main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

25/01/201808:02
Cartel do evento.
As Pontes

Volven os Amigus Labs (o 3 de febreiro) e as súas xornadas argalleiras para toda a familia

A asociación Amigus, con sede operativa nas Pontes, comeza o ano retomando o fío de actividades argalleiras e tecnolóxicas con que agasallou aos seareiros das tecnoloxías, pequenos e maiores, ao longo dos meses pasados. Este 3 de febreiro, sen ir máis lonxe, celébrase no Lar de Endesa (en As Pontes) unha nova edición dos obradoiros Amigus Labs, adicados á arte, á creación dixital e máis á formación. A nova xeira de traballo (Maker 18.1) servirános para introducirnos no manexo de pequenas placas de prototipado e a facer os nosos propios proxectos de robótica realidade. 

Segundo informan dende Amigus, máis en detalle, mediante placas libres Arduino e Raspberry Pi darase comezo a “un novo prototipo de instalación interactiva, unha instalación manexada mediante Internet onde os usuarios terán ao seu alcance a posibilidade de interactuar os obxectos fabricados”. A xornada ten o engadido extra de abranguer múltiples aspectos da creación tecnolóxica actual, dende a Internet das Cousas ao audio e o vídeo dixital, pasando pola robótica, o uso de impresoras 3D e as fresadoras CNC. Na xeira de traballo tamén se definirán conceptos e funcionamentos, avaliaranse custes e botarase luz sobre como aplicar melloras no desenvolvemento final. Amais de todo o devandito, nesta xornada e nas vindeiras haberá marxe para montar robots velocistas de competición, pequenos vehículos intelixentes de carreiras, controlados por un microcontrolador ATmega328 con micromotores, Bluetooth e repleto de sensores e cámaras, entre outros elementos tecnolóxicos. Dentro da área Amigus Labs Kids, e xa que estamos a piques de mergullarnos de cheo no Entroido, organizarase un obradoiro de fabricación de disfraces con téxtil interactivo, no que os rapaces poderán crear máscaras e outros elementos. A idade mínima para participar tanto no obradoiro como na Amigus Labs é de 8 anos en adiante, a inscrición é de balde. Tódalas actividades realizaranse de 11:00 a 20:00, facendo unha parada para o xantar de 14:00 a 16:00.

Máis información en http://www.amiguslabs.org.

25/01/201807:52
Crowdworking Gaiás.
Santiago de Compostela

A nova edición de Galicia Open Future dá un viraxe cara o ámbito 4.0

O Pacto Dixital de Galicia, a alianza asinada entre a Xunta e compañías referencias do eido TIC a prol de sacarlle ao noso tecido innovador o rendemento e a excelencia que atesoura, segue sumando azos. Se os días pasados falamos dun fortalecemento do pacto para impulsar o noso talento TIC, hoxe puidemos saber que Telefónica (unha das empresas da alianza dixital) vén de pechar un novo acordo de colaboración co Goberno galego para pór en marcha a nova edición de Galicia Open Future, o centro de crowdworking posto en marcha na Cidade da Cultura pola operadora de telecomunicacións en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA. 

Haberá novidades nesta cuarta entrega? Segundo Telefónica, a resposta é afirmativa: daráselle unha viraxe á palestra de innovación e emprendemento cara o que se coñece como Industria 4.0, ou sexa, cara ás metodoloxías intelixentes de traballo que resultan da confluencia entre a industria e o mundo das tecnoloxías da información e que se dirixen a converternos en máis rendibles, eficientes, eficaces, sustentables e mellor xestionados e comunicados coa demanda. Baixo o título de Galicia Open Future_: Edición Retos Industria 4.0, o novo modelo busca “dirixir o talento emprendedor cara á resolución de problemas concretos da industria galega”, informa Telefónica, engadindo que nesta nova edición de GOF, a cuarta, colaborarán novamente a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). 

Ao abeiro do novo programa, proporase a grandes empresas referenciais galegas que lancen publicamente un total de seis retos reais de negocio, baixo un modelo de innovación aberta. Ao abeiro desta proposta colectiva, abriranse convocatorias a través da plataforma Telefónica Open Future para cada un dos desafíos, ás que poderán presentarse startups, PEME, centros tecnolóxicos, universidades e emprendedores, e entre os que se seleccionará a un gañador, que poderá desenvolver un piloto da súa solución coa empresa tractora, e tres finalistas.

O gañador terá unha axuda de GAIN de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto. Ademais, tanto o gañador como os tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán ademais un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como “recoñecemento ao seu esforzo innovador”. Logo, transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada por AMTEGA.Telefónica tamén explica que aparte das achegas económicas directas, Xesgalicia concederá á empresa gañadora un préstamo reembolsable pola cantidade de diñeiro investido para a posta en marcha do piloto nas empresas, até un máximo de 100.000 euros. Ademais, poderá conceder aos finalistas un préstamo reembolsable de até 50.000 euros. A operadora, por último, lembra que neste intre se atopa na fase de contactos coas empresas referenciais, potencialmente achegadoras dos devanditos retos. Dúas delas, engade Telefónica, fornecerán os desafíos na primeira quincena de febreiro. A partir dese punto abrirase un prazo de inscrición dun mes para empresas e emprendedores nacionais ou internacionais, período a partir do cal elixiranse o gañador e mailos tres finalistas por cada un dos retos.

416 proxectos presentados en edicións anteriores
A presentación da nova convocatoria de GOF serviu para facer balance do acadado nas andainas previas. Segundo informan os impulsores do centro de crowdworking, nas tres edicións anteriores de Galicia Open Future presentáronse un total de 416 proxectos de alicerce tecnolóxico, dos cales foron acelerados 145, o que supuxo un total de 1.100 horas de traballo individualizado e o desenvolvemento de 90 actividades formativas e obradoiros abertos en materias como fiscalidade, mercadotecnia dixital, imaxe de marca ou novos modelos de financiamento. 

Durante a súa participación, as novas firmas innovadoras puideron presentar os seus proxectos a potenciais clientes, participar en eventos internacionais como o South Summit, recibir apoio á internacionalización, celebrar sesións de adestramento e retro-alimentación con directivos de Telefónica, entrar en contacto coa rede global da plataforma Telefónica Open Future e recibir un apoio económico por parte da consellería de Economía, Emprego e Industria dirixido a aquelas empresas con mellor aproveitamento na aceleración.

24/01/201810:45
Coworking Gaiás.
Santiago de Compostela

Aberto o prazo de inscrición para participar na terceira edición do coworking de Santiago de impulso a proxectos emprendedores

  • Os interesados en tomar parte nesta aceleradora especializada nas industrias culturais ou tecnolóxicas, impulsada conxuntamente pola Xunta e a EOI, poden formalizar a súa solicitude ata o próximo 10 de febreiro
  • Contarán con asesoramento e titoría personalizada no espazo habilitado na Cidade da Cultura, onde se aceleraron máis de corenta novos proxectos ao abeiro das dúas edicións anteriores
  • Na anterior convocatoria desta iniciativa en Santiago os emprendedores apostaron por actividades baseadas nas TIC para empresas de artesanía, o téxtil, recursos didácticos, turismo activo, teatro, ou a industria musical, entre outras

 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), impulsa a terceira edición do coworking de Santiago, a aceleradora de proxectos localizada no espazo habilitado pola Xunta na Cidade da cultura, onde os emprendedores contarán con asesoramento e titorías personalizadas. O prazo para a solicitude de inscrición polos emprendedores que desexen participar nesta aceleradora está aberto ata o próximo 10 de febreiro.

Os emprendedores que desenvolveron os seus proxectos na anterior edición deste espazo coworking, no que xa se aceleraron máis de corenta proxectos apostaron por actividades baseadas nas TIC para empresas de artesanía, do téxtil, de servizos e recursos educativos, de turismo activo, de teatro, ou de industria musical, entre outras.

As iniciativas de coworking teñen como obxectivo prioritario acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, aumentando a probabilidade de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores, neste caso de Santiago, e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.

Ao abeiro desta iniciativa, os emprendedores de Santiago seguirán dispoñendo de diferentes servizos de formación, asesoramento e aceleración para os proxectos, así como de instrumentos de apoio para poñelos en marcha, aos que se poden acoller os emprendedores tras rematar o seu período formativo.

No marco da actuación de aceleración de proxectos empresariais impulsada polo Igape e a EOI, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo, está aberta a convocatoria da terceira edición dos espazos coworking en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Monforte, Mondoñedo e Celanova, ademais de en Santiago. En cada unha destas sedes desenvolverase a terceira edición, que durará 5 meses, e poderán acoller, en cada caso, entre un e tres emprendedores por cada un dos proxectos seleccionados, cun máximo de 22 proxectos por cada sede e convocatoria.

Ademais das axudas directas habilitadas a través de programas como Galicia Emprende ou Galicia Rural Emprende –que se vai activar de inmediato–, os promotores de novos proxectos empresariais poden acceder este ano aos novos préstamos directos habilitados polo Igape a través da nova liña IFI Emprende, no marco do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores, ou ao financiamento a fondo de capital Risco Galicia Iniciativas Emprendedoras, que coordina XesGalicia.

Ao amparo do Programa Galicia Emprende 2017, a Xunta vén de resolver a concesión de axudas directas por máis de 2,8 millóns de euros para apoiar 72 proxectos empresariais de emprendedores, autónomos ou empresas de recente creación. Os proxectos aprobados, que levan asociada a creación e mantemento de 175 empregos, prevén a mobilización de máis de 8 millóns de euros en investimentos.

24/01/201810:39
A UE anuncia 100 millóns de financiamento extra para empresas sociais.
Bruxelas

A UE anuncia 100 millóns de financiamento extra para empresas sociais

A Comisión Europea (CE) anunciou hoxe que destinará 100 millóns de euros extra para financiar empresas sociais e microemprendedores.

A axuda canalizarase a través do Programa da Unión Europea para o Emprego e a Innovación Social (EaSI), destinado a facilitar o acceso e o financiamento para pemes e microempresas. O diñeiro facilitarao o Fondo Europeo de Investimentos (FEI), núcleo do plan de investimento europeo.

"Espérase que esta axuda extra mobilice ao redor de 1.900 millóns de euros en financiamento de microempresas, especialmente en sectores vulnerables como desempregados, novos, inmigrantes e empresas sociais", dixo a comisaria europea de Emprego e Asuntos Sociais, Marianne Thyssen.

Thyssen asegurou que a CE está a mostrar o seu "compromiso coa creación de emprego" nos sectores máis vulnerables e que este programa creará "miles de novos empregos".

A axuda total europea para o financiamento de proxectos sociais e microempresas ascende así a un total de 196 millóns de euros.

O FEI ten como misión principal apoiar a microempresas e pemes europeas, particularmente no acceso ao financiamento, mediante o uso de fondos de capital risco, de crecemento e outros tipos de garantías.

24/01/201810:35
Persoa maior usando un ordenador.
Vigo

A Xunta anuncia a oferta de 450 actividades na súa rede de centros sociocomunitarios de Vigo

  • O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destaca a prevención da dependencia e a autonomía persoal das persoas maiores dalgunhas das propostas

O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado Puente, mantivo unha reunión cos directores do centros sociocomunitarios da área de Vigo, na sede da Delegación territorial da Xunta de Galicia na cidade olívica, que contou tamén coa participación do seu máximo responsable Ignacio López-Chaves e tivo por obxecto avaliar como está a funcionar a nova programación de actividades para estes centros.

 

Na reunión, o director xeral trasladou aos encargados dos centros "o recoñecemento e agradecemento polo labor que están a realizar", á vez que recolleu as distintas suxestións e demandas que presentaron coa finalidade de introducir melloras na programación e nos propios equipamentos. Desde o pasado mes de outubro e ata o próximo mes de xuño, os centros socicomunitarios da área de Vigo acollerían no seu conxunto 450 actividades e estímase que a participación nas mesmas será de ao redor de 6.000 persoas.A rede autonómica de centros nesta zona está conformada polos equipamentos de Baiona, Bouzas, Calvario, Col, O Porriño, Rivera Atienza, Teis, Redondela e Vigo (Pi e Margall).

 

Así, nesta tempada de actividades que está a ter lugar os usuarios dos centros poden asistir a clases e talleres de temática moi variada, entre outras: talleres de arte (literatura, teatro, canción e instrumentos tradicionais), actividades físicas e de relaxación (ximnasia de mantemento, ioga, tai-chi, pilates, zumba, baile, risoterapia), inglés, chinés, informática, manualidades e labores, patronaxe e costura, pintura, taller de memoria, xadrez, cociña, arte floral, etc.

 

Oferta formativa

Respecto diso da programación, Parrado fixo fincapé en que se trata dunha oferta que “dá resposta ás preferencias dos usuarios e que está orientada a manter e potenciar as capacidades intelectuais, físicas e creativas dos participantes, así como a desenvolver e ampliar os seus coñecementos en idiomas, informáticas ou redes sociais, entre outras disciplinas”.

 

Ademais, subliñou que os centros sociocomunitarios teñen un carácter polivalente, están abertos a toda a poboación e dotados de recursos humanos, materiais e financeiros. Tamén apuntou que a través destas instalacións a Xunta fomenta o desenvolvemento de actividades de formación e animación sociocultural dirixidas a propiciar a relación entre os distintos sectores de toda a poboación, cunha especial dedicación ás accións relacionadas coa prevención da dependencia e coa autonomía persoal das persoas maiores.

 

Un dos obxectivos da Consellería de Política Social pasa pola posta en valor e relanzamento dos centros sociocomunitarios, como espazos para a integración e socialización, así como para propiciar unha vida activa e participativa mediante a programación de actividades. Na actualidade a Xunta de Galicia conta con 44 centros deste tipo dos que gozan cada ano preto de 30.000 persoas maiores. Destes centros, 16 atópanse situados na provincia de Pontevedra, 13 na Coruña, 11 en Ourense e 4 en Lugo.

 

O Goberno galego destina cada ano preto de 1,6 millóns de euros ao financiamento dos gastos de mantemento e realización de actividades destes centros sociocomunitarios, ademais de chegar a acordos con entidades que usan estes espazos para a realización das súas actividades, abertas a todos os seus usuarios.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS