
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’ concedeu hoxe 35.000 euros aos mellores proxectos tecnolóxicos da súa convocatoria 2017. Estes recoñecementos foron outorgados no acto de clausura da segunda edición do programa, que tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura, nunha xornada na que participado o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde; a directora da Amtega, Mar Pereira; o director de Administracións Públicas de Vodafone, Carlos Becker; e do director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno.
‘Connecting for Good Galicia’ é un programa impulsado por Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da Fundación Vodafone España. O seu obxectivo é desenvolver iniciativas emprendedoras de innovación social dixital en calquera dos ámbitos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020, valorando especialmente o enfoque inclusivo cara aos colectivos de persoas con discapacidade e persoas maiores.
Os seis proxectos participantes da súa segunda edición foron 3DAcoustic, it!, Formadox, Mediación Móbil, Sense(z) e Tapper. Destes seis proxectos, a Xunta de Galicia, a través de GAIN, concedeu unha axuda de 25.000 euros ao mellor proxecto da convocatoria polo seu carácter innovador, traballo en equipo, aproximación ao mercado e aproveitamento do programa na súa execución e posta en marcha. O proxecto elixido it!, é unha empresa de creación e fabricación 4.0 que ofrece servizos integrais de deseño, modelado 3D, fabricación de novos produtos e enxeñería aplicada.
Ademais, Fundación Vodafone España outorgou o Premio “Conectados pola Accesibilidade” ao dous proxectos, Sense(z) e 3D Acustic, con 5.000 euros a cada un por ser os que mellor incorporaron os Principios de Accesibilidade Universal.
Sense(z) é un dispositivo biométrico que permite a toma de datos e parámetros, tanto fisiolóxicos como alimentarios mediante sensores para a análise pormenorizada dos alimentos para inxerir. Pola súa banda 3DAcoustic proporciona audífonos personalizados con moldes impresos en 3D, conseguindo unha redución nos custos, tempos de produción e unha mellor experiencia de uso grazas a un produto axustado a cada persoa.
Todos os proxectos participantes recibiron o diploma acreditativo e un patrocinio de 2.000 euros cada un tras completar o programa de formación e mentoring que se impartiu no espazo ‘Vodafone Connecting for Good’, situado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.
No acto celebrado esta mañá, anunciouse tamén a apertura da III Edición do Programa, ao que se poden presentar as candidaturas desde o 7 de maio ata o 31 de xullo. Máis información en: http://www.fundacionvodafone.es/premios/premios-connecting-good-galicia.
Hoxe, perante a presenza de múltiples representantes das nosas TIC máis solidarias, celebrouse na Cidade da Cultura o acto de clausura da segunda convocatoria do programa Vodafone Connecting for Good Galicia. A cita foi na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e no seu transcurso colleu novos azos (con vistas a vindeiras edicións) o principal obxectivo do programa: impulsar novas ferramentas e servizos para dar reposta ao meirande número de demandas das nosas entidades sociais e dos colectivos en risco de exclusión social ou tecnolóxica; ao tempo que se enriquecen os ámbitos da saúde, o benestar ou o envellecemento saudable. De todo isto tratan, precisamente, a media ducia de proxectos empresariais impulsados na segunda edición de Vodafone Connecting for Good Galicia.
Na cita participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, quen aseguraron que os seis proxectos que participaron na convocatoria 2017-2018 son “o exemplo de como a innovación ponse ao servizo das persoas para mellorar o seu benestar e calidade de vida con iniciativas que dan resposta a retos sociais relacionados coa saúde, o envellecemento activo e a modernización de sectores con tecnoloxías facilitadoras”.
O conselleiro enmarcou esta iniciativa no mapa de aceleradoras galegas que están posibilitando o desenvolvemento de 600 proxectos cun investimento que supera os 18 millóns de euros.
Como lembraremos, Connecting for Good Galicia vén da man da Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). A finalidade do programa é “apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación, as TIC, en Galicia”.
Os seis proxectos devanditos participantes están orientados a buscar solucións tecnolóxicas a cuestións vencellladas á accesibilidade, á creación e fabricación 4.0, á formación interactiva, á mediación social, á tecnoloxía biométrica e á contribución ambiental.
Son os seguintes:
Xuventude do Concello de Vilagarcía vén de pór en marcha a segunda edición de APPtualízate, un obradoiro sobre as máis novas e innovadoras tecnoloxías dixitais no que se poderán formar 20 mozos e mozas de idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos.
Segundo informa o Concello, trátase dunha nova acción de formación non regrada concibida para mellorar as competencias laborais e a empregabilidade do alumnado. O curso consta de 25 horas lectivas que se impartirán do 2 ao 10 de maio na aula CeMIT do Centro de Formación Permanente de Matosinhos. A participación é de balde, e o prazo de inscrición (que se pode facer en liña a través de Google Docs) remata o 26 de abril.
A organización do obradoiro engade que este está deseñado como un curso introdutorio na temática das novas tecnoloxías e no manexo de ferramentas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Os contidos específicos a abordar abranguen o eido de posta en marcha dunha iniciativa empresarial, as aplicacións móbiles, a programación, a robótica ou o GPS.
A Concellería de Xuventude programa por segundo ano consecutivo esta actividade formativa que terá continuidade no mes de xullo co campamento tecnolóxico de Verán. Ambas iniciativas están integradas no mesmo programa, contan con financiamento da Deputación Provincial de Pontevedra a través do plan Concellos 2018 e serán impartidos pola Asociación O Núcleo.
A Deputación da Coruña vai apoiar a dixitalización e modernización das entidades e comunidades económicas da provincia, poñendo o foco nas ligadas aos sectores que constitúen a base do tecido económico: os sectores do agro e o mar. En total, destinaranse 1,7 millóns a apoiar ás asociacións agrarias e labregas e ás entidades sen ánimo de lucro da provincia que desenvolvan accións de promoción económica. Ao abeiro desta liña de subvencións e investimentos inclúense actividades de asesoramento e formación innovadora ou de fomento do emprego de novas tecnoloxías da información (compra de material e programas, implantación de Internet e aplicacións, etc).
As axudas, cuxo prazo para solicitalas remata o 21 de maio ás 14.00 horas, pediranse de forma telémática a través da plataforma Subtel. As liñas abertas suman un orzamento de 1.250.000 euros, aos que cómpre engadir outros 482.000 que a Deputación destina en 2018 para apoiar ás confrarías de pescadores. O deputado responsable da área de Promoción Económica José Luís García, puxo de relevo a relevancia destas axudas por ir destinadas a apoiar á xente do mar e do campo “nunha provincia como a da Coruña, na que o sector primario é fundamental para o desenvolvemento da nosa economía”. O obxectivo, engadiu, é que estes incentivos “contribuirán a manter a actividade das entidades e a modernizar as súas infraestruturas, facéndoas máis competitivas”.
400.000 euros para apoiar a entidades agrarias
A área de Promoción Económica da Deputación da Coruña destina en 2018 un orzamento de 403.000 euros para apoiar ás entidades agrarias, labregas e forestais da provincia nas súas actividades e investimentos con dúas liñas de subvencións que contan con orzamentos de 285.000 € e 118.000 €, respectivamente.
Entre as actividades e investimentos susceptibles de ser subvencionadas pola Deputación, as bases inclúen as accións tendentes á recuperación e posta en valor dos produtos agrogandeiros locais, o asesoramento e formación para a realización de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica ou mellora da calidade xenética, o fomento do uso das novas tecnoloxías e as enerxías renovables, ou os proxectos orientados ao aproveitamento forestal e á prevención de incendios.
Poderanse co-financiar actividades como construción de peches, acondicionamento de locais, adquisición de equipos e programas informáticos, accións de repoboación forestal, campañas de desbroce, implantación de novos cultivos ou proxectos de modernización de instalacións agropecuarias.
850.000 euros para a promoción económica da provincia
A segunda liña de axudas convocadas hoxe están destinadas ás entidades sen ánimo de lucro da provincia que desenvolvan accións de promoción económica e contan cun orzamento global de 850.000 euros, dos que 500.000 € destinaranse a investimentos e 350.000 € a actividades. O obxectivo é financiar accións tendentes ao desenvolvemento económico, o fomento do emprego, o apoio ao comercio e á hostalaría entre as que se contan a organización de eventos, actividades de dinamización e apoio do comercio local, etc.
No apartado de investimentos, as axudas estarán orientadas á reforma e mellora dos locais sociais da entidades, a implantación de Internet no rural, a adquisición de material informático e a outros equipamentos tecnolóxicos como os TPV para á adaptación ás obrigas de facturación, a mellora das instalacións eléctricas ou a creación e desenvolvemento de páxinas web e aplicacións para móbiles.
Preto de medio millón para as confrarías coruñesas
A Deputación destina tamén este ano 482.000 euros a apoiar ás confrarías de pescadores coruñesas mediante dúas liñas de subvencións que financian actividades e investimentos. As bases especifican que no apartado de actividades, os pósitos poden optar a axudas para a contratación de persoal, a adquisición de sementes de moluscos, o aluguer de maquinaria ou equipamentos precisos para o desenvolvemento das actividades de lonxas ou confrarías.
Na liña de investimentos, as confrarías e agrupacións de mariscadoras coruñesas poden optar a axudas provinciais para o equipamento e explotación do frío industrial en lonxas, a aplicación de novas técnicas que modernicen o proceso produtivo e a comercialización de produtos do mar, a modernización do equipamento das oficinas ou a adquisición de vehículos para mellorar a comercialización ou a vixilancia.
A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés puxo en marcha onte un novo servizo de préstamo en sala de tabletas, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro. Esta nova opción estará a disposición de todos os usuarios e usuarias e permite ampliar os servizos de dispositivos electrónicos, como ordenadores, portátiles e lectores de libros electrónicos, dos que dispón este centro. Desta forma ofrécese unha nova forma de lectura, de acceder á información adaptada ás necesidades de cada usuario. As condicións do citado préstamo serán as mesmas que as dos ordenadores portátiles.
Os datos de balance do ano pasado desta biblioteca pública xestionada pola Consellería de Cultura e Educación, un referente na cidade da Coruña, apuntan a realización de 140.000 préstamos de libros, revistas, cómics, discos, series televisivas e videoxogos. En 2017 o centro coruñés rexistrou preto de 230.000 usuarios, o que supón unha media diaria duns 80 usuarios.
No ano 2017, a biblioteca Miguel González Garcés rexistrou preto de 22.600 participantes nas 246 actividades organizadas por propia iniciativa, ás que hai que sumar outras 186 actividades non organizadas pola biblioteca, pero que se levaron a cabo nas súas instalacións. Os usuarios con carné de socio ou socia da biblioteca en 2017 ascenden a 40.332, o que supón un incremento do 3% sobre os socios do ano anterior. A gran maioría viven na cidade, aproximadamente o 85%, mentres que o resto de usuarios son persoas que se achegan de concellos da área metropolitana.
Entre as actividades máis destacadas atópanse as sesións para formación de usuarios, os cinco clubs de lectura que manteñen activos, as mostras, exposicións e guías de lectura, os cursos de alfabetización dixital e os obradoiros de linguas estranxeiras, impartidos por voluntarios culturais. Así mesmo, a biblioteca tivo unha participación destacada de dinamización e promoción na Feira do Libro da Coruña.