
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O sector dos contidos dixitais presenta un enorme potencial polas súas múltiples aplicacións ao resto dos sectores produtivos, tanto na modernización e innovación do sector audiovisual, dos contidos culturais e do entretemento como pola capacidade de dinamizar ámbitos como o turismo, a educación ou a sanidade. Así o recoñeceu a directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na presentación da 16ª edición do Congreso Internacional Mundos Dixitais, que se celebra na Coruña do 6 ao 8 de xullo.
A responsable da política tecnolóxica da Xunta lembrou que, desde esta perspectiva, a Xunta en colaboración cos clústers audiovisual e tecnolóxico de Galicia puxo en marcha o Programa Viraxe TIC para posicionar á nosa Comunidade no ámbito innovador dos contidos dixitais. Entre as súas iniciativas está en marcha a elaboración dun estudo para identificar as principais oportunidades de negocio neste ámbito e analizar as perspectivas do sector ante as novas tendencias.
Segundo explicou Mar Pereira, o estudo busca ser o punto de partida para, nun futuro, apoiar proxectos de innovación tecnolóxica neste eido, establecendo mecanismos que incentiven o desenvolvemento dos novos produtos e servizos conxuntos entre o sector tecnolóxico e audiovisual galego.
Por outra banda, Mar Pereira destacou que as novas tendencias dixitais están dando lugar a un xurdimento continuo de novos perfís profesionais e, polo tanto, de novas oportunidades e demandas laborais ás que é preciso dar resposta. Pereira lembrou que este é un dos obxectivos da Axenda Dixital de Galicia, que contempla medidas para impulsar o talento tecnolóxico na Comunidade, desenvolvemento de actuacións conxuntas cos Colexios profesionais e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para impulsar vocacións tecnolóxicas e aliñar as capacidades dixitais dos profesionais galegos coas demandas do tecido empresarial.
O Congreso Internacional Mundos Dixitais reúne na Coruña a profesionais de ámbito nacional e internacional do mundo da animación, a realidade virtual, os videoxogos e a arquitectura dixital. Nesta 16ª edición están rexistrados máis de 650 participantes que asistirán a relatorios, obradoiros, entre outras actividades como unha feira de emprego ou unha exposición de proxectos innovadores e creativos.
Dun tempo a esta parte as entidades ligadas ao dixital e ao educativo (institucións públicas, asociacións profesionais e mesmo empresas) están a intensificar o labor formativo TIC entre as novas xeracións. Este traballo quérese (e débese) prolongar e optimizar cunha estratexia docente análoga e complementaria entre o profesorado. En base a isto, a Consellería de Cultura e Educación vén de elaborar un Plan anual de formación do profesorado para o curso 2017/18 especialmente centrado na educación TIC. A intención é “dar resposta aos novos retos e oportunidades que se propoñen no sistema educativo galego”. Isto compleméntase coa futura Estratexia galega de educación dixital 2020.
Que implica todo isto? Pois, entre outras cousas, que se introducen as iniciativas formativas no ámbito STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), vinculadas ás materias de libre configuración autonómica como Programación, Robótica ou Identidade dixital, esta última de nova implantación o curso que vén.
Ademais destas liñas de acción específicas, o Plan fará fincapé na formación en igualdade, convivencia e inclusión coa “intención de que todo o profesorado teña a oportunidade dunha formación básica e actualización nestas materias”. Ademais, traballarase no desenvolvemento das Escolas de nais e pais(entendidas como “unha ferramenta esencial para favorecer a participación das familias na educación”).
Segundo a Consellería, o Plan anual funcionará como “unha folla de ruta para todos os docentes galegos que queiran ampliar a súa formación continua, partindo da base de que todo o que se faga por mellorar a formación dos nosos profesores repercute directamente no alumnado e, en consecuencia, na sociedade en xeral”.
En España viven 2,5 millóns de persoas con discapacidade, un colectivo que enfronta a diario numerosas barreiras sociais e técnicas que lles impiden levar unha vida normal. Trabas que, grazas á tecnoloxía e a innovación, poden ser superadas ou, canto menos, minimizadas en gran parte.
E é que, non debemos esquecer que as persoas con discapacidade tamén son grandes consumidoras das Tecnoloxías da Información, como o resto da sociedade. Non en balde, segundo un estudo de Cocemfe xunto á Fundación Vodafone, oito de cada dez españois con discapacidade conta cun teléfono móbil, mentres que o 75% deles dispón dun computador con acceso a Internet. De entre todos eles, o 17% xa utiliza algún avance tecnolóxico (en forma de dispositivo, wearable ou app) como apoio no seu día a día.
Pero, cales son esas innovacións que poden axudar ás persoas con discapacidade a equiparar a súa calidade de vida á do resto de cidadáns? Facemos un breve repaso por algunhas das tecnoloxías máis destacadas nesta liña, específicas para persoas con discapacidade visual, auditiva ou mobilidade reducida.
Discapacidade visual
As persoas con discapacidade visual son un dos colectivos que máis beneficios poden obter no seu día a día grazas aos avances tecnolóxicos aos que estamos a asistir. Por exemplo, grazas a aplicacións móbiles como KNFB Reader, as persoas con problemas de visión ou que carecen dela poden saber o que pon en calquera documento impreso con tan só sacarlle unha fotografía. O sistema é capaz de recoñecer os textos que nel se incluan, léndoos en voz alta. A mesma función desempeñaa Tap Tap See, aínda que neste caso o obxectivo das imaxes sexa recoñecer a contorna en que nos atopamos, identificando todos os obxectos dunha habitación ou a cor da roupa que nos imos a poñer.
Máis sofisticado é o anel lector creado polo MIT Media Laboratory, un dispositivo que vai conectado a un PC e que, colocado nun dos nosos dedos, permite ás persoas con discapacidade visual ‘ler' en voz alta o texto dun libro calquera mentres se vai percorrendo cada liña co dedo. O anel vai equipado ademais cun sistema de vibración que alerta ao usuario cando se vaia a desviar da ruta marcada.
Seguindo cos ‘gadgets' máis rompedores atopámonos con eSight, unhas lentes intelixentes que prometen axudar a persoas con visibilidade reducida a paliar os puntos cegos que poidan ter. Fano grazas a varias cámaras capaces de ampliar a visión periférica do suxeito e que poden controlarse e personalizarse por medio da voz.
E, por suposto, non podemos esquecer un clásico xa moi estendido entre a comunidade de persoas con discapacidade: Google Talkback. A app de Google, incorporada en moitos smartphones Android e totalmente gratuíta, permítenos traducir a voz todo o que se mostra na pantalla do móbil, desde os comandos de cada app a noticias, artigos ou os comentarios en redes sociais.
Discapacidade auditiva
Para as persoas con discapacidade auditiva, a tecnoloxía tamén nos ten resgardados importantes avances en favor dunha integración máis sinxela co resto da sociedade. Por exemplo, AVA é unha app que permite transcribir en tempo real unha conversación grupal para que as persoas con problemas auditivos poidan saber todo o que se está comentando sen necesidade de ler os beizos, empregar linguaxe de signos ou contratar un intérprete humano. O sistema converte o micrófono do smartphone nunha entrada de audio distribuída coa que podemos ver, en forma de burbullas, o que cada interlocutor está a dicir en tempo real.
Do mesmo xeito que vimos no caso das persoas con problemas visuais, tamén existe unha app que posibilita que os suxeitos con discapacidade auditiva poidan recibir notificacións sobre os sons que se están producindo, como unha alarma de incendios ou unha canción que comeza a soar. Misión que cumpre con nota a app MyEarDroid, entre outras moitas.
E para aquelas persoas que non perderon por completo a súa capacidade auditiva, no mercado existen numerosas opcións para adecuar o volume e intensidade desexada por cada usuario. Por exemplo, Usound ofrece unha ampla variedade de opcións de configuración para terminais Android e iOS, que expanden as funcionalidades que xa permite modificar o propio sistema operativo. De feito, esta app pode converterse mesmo nun ‘audífono' improvisado, incrementando o volume das conversacións que manteñamos para poder percibilas mellor cuns cascos convencionais.
Mobilidade reducida
No ámbito da mobilidade reducida é, quizais, onde estamos a ver avances máis e máis futuristas pero aínda inalcanzables para o usuario medio. Desde experimentos cos que oito pacientes parapléxicos conseguiron volver mover as súas extremidades grazas aos adestramentos con exoesqueletos robóticos e coa realidade virtual, ata innovadores exoesqueletos lixeiros para reducir o esforzo ao camiñar e previr os problemas de mobilidade, como os que están a desenvolver na Universidade de Harvard.
No campo das apps, tamén atopamos algunha proposta interesante para suxeitos con problemas de mobilidade, como Limbika, unha ferramenta que facilita o uso do smartphone a persoas que non poden manexalo con comodidade, mediante un sistema de activación por toques que substitúe á usabilidade habitual do terminal.
A Coruña acollerá un ano máis, a décimo sexta edición de Mundos Digitales, o congreso internacional de animación, efectos visuais, realidade virtual, videoxogos e arquitectura dixital que se converteu nun referente do sector internacional da creación de contidos dixitais.
En canto a presenza internacional e como conferencia plenaria, Walt Disney Animation, da man do seu director tecnolóxico Rajesh Sharma, abrirá un potente programa de relatorios que combinará as grandes superproduccións de Hollywood e as producións estatais de referencia durante o tres días que farán de Coruña na capital europea da creación dixital. Os responsables dos efectos visuais de producións como Guardianes de la Galaxia II, Rogue One: Una historia de Star Wars ou Juego de Tronos, contarán de primeira man as últimas tecnoloxías utilizadas nestas producións.
Cómpre salientar, así mesmo, que a nova produción de Lightbox Entertainment, Tadeo Jones 2, ademais de presentala en primicia da man dos seus directores, será a imaxe do festival para a edición deste ano.
Outra das actividades máis destacadas no congreso será a Feira de Emprego. Na nosa opinión, está claro que en Mundos Digitales créase o ambiente perfecto para pór en contacto a estudantes e profesionais do sector da animación e os efectos especiais con empresas que buscan talento. Por iso, esta nova edición da feira reunirá a máis de 20 compañías dispostas a identificar talento e incorporalo ás súas producións, converténdoa na segunda de referencia do sector a nivel europeo. Coas novas tecnoloxías e as interfaces que dispomos na actualidade, o mundo visual da arquitectura, a enxeñaría ou o deseño convértense en atractivos eidos cheos de posibilidades para os desenvolvementos baseados en realidade virtual. Por iso, a partir deste ano, outra das novidades que terá o congreso é a sección Out of the Box: industry + design, unha xornada onde compartir os límites da visualización a través de novas aplicacións para tecnoloxías que, aínda que xa nos resultan familiares (imaxe fotogramétrica, dispositivos wearables, imaxe xerada con drones, sistemas lidar) adoitan ser empregadas en áreas como o patrimonio, a seguridade ou as montaxes audiovisuais... Queremos mostrar que estas tecnoloxías tamén son de aplicación noutras áreas que inicialmente parecen moito máis afastadas como por exemplo o salvamento marítimo, o comercio electrónico ou a xestión intelixente de edificios.
Prácticas de vangarda, novos modelos de negocio e innovación tecnolóxica daranse cita nesta nova actividade do Congreso Internacional Mundos Digitales. Desde a organización cremos firmemente que en Galicia existe unha cultura dixital crecente e unha forte potencialidade de desenvolvemento de novos medios con moitas potencialidades na Industria 4.0. Os profesionais e empresas galegas, así como as nacionais destes sectores, teñen unha gran cultura innovadora, converténdoos nunha industria forte, que ten como referencia ao evento á hora de desenvolver proxectos e orientar as súas producións da man das tendencias máis actuais para, deste xeito, poder ser máis innovadoras e encarar con solvencia o camiño cara á competitividade e a internacionalización. Unha chea de actividades como os Obradoiros Avanzados, o Festival Internacional de Curtas de Animación, o Innovation HUB, os School Leads, ou mesmo os obradoiros infantís, completan esta oferta de actividades coas que A Coruña converterase, un ano máis, na capital europea dos contidos dixitais para este verán.
O Concello da Coruña deu a coñecer este mércores o seu programa para incentivar e apoiar a posta en marcha de novas iniciativas de mercado. Trátase do programa Emprendemento Coruña, un marco de actividades común para todo o que se faga dende a cidade “a prol do estímulo e máis a promoción da actividade empresarial”. A iniciativa foi dada a coñecer polo concelleiro Alberto Lema, quen avanzou unha serie de detalles de interese sobre a mesma. Por exemplo, que se crearán espazos para o traballo en conxunto de firmas vencelladas a un mesmo sector, que haberá asesoramento e formación e axudas, e que se fará fincapé na importancia de crear firmas innovadoras, sustentables e de cariz social. Máis adiante, contémplanse esforzos complementarios para o pulo de empresas de mulleres, TIC ou de artesanías.
Para fortalecer todo isto celebraranse os días vindeiros, no viveiro Accede Papagaio, as Xornadas Impacta (esta fin de semana, o 7 e 8 de xullo, xirando arredor do emprendemendo con impacto social e economía colaborativa), as Xornadas Creactiva (o 15 e o 16 de setembro, tendo como alicerce a economía creativa, a industria cultural e os contidos dixitais) e as Xornadas Greenweekend (do 20 ao 22 de outubro, sendo o seu fío temático a economía verde). Estes bloques de traballo, que se organizan desde a concellería de Emprego e Economía Social que dirixe Alberto Lema, terán seguimento en anos vindeiros e veranse enriquecidos con outras perspectivas e enfoques, en palabras de Lema “cruciais para a nova economía, como é a das mulleres emprendedoras, a chamada economía azul (vinculada ao mar), a economía da información e as novas tecnoloxías da información (TIC), o Turismo Verde ou as artesanías.
Ao abeiro do programa Emprendemento Coruña, Lema deu conta tamén das axudas existentes para potenciar aqueles proxectos da economía social ou cooperativas que “coa súa actividade promovan a competitividade da economía local a través da innovación e o uso das tecnoloxías”, que teñan “en conta na súa xestión criterios de igualdade e de conciliación e que contribúan ao desenvolvemento dun modelo económico respectuoso co medio ambiente”. Inclúense nelas axudas a entidades asociativas empresariais sen ánimo de lucro para proxectos de promoción económica relacionadas coa innovación, a internacionalización e a economía social, cun máximo de 15.000 euros por proxecto, e as axudas a persoas emprendedoras para a creación de cooperativas e empresas (ata 5.000 euros por proxecto). O concelleiro lembrou que o Executivo local ten abertos dous viveiros de empresas, o de Agrela, cunha ocupación aproximada do 90%, e Accede Papagaio, que anda a rentes do 50%, “cifras bastante satisfactorias á vista da súa escala”, comentou.
Xornadas Impacta
Esta mesma fin de semana celebraranse no centro Accede Papagaio as Xornadas Impacta, sobre emprendemento con impacto social e economía colaborativa, e que está organizada por Impacta Hub, rede global de profesionais e empresas enfocada a proxectos con impacto positivo a nivel social e ambiental. O programa ábrese o venres, ás 16.30 horas, co foro sobre emprendemento con impacto e economía colaborativa, mentres que o sábado, desde as 10.00 horas e durante todo o día, terá lugar o obradoiro Impactamos Coruña: como transformar retos sociais en oportunidades.