main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

16/01/201807:57
Presentación de "Lingua de namorar".
Santiago de Compostela

A Xunta convoca unha nova edición de 'Lingua de namorar'

  • Valentín García e Cecilia Vázquez presentaron hoxe en rolda de prensa a sexta edición deste concurso co que se premia a creatividade en lingua galega da xente nova
  • O prazo de participación está aberto ata o 29 de xaneiro en www.xuventude.xunta.es
  • A Xunta aprobará este ano o primeiro plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade

 

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta convocan unha nova edición do certame de declaracións de amor na rede Lingua de namorar, unha iniciativa que premiará por sexto ano a creatividade en lingua galega da xente nova. Nesta ocasión, e coincidindo coa estadía do Pergamiño Vindel en Galicia, os premios entregaranse no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, o 14 de febreiro, día dos namorados. Así o deron a coñecer esta mañá en rolda de prensa os titulares dos dous departamentos promotores desta iniciativa, na que participan cada ano máis de medio milleiro de mozos e mozas, Valentín García e Cecilia Vázquez, respectivamente.

“O galego é, de sempre, lingua de namorar e queremos animar a mocidade para que así o siga sendo, para que sexa ferramenta útil dos seus afectos e das súas relacións interpersoais; para que siga tendo presenza na internet e nas tecnoloxías da comunicación”, destacou o secretario xeral.

Pola súa banda, a directora xeral valorou o feito de que Lingua de namorar sexa hoxe en día un certame plenamente consolidado e en cada edición que se celebra con maior aceptación por parte dos mozos e mozas. Neste sentido, apuntou que “o evento está a cumprir un dos seus obxectivos fundamentais, que non é outro que fomentar o uso do galego entre a xente nova e en calquera ámbito: o académico, o laboral, o social, o persoal e o familiar”.

Así mesmo, Cecilia Vázquez fixo fincapé “na oportunidade que supón este certame para impulsar e poñer en valor a creatividade e o talento da mocidade, que a través dos seus textos expresan libremente os seus pensamentos, inquedanzas e sentimentos”.

 

Participación aberta ata o 29 de xaneiro

A participación na nova edición de Lingua de namorar está aberta desde hoxe ata o vindeiro 29 de xaneiro a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos, que poderán concorrer coas súas mensaxes orixinais en dúas categorías de idade: dos 14 aos 19 e dos 20 aos 35.

Os textos participantes deberán estar escritos en lingua galega e poderán redactarse en prosa ou en verso. A súa extensión máxima será de 350 caracteres, incluídos os espazos en brancos. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.

Para poder enviar as mensaxes, cómpre rexistrarse no web do concurso http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e cubrir o formulario de inscrición. Todas serán publicadas nesta páxina e estarán identificadas polo título e máis polo número que se lles asigne. A data límite para enviar as mensaxes de amor é o 29 de xaneiro. Unha vez rematado este prazo, abrirase outro para realizar as votacións, que abranguerá do 30 de xaneiro ao 2 de febreiro.

 

Resolución do xurado e premios

O xurado do concurso elixirá as mensaxes gañadoras de entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. As mensaxes e mais a listaxe cos nomes das persoas gañadoras publicaranse na páxina web do concurso e tamén no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal o día 7 de febreiro. Ademais dos premios que se sinalan a continuación, nos seis casos incluirase cadansúa reprodución facsímile do Pergamiño Vindel conmemorativa do seu regreso a Vigo.

Así, establécense tres premios por cada unha das categorías. Na categoría A (de 14 a 19 anos) a persoa gañadora do primeiro premio será galardoada cun Hoveboard Nilox (rodas 6,5, batería 20 km., velocidade máxima 10 km/h); a do segundo unha cámara Fuji instantánea mini 9 (fotos 62 x 46 mm.) e a do terceiro un auricular Panasonic Diadema (bluetooth, 20 horas de autonomía).

Pola súa banda, na categoría B (de 20 a 35 anos) o primeiro premio recibirá un Smart TV Panasonic 32” (Full HD, TDT2, navegador web, 2 x HDMI); o segundo un Smartphone Wiko 5” (16 GB, 4G, IPS HD, Android 7, 5/13 Mpx); e o terceiro unha cámara deportiva Mini Wifi 2”.

16/01/201807:46
Román Rodríguez e Fernando Suárez.
Santiago de Compostela

O CPEIG e Educación suman forzas para impulsar no alumnado as competencias STEM

Contribuír a que abrolle e medre o talento tecnolóxico e dixital que toda a nosa mocidade leva dentro. Este é o gran obxectivo, en liñas xerais, do acordo que veñen de asinar o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Consellería de Cultura e Educación, un acordo que se insire na vertente máis formativa e divulgativa da actividade do colexio e que implica a renovación do acordo para continuar cos seus programas Navega con Rumbo e Programación nas Escolas. O obxectivo, en palabras das dúas entidades, “é mellorar as competencias dixitais dos estudantes así como asegurar que se desenvolven dun xeito seguro no ámbito tecnolóxico”. A alianza foi formalizada e presentada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e máis o conselleiro Román Rodríguez. 

Segundo engadiron, un total de 250 centros escolares (colexios e institutos de toda Galicia) beneficiaranse este ano de accións específicas no eido da programación informática e no uso seguro dos recursos tecnolóxicos, postas en marcha pola Consellería en colaboración co órgano colexiado de Informática. O acordo encádrase nunha das liñas da Estratexia de Educación Dixital 2020 da Consellería de Educación como é a de promover as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñerías e Matemáticas) entre a comunidade escolar galega, ao tempo de dotala dos recursos e as ferramentas precisas para o uso seguro da tecnoloxía. 

Navega con Rumbo
Navega con rumbo, que xa vai pola súa sétima edición, abrangue tanto ao alumnado como aos docentes e ás familias, guiando ás crianzas cara a unha navegación segura, responsable e útil en Internet e, deste xeito, previr que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso. Doutra banda, tamén fai partícipes aos pais, nais e profesores das recomendacións precisas e que, á súa vez, actúen como correa de transmisión. 

Para tal fin, o Colexio de Enxeñaría en Informática encargarase de realizar xornadas divulgativas nos centros escolares Abalar de toda Galicia que chegará a uns 200 centros. Segundo lembran a Consellería e o CPEIG, dende que arrancou o programa no curso 2010/11, que xa se impartiu en 461 colexios e institutos e nas actividades realizadas ao seu abeiro, participaron arredor de 65.000 persoas, na súa maior parte alumnado. Ademais, o programa está apoiado polas Guías de Boas Prácticas elaboradas polo CPEIG e dirixidas a alumnos, familias e profesores, que poden descargarse a través do web www.navegaconrumbo.es.
 

Programación nas Escolas
Púxose en marcha no curso 2014/15 como unha acción pioneira para iniciar aos escolares no pensamento computacional e na programación informática. Uns 10 centros escolares de Primaria (que se suman aos outros 30 da primeira, segunda e terceira edición) beneficiaranse neste curso desta iniciativa na que as rapazas e os rapaces aprenden a programar dun “xeito lúdico e proactivo”. Para iso, ofrécenselles as ferramentas axeitadas para que comprendan que é un computador, como funciona, e como elas/eles mesmas/os poden crear sinxelas aplicacións interactivas, como videoxogos ou animacións, entre outros.

16/01/201807:38
"Ben empregado".
Lugo

A Deputación de Lugo combate a exclusión laboral con community managers , mecánicos e expertos en mercadotecnia

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, comprobou hoxe de primeira man a pegada social e laboral que deixa o programa da entidade provincial para favorecer a contratación na provincia, abranguendo tamén colectivos en risco: o programa Ben Empregado. Máis polo miúdo, mantivo este luns unha xuntanza con tres persoas beneficiarias desta iniciativa (terceira edición), tres novos traballadores que retomaron o fío da actividade laboral en dúas entidades de Cospeito, contando coa colaboración das entidades COGAMI e FADAS co fin de promover a súa inserción. 

Segundo lembrou no encontro Darío Campos, a día de hoxe un total de 28 lucenses con capacidades diversas ou en risco de exclusión están a traballar xa en empresas da provincia. Tamén recordou que Ben Empregado é un programa que favorece a contratación co financiamento, por parte da Deputación, do cen por cen cos custes laborais dos novos traballadores en establecementos de autónomos e PEMES da provincia. Co temos sinalado en repetidas ocasións, moitas destas ocupacións teñen relación directa coas novas tecnoloxías da información. Sen ir máis lonxe, unha das profesionais que participou na visita de Darío Campos traballa de responsable de comunicación web e redes sociais (community manager). 

Na cita, amais do presidente da Deputación, participou a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo. Estiveron acompañados polos representantes das empresas contratadoras, o deputado da Terra Chá, Eduardo Vidal Baamonde, así como de membros de COGAMI e FADAS (que se encargan do Servizo de Intermediación Laboral do Ben Empregado)

Campos Conde salientou que “coa terceira edición do Ben Empregado ofrecemos por vez primeira financiar na súa totalidade os custos laborais de lucenses desempregados de colectivos vulnerables dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas e máis social, que traballa pola igualdade de oportunidades”. Respecto dos bos resultados que están a acadar as diferentes edicións da iniciativa, engadiu que “é unha satisfacción comprobar que somos útiles e capaces de romper calquera tipo de barreira con compromiso e sumando esforzos”. 

Como dixemos, entre as persoas que participou hoxe na xuntanza atopábase unha experta en redes e comunicación dixital: Raquel, veciña de Castro de Rei, que traballa como comunity manager na casa rural Pazo de Verdes, en Cospeito, xestionando as redes sociais e a páxina web deste establecemento. Na visita tamén participaron Francisco, veciño de Lugo de 48 anos, que tamén traballa en Pazo de Verdes, realizando as funcións de xardinería, mantemento e carpintería; e Gonzalo, natural de Cospeito e de 50 anos, que traballa grazas a Ben Empregado en Saiga Muimenta, unha empresa de Cospeito adicada ao comercio ao por maior de maquinaria para o sector agroalimentario, á reparación desta maquinaria nos seus talleres e á venda de recambios. 

Darío Campos engadiu que son un total de 28 os lucenses de colectivos vulnerábeis que estaban no paro e hoxe están a traballar en empresas da provincia grazas ao Ben Empregado 3 da Deputación: 1 traballa nunha empresa da Mariña, 12 da Terra Chá, 11 da Comarca de Lugo, 1 da Comarca de Sarria, 1 da Montaña e 2 de Lemos.

15/01/201816:00
Banda larga.
Santiago de Compostela

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para despregar redes de 100 megas en núcleos de menos de 150 habitantes

  • Os operadores de telecomunicación poderán presentar os seus proxectos no prazo dun mes
  • É a terceira liña de actuación do Plan de Banda Larga de Galicia e conta cun orzamento de 14,2 millóns de euros
  • Esta actuación complementa ás convocatorias que ten en marcha o Estado cun orzamento adxudicado de 21 millón de euros

 

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas a operadores de telecomunicacións para despregar redes de cando menos 100 megas en entidades de poboación do rural que non contan con cobertura nin previsión de dispoñer deste servizo. É a terceira medida do Plan de Banda Larga de Galicia 2020, que desenvolve a Xunta a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e que foi aprobada no último Consello do Goberno cun importe de 14,2 millóns de euros.

Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes. Poderán presentar varios proxectos cunha subvención mínima de 20.000€ para cada un deles ata esgotar a dotación orzamentaria prevista.

A Amtega concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

 

Prazos e características da convocatoria

Os operadores de telecomunicación poderán presentar as súas solicitudes no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.

A convocatoria inclúe un anexo coas entidades de poboación que se establecen como obxectivo por ser considerados “zonas brancas” de redes de nova xeración, é dicir que carecen de cobertura destas redes nin previsión de dispoñer delas.

As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 megas de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.

 

Complementariedade entre administracións

Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA). 

Actualmente, o Goberno do Estado ten adxudicados 21 millóns de euros do PEBA, que permitirán dotar de cobertura de 100 megas a preto de 260.000 galegos nos vindeiros dous anos. Grazas á complementariedade e coordinación entre ambas Administracións en 2020, un 74% dos galegos terá acceso a redes ultrarrápidas. Esta porcentaxe de cobertura poderá ampliarse coas próximas convocatorias previstas polo Estado no marco Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración.

 

Redes de banda larga ultrarrápida

O despregamento e adopción de redes de banda larga ultrarrápidas no territorio galego permitirán acelerar o desenvolvemento de servizos dixitais avanzados e brindar novas oportunidades de negocio.

As tendencias das tecnoloxías de nova xeración tales como a computación na nube, a impresión 3D, a administración electrónica, as cidades intelixentes, a telepresenza, o Fogar Dixital, etc, esixen cada vez un maior largo de banda, por este motivo, dende a Xunta de Galicia estase a traballar neste tipo de medidas de axudas para favorecer o despregamento de redes de telecomunicacións máis rápidas que abran camiño cara uns servizos innovadores.

 

Plan de Banda Larga de Galicia 2020

O Plan de Banda Larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, e asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.

Para a consecución das metas fixadas no Plan xa se puxeron en marcha un conxunto de medidas que se levarán a cabo ata 2020:

  • A Extensión de redes de 100Mbps ao 60% da poboación de Galicia. Coas actuacións en marcha tanto da Xunta como do Estado a previsión é acadar un mínimo do 74% da poboación con esta cobertura en 2020. Esta cobertura incrementarase con novas convocatorias do Estado nos próximos anos.
  • O 55% dos polígonos con cobertura de redes de nova xeración. Actualmente grazas ao Plan 100 polígonos galegos contan con velocidades de 100 Mbps e ao remate de 2018 serán 130, o 77% do total
  • Ademais o plan prevé a extensión de redes de 30Mbps ata o 96% da poboación e a porcentaxe restante con subvencións para a contratación de banda larga vía satélite naquelas zonas máis illadas.
15/01/201810:45
Cartel do evento.
Madrid

Ampla presenza galega nun cumio sobre cidadanía dixital

O vindeiro día 20 vai celebrarse no Espacio Fundación Telefónica de Madrid o Digital Citizenship Summit España, un foro de debate para impulsar o consenso sobre a vida conectada da infancia e a mocidade no que se dan cita axentes implicados na educacións das xeracións dixitais en chave positiva para contribuír á creación dunha Rede máis colaborativa e humana.

O evento está composto por tres relatorios e 4 paneis de debate, que abordarán a figura do cidadán dixital dende un catro puntos de vista: o positivo, o creativo, o responsable e o seguro, destacando a presenza galega nestes paneis, xa que o panel Cidadán Dixital Creativo estará moderado por Alba Alonso Feijoo, fundadora de Real Kiddys; no panel sobre o Cidadán Dixital Responsable intervirá Santiago Rey, presidente da Asociación Educativa AtlanTICs; e Mar Castro, experta en Netiqueta, participará no panel sobre o Cidadán Dixital Seguro.

A asistencia ao evento é de balde, sendo preciso inscribirse previamente.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS