instalacións da TIC.

03/07/201718:15
Cartel do congreso.
Santiago de Compostela

Igaciencia mostra esta semana os máis destacados esforzos recentes a prol de impulsar a docencia coas TIC

Hoxe e mañá celébrase en Santiago, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) un importante encontro dirixido a mostrarnos unha xanela directa ao porvir da docencia, avaliando polo miúdo o impacto que terán as novas tecnoloxías en todos os elos da cadea formativa. O Congreso O Futuro da Educación vén da man de Igaciencia e inclúe no seu programa unha manchea de relatorios, conferencias e obradoiros sobre a temática do ensino na era da comunicación dixital. Por exemplo a conferencia (mañá) de André Antibi, director do Instituto de Investigación en Ensinanza das Matemáticas de Toulouse (IREM de Toulouse) e coordinador nos últimos 25 anos do Rally Matemático sen Fronteiras (amais de autor de dous libros sobre A constante macabra, en palabras de Igaciencia “unha declaración dos dereitos dos alumnos fronte aos complexos do sistema educativo empeñado en seleccionar xenios escondidos e non en educar felizmente aos rapaces e rapazas”). 

O congreso, como dixemos, estará ateigado de charlas e presentacións de proxectos de interese. Por exemplo a iniciativa Novacarta.eu de Igaciencia (celebrando os 200 anos do comezo da Carta Xeométrica de Domingo Fóntán), ou os proxectos Phenologit (unha iniciativa internacional para afianzar nas escolas o estudo da natureza e dos seus fenómenos e características) e Sci AR (para achegar a realidade aumentada ao estudo da ciencia no ámbito escolar) por parte do Centro de Supercoputación de Galicia (CESGA).

Amais do devandito, Igaciencia presentará o inventariado de 50.000 topónimos celtas de Galicia e, no plano da robótica, a entidade fará especial fincapé no potencial da robótica educativa con Arduino e no achegamento á Internet das Cousas con Raspberry Pi.

Tamén se dará a coñecer, entre outras cousas, o proxecto gañador do recente certame de Inventa en Galego, a aplicación BiciCoruña desenvolvida por alumnado de segundo de Bacharelato do IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña baixo a dirección da profesora Paz Freire Campo: unha app que mostra as paradas de bicicleta da cidade herculina, sinala a súa situación nun mapa e dá información da ocupación dos postos de bicicleta en tempo real. Ademais, permite acceder directamente ás paradas seleccionadas como favoritas.

03/07/201711:44
Imaxe da aplicación aipoly identificando unha neveira.
Santiago de Compostela

Aipoly axuda a persoas con discapacidade visual a descubrir a súa contorna

  • A aplicación Aipoly desenvolvida en Estados Unidos facilita a persoas con discapacidade visual recoñecer a súa contorna xa que identifica os obxectos que capta a cámara do smartphone e informa por voz ao usuario do que ten diante

Aipoly pode identificar centos de obxectos desde o principio e pode chegar a recoñecer ata tres obxectos distintos en só un segundo. A aplicación funciona constantemente, é dicir, non é necesario tomar unha foto senón que vai identificando en tempo real o que aparece en pantalla.

A aplicación tamén é capaz de identificar cores e en próximas versións poderá entender situacións, como pode ser que un can está preto dun farol.

Aipoly destaca pola rapidez coa que identifica os obxectos. Como ocorre con todas as aplicacións deste estilo, a súa base de datos é limitada e por iso sempre imos atopar erros no seu uso e equivocacións nos obxectos que identifica.

Con todo, esta aplicación ten a capacidade de aprender, de maneira que cando o usuario detecta unha identificación errónea, pode introducir unha nova descrición para que Aipoly aprenda.

30/06/201712:47
Robot Zacharias e a anciá Aggeliki.
Santiago de Compostela

Robot Zacharias para vixiar a os nosos parentes anciáns

  • Que necesitas cando es maior, vives só e, quizais, perdes as túas lentes a miúdo ou te esqueces de tomar o teu medicamento a tempo? Investigadores dun consorcio de investigación financiada pola UE cre que un robot prototipo podería axudar

 

Tendo a Zacharias, o robot, seguíndote por casa e dicíndoche que non pechaches a porta da neveira, ou que é hora para cear pero que aínda non utilizaches o microondas, pode soar como unha experiencia non buscada cando es maior.

Pero tristemente, a realidade é que os anciáns viven sós máis e máis a miúdo. Peor aínda, en Europa a proporción de anciáns na poboación global está a medrar – do mesmo xeito que os niveis de soidade.

A UE cambiará de ter aproximadamente catro persoas en idade laboral para cada persoa maior de 65 anos a dúas persoas en idade laboral.

A non ser que haxa un cambio de dinámica familiar – a non ser que nenos maiores ou outros familiares se muden cos seus parentes anciáns – entón os robots non poden ser unha cousa tan mala para asegurarse que non están desatendidos.

Zacharias tamén está a ser desenvolvido para detectar enfermidades a medida que as desenvolven, como demencia ou Parkinson, por notar cambios no comportamento vía diferentes patróns de movemento físico.

Como robot moi sensible pode seguir os movementos e as velocidades de movemento das persoas ao seu redor.

"Ten un sensor láser 2D que utiliza para crear un mapa da contorna circundante", sinala o enxeñeiro de robótica Román Navarro García.

Calquera dato inusual é automaticamente enviado ao familiar ou ao doutor da persoa para alertalos.

O prototipo está agora en probas con voluntarios, incluíndo Aggeliki quen ten 68 anos e vive soa na súa casa en Patras, en Grecia occidental. Sofre de artrite suave pero a súa saúde é boa – polo de agora.

É un grande reto deseñar un robot que, tal como a persoa anciá da que se ocupa, necesita ser independente.

"O robot está constantemente movéndose dentro da casa do usuario; é totalmente dinámico; non é estático. Pero as casas en si mesmas son tamén unha contorna moi dinámica; as cousas cambian de lugar, hai cambios de sitio do mobiliario. Hai obstáculos, grandes ou pequenos", explica Christos Panagiotoy, un enxeñeiro de computador grego implicado no proxecto.

En Atenas, os investigadores están a traballar en maneiras de mellorar o que eles chaman "tecnoloxías de percepción" no robot, para facelo tan discreto e funcional como sexa posible.

E ao mesmo tempo queren robots de consumo que sexan alcanzables.

"Estamos a falar sobre desenvolver un robot de baixo custo. Querémolo para que sexa capaz de adaptarse facilmente a diferentes contornas de casas ou a casas intelixentes. E queremos que o robot sexa amigable para o usuario, de forma que poida ser utilizado facilmente por persoas sen demasiada formación", resume os retos do proxecto o coordinador de proxecto Vangelis Karkaletsis.

O proxecto Radio (Robots en contornas viventes asistidas: solucións non intrusivas, eficientes, fiables e modulares para o envellecemento independente) desenvolveranse durante 3 anos executándose ata que marzo de 2018. O custo total de 3.8 millóns de euros está soportado pola UE.

Un informe do proxecto está presentado en Futuris, o programa de ciencia da canle de televisión paneuropea Euronews. Mostrouse en televisión máis de ducia de veces ata o 11 de xuño de 2017 e aínda pode ser visualizado on-line:

Euronews Vídeo (4:00), tamén dispoñible en DE, EL, ESFRHUPT e outras linguas

Resumo (0:52), versión curta do vídeo con música e subtítulos en inglés. Sen narración.

Sitio web de proxecto

Folla de feitos Cordis

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS