main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

02/05/201810:25
Portada do estudo.
Santiago de Compostela

Máis do 80% das pemes e grandes empresas optan pola banda larga móbil, que xa está presente no 69% das microempresas

  • Increméntase a velocidade de conexión nas microempresas, o 58,4% dispón de máis de 10 Mbps, 9,1 puntos máis que no ano anterior
  • Máis do 25,6% das empresas de 10 ou máis empregados acceden a Internet con redes de 100Mbps ou máis
  • O tecido empresarial galego supera ao conxunto do Estado no uso da Administración electrónica, da sinatura dixital e na incorporación de técnicas de Big Data
  • Máis do 85% das empresas de 10 ou máis traballadores e preto do 40% das microempresas galegas dispón dalgún plan interno de seguridade

 

O 58,4% das microempresas galegas con conexión a Internet posúe velocidades de contratación superiores aos 10 Mbps, 9,1 puntos máis que no ano anterior. No caso das empresas galegas de 10 ou máis empregados, cabe salientar o aumento nas velocidades superiores aos 100 Mbps, que acadan xa unha porcentaxe do 25,6%, 3,3 puntos máis que no ano anterior.

Son datos recollidos no informe “A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia”, correspondente ao ano 2017, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O estudo analiza a integración das TIC no tecido empresarial galego, conformado por un total de 198.923 empresas; 1.385 máis que o ano anterior, das que o 96,3% son microempresas - con menos de 10 traballadores.

 

Aumento da banda larga móbil e das velocidades de contratación de Internet 
A contratación de Internet está amplamente estendida nas empresas galegas, especialmente nas de máis de 10 traballadores onde acada o 98,5%. Nas microempresas, o 62,7% tamén posúen conexión a Internet contratada.

Increméntase o uso de banda larga a través de telefonía móbil. Nas empresas de máis de 10 traballadores, esta porcentaxe acada o 80,5% mentres que nas microempresas con conexión a Internet, a banda larga móbil sitúase no 69,2%.

Tamén cabe destacar que un 58,4% das microempresas con conexión a Internet posúe velocidades de contratación superiores aos 10 Mbps, 9,1 puntos máis que no ano anterior. No caso das grandes empresas, destaca o significativo aumento nas velocidades superiores ao 100 Mbps, que acadan xa o 25,6%, 3,3 puntos máis que no ano anterior.

 

Aumenta o uso de sistemas de control e análise de datos
A porcentaxe de empresas galegas que incorpora a análise Big Data é dun 4,3% nas microempesas, triplicándose no caso de empresas de maior tamaño. Son porcentaxes reducidas pero cunha evolución positiva que sitúa as empresas galegas por riba da media do conxunto do Estado neste indicador.

A sinatura dixital é utilizada por catro de cada cinco empresas de máis de 10 traballadores e por preto da metade das microempresas con conexión a Internet. A sinatura dixital nas empresas galegas supera xa a media de España e destaca, especialmente, o incremento experimentado nas microempresas galegas (7,8 puntos no último ano).

A compra dalgún servizo de Cloud Computing nas empresas galegas de 10 ou máis traballadores aumentou 4,9 puntos porcentuais, chegando a un 16,4% en empresas con sede na nosa Comunidade.

O uso de sistemas de xestión de información do cliente, CRM, está claramente influenciado polo tamaño da empresa. Nas de 0 a 9 traballadores a súa utilización é do 7,6%, mentres que nas empresas de máis de 10 traballadores, acada ao 33,2% en empresas con sede en Galicia.

 

A visibilidade na estratexia empresarial e a publicidade en Internet
Un 33,1% das microempresas con conexión a Internet está presente en redes sociais, e un 42,4% no caso das grandes empresas. A presenza en medios sociais durante o ano 2017 aumenta en 4,5 puntos porcentuais entre as microempresas galegas.

Un 8,5% das microempresas pagan por anunciarse en Internet, se ben esta porcentaxe chega case a triplicarse entre as empresas de máis de 10 traballadores con sede e/ou actividade en Galicia (un 23%).

 

Á cabeza no uso da Administración electrónica 
Máis do 96% das empresas de 10 e máis asalariados interactuou coas Administracións Públicas a través de Internet. No caso das microempresas, a porcentaxe sitúase no 74,6%. Ámbolos tramos empresariais galegos superan a media do conxunto do estado na descarga de formularios e na presentación de impresos cumprimentados.

Con respecto ao comercio electrónico, un 20,5% das grandes empresas con sede e/ou actividade en Galicia venderon a través de Internet fronte ao 2,4% no caso das microempresas. En termos de evolución, o indicador experimenta estacionalidade respecto do ano 2016, tanto a nivel galego como no conxunto de España.

 

Política de seguridade 
A seguridade é un tema vital importancia a nivel empresarial. Así, un 85,2% das empresas de 10 ou máis traballadores e o 39,6% das microempresas galegas dispón dalgún plan interno que defina a súa política neste ámbito.

O gasto total das empresas galegas en produtos ou servizos TIC superou os 202 millóns de euros, se ben as diferencias entre as pequenas e as grandes empresas son novamente sobresaíntes, de xeito que o 69,5% do gasto total foi realizado polas empresas de 10 ou máis traballadores.

02/05/201808:56
Un mozo en cadeira de rodas en metade da rúa.
Santiago de Compostela

Unha nova plataforma sobre información e venda de produtos de apoio

A Federación Nacional Aspaym lanzou unha nova plataforma online que permitirá aos usuarios manterse informados sobre noticias relacionadas coa accesibilidade e produtos de apoio para persoas con discapacidade física.

Ademais, a través deste portal calquera poderá comprar e vender ou difundir produtos e servizos de apoio mediante un taboleiro de anuncios.

A páxina (accesibilidad.aspaym.org) inclúe tamén videotutoriais e testemuños de persoas con discapacidade, familiares ou asistentes persoais, así como información sobre os convenios de colaboración para os socios de Aspaym.

En resumo, unha plataforma tanto de información como de compra e venda de produtos de apoio para persoas con discapacidade física, coa garantía de que está xestionada pola Federación Nacional Aspaym.

30/04/201810:04
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

A Amtega e os Clusters TIC e do eido audiovisual presentan o 2 de maio o plan para impulsar os contidos dixitais en Galicia

  • Exporanse as liñas estratéxicas do DICO Mindset nunha xornada aberta a todos os axentes implicados, que se celebrará na Cidade da Cultura
  • O Plan busca reforzar o capital humano, desenvolver proxectos tractores e fomentar a competitividade dixital dun sector con 900 empresas e máis de 5.000 empregados en Galicia
  • Unha das iniciativas será a incorporación de tendencias interactivas ás emisións da televisión pública autonómica para adaptar a súa oferta aos novos hábitos de consumo

 

A Sala Eisenman da Cidade da Cultura acollerá o vindeiro 2 de maio a presentación do Plan DICO Mindset de impulso aos contidos dixitais aos axentes implicados. Esta estratexia, elaborada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Clúster TIC e co Clúster Audiovisual galego busca posicionar a Galicia neste ámbito, axudando ás empresas de contidos a transformarse dixitalmente para competir.

A estratexia define actuacións en tres eixos: o reforzo do capital humano, o desenvolvemento de proxectos tractores e o fomento da competitividade dixital para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina en torno a 900 empresas con preto de 5.400 empregados.

 

Proxectos Tractores

No encontro, que será inaugurado pola directora da Amtega, Mar Pereira e presidentes dos Clústers TIC e do Audiovisual, Antonio Rodríguez e Jorge Algora respectivamente, detallaranse as liñas estratéxicas do Plan así como os proxectos tractores que ten en marcha a Xunta neste ámbito como o espazo de creación de contidos educativos innovadores ou a iniciativa Geoarpad para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia e o norte de Portugal.

A CRTVG, cuxo director Alfonso Sánchez clausurará a xornada, dará conta da súa colaboración coa Amtega para incorporar tendencias interactivas nas súas emisións, avanzando no posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo de contidos con tres liñas de actuación:

  • Incorporaranse á experiencia de usuario as segundas pantallas con contidos de realidade aumentada e realidade virtual para dispositivos móbiles, sincronizados con programas que se emiten na actualidade.
  • Empregaranse modelos de análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, para crear de canles multimedia adaptados aos comportamentos da audiencia.
  • Crearase unha canle temática interactiva capaz de albergar e producir produtos audiovisuais para o ámbito educativo.

Con estas iniciativas darase un paso máis na adaptación da oferta da televisión pública autonómica á experiencia de usuario que esixe a audiencia, incorporando as posibilidades de interactividade, personalización e especialización que facilita o contexto dixital e internet.

 

Orzamento do Plan

A execución do Plan obedece a unha filosofía de coordinación e colaboración entre distintas entidades do ámbito público (Amtega, Igape, CRTVG, Agadic, etc.), que se estende tamén aos actores do ámbito privado (Clúster TIC, Clúster Audiovisual, empresas tractoras, etc.). En total, DICO Mindset conta cun investimento de máis de 13 millóns de euros, dos que máis de 1,6 millóns de euros se corresponden con capital privado, no período 2018-2020.

30/04/201808:53
Celebración do Día Internacional das Rapazas nas TIC no CITIC.
A Coruña

O CITIC sumouse á celebración do Día das Rapazas nas TIC

Este 26 de abril celebrouse no mundo o Día Internacional das Rapazas nas TIC, e nós estivemos no que foi o epicentro da conmemoración galega: a sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), onde centos de nenas e nenos da nosa terra (in situ e por videoconferencia) departiron e interactuaron con catro representantes femininas do noso sector da innovación e das novas tecnoloxías. Porén, as celebracións da nosa terra non se limitaron ás organizadas en Santiago polo Centro de Supercomputación de Galicia e o CPEIG. Na Coruña, o Centro de Investigación TIC (CITIC) sumouse á xornada un día antes, o 25 de abril, cunha actividade de divulgación dirixida ás crianzas e co obxectivo de alentar o uso das novas tecnoloxías entre as nenas.

No evento organizado polo CITIC, a rapazada gozou dun contacontos sobre biografías de mulleres relevantes no mundo do TIC, senlleiras científicas e desenvolvedoras como Ada Lovelace, a nai da programación informática; Grace Murray, que desenvolveu o primeiro compilador para unha linguaxe de programación ou Hedy Lamarr, inventora da tecnoloxía precursora do Wi-Fi, o Bluetooth e o sistema de localización por satélite GPS.

Para as/os seareiras/os da robótica, celebrouse tamén un obradoiro creativo, que foi impartido polo investigador do CITIC, Javier Pereira, e que contou con LEGO Wedo, Escornabot, Makeblock e Robot Evolution. Tamén houbo marxe para desfrutar con xogos interactivos desenvolvidos con Scratch, nos que tiveron presenza os encerados electrónicos, as lentes con sensores e máis diferentes elementos xerados co MakeyMakey, un produto de hardware aberto que dá a oportunidade de ter unha primeira toma de contacto cunha placa de circuítos impresos.

Segundo informa o CITIC, a nota creativa púxoa o obradoiro de debuxo Que son para ti as TIC?, no que todas as crianzas deixaron voar a súa imaxinación e así contaron a súa relación coa tecnoloxía e a importancia que ten no seu día a día.

27/04/201809:25
Participantes no coloquio do Día Internacional das Rapazas nas TIC.
Santiago de Compostela

As participantes no Día das Rapazas nas TIC decláranlle a guerra á desigualdade nos estudos tecnolóxicos

Os estudos TIC son creativos, abren unha chea de portas, permítenos contribuír a mellorar o mundo e, aínda por enriba, incrementan ao máximo as nosas posibilidades de atopar traballo. Por se isto fose pouco, as profesións relacionadas coas TIC adoitan ser profesións flexibles, que abren a marxe para traballar a distancia e sen limitacións. Con estes outros moitos argumentos as participantes na celebración galega (no CESGA, en Santiago) do Día Internacional das Rapazas nas TIC tentaron (e en certa medida conseguírono) botar abaixo todos e cada un dos argumentos que separan ás nosas mozas dos estudos tecnolóxicos. 

Na cita, impulsada por sexto ano consecutivo polo CESGA (coa colaboración activa do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e con ramificacións cos nosos centros educativos), todas as participantes expresaron o seu desexo de que chegue un día en que non sexa necesario celebrar o Día Internacional das Rapazas nas TIC, por estar normalizada a súa presenza no plano dixital. “Non pode ser que nas aulas dos estudos tecnolóxicos só haxa unha moza por cada quince mozos”, lembrou a directora de GAIN, Patricia Argerey. 

A celebración deste 26 de abril comezou ao fío das 11.00 horas nas dependencias do Centro de Supercomputación de Galicia e, unha vez máis, dirixiuse a alentar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. A xeira de mañá incluíu como de costume un coloquio virtual con varias mulleres emprendedoras galegas: emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), ás que as/os estudantes que fixeron acto de presenza no CESGA (estudantes de primaria e secundaria de Cerceda) ou que se conectaron co centro vía streaming, puideron facer todo tipo de preguntas sobre as súas respectivas experiencias profesionais. 

Previamente ao coloquio houbo unha sesión de apertura na que participaron María José Malmierca, responsable de eLearning do CESGA, Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, e Fernando Suárez, presidente do CPEIG. Segundo fixo saber Argerey, “queremos romper coa tendencia que baleira as aulas de estudos tecnolóxicos de mulleres; estamos aquí para lembrar que nós podemos crear tecnoloxías, dirixir equipos de traballo e levar produtos innovadores ao mercado”. A maiores, alén de poñer o foco no talento das mulleres, recordou que o mercado profesional está a reclamar mozas tecnólogas e que as empresas necesitan delas para acadar graos de competitividade e calidade que doutro xeito non serían posibles: “Van facer falta máis físicas, máis matemáticas e máis informáticas”. E engadiu: “Non é certo que a unha nena á que lle gustan as TIC sexa unha friki, nin, por suposto, hai nada de verdade no argumento de que as nenas teñan menos capacidades”. 

López Abella, pola súa banda, lembrou a importancia do Día Internacional das Rapazas nas TIC. Segundo fixo saber, máis de 300.000 mozas participaron xa na celebración dende os seus inicios, procedentes de 166 países, o que dá unha idea da relevancia deste acontecemento e pon de manifesto que non se trata dun problema local, senón que abrangue todos os países. “O sector das novas tecnoloxías precisa novos talentos”, engadiu, “e aí temos que estar as rapazas”. López Abella tamén puxo o foco na importante contribución do CPEIG para visualizar as grandes contribucións das mulleres á sociedade dixital e ao seu desenvolvemento, e puxo como exemplo deste compromiso o Premio Ada Byron, que convoca anualmente o colexio para mostrar profesionais galegas referentes nas TIC e distinguir as súas achegas e o seu traballo normalizador. 

Logo das presentacións foi a quenda do coloquio coas profesionais convidadas, comezando a rolda de relatorios Susana Rey, enxeñeira en Telecomunicacións, máster en Seguridade da Información e responsable de Seguridade en R. Susana falou das orixes mesmas da súa vocación tecnolóxica (dende nena amañaba cousas), dos seus estudos (de Telecomunicacións) e dos seus primeiros pasos profesionais, que non estaban ligados á protección dos datos e das tecnoloxías, senón a garantir que os usuarios de R tiveran os mellores servizos de rede posibles. Segundo fixo saber, o seu rumbo profesional virou logo dun ataque masivo que deixou a medio mundo sen conexión e que lle mostrou a importancia da seguridade informática para garantir non só a actividade das empresas senón do progreso tecnolóxico en si mesmo. Na súa opinión, o termo “hacker” non significa algo malo, senón que alude a unha persoa que atesoura tantos coñecementos tecnolóxicos que é quen de facer con eles cousas que os creadores de tecnoloxías non foron capaces de prever”. Isto pode ser orientado cara ao negativo, pero acada grandes cotas de relevancia cando é encamiñado cara ao ben. Este eido de acción, dixo, é sen dúbida unha gran oportunidade de traballo para as nosas mozas. 

A seguinte en intervir foi Cecilia Grela, enxeñeira en Informática, máster en Consultoría en Software Libre e desenvolvedora de programas en múltiples proxectos de I+D+i (entre outros, o ICT-Go-Girls!), así como formadora en TIC. Cecilia falou dos porqués do seu rumbo profesional (tamén era unha nena que tentaba amañar todo canto aparello electrónico ou eléctrico caía nas súas mans, incluído o seu primeiro computador) e lembroulles ás mozas que participaron na actividade do CESGA que a informática “está en todos lados”, e máis que estará, mesmo nas pequenas cousas e nos obxectos máis teoricamente insignificantes da nosa vida cotiá, dende o noso sistema doméstico de calefacción até a nosa neveira, que coas novas tecnoloxías de acceso á Rede e de intelixencia nas máquinas pode chegar a ofrecernos as mellores suxestións gastronómicas do día tendo en conta o que acubilla no seu interior. Neste espallamento das TIC cara ao máis inmediato, sinalou, tamén hai un importante nicho profesional e unha palestra de talento para a nosas rapazas. 

A continuación foi a quenda de María José Durán, enxeñeira en Informática e fundadora da tenda en liña Potingues Verdes. María José comezou o seu relatorio facendo un percorrido polos seus estudos e polas razóns que a levaron a pór en marcha un establecemento en liña de cosméticos ecolóxicos. “O bo dos estudos TIC”, sinalou, “é que che permiten facer calquera cousa que se ocorra”, mesmo darlle soporte tecnolóxico a unha empresa. Segundo fixo saber, as carreiras tecnolóxicas teñen unha manchea de saídas profesionais e mostran un número salientable de camiños a percorrer. “Xa que a informática está en todos os recantos”, explicou, “podemos traballar no ámbito que queiramos, facer todo o que se nos ocorra, mesmo sermos empresarias”. 

A rolda de presentacións pechouna Ana Cidre, experta en desenvolvemento de tecnolóxica, organizadora de GDG Vigo e fundadora do grupo GalsTech. Ana falou dos seus estudos (grao en Belas Artes e máster en negocios e economía internacional) e da súa actividade presente (a día de hoxe é desenvolvedora de software especializada en Angular). Respecto dos porqués de terse orientado cara as TIC logo de ter estudado Belas Artes, sinalou que “non sempre tes que saber exactamente o que queres facer”, e que ás veces a resposta aparece logo, no medio do camiño. Porén, sinalou, “o importante é non ter límites e non negarnos a facer cousas novas, como, no meu caso, escribir códigos informáticos e manexar computadores”. Segundo deu a entender, non hai unha gran distancia entre a carreira de Belas Artes e as carreiras tecnolóxicas, todas elas teñen en común ser moi creativas e abrir unha chea de portas. Asemade, salientou que o traballo TIC sexa moi flexible, “e malia que ás veces hai que estar en persoa nas dependencias dunha empresa”, permítenos en determinadas ocasións e para determinadas tarefas estar desenvolvendo o noso labor a distancia. 
Todas elas coincidiron en que non lles resultou complicado atopar traballo. 

Logo do xantar
Pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas, celebrarase unha xornada de portas abertas con actividades TIC divertidas para mozas e mozos de entre 10 a 14 anos: demostracións e obradoiros de impresión 3D, realidade virtual e aumentada, arte dixital, programación, robótica, e, por suposto, unha visita guiada ao corazón do CESGA, o supercomputador Finis Terrae 2.

Para esta actividade cóntase co apoio das seguintes entidades: Xunta de Galicia (GAIN, Secretaría de Igualdade, Consellería de Educación e AMTEGA), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Educación, Oficina de Igualdade de Xénero, Woman Emprende), a Universidade da Coruña (Facultade de Informática) e GalsTech, o Grupo de mulleres interesadas en tecnoloxía de Galicia.

O evento a nivel internacional vén da man da International Telecommunications Union (ITU). 

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é impulsor do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Secundaria a través das TI) xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC.
Amais das ditas entidades, tamén ten colaborado nas actividades o Concello de Santiago, sumándose deste xeito a esta fronte común contra a fenda dixital de xénero.

Contra os prexuízos e as ideas preconcibidas
A cita do 26 de abril é unha actividade de gran importancia para o desenvolvemento da nosa terra no ámbito informático. En concreto, diríxese a combater tendencias, prexuízos e estereotipos e incrementar a presenza feminina no ámbito profesional TIC galego, unha presenza sen a cal (sinxelamente) a sociedade dixital non dará avanzado nin progresado. A xornada tamén pon de relevo cifras inadmisibles, como por exemplo a que reflicte a porcentaxe profesional feminina no ámbito da creación de ferramentas e contidos dixitais, que é só do 9%.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS