
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A intelixencia artificial e os drons serán a clave da formación para o emprego en España, segundo unha análise da compañía de formación en Tics Exes. Aseguran que, a pesar de que na próxima década crearanse máis de 3 millóns de empregos relacionados coa dixitalización e a innovación tecnolóxica, con perfís profesionais con competencias dixitais, só o 7% dos estudantes españois está a cursar estudos científico-tecnolóxicos.
España, Italia e Polonia son os países europeos que maior desaxuste mostran. "Se o noso país non é capaz de cubrir eses postos con perfil STEM (Science, Technology, Engineering & Mathematics) o mercado laboral absorberá outras nacionalidades, seguramente europeas, e perderemos competitividade", explica José Antonio Álvarez, CEO de EXES.
Déficit de profesionais e necesidade de adaptar a formación
Un estudo realizado por Randstad encamíñase na mesma liña xa que detecta un déficit de profesionais con determinadas habilidades, como son perfís especializados en ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, que as empresas van demandar, pero que non van poder cubrir completamente ante a falta de candidatos.
"Debemos formar aos profesionais non só no período anterior a incorporarse á vida laboral senón durante toda a súa traxectoria, adaptando a nosa oferta ás necesidades que irán xurdindo. A tecnoloxía evoluciona exponencialmente e a formación continuada será clave para o éxito", considera Álvarez. Neste sentido, entende que é necesario ofrecer formación especializada con programas de máster ou cursos, senón tamén completar a formación con programas online ou semipresenciais.
"A aprendizaxe continua convértese non xa nunha obrigación, senón nunha necesidade laboral, a risco de quedar fose do mercado. Ademais, debe ser unha formación o máis próxima ao desempeño real da súa actividade e permitir ao alumno actualizarse e aprender de forma autónoma e continua", afirma José Antonio Álvarez.
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela iniciará o vindeiro 14 de maio un nova edición do curso de formación troncal do Programa Integral de Cualificación y Empleo (PICE), que se impartirá nas aulas da entidade ata o 1 de xuño en horario de 9:00 a 14:00 horas.
O curso ofrecerá orientación en temas de empregabilidade, información referente a habilidades sociais e técnicas de comunicación e competencias dixitais para a busca de emprego, onde os participantes coñecerán o manexo das redes sociais e a creación de perfís profesionais en Linkedin ou outras plataformas. Será un curso práctico, baseado en dinámicas de grupo e con simulación de entrevistas de traballo. A inscrición estará aberta ata o luns 7 de maio nas nas oficinas centrais da Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo 44, baixo).
Esta formación troncal forma parte do plan de capacitación do programa gratuíto PICE, unha iniciativa integrada no Plan Nacional de Implantación de la Garantía Juvenil do Ministerio de Empleo y Seguridad Social que conta con financiamento do Fondo Social Europeo. Está destinada a perseguir a empregabilidade de mozos e mozas menores de 30 anos, que nin están estudando nin traballando actualmente.
Na primeira edición da formación troncal, que se celebrou este mes de abril, os alumnos manifestaron nas enquisas de satisfacción estar moi satisfeitos co curso, ao que cualificaron como “imprescindible” para a formación orientada ao inicio da vida laboral, con contidos moi proveitosos e unha docente “moi apta” para desenvolver o curso.
A plataforma de préstamo de libros e revistas en formato electrónico GaliciaLe incorpora agora un catálogo audiovisual á súa oferta cunha proposta de 77 filmes, entre os que se poden atopar documentais, películas de animación e longametraxes de ficción. Comeza, deste xeito, unha nova etapa deste servizo bibliotecario da Consellería de Cultura e Educación, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que tamén conta co apoio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través do catálogo eBiblio.
Desde que o programa GaliciaLe se puxo en marcha, en outubro de 2014, o número de usuarios incrementouse cada ano ata os 3.236 cos que pechou 2017. O número de préstamos para ese mesmo ano foi de 16.937. Actualmente, o número de títulos da plataforma é de 1.768, dos que 1.609 son libros electrónicos, 77 corresponden a filmes, 31 son revistas, 50 son audiolibros e hai tamén un libro interactivo.
O catálogo audiovisual
Entre as películas que pasan a estar dispoñibles na plataforma GaliciaLe atópase un amplo abano de posibilidades, desde De profundis a Sicixia ou A Esmorga, pasando por Mimosas, Todos vós sodes capitáns, Un bosque de música, A cicatriz branca, O club da calceta ou De bares, ata obras como Celso Emilio Ferreiro. O poeta da vida ou Aquel neno chamado Xosé Neira Vilas.
A nova andaina de GaliciaLe foi presentada esta mañá en rolda de prensa pola directora da Amtega, Mar Pereira, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, coincidindo co Día do Libro. No acto, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, a directora da Amtega sinalou que “hai catro anos falabamos de GaliciaLe como unha peza máis da estratexia da Memoria Dixital de Galicia para universalizar o acceso á nosa cultura na rede e naquel momento avanzabamos un novo sistema de xestión de bibliotecas”. Mar Pereira destacou que hoxe “ese sistema é unha realidade á que se están sumando as bibliotecas públicas municipais e axencias de lectura e que permite que os usuarios accedan cun carné único a todos os servizos das bibliotecas públicas integradas e á plataforma GaliciaLe”.
Mentres, Anxo Lorenzo afirmou que “GaliciaLe pretende facer accesible a cultura en calquera momento e lugar e complementar, deste xeito, a oferta de obras en formato físico das bibliotecas públicas galegas”. Para o secretario xeral, os datos presentados “confirman que este é un servizo que se está a consolidar entre os usuarios das bibliotecas, tanto polo número de préstamos como polo de persoas que fan uso del”. Finalmente, sinalou que GaliciaLe é “un proxecto vivo, que vai adaptándose ás necesidades do público, ao incorporar aos libros electrónicos outros formatos como as películas e as revistas”.
Na rolda de prensa tamén interviron a xerenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes, Uxía Caride; e o vogal da Asociación Galega de Editoras Xulio Amigo. Tamén asistiron á rolda de prensa a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal; e a directora da Área de Modernización das Administracións Públicas, María José García Sexto.
Preto de 100 novos títulos de libros electrónicos en galego
Nos últimos seis meses tamén se incorporaron á colección de GaliciaLe un total de 95 títulos de libros electrónicos en galego, como Rosa tántrica, de Luz Pozo Garza; A burra Ramona, de Paula Carballeira; Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz; As cousas que non queremos oír, de María Reimóndez; Illa soidade, de An Alfaya; Denébola a Roxa, de Héctor Cajaraville; ou Fume, de Antón Fortes.
Editoriais e produtoras
A Consellería de Cultura e Educación adquiriulles as obras do catálogo galego a nove editoriais galegas (Alvarellos Editora, Baía Edicións, Ediciones del Viento, Edicións Xerais, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Laiovento, Netbiblo e OQO editora), que se completan con obras cedidas mediante convenio polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela. Nas vindeiras semanas a oferta completarase con outros 44 títulos de títulos electrónicos e tamén revistas en galego.
A estas editoriais engádense agora, coa incorporación do catálogo audiovisual, 24 produtoras galegas: Abano, Agallas, Arraianos, Adivina Producciones, Amanita, Alicia Veira Ramos, Ces Media, Cinebinario, Ficción Producciones, Film Arante, Frida Films, Madeleine Producciones, Marcos Nine Búa, Matriuska, Miolos Filmes, Nós Produtora Galega, Noveolas Producciones, Numax, Pórtico, Portocabo, Vaca Films, Vía Láctea, Xamalú Filmes e mais Zeitun Films.
Materiais de difusión de GaliciaLe
A Secretaría Xeral de Cultura lanza tamén, con motivo do Día do Libro, unha campaña de difusión da plataforma GaliciaLe. Distribuíronse nas bibliotecas da rede marcadores para os andeis que conteñan obras que tamén estean en formato dixital na plataforma, xunto con cartelería –o novo cartel está deseñado por Federico Fernández, Premio Nacional de Ilustración 2001– e marcapáxinas para nenos e adultos. Fíxose, así mesmo, un vídeo de promoción do servizo que está accesible en www.cultural.gal, nas redes sociais e na canle de Youtube (https://www.youtube.com/watch?v=uEy1tIH36PI&feature=youtu.be) do departamento de Cultura da Xunta de Galicia, no que participan a actriz María Mera, o catedrático de Física Jorge Mira, o escritor e editor Francisco Castro, o booktouber Sebas García Mouret e a cantante de Mamá Cabra, Gloria Roel.
Como darse de alta en GaliciaLe
Para ser usuario ou usuaria de GaliciaLe cómpre ter o carné dunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e as claves de acceso a GaliciaLe, así como dispor dun dispositivo compatible (tableta, ordenador persoal, lector de libro electrónico, teléfono móbil etc.). Para rexistrar cómpre acceder á páxina web www.galiciale.gal.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantiveron esta semana unha xuntanza de traballo cos representantes do Clúster de Turismo galego na que abordaron diferentes asuntos, entre eles, as melloras de conectividade previstas pola Xunta e o Estado e das que se beneficiarán diferentes puntos turísticos.
Desde a Xunta avanzouse que o Plan de Banda Larga 2020 facilitará o acceso a redes de 100Mps a 74.400 persoas de núcleos de 181 concellos galegos, entre eles, diferentes zonas do Concello de Sanxenxo. O Clúster trasladoulle a ambas directoras a necesidade de mellorar a cobertura neste municipio, que concentra un importante fluxo turístico, especialmente no verán.
Esta actuación do Plan, que se inicia este ano, cun investimento público de 14,2 millóns de euros estenderá fibra óptica en núcleos de menos de 300 habitantes das catro provincias galegas.
Máis do 74% dos galegos con redes ultrarrápidas en 2020
Ademais o Estado ten en marcha outras medidas que beneficiarán a outros 258.000 galegos de núcleos de maior tamaño, grazas a un investimento público de 21 millóns de euros de Fondos FEDER.
Polo tanto, ambas medidas posibilitarán que no 2020 máis de 332.000 galegos de 258 concellos teñan acceso a redes ultrarrápidas. Así, en dous anos, máis do 74% do galegos poderán acceder a internet de alta velocidade. Esta porcentaxe incrementaranse con novas convocatorias anunciadas polo Estado dentro do Plan 300x100.
Plan Smart Turismo
A mellora da conectividade é un dos aspectos chave na modernización dos principais sectores produtivos galegos, entre eles o turismo. A Xunta ten en marcha, desde o 2015, o Plan Smart Turismo para impulsar a dixitalización do sector e favorecer a prestación de servizos de calidade, personalizados e con valor engadido; a captación de turistas e de novos mercados; para mellorar eficiencia e que o sector teña capacidade de dar respostas áxiles fronte a mercados cambiantes.
Nós últimos tres anos púxose en marcha a plataforma tecnolóxica Turespazo para facilitarlle ao sector a xestión online da súa información administrativa e tamén a difusión da súa información promocional e a comercialización dos seus produtos.
Publicouse un novo portal de Turismo de Galicia para fortalecer a difusión, tanto a nivel nacional coma internacional de Galicia coma destino turístico.
O Plan conta, ademais, cunha liña para o Camiño de Santiago, SmartCamiño, que puxo a disposición do sector e dos peregrinos un portal e una aplicación específicas, como solucións vivas que evolucionarán acorde ás necesidades dos viaxeiros
Entre as novas liñas de actuación estase abordar a posta en marcha dunha Rede Intelixente de Información Turística, unha reformulación das oficinas de turismo na que a modernización tecnolóxica terá un papel fundamental.
Jabber Bot é un pequeno robot que se move só evitando obstáculos e que é capaz de interactuar co seu usuario mediante ruídos, algo que nos parece moi interesante para nenos cunha discapacidade física ou cognitiva que supoña unha dificultade para a manipulación de xoguetes.
Con este robot, que comercializa Juguetrónica, os pequenos poderán ver como reacciona ante ruídos fortes como palmadas ou golpes, ademais de ser totalmente autónomo para moverse evitando obstáculos.
Os seus ollos tamén parpadean e os brazos e pernas son móbiles, ademais de poder subirlle ou baixarlle a máscara da cara.
Este Jabber Bot forma parte da familia de robots Bot, polo que é capaz de comunicarse con outros dispositivos similares emitindo sons.
Encántannos os xoguetes que están adaptados, por exemplo, para o seu uso con pulsadores, pero no caso deste robot nin sequera é necesaria esa adaptación, xa que cun golpe o robot responde o usuario.