main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

03/12/201810:07
Centro Ágora.
A Coruña

O Centro Ágora da Coruña acollerá un obradoiro de mapeo de innovación veciñal

O Centro Ágora será en decembro unha cita para os seareiros e profesionais das ferramentas tecnolóxicas que conflúen e interactúan co social, o xeográfico, o participativo e o cartográfico. Estamos a falar do obradoiro Mapeo, cartografía de colectivos e iniciativas cidadás, que se celebra os días 14 e 15 no devandito centro coruñés. Trátase, en palabras do Concello, dun taller de balde e aberto que busca poñer no mapa (e nos móbiles) e mostrar as iniciativas de innovación impulsadas a día de hoxe pola veciñanza do termo municipal. 

O taller, promovido polo proxecto Innovación Ciudadana da Secretaría General Iberoamericana, conta co apoio da Concellería de Participación e Innovación Democrática a través do Laboratorio Cidadán da Coruña. Segundo explicou a concelleira Claudia Delso, a actividade prosegue a amplia liña de traballo do Co-Lab, o laboratorio cidadán coruñés, e pretende salientar as experiencias, espazos e iniciativas urbanas de innovación que nacen da propia acción dos residentes da Coruña. 

Segundo explicou, o obradoiro tamén abordará a aplicación dos obxectivos de desenvolvemento sustentable na cidade a través das propostas veciñais. Isto farase tanto no plano analóxico (mediante o taller de mapeo) e no dixital (incluíndo os proxectos na plataforma interactiva CIVICS, que pretende xerar unha cartografía global destas prácticas para artellar colaboracións internacionais e que acubilla xa máis de 4.000 accións sociais localizadas en 30 concellos de toda Iberoamérica). 

O Taller de Mapeo desenvolverase na tarde do venres 14, de 16.00 a 20.00 horas, e o sábado 15 de 10.00 a 14.00 horas. Para máis información e inscricións, pódese visitar a web de Innovación Cidadá.

03/12/201810:03
Cartel da iniciativa.
Madrid

Odismet, a ferramenta máis útil para coñecer a situación das persoas con discapacidade

  • O Observatorio sobre Discapacidade e Mercado de Traballo da Fundación ONCE, está cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

 

Odismet, o Observatorio sobre Discapacidade e Mercado de Traballo, da Fundación ONCE, converteuse na ferramenta máis útil e integradora de toda a información relativa ás persoas con discapacidade e a súa relación co emprego, e nun referente para o mundo académico, asociativo, institucional e empresarial.

Así o dan a coñecer a Fundación ONCE e Inserta Emprego, coincidindo coa celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade hoxe 3 de decembro.

O observatorio de Odismet nútrese das principais estatísticas oficiais sobre discapacidade e ofrece unha descrición detallada e exhaustiva sobre o colectivo e o seu contexto socio laboral.

Ademais Odismet, conta cun banco de datos con case cen indicadores, 14 dos cales son interactivos de forma que o usuario pode xerar consultas a medida, e con máis de 130 títulos na súa biblioteca virtual.

Así mesmo Odismet dispón de epígrafes específicos para xénero, idade e comunidades autónomas e ofrece información segmentada por distintas variables que proporcionan datos para subgrupos concretos. As análises evolutivas de cada indicador posibilitan un seguimento sinxelo e continuado dos avances alcanzados en materia de integración e os arquivos adxuntos descargables en Excel e PDF de cada indicador facilitan a accesibilidade á información.

En definitiva, Odismet é unha plataforma que se conforma como o principal referente para a análise do emprego das persoas con discapacidade a nivel estatal xa que procura simultaneamente a xestión do coñecemento e a sensibilización cara ás persoas con discapacidade e as súas circunstancias desfavorables en numerosos ámbitos.

 

Radiografía da discapacidade en España

En España rexístranse un total de 1.840.700 persoas con discapacidade en idade laboral, un colectivo que crece de maneira constante e este ano rexistra 65.900 persoas máis que no anterior exercicio.

En canto á súa idade, o 70% ten entre 45 e 64 anos. Só unha de catro persoas con discapacidade ten emprego ou, dito doutro xeito, máis de 140.00 delas son parados, o 56% de longa duración. Con todo, durante o ano 2017 realizáronse 308.376 contratos a persoas con discapacidade. As mulleres acumularon o 38,4% e os mozos o 6,8%, datos que evidencian a multidiscriminación dentro do colectivo. Ademais, a pesar da existencia de contratos indefinidos bonificados, o 90,3% foron de temporais e a contratación en centros especiais de emprego aglutina o 25% do total.

 

Salario

O salario medio bruto anual das persoas con discapacidade sitúase en 19.298 euros, 3.976 menos que a poboación sen discapacidade e desde 2010 reduciuse en 1.265 euros. No caso das mulleres, os mozos e aqueles con discapacidade intelectual, a redución salarial é aínda maior. A taxa de autoemprego do colectivo sitúase no 12%, o que supón 4,7 puntos porcentuais menos que o resto da poboación. O 30,9% das persoas con discapacidade atópanse en risco de pobreza ou exclusión social. O feito de ter un emprego remunerado non garante unha situación económica solvente como lle ocorre ao 14,5% das mesmas.

 

Formación

Atendendo aos niveis de formación, o 56,2% contan con estudos de nivel secundario, o cal apunta a unha mellora relevante na súa cualificación, debido a que en 2008 o dato era do 38,4%. Segmentando por xénero, as mulleres teñen estudos superiores en maior proporción que os homes (16,8% fronte a 13,6%).

Así mesmo, hai 206.493 alumnos con necesidades educativas especiais e un 83% deles, cursan os seus estudos en centros de carácter integrado. Odismet enmárcase nos programas operativos de Inclusión Social e da Economía Social (Poises) e de Emprego Xuvenil (POEJ), que está a desenvolver a Fundación ONCE a través de Inserta, coa cofinanciación do Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, para incrementar a formación e o emprego das persoas con discapacidade.

03/12/201809:52
Unha parella de maiores camiña por unha cidade galega. // Bernabé / Luismy
Santiago de Compostela

Búscanse avós: razón, internet

  • Unha empresa galega une a maiores con potenciais netos
  • 700 familias anotáronse xa
  • É un dos proxectos apoiados no "Vodafone Connecting for Good Galicia"

Nin un avó sen neto nin un neto sen avó. Podería ser o slogan da plataforma dixital "Quero un avó" coa que a granadina Leticia Jiménez une desde Galicia (Narón) o destino de maiores de todo o país dispostos a asumir o reto e de familias desexosas de que os seus pequenos conten con esa figura de referencia, pero ou carecen dela ou non a teñen preto. Por agora, animáronse a dar o paso e a anotarse como potenciais aspirantes a exercer de avós ao redor de 450 persoas de toda España, aínda que a demanda supera á oferta: 700 familias esperan por un.

Os requisitos dos aspirantes a avós son simples: ter 50 ou máis anos, que lles gusten os nenos e tempo dispoñible, como explica Jiménez na súa web, onde aclara que a filosofía de "Quero un avó" non ten nada que ver cun canguro, senón con "fomentar" unha "relación sentimental a longo prazo de respecto e agarimo". Con todo, en Galicia a súa plataforma aínda non logrou demasiados candidatos, non chegan a 20, cando as familias roldan o centenar. Atribúeo a unha fenda dixital entre os maiores, pero tamén a algo cultural.

A promotora destes encontros aínda non atopou ao seu candidato ideal, iso que a idea xurdiu ao detectar na súa vida a necesidade. "Son de Granada e vivo en Narón. Aquí tiven á miña filla e por propia experiencia empecei a botar moito de menos e a valorar o que significa un avó na vida dun neno", explica.

O seu proxecto é un dos cinco seleccionados na terceira edición de "Vodafone Connecting for Good Galicia", unha iniciativa na que a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e GAIN, e a Fundación Vodafone van da man para apoiar proxectos emprendedores que contribúan á innovación social con uso da tecnoloxía.

A selección do proxecto implica beneficiarse dun plan de formación de medio ano, no que Leticia espera que a axuden a buscar "rendibilidade" á súa iniciativa para poder mantela, e dous mil euros de apoio para a súa posta en marcha, que poden ser 25.000 máis, se consegue alzarse como o "mellor".

Os outro catro proxectos elixidos, segundo a Amtega, repártense de forma proporcional no campo de acción do rural e da sanidade. No primeiro caso estarían CropDeal e feedcoo. CropDeal é unha plataforma de oferta e demanda por volume que garante a calidade e optimiza a venda das materias primas agrarias sen intermediarios. Tamén sería unha plataforma dixital feedcoo pero buscaría favorecer o asociacionismo dos pequenos produtores rurais para crear un colectivo dixitalizado que lles permita acceder aos servizos necesarios para producir "a unha escala global e cun custo mínimo". Inclúe micromecenazgo para produtos novos.

No ámbito da sanidade, estarían Atlante Medical, que sería unha plataforma online de xestión de medicina dixital e funcionaría como fonte de comunicación entre hospitais, laboratorios e outros axentes do sistema, e FisioAdvisor, que plante unha plataforma online de procura de fisioterapeutas colexiados na que o usuario pode consultar a reputación derivada dos seus tratamentos con outros pacientes.

03/12/201809:21
Momento da presentación.
Lugo

O CEI Nodus de Lugo converteuse en referente da innovación en feminino

O CEI Nodus de Lugo rebordou o venres de capacidades innovadoras en feminino: tanto entre as relatoras da Mesa Talento en Feminino como entre o público. A cita veu da man da Concellería de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, xunto coa Asociación de Mulleres Empresarias, co obxecto de mostrar e fomentar o espírito innovador das nosas emprendedoras. A inauguración correu a cargo de Ana Prieto, que deu paso á presentación de tres proxectos de éxito postos en marcha por outras tantas mulleres.

Trátase de Mónica Pérez, fundadora de Triesfera, unha empresa de deseño e impresión en 3D que saíu do plan de apoio ao emprendemento Inicia Coworking do Concello; Noemí Bellas, fundadora de Libolis, a primeira escola de emprendemento para nenas e nenos de Galicia (e un dos principais puntais dos obradoiros de tecnoloxías e robótica Crea R); e Maruxa García, xerente e cofundadora de Tastelab, a primeira empresa de tecnoloxía de análise sensorial de España, spin-off do Campus Terra.

No acto, Prieto amosou o apoio do Goberno local a todas aquelas iniciativas, actividades e ideas que impulsen o emprendemento, en especial o feminino, ao tempo que destacou o papel de visualización que se consegue con este tipo de xornadas, coas que se lembra e homenaxea a todas aquelas mulleres innovadoras, que axudaron e axudan co seu talento ao avance da sociedade.

03/12/201809:12
Mans sobre o teclado dun portátil.
Carballo

Carballo contará cun espazo de emprendemento TIC impulsado pola Deputación

A Deputación da Coruña vén de dar un paso importante para facer medrar na provincia o traballo cooperativo e, en consecuencia, o emprendemento, a innovación, o pulo ao talento e a chegada de novas tecnoloxías ao mercado. En termos máis concretos, a entidade provincial aprobou a posta en marcha dunha rede provincial de centros traballo colaborativo para emprendedores, unha rede que xa comezou a fraguarse coa recente rehabilitación do Pazo de Arenaza (Oleiros) pero que agora estende as súas pólas cara a novos concellos (Boiro, Brión e Carballo) e, por suposto, novos horizontes. A iniciativa, incluída no Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, foi aprobada por unanimidade no pleno do venres. O centro de Carballo dará acubillo a 18 empresas do ámbito tecnolóxico. 

O obxectivo a curto prazo, é que os ditos concellos coruñeses conten con centros de características semellantes ao de Oleiros, definidos por sectores e con cobertura comarcal, nos que a Deputación investirá máis de 305.000 euros. “O noso obxectivo é acompañar aos emprendedores na posta en marcha dos seus proxectos, prestarlles servizos e permitir que compartan experiencias, creando sinerxías e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento dos seus proxectos”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso. Polo que respecta aos obxectivos a medio e longo prazo, o que se busca é crear unha extensa rede integral de espazos de traballo cooperativo e innovador, fixando “uns mecanismos de coordinación e colaboración comúns para a prestación de servizos ás empresas e emprendedores, que estará dotada con recursos suficientes para que estes servizos sexan eficientes e de calidade”. A Rede Provincial de Espazos de Traballo aglutinará tanto espazos de traballo existentes coma de nova creación, con independencia da súa tipoloxía (viveiros de empresas, centros de negocio e coworking).

Emprende LAB-Barbanza
Polo que se refire ao centro de Boiro, trátase do proxecto Emprende-LAB Barbanza, un espazo para o fomento e a creación e aceleración de novas empresas relacionadas con sectores estratéxicos para a comarca coma o conserveiro e de transformación de produtos do mar, o hostaleiro e o turístico. O espazo emprazarase nun local do polígono industrial de Espiñeira propiedade do Concello de Boiro, con 283 metros cadrados de superficie útil, que contará con 5 oficinas, sala de recepción, servizo de reprografía e sala para xestión e presentación de proxectos, así coma aseos e zonas comúns. O convenio coa Deputación para este centro inclúe asistencia técnica para a dinamización empresarial (EmprendePoint), sostemento dos gastos correntes da instalación e actividades formativas que incluirán obradoiros, traballo en rede, programas de mellora de xestión empresarial e de asesoramento e seguimento e apoio para proxectos emprendedores.

 

Transformando en Brión
O Concello de Brión, co proxecto Espazo Colaborativo Transformando en Brión, aposta por “un ambicioso proxecto que contribuirá á mellora e modernización do sector primario”. Este espazo, en palabras da Deputación, será “pioneiro en Galicia e a súa actividade principal será a transformación de alimentos do sector primario de produtores locais dos municipios da comarca de Santiago”. O espazo, que se instalará na área comercial Monte Balado, contará cunhas instalación específicas para todo o proceso de transformación e contará co seu propio rexistro sanitario.

 

Carballo e o sector tecnolóxico
Pola súa banda, o centro de Carballo estará orientado ao sector tecnolóxico e as empresas innovadoras. Emprazarase no complexo do Fórum Carballo, que abrangue cinco inmobles enfocados á prestación de servizos relacionados coa formación e o emprego nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte. O espazo da Deputación localizarase nun área de 156 metros cadrados do segundo andar do edificio 1. Terá capacidade para a instalación de 18 emprendedores, ademais de dispor de recantos para un/unha técnico de dinamización e un/unha auxiliar administrativo/a. Por outra banda, o espazo de traballo cooperativo tirará proveito das infraestruturas do Fórum Carballo que sexan precisas para desenvolver as súas actividades (salas de formación, auditorio, salas de reunións, despachos...) Nesta primeira fase levaranse a cabo accións de adecuación das instalacións do Fórum para acoller o centro, contratación do persoal encargado da xestión do centro e elaboración do regulamento de funcionamento do centro. Nunha segunda fase levarase a cabo o proceso de captación e selección dos usuarios, a implantación da imaxe corporativa e accións de promoción e difusión. No último treito do proceso, o equipo técnico avaliará as necesidades específicas dos proxectos empresariais implantados e “desenvolverá un programa formativo e traballos de mentoring para a consolidación e desenvolvemento dos proxectos empresariais”, informou a Deputación da Coruña. 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS