main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

19/04/201814:31
Cartel do curso.
Santiago de Compostela

Xa está dispoñible o curso "Sé + Dixital"

Queremos compartir contigo esta nova oportunidade que nos brinda o aliado dixital Orange para ampliar e consolidar os teus coñecementos e habilidades dixitais para lanzar ou promocionar o teu pequeno negocio dende a túa localidade.

Se + Dixital!!

Trátase dun curso online gratuíto de 20 horas de duración de carácter eminentemente práctico no que poderás afondar sobre aspectos clave do teu negocio mediante vídeos explicativos e testemuños sinxelos, accesibles a través dunha plataforma de teleformación. Os contidos son os seguintes:.

  •          Que preciso saber para ser dixital?
  •          Como podo facer negocios dixitais desde a miña cidade?
  •          Como impacta a tecnoloxía nos novos modelos de negocio?
  •          Como promocionar o meu negocio desde a miña cidade?
  •          Como podo financiar o meu negocio?
  •          Outras oportunidades de negocios no ámbito dixital.

Se estás interesado en formar parte dunha nova comunidade virtual tes ata o 2 de maio para formalizar a túa inscrición. É importante que no campo “Seleccione un curso” marques a opción “Amtega Galicia” para acceder correctamente aos contidos do curso.

O curso finaliza o día 16 de maio e conta coa certificación EOI para que poidas acreditar a túa experiencia e coñecementos adquiridos.

19/04/201814:26
Cartel do proxecto.
Santiago de Compostela

O 'Proxecto Tittan' no que participa a Fundación Biomédica Galicia Sur cumpre o seu segundo aniversario

O "Proxecto Tittan" (rede de trasferencia de tecnoloxía innovadora no ámbito do envellecemento) que vai celebrar o seu segundo aniversario, fundouse co obxectivo da procura da mellora da calidade dos sistemas de saúde a través de produtos e servizos innovadores no campo do envellecemento activo e saudable, co intercambio e a implementación de boas prácticas entre as diferentes rexións europeas. En concreto, o plan, de catro anos e medio de duración,  leva en marcha desde 2016, financiado con case 1,7 millóns euros de Interreg Europe. 

 

Nel participan sete rexións europeas: Axencia Galega do coñecemento da saúde (ACIS)-socio principal; a Fundación Vasca para a innovación e a investigación en saúde (BIOEF); Fondazione Regionale pola Ricerca Biomedica (FRRB, Lombardia); Healthy Saxony (HS); Dixital Health & Care Institute (DHI, Escocia); Lower Silesian Voivodeship Marshal Office (LSVMO); e a cidade de Almere, nos Países Baixos (Holanda). E tamén, en colaboración con ACIS, sumáronse o Servizo Galego de Saúde e coa Consellería de Sanidade; a Axencia Galega de Innovación (GAIN); o Clúster Saúde de Galicia; a Fundación Biomédica Galicia Sur, e as Fundacións Ramón Dominguez e Profesor Novoa Santos.

 

Actividades conxuntas

Neste tempo, os socios de Tittan estiveron traballando xuntos, nunha serie de talleres internacionais e visitas nas que se compararon diferentes prácticas recomendadas a nivel rexional, para contribuír á mellora dos instrumentos de política rexional vinculados aos fondos estruturais da UE, dentro de tres áreas de actuación establecidas no proxecto: a Innovación tecnolóxica "de fóra cara a dentro", a de "dentro cara a fóra" e no da "cidadanía activa para un envellecemento saudable".

 

En todas elas, o éxito alcanzado, segundo subliñan os seus responsables, garante a súa continuidade que, de momento, ten varias actividades pendentes para os próximos meses. Como un Taller Interrexional en Medicamento Personalizado en Milán; un Taller de Tittan de boas prácticas en produtos e servizos de envellecemento que se celebrará en Silesia e a creacion dun dos cinco Centros de"Competencia Xeriátrica que xa están planificados dentro do proxecto e que está previsto leve a cabo no A. Falkiewicz Specialist Hospital de Polonia.

19/04/201813:14
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O CPEIG brinda o seu apoio ao Día das Rapazas nas TIC (o 26 de abril)

Un ano máis, e xa van uns cantos, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai achegar o seu apoio á celebración das mulleres tecnolóxicas prevista para o 26 de abril, o Día Internacional das Rapazas nas TIC, un acontecemento sen fronteiras que se dirixe a acadar dous obxectivos ben claros: por unha banda tentar inverter a cada vez menor concorrencia das mozas nos estudos ligados ás novas tecnoloxías e, pola outra, mostrar ante o mundo o importante traballo despregado polas mulleres ao progreso científico-tecnolóxico e as súas grandes contribucións neste eido. O Día das Rapazas nas TIC terá coma sempre edición galega (o día 26) e é aí onde entra en xogo o traballo do CPEIG, que colaborará co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) nas actividades de difusión e concienciación que novamente impulsará o centro na súa sede de Santiago. 

Segundo lembra o colexio que preside Fernando Suárez, a devandita é “unha efeméride de ámbito internacional creada para motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren as TIC como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional”. Respecto do programa previsto, pola mañá (de 11:00 a 12:30 horas) celebrarase como vén sendo costume un coloquio virtual con varias mulleres emprendedoras galegas: emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), ás que as/os estudantes que participen dende os seus centros de secundaria/primaria conectados vía streaming coas salas do CESGA poderán facer calquera pregunta sobre os seus campos profesionais ou razóns persoais que as levaron a traballar no ámbito tecnolóxico-dixital. As convidadas deste ano son:

  • María José Durán. Enxeñeira en Informática e fundadora da tenda en liña Potingues Verdes.
  • Ana Cidre. Experta en desenvolvemento de tecnolóxica, organizadora de GDG Vigo e fundadora do grupo GalsTech. Ten un grao en Belas Artes e un máster en negocios e economía internacional. A día de hoxe é unha desenvolvedora de software especializada en Angular. 
  • Susana Rey. Enxeñeira en Telecomunicacións, máster en Seguridade da Información e responsable de Seguridade en R.
  • Cecilia Grela. Enxeñeira en Informática, máster en Consultoría en Software Libre e desenvolvedora de programas en múltiples proxectos de I+D+i (entre outros, o ICT-Go-Girls!), así como formadora en TIC. 

Pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas, celebrarase unha xornada de portas abertas con actividades TIC divertidas para mozas e mozos de entre 10 a 14 anos: demostracións e obradoiros de impresión 3D, realidade virtual e aumentada, arte dixital, programación, robótica, e, por suposto, unha visita guiada ao corazón do CESGA, o supercomputador Finis Terrae 2. Para esta actividade cóntase co apoio das seguintes entidades: Xunta de Galicia (GAIN, Secretaría de Igualdade, Consellería de Educación e AMTEGA), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Educación, Oficina de Igualdade de Xénero, Woman Emprende), a Universidade da Coruña (Facultade de Informática) e GalsTech, o Grupo de mulleres interesadas en tecnoloxía de Galicia. O evento a nivel internacional vén da man da International Telecommunications Union (ITU). 

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é impulsor do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Secundaria a través das TI) xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC. Amais das ditas entidades, tamén ten colaborado nas actividades o Concello de Santiago, sumándose deste xeito a esta fronte común contra a fenda dixital de xénero.

Contra os prexuízos e as ideas preconcibidas
A cita do 26 de abril é unha actividade de gran importancia para o desenvolvemento da nosa terra no ámbito informático. En concreto, diríxese a combater tendencias, prexuízos e estereotipos e incrementar a presenza feminina no ámbito profesional TIC galego, unha presenza sen a cal (sinxelamente) a sociedade dixital non dará avanzado nin progresado. A xornada tamén pon de relevo cifras inadmisibles, como por exemplo a que reflicte a porcentaxe profesional feminina no ámbito da creación de ferramentas e contidos dixitais, que é só do 9%.

19/04/201813:08
Reunión do xurado na Deputación de Ourense.
Ourense

O proxecto Fálame de San Sadurniño, premiado pola Deputación de Ourense

O proxecto Fálame de San Sadurniño, a iniciativa do concello coruñés para dar voz e visibilidade á veciñanza pola vía das novas tecnoloxías e os contidos audiovisuais, vén de obter un importante recoñecemento por parte da Deputación de Ourense. Estamos a falar do Premio Rodolfo Prada á xestión cultural, cuxo xurado reuniuse onte no pazo provincial para examinar as candidaturas presentadas e elixir os proxectos galardoados nas tres modalidades do certame. Así, o premio para profesionais da xestión cultural foi para o proxecto web de dinamización social e tecnolóxica Fálame de San Sadurniño, presentado por Carmen Suárez Nieto. 

Pola súa banda o recoñecemento a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados foi para o Festival Arteficial, presentado pola Asociación Cultural Ecolóxico Educativa Arteficial. Por último, a distinción a proxectos vinculados á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural foi para a iniciativa Unitaria, presentada pola Asociación Amigos, si, pero a vaquiña polo que vale.

Os galardóns do certame Rodolfo Prada, instaurado pola Deputación de Ourense para salientar e reivindicar a figura do senlleiro ourensán que lle dá nome, impulsor do movemento político-cultural máis importante da galeguidade en América, serán entregados o sábado 5 de maio, no marco da celebración da feira da creatividade e as novas tecnoloxías Ourense ICC Week. O xurado estivo integrado polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, en calidade de presidente; e como vogais, por parte da Asociación Galega de Xestores Culturais: Alberto García Sánchez, Cristina Rodríguez Labandeira e Carlos Lorenzo Pérez; por parte da Deputación de Ourense: Luís González Tosar, Antonio Piñeiro, Juan Rivas e Manuel Araujo; e por parte da Asociación Rodolfo Prada, Francisco González. A Deputación de Ourense, a través deste galardón, que ten como obxectivo distinguir a persoas, proxectos ou colectivos que “se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural con referencia á cultura galega, destina un total de 6.000 euros en premios”.

19/04/201808:36
Presentación de #Zeroadicións.
A Coruña

A Deputación da Coruña vai combater as adicións dixitais na adolescencia

A Deputación da Coruña está a fortalecer a súa liña de actividade contra as condutas aditivas na adolescencia, condutoras que abranguen hábitos relacionados co consumo de drogas pero tamén co uso sen medida e control das novas tecnoloxías da información e servizos dixitais, incluídos os móbiles, os xogos en liña, os servizos de mensaxes instantáneas e as redes sociais. Segundo fixeron saber hoxe as responsables da área de Benestar Social, Educación e Igualdade, co fin de atallar os devanditos malos hábitos entre a mocidade vén de coller forma un novo programa de prevención de adiccións a desenvolver nas dezaoito comarcas da provincia da Coruña. Dirixirase sobre todo a mozas e mozos de entre 12 e 18 anos. Preséntase baixo o epígrafe #Zeroadicións e terá, como xa se indica no seu nome, notable presenza nas redes sociais.

Na cita de hoxe ante os medios participou a deputada de Benestar Social, Educación e Igualdade, Ánxela Franco, quen sinalou que o programa está concibido para actuar simultaneamente “nos eidos social, familiar e educativo”, e sempre “por medio da sensibilización e da educación”. Tamén dixo que a iniciativa responde a unha realidade que está fóra de toda dúbida: o medre das condutas aditivas na sociedade actual, moitas delas alentadas polo espallamento de novas drogas ou, tamén, por un acceso sen control a novas tecnoloxías e servizos dixitais. 

Dotado cun orzamento de 50.000 euros o programa de prevención de adiccións da Deputación da Coruña será desenvolvido pola empresa Agalure, quen estruturou o seu plan de acción arredor de tres eixos principais, como son os ámbitos familiar, social e educativo. A técnica da área de Acción Social da Deputación da Coruña, Paula Filgueiras, anunciou que durante os vindeiros meses “os 18 concellos cabeceira de provincia acollerán un conxunto de actividades formativas e informativas, que se ben están deseñadas dun xeito especifico para as mozas e mozas que se atopan nos tramos de idade onde prevalecen os inicios ás adiccións”, entre os 12 e os 18 anos, tamén ten como obxectivo “apoiar ás unidades familiares e máis a comunidade educativa, coa dotación das ferramentas precisas para atallar as condutas aditivas”.

Pola súa parte, a coordinadora do programa #Zeroadicións, Ana Seco, explicou que dende a mesma xornada de hoxe comezarase a establecer contacto cos diferentes concellos da provincia para fixar as datas de celebración dos obradoiros, charlas, xornadas e outras accións de reforzo social que terán como finalidade “identificar condutas de risco e posibles adiccións entre os rapaces e rapazas, fomentar o bo uso da novas tecnoloxías e as redes sociais e promover hábitos saudables entre os máis novos”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS