main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

26/01/201812:54
Presentación dos Premios INCUVI-Emprende.
Ourense

A sétima edición dos INCUVI-Emprende premiará novamente o enxeño innovador universitario

Onte no Politécnico presentáronse os detalles da sétima edición dos Premios INCUVI-Emprende da Universidade de Vigo, destinados a apoiar, recoñecer e impulsar os novos proxectos galegos destinados a marcar un antes e un despois na nosa relación coas tecnoloxías e co coñecemento. Proxectos de emprendemento postos en marcha por mozas e mozos acabados de saír dos tres campus da UVigo (catro iniciativas do de Ourense, dous do de Pontevedra e seis do de Vigo). Segundo se fixo saber, o prazo para presentar achegas ficará aberto até o 31 de xaneiro. O acto contou coa presenza José María Faílde, director da Área de Descentralización do Campus de Ourense, que salientou que os premios brindan “un de preincubación dun ano de duración” no que as persoas beneficiarias “contan co apoio das institucións para transformar as súas ideas en proxectos emprendedores”. 

Alejandro Martínez, director da Área Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, foi o encargado de explicar os asistentes as características da convocatoria, á que se pode presentar tanto alumnado da Universidade de Vigo de grao, mestrado e doutoramento como persoas tituladas no curso 2014/2015 ou posteriores.

Os premios, sinalou Martínez, fornecen aos proxectos gañadores de actividades formativas e de asesoramento, así como a subvención, durante o mesmo período, dos custos de estadía nun espazo de traballo na preincubadora correspondente. “As propostas”, dixo, “poden ser elaboradas de xeito individual ou en grupos formados por un máximo de catro persoas”. Amais, engadiu, a súa temática deberá encadrarse nalgún dos eidos de coñecemento contidos nos plans de estudo da Universidade de Vigo: artes e humanidades; ciencias; ciencias da saúde; ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura. 

Entre as novidades desta edición, Alejandro Martínez destacou a incorporación da Xunta de Galicia ao panel das entidades colaboradoras e cambios no proceso de selección, que nesta edición contará con tres fases: unha primeira de entrevista persoal ante un panel de persoas expertas en emprendemento, unha segunda consistente nun obradoiro de ideas para as iniciativas preseleccionadas e unha terceira de presentación ante a comisión de selección.

No acto tamén interveu Ricardo Capilla, director do Parque Tecnolóxico de Galicia Tecnópole, entidade na que se instalan durante un ano os proxectos gañadores dos INCUVI-Emprende de Ourense. Capilla salientou que se trata “dunha oportunidade única e moi interesante”, cuns importantes premios que achegan aos emprendendores e emprendedoras “a posibilidade de pórse en contacto con empresarios” do ámbito estatal e internacional e “desenvolverse nunha contorna empresarial”.

26/01/201812:34
Competición de Robots.
Vigo

Os mellores robots dos nosos estudantes medirán forzas na UVigo o 4 de maio

O bo destes tempos é que os robots, o seu deseño e construción, deixaron de estar ao alcance duns poucos. Agora, non hai dúbida, existen tecnoloxías, comunidades e movementos sociotecnolóxicos (por exemplo o movemento Maker) que nos permiten botar abaixo as barreiras que nos separan do que, en tempos, era pouco máis que ciencia ficción. Por se isto fose pouco, tamén hai certames onde o futuro faise presente e aléntase abertamente á creatividade tecnolóxica. Por exemplo a Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial (UVigo) que se celebra o 4 de maio, convocando a estudantes de ensino secundario e superior da nosa terra. No certame, que vai pola súa cuarta edición, convidarase aos participantes a dar forma aos seus propios robots. O 4 de maio, os seus enxeños veranse as “caras”. 

Segundo fai saber Juan Pardo, director da Escola de Enxeñería Industrial, un dos obxectivos da cita é “achegar á Universidade aos futuros e futuras estudantes”, amais de “fomentar o interese do alumnado polas disciplinas STEAM (Science, Technology, Engineering, Art and Mathematics)” e potenciar o traballo por proxecto e a autoaprendizaxe no deseño, construción e programación dos robots autónomos.

A competición realizarase por equipos, que deberán deseñar, construír e poñer en funcionamento cadanseu robot a partir dun kit básico que lles entregará a organización. O 4 de maio será o día no que os equipos porán a proba os seus robots, que deberá superar unha serie de probas de destreza. Os alumnos e alumnas de ensino secundario que desexen vivir esta experiencia e desenvolver as súas capacidades tecnolóxicas deberán facelo na categoría Wall-E, mentres que os estudantes de titulacións superiores pode inscribirse na modalidade R2D2. A data límite para formalizar a matrícula é o vindeiro luns 29 de xaneiro.

Como dixemos, neste 2018 a competición acada xa a súa cuarta edición, consolidándose, en palabras dos organizadores, “como unha cita de referencia que cada ano reúne centos de estudantes de toda Galicia”. Segundo indican, facendo balance de edicións previas, en 2017 superáronse os 800 inscritos e as expectativas desta nova convocatoria pasan por manter o mesmo grao de participación.

Respecto das categorías, a modalidade Wall-e está concibida para estudantes de ESO e Bacharelato, sendo o seu obxectivo que as e os participantes se familiaricen co mundo da robótica, participando na montaxe e programación dun robot móbil partindo do kit mBot Robot Educativo (2.4G), programable de xeito doado con Scratch e compatible coa plataforma aberta Arduino. A competición realizarase en equipos de entre tres e seis estudantes e un profesor titor que deberán someter o seu autómata a dúas probas: completar no menor tempo posible un circuíto con obstáculos e unha especie de combate ente droides que deben sacar do campo de xogo aos seus opoñentes.

Polo que atinxe á outra categoría, o alumnado de Formación Profesional e de titulacións universitarias competirá en grupos de menos de seis persoas ou ben de maneira individual na modalidade R2D2, que comprende catro probas, tres individuais e unha colectiva. Neste caso cada equipo debe crear un robot cun tamaño máximo de 20 cm de lado e un peso máximo 1.500 gramos. Na proba de rastrexo os robots deben completar unha volta completa de non máis de catro metros, pero si con cambios bruscos de dirección, nun máximo de 60 segundos. Nun tempo inferior a un minuto, os robots deberán superar o seguinte exame de clasificación, un labirinto rectangular de 2x2 metros. Na terceira proba deberán retirar seis latas dun recinto de aproximadamente 1 metro de diámetro, e o derradeiro test será tamén un combate entre droides, como na modalidade Walll-e.

26/01/201812:31
“Programa de Empoderamiento e Activación para o Emprego”.
Santiago de Compostela

83 mulleres con discapacidade de Galicia desafían as construcións sociais

Un total de 83 mulleres con discapacidade de Galicia desafían as construcións sociais que impiden a súa autonomía social e económica a través do “Programa de Empoderamiento e Activación para o Emprego” executado por COGAMI.

Esta iniciativa desenvolveuse a nivel estatal grazas ao convenio establecido entre a Obra Social ”La Caixa” e a Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE).

“Gustaríame que este programa continuase para outras mulleres que o necesitan. Para min supuxo unha oportunidade laboral. Despois de estar durante 5 anos sen traballar, sen expectativas de atopar traballo, con inicios de depresión porque cría que a culpa de todo o malo era miña, entrei a formar parte deste programa cando mo comunicaron desde COGAMI. Aos dous meses, roldando xa os 50 anos, chámanme dunha empresa para traballar como administrativa. Formar parte deste programa serviume para rexurdir, para valorarme, para crer en min e, por favor, que non desapareza” asegura Salomé Fernández, participante no Programa en 2017 en Galicia.

O emponderamento é a capacidade dunha persoa para deixar de ser “obxecto doutras” e converterse na “persoa protagonista da súa propia historia”. Ao facilitar paso da dependencia á independencia, están a favorecerse capacidades como a toma de decisións, o acceso á información e recursos, asertividade, adoptar un rol activo na resolución de conflitos, a mellora da autoimaxe, etc.

O Programa conta cunha metodoloxía de intervención individual e grupal, centrado nas preferencias das mulleres con discapacidade participantes, que permite facer un seguimento personalizado e adecuado ás súas necesidades.

Desta forma, en Galicia realizáronse con 82 mulleres con discapacidade itinerarios personalizados de inserción social e laboral e seguimento a nivel individual; 38 mulleres participaron en sesións grupales de empoderamiento e 48 foron beneficiarias de sesións grupales de habilidades prelaborales e alfabetización tecnolóxica. Así mesmo e como resultado da súa participación no programa, 29 mulleres con discapacidade atoparon emprego ao longo do ano.

O traballo coordinado con Incorpora, o programa de inserción laboral da Obra Social ”La Caixa”, no que tamén colabora COCEMFE, facilitou a orientación laboral e intermediación para o emprego ás beneficiarias do programa en procura activa de emprego.

A secretaria de Muller e Igualdade de COCEMFE, Marta Valencia, destaca que “o crecente interese de organismos públicos e privados nesta problemática, permitiunos participar en diferentes xornadas e actividades de formación e sensibilización dirixidas a profesionais e a poboación en xeral”. Neste sentido, en Galicia leváronse a cabo cinco acciones de formación e/ou sensibilización en materia xénero e discapacidade enfocadas na centralidade do traballo como perspectiva fundamental para o emponderamento e independencia da muller con discapacidade.

26/01/201812:17
Clara Navarro e Sonia Mulero.
Santiago de Compostela

A Fundación Ship2B e a Fundación Banco Sabadell puxeron en marcha o programa de innovación social B-Value

A iniciativa está dirixida a entidades sen ánimo de lucro de toda España que traballen con calquera tipo de colectivo. O obxectivo é que asociacións e fundacións poidan profesionalizar o seu labor e mellorar a súa proposta de valor. Ademais, durante o programa de B-Value, recibirán axuda de mentores e da rede de colaboradores do programa para desenvolver proxectos de innovación social dentro do seu ámbito de traballo.

Seguir lendo na fonte da noticia...

 

26/01/201812:12
Un televisor LG OLED IA C8 nun salón preto das montañas.
Santiago de Compostela

LG integra Google Assistant nos seus novos televisores intelixentes

  • LG deu un paso moi interesante nos seus últimos televisores ao presentar os primeiros modelos ThinQ IA que incorporan asistentes por voz para facilitar o seu uso coa voz, un factor moi interesante para persoas con discapacidade.

Así, por exemplo, os modelos LG Signature OLED IA C8 e W8 incorporan tanto Google Assitant como o asistente de Amazon, Alexa, o que permite aos usuarios utilizar o micrófono situado no mando a distancia para manexar o televisor.

Desta forma, os usuarios poden pedir por voz ao televisor que poña unha certa canle, que lle ofreza información sacada da internet, como pode ser o resultado dun partido, ou que acceda directamente a un conector como pode ser unha consola de videoxogos.

Todas estas axudas son fundamentais para facilitar o manexo do televisor por parte de persoas con discapacidade, como poden ser aquelas persoas cunha discapacidade visual ou física.

A integración destes asistentes por voz así como o resto de novidades que incorporan estes modelos de televisores valéronlle á compañía coreana para levar numerosos premios na feira de electrónica de consumo CES celebrada hai unhas semanas en Las Vegas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS