
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, enfía o derradeiro treito formativo do ano e faino achegando a cidadanía á parte máis decididamente creativa, social e dinamizadora das novas tecnoloxías da información. Segundo fixeron saber os responsables da fundación, ao longo do cuarto trimestre de 2017 impartiranse 64 cursos e obradoiros de balde. Que significa isto en relación ao fornecido na anterior tempada? Pois a cifra nada desprezable de 21 actividades máis.
Estas accións, que se van desenvolver a través de InLugo, foron dadas a coñecer hoxe polo presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos. Segundo explicou, trátase obradoiros e cursos sobre novas tecnoloxías destinadas aos lucenses de máis de 55 anos, sumando un total de 877 prazas, “o dobre que no trimestre anterior”. Arrancara este mércores, 13 de setembro.
Darío Campos, que estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, dixo que “neste trimestre imos reforzar o labor social que está a desenvolver a TIC cun sensible incremento no número de cursos e prazas”. A intención, engadiu, é atender a alta demanda formativa da que é o obxecto a Fundación TIC. Ademais, quérese ampliar na medida do posible o radio de acción das vantaxes sociais, comunicativas e informativas que teñen as novas tecnoloxías.
Os cursos, engadiu Campos, serán de diversa duración. Deles, 37 serán de dous ou tres días, mentres que os outros 27 terán unha duración dun día. Estes últimos, que se impartirán os luns pola mañá e pola tarde e os venres pola mañá, estarán especialmente adicados ao reforzamento de coñecementos. Con respecto ás materias, Campos anunciou que aumentarase o número daqueles cursos con máis demanda, os do uso do móbil e de Internet. De feito, pasarase de dúas a tres edicións, tanto do primeiro nivel como do segundo.
O presidente da Deputación tamén salientou a importancia dos obradoiros destinados á mellora da memoria e das habilidades cognitivas e psicomotrices, como os de Xbox ou Wii, “que fomentan este tipo de exercicios mentais”. A demanda e o interese arredor destas actividades motivou que este trimestre haxa oito obradoiros de memoria. Ademais, dentro da programación os maiores da provincia poderán elixir entre talleres de redes sociais, correo electrónico ou uso de Whatsapp, entre outros.
O prazo para apuntarse ábrese este luns 11 de setembro. Os interesados xa poden inscribirse a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou chamando ao teléfono 982 225 186.
O Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) pon en marcha partir do luns 11 de setembro unha liña de asistencia telefónica 900 116 117 para resolver, en palabras da entidade dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, “as dúbidas e conflitos que decote xorden no uso de Internet e as tecnoloxías por parte de nenos, adolescentes e os seus pais”. O servizo quere ser un recurso de utilidade e asesoramento fronte a un problema crecente: o uso non axeitado das redes e dos aparellos tecnolóxicos por parte dos menores idade, unido á presenza de ameazas que tiran proveito deste emprego non supervisado nin asesorado das TIC.
Segundo informa o INCIBE, a liña de asesoramento telefónico estará atendida por un equipo multidisciplinar formado por psicólogos, expertos en seguridade das tecnoloxías e cuestións legais. As chamadas atenderanse en horario de 10:00 a 20:00 horas de luns a venres e de 10:00 a 14:00 horas os sábados. Ademais, durante as 24 horas do día, existe a disposición dos usuarios unha dirección de correo electrónico ayuda@is4k.es ao que se poden remitir dúbidas e consultas. O servizo será “confidencial e de balde” e fornecerá aos menores “de asistencia sobre calquera consulta relacionada co uso seguro e responsable de Internet e os seus riscos”, como poden ser os conflitos sobre privacidade e reputación, o ciberbullying, o uso indiscriminado das novas tecnoloxías (posibles adiccións), contidos e contactos inapropiados, comunidades perigosas, así como cuestións sobre protección de dispositivos, virus ou fraudes, entre outros.
Xunto a nenos e adolescentes, tamén poderán facer chamadas pais, educadores e profesionais do ámbito do menor e atopar axuda para facer fronte a calquera circunstancia que poida xurdir en relación ao uso de Internet. Esta liña de asistencia forma parte da iniciativa Internet Segura for Kids que se puxo en marcha o pasado mes de febreiro.
A Deputación de Lugo achegou detalles importantes da cuarta edición de Ben Empregado, o seu programa dirixido a favorecer a inserción laboral das persoas en emprego. Segundo fixo saber o voceiro da entidade provincial, Álvaro Santos Ramos, Ben Empregado 4, máis social! está dotado con 2,2 millóns de euros. O obxectivo: permitir a xeración “duns 150 novos postos de traballo de calidade no conxunto do territorio lugués”. Novamente, unha parte importante do programa irá destinado a fomentar o emprego relacionado coas novas tecnoloxías. Por exemplo profesionais community managers, técnicos en informática ou responsables de proxectos transmedia.
Santos Ramos engadiu que a cuarta edición do programa inclúe axudas dun máximo de 22.000 euros, dirixidas a empresas e colectivos sociais de toda a provincia, para a contratación, durante 1 ano, de novos traballadores cos que, “ademais de facer fronte ao taxa de paro, contribuír á actividade de autónomos, PEME e asociacións lucenses”, e todo “co obxectivo de dinamizar a economía da provincia e contribuír á importante labor social do tecido asociativo”.
Abránguense tres liñas de financiamento: financiamento ao 100% dos custos laborais de novos traballadores en empresas da provincia cando se traten de persoas “con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral”; financiamento ao 90% dos custos laborais de novos traballadores en colectivos sociais lucenses para “contribuír á importante actividade que desenvolven na provincia en atención á cidadanía”; e financiamento ao 50% dos custos laborais de novos traballadores en xeral en empresas de toda índole e da provincia.
Logo da aprobación deste novo programa por parte do Goberno da Deputación, agora enviarase á Base Nacional de Subvencións para a súa publicación, tal e como esixe a normativa vixente. A continuación, publicarase no Boletín Oficial da Provincia, abrindo o prazo de solicitude das axudas. O voceiro da entidade provincial tamén lembrou que, a día de hoxe, hai uns 130 lucenses previamente no paro que traballan en empresas e colectivos da provincia co Ben Empregado 3, que inclúe máis postos. Santos Ramos informou que “co Ben Empregado 1, que é o único que rematou, conseguimos unha inserción laboral do 30%”.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela inauguraron esta mañá o evento informático Xuventude Galicia Net R Encounter que hoxe abre as súas portas e ao que está previsto que asistan máis de 800 mozos e mozas durante a fin de semana.
Alfonso Rueda explicou que este encontro que acada xa a súa décimo sétima edición, consolídase como a maior party informática que ten a nosa Comunidade, con numerosas actividades previstas, algunhas das cales están abertas a todo o público, e que se leva a cabo no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca que se converte así nestes días nun punto de encontro que abrangue a participación da mocidade galega. Así mesmo indicou que a Xunta segue a cumprir o compromiso de diversificar a actividade da Semana Verde, de buscar novas oportunidades e de continuar incluíndo novos eventos no calendario de feiras.
Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, enmarcou este evento na vontade da Xunta de Galicia de favorecer e potenciar a educación e a formación da xente nova no manexo das novas tecnoloxías. Ao respecto, apuntou que XGN R Encounter “é un marco axeitado para que os mozos e mozas se poidan achegar á sociedade da información e ao manexo das novas tecnoloxías, sobre a base da interacción e o intercambio de experiencias”.
Nesta liña, o titular de Política Social insistiu en que desde hoxe e durante a fin de semana o recinto feiral de Silleda “convértese nun espazo de aprendizaxe no que se potencia a formación e a aprendizaxe lúdica no eido das novas tecnoloxías”.
Á inauguración tamén asistiron o director xeral da Feira Internacional de Galicia, Ricardo Durán; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez; ademais do presidente e do secretario xeral do grupo Euskaltel, Alberto García e Francisco Javier Allende, respectivamente; o xerente da Fundación Euskaltel, e organizador da Encounter, Sabino San Vicente, e o director xeral de R, Alfredo Ramos.
O presidente do grupo Euskaltel, Alberto García, manifestou que “é unha honra colaborar co XGNR Encounter, que este ano conta cunha velocidade de 10 gigas, o que supón multiplicar por cinco a velocidade do ano pasado, mediante unha rede de alta capacidade a través dun cable de 120 quilómetros despregado por R que conecta o recinto de Silleda con Vigo”.
O evento Pont-Up Store 2017 vai ser o referente galego e estatal do emprendemento innovador este mes de setembro. Por que motivo? Pois para comezar, porque máis de corenta empresas amosarán os seus produtos e servizos (sobre todo no recinto da Praza de España) e, tamén, porque o programa vai incluír preto de 40 actividades, entre obradoiros, seminarios, coloquios e encontros. A maiores, no roteiro participarán arredor dun cento de especialistas en emprendemento.
A nivel de cobertura urbana, sinalar que estas actividades desenvolveranse nunha ducia de emprazamentos da cidade. Amais da devandita Praza de España, as salas de exposicións da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de Conservación de Bens Culturais acollerán presentacións de propostas empresariais innovadoras. Máis polo miúdo, nestas salas celebrarase (a partir do día 19) un fablab con diferentes obradoiros e coloquios sobre fabricación dixital e creatividade.
A cuarta edición da Pont-Up Store 2017 celébrase entre o 21 e o 23 de setembro e vén novamente da man do Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) no marco do proxecto e especialización CREA S2i. Amais, cóntase coa colaboración de tres ducias de empresas e institucións, co Concello como patrocinador principal.
O programa definitivo do evento foi presentado este 7 de setembro polo seu director, Pedro Figueroa, acompañado polo vicerreitor do Campus, Juan Manuel Corbacho; a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, e o deputado provincial de Economía, Carlos López Font. Corbacho e Figueroa salientaron o poder de convocatoria da feira e o seu carácter multidisplinar. De feito, destacaron, “ten capacidade para xuntar empresas de múltiples sectores, desde a moda, a alimentación ou ecoloxía, ata o deseño gráfico, a educación e as novas tecnoloxías da información, outorgando ademais un “papel moi importante á economía social", como salientou o director dun evento que reúne a emprendedores de toda Galicia e no que “máis do 33% dos proxectos proceden das vilas e do rural”.
Como dixemos, Pont-Up Store terá como núcleo o recinto da Praza de España no que, os días 22 e 23, as 41 empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria seleccionadas de entre máis de 120 candidaturas, amosarán á cidadanía os seus produtos e servizos. Farano nos 36 stands cos que contará este recinto e a través de diferentes actividades de dinamización, que abranguen propostas como a arte floral, o álbum ilustrado ou a cata de cervexas, así como no Puntazo Express, evento no que dez emprendedores presentarán o seu proxecto empresarial a perante directivos de compañías galegas referenciais.
A carpa verase complementada cun recanto de foodtrucks, tanto de emprendedores seleccionados como da PonteVan, promovida por diferentes institutos da cidade, así como pola súa prolongación nas salas de exposicións do edificio que comparten Belas Artes e Restauración. Segundo se fixo saber na presentación instalarase nas salas un fablab que arrincará a súa actividade o mércores 19 co obradoiro de creatividade e fabricación dixital Fabricando cidade, cuxos resultados exporanse o venres 22. A esta iniciativa súmanse ademais talleres de fabricación dixital e robótica, coloquios e un obradoiro para docentes e familias.
O evento quecerá motores o día 21 cunha sesión de networking sobre economía social na Casa das Campás organizada pola Unión de Cooperativas Espazocoop. Amais disto, está programado un seminario de mercadotecnia dixital, na sede de AJE Pontevedra; dous coloquios promovidos polas cámaras de comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e Santiago; un obradoiro sobre posicionamento en internet, promovido pola Deputación, e o encontro Familias Creativas, organizado por Equipo Sequoia.
O venres 23 o recinto do evento será a sede dunha sesión de networking das e os emprendedores participantes, un obradoiro sobre economía social para nenos de 6 a 10 anos, promovido pola rede Eusumo, así como de diferentes actividades de dinamización. A estas súmanse a celebración do Puntazo Express no Museo, a sesión formativa Preparado para a inversión?, que ABANCA celebra no Café Moderno, e a presentación dunha plataforma de venda de empresas que traballan con criterios sociais e éticos en Belas Artes.
Lembrar tamén que o evento Pont-Up Store foi seleccionado por diferentes colectivos para promover os seus encontros, como o que celebrará a comunidade WordPress de Pontevedra en Belas Artes, e as actividades que a Asociación Galega de Méntoring (Amces), desenvolverá o sábado no Liceo Casino. Nesa xornada de clausura, ademais, terá lugar unha nova edición da Xincana Bike, dirixida promover o traballo en equipo e a cooperación entre nenos e nenas de ata 14 anos.