main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

04/12/201814:24
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá, en Santiago de Compostela, na quinta xornada de ‘O mundo que vén’.
Santiago de Compostela

Conde asegura que o diálogo social é imprescindible para afrontar o emprego que vén que está marcado pola transformación tecnolóxica

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá, en Santiago de Compostela, na quinta xornada de ‘O mundo que vén’
  • Asegura que a transición tecnolóxica é unha oportunidade para que as empresas innoven e aposten por un emprego cualificado que redunde na mellora da súa competitividade
  • Neste contexto de cambio, a Xunta aposta por facilitar o impulso da Industria 4.0, incentivar a formación e apoiar a innovación aberta

 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou esta mañá en Santiago de Compostela, durante a celebración da quinta xornada O mundo que vén, que o diálogo social é imprescindible para afrontar o emprego do futuro e que este sexa inclusivo e integrador, nun contexto marcado pola transformación dixital.

O conselleiro valorou esta transición tecnolóxica como unha oportunidade para que as empresas sexan más innovadoras e para que aposten por un emprego cualificado que mellore a súa competitividade. Neste sentido, explicou que a tarefa da Administración é facilitar o impulso da Industria 4.0, incentivar a formación e apoiar a innovación aberta.

Así, desde a Xunta destinaranse 40M€ no orzamento de 2019 a impulsar a dixitalización das empresas e 145M€ a formación, en programas como as Unidades Formativas en Empresas ou o Plan Galego de Formación, xa que para o conselleiro a formación e orientación dos plans de estudos cara este novo contexto laboral serán a peza fundamental para conseguir que a automatización se traduza nunha oportunidade para potenciar o emprego cualificado: “A tecnoloxía non destrúe emprego, aínda que as capacidades que se requiren cambian”, afirmou e insistiu na necesidade de evitar unha fenda dixital na industria.

Conde avogou por axudar ás empresas a dar o salto dixital, axudar aos traballadores e traballadoras a formarse, impulsar a innovación e transferencia de coñecemento e consolidar un ecosistema de innovación que dea soporte ao avance da Industria 4.0.

04/12/201810:27
Presentación da XuvenLugo.
Lugo

Os videoxogos tamén terán cabida en XuvenLugo

Esta semana, o mércores, abre as súas portas o salón XuvenLugo, sen dúbida unha das actividades estrela deste Nadal para a rapazada e as súas familias. E por que motivo? Pois, en primeiro lugar, porque o programa de accións e recantos de lecer é tan extenso, que practicamente non quedará ámbito de actividades por cubrir. Mesmo haberá un recanto para os videoxogos e a temática dixital. Segundo fixo saber a organización (Deputación, Concello e Pazo de Feiras e Congresos), a previsión este ano é a de conseguir a asistencia de 20.000 persoas

Sen dúbida un dos puntos fortes da cita é as posibilidades de conciliación laboral e familiar que pon en xogo XuvenLugo, achegando aos pequenos un espazo de divertimento, formación e lecer mentres a vida laboral de nais e pais prosegue. 

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López, presentaron este luns a programación para esta nova edición, que terá lugar do 5 de decembro ao 7 de xaneiro en dous pavillóns e un corredor do Pazo de Feiras e Congresos. Ao acto tamén asistiu un representante de Caixabank, patrocinador da cita. 

Santos Ramos subliñou o carácter educativo e lúdico de XuvenLugo, “un espazo no que pode convivir e participar toda a familia”; así como o éxito que vai gañado ano tras ano o acontecemento, con máis de 15.000 visitantes a pasada edición e agardando este ano a visita de 20.000 persoas.

XuvenLugo, que conta cunha colaboración conxunta de 15.000 euros da entidade local e provincial, abrirá as súas portas en xornada de tarde, de 16:30 horas a 20:30 horas, nas seguintes datas: do 5 ao 9 de decembro, do 14 ao 16 de decembro; do 21 ao 23 de decembro; do 25 ao 30 de decembro; do 1 ao 4 de xaneiro de 2018; e 6 e 7 de xaneiro de 2018; con prezos atractivos. 

Amais dunha manchea de actividades e recantos relacionados cos xogos tradicionais, acubillará un espazo adicado ao lecer dixital. Estará situado na Área Lúdica e consistirá nunha zona de xogos recreativos no que, segundo apuntaron os organizadores, as rapazas e rapaces participantes terán a oportunidade de converterse en protagonistas de videoxogos.

04/12/201810:20
Cartel da iniciativa.
Segovia

Os reis meigos celebran o día da discapacidade aprendendo lingua de signos

Nestas datas xúntanse a celebración este luns do Día Internacional das Persoas con Discapacidade e o inicio da campaña do Nadal, e por esa razón uns dos personaxes máis famosos do Nadal, os Reis Meigos, decidiron aprender lingua de signos.

Para aprender a comunicarse coa Lingua de Signos Española (LSE), as súas maxestades de Oriente utilizaron a tecnoloxía desenvolvida por Showleap, e que lles permitirá comunicarse con miles de nenos con discapacidade auditiva.

Desta forma, neste nadal os Reis Meigos poderán falar directamente a través do proxecto Ilusión Colectiva - Os Reis Meigos TV, posto en marcha pola Asociación Cultural LP (ACLP), con calquera neno con discapacidade auditiva a través da lingua de signos.

Os pais dos nenos que queiran participar e recibir unha videochamada dos Reis Meigos só terán que poñerse en contacto coas asociacións participantes ou a través da páxina web de ShowLeap, seguindo esta ligazón.

A maxia do Nadal e a tecnoloxía únense así para celebrar este Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

04/12/201810:04
Mosaico de fotografías en branco e negro de persoas con discapacidade.
Madrid

A Fundación Vodafone España transforma no último ano a vida de máis de 65.000 persoas con discapacidade

  • Con motivo do día Internacional das Persoas con Discapacidade, a Fundación Vodafone pon en marcha o #RetoConecta2 para dar visibilidade aos testemuños de persoas cuxas vidas se viron transformadas grazas á tecnoloxía

 

No marco do día Internacional das Persoas con Discapacidade, a Fundación Vodafone España fai balance das actividades realizadas no último ano e que teñen un impacto directo na vida das persoas con discapacidade. Así, a vida de máis de 65.000 persoas viuse beneficiada grazas á participación nos seus programas e iniciativas.

 

Programas de formación para persoas con discapacidade

Máis de 4.000 persoas puideron gozar dos distintos programas de formación que a Fundación Vodafone España puxo en marcha no último ano, da man das principais entidades que traballan no ámbito da discapacidade.

Así, destaca, por exemplo, o curso oficial de pilotos de drons impulsado coa Federación de Asociacións de Persoas con discapacidade Física e Orgánica da Comunidad de Madrid (FAMMA-Cocemfe Madrid) no que se graduó, no mes de setembro, a primeira promoción de persoas con discapacidade como pilotos de drons.

Outro dos programas onde participaron case 1.000 persoas con discapacidade no último ano é "Yo me prep@ro", impulsado xunto con DOWN ESPAÑA e que na actualidade vai pola súa quinta edición. O obxectivo do programa é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso adecuado das TIC, todo co obxectivo de axudalos a salvar a fenda dixital que lles pode condicionar á hora de atopar un posto de traballo normalizado, mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.

Na presente edición, como novidade, o programa incorpora a realidade virtual como ferramenta para mellorar o acceso ao emprego das persoas con discapacidade intelectual.

 

Proxectos de transformación dixital

No marco de "Conectados pola Accesibilidade", unha iniciativa da Fundación Vodafone España e que conta co apoio doutras organizacións que traballan para mellorar a calidade de vida das persoas con algún tipo de discapacidade, levaron a cabo 22 proxectos de transformación dixital para afrontar o reto da transformación dixital accesible. Grazas a estes proxectos máis de 2.500 persoas con discapacidade foron beneficiarias directas e usuarias activas das aplicacións comprendidas na comunidade.

No último ano, participaron na comunidade máis de 120 entidades locais. "Conectados pola Accesibilidade" púxose en marcha pola Fundación Vodafone España co apoio de Plena Inclusión España, Down España, Orde Hospitalaria San Juan de Deus, FEDACE, Confederación ASPACE e Hospital Vall D'Hebrón.

 

Apps accesibles

Dentro da Fundación Vodafone promóvese e apóiase o desenvolvemento de apps accesibles que de maneira rápida e sinxela ofrecen solucións de acceso a información útil para persoas con discapacidade e persoas maiores, sempre cumprindo os principios de Deseño para Todos e Accesibilidade Universal.

Estas aplicacións buscan mellorar o acceso de distintos colectivos ás funcionalidades que ofrecen os dispositivos móbiles, por exemplo EVA Facial Mouse que, con máis de 3 millóns de descargas, permite o acceso ao móbil só co movemento da cabeza destinado a persoas que non teñen destreza nas mans para utilizar unha pantalla táctil.

Ademais, promóvense aplicacións que lles faciliten o día a día no acceso á información como Medicamento Accesible Plus que permite acceder á información dos prospectos dos medicamentos, Text2sign para obter información traducida en lingua de signos sobre textos administrativos de difícil comprensión ou TUR4all, a plataforma que ofrece información sobre os establecementos turísticos accesibles.

Así mesmo, apóianse os desenvolvementos de aplicacións que fomenten o lecer inclusivo con xogos como Bocciapp ou SpeedStar, que son xogos nos que todos poden participar, xa que son accesibles para persoas con discapacidade, como parálise cerebral ou lesión medular.

No último ano, máis de 57.000 persoas descargaron algunha das apps accesibles.

 

#RetoConecta2

Con motivo do día Internacional das Persoas con Discapacidade, a Fundación Vodafone España lanza o #RetoConecta2 para dar visibilidade aos testemuños de persoas cuxas vidas cambiaron grazas á tecnoloxía. Así, aquelas persoas que participasen nalgún dos proxectos e programas que se impulsan desde a Fundación Vodafone, poderán subir o seu vídeo testemuño ás redes sociais contando a súa experiencia en relación a como a tecnoloxía cambiou a súa vida grazas a Fundación Vodafone España.

O testemuño que máis retuits consiga, gañará un premio de 3.000€ para a entidade á que pertence. Ademais, todos os que participen optarán a un premio de 1.000€ para a súa entidade.

Máis información: https://twitter.com/FundVodafone

04/12/201809:57
Neno xordo coa súa nai usando a app nun smartphone.
Madrid

Huawei lanza unha 'app' para axudar a ler aos nenos xordos

  • Esta nova aplicación, dirixida a nenos de entre tres e sete anos e que xa se pode descargar de forma gratuíta a través de Google Play Store e de Huawei AppGallery, conta coa axuda de 'Star', o avatar que traduce as palabras do conto 'Onde está Spot?' á lingua de signos e abre así o mundo dos libros aos nenos xordos.

 

O funcionamento é moi sinxelo: o neno ou o pai abre a aplicación e fai clic no libro, logo sostén o seu teléfono Huawei sobre a páxina e o avatar traducirá o conto en lingua de signos á vez que as palabras impresas vanse resaltando.

Huawei, que utilizou intelixencia artifical para este proxecto, contou coa colaboración da Unión Europea de Xordos e as súas respectivas organizacións locais en Europa Occidental, como a española Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE), así como coa editorial Penguin Random House e con Aardman Animations.

"En Huawei cremos no poder da intelixencia artificial e en que a tecnoloxía pode cambiar positivamente o mundo. Desenvolvemos 'StorySign' para axudar a abrir o mundo dos libros aos nenos xordos e facer posible que gocen da maxia dos contos xunto ás súas familias. Confiamos que, ao crear conciencia sobre os problemas da alfabetización dos nenos xordos, conseguiremos animar a máis xente a colaborar con este proxecto a través dos numerosos socios cos que estamos a traballar en toda Europa", sinalou Andrew Garrihy, director de Márketing de Huawei para Europa Occidental.

Unha trintena de nenos xordos europeos xa puideron probar esta 'app' en Saariselkä (Finlandia), a localidade na que vive Papa Noel, porque como explicou Peter Gauden, xerente senior de márketing da compañía, "a educación é o mellor agasallo para todos os nenos". Olíver, o fillo de Arancha Díaz, responsable de Familias e Educación da Fundación CNSE, foi un dos poucos nenos xordos españois que probou nesta localidade finlandesa a aplicación e confesou a Servimedia que "me gustou moito e, sobre todo, gústame porque podo ler o conto cos meus pais".

A súa nai agradeceu o interese e o traballo feito por Huawei,  porque "a aplicación está moi ben feita". De momento só funciona cun conto, pero a compañía espera que esta 'app' sexa a primeira pedra para seguir traballando en máis proxectos de inclusión social. "A través de 'StorySign', Huawei está a utilizar o poder da súa intelixencia artificial e a súa tecnoloxía innovadora de maneira significativa", manifestou Mark Wheatley, director executivo da Unión Europea de Xordos. "Estamos seguros de que esta ferramenta terá un impacto significativo na comunidade xorda, axudando a máis nenos xordos a aprender a ler ao mesmo nivel que os nenos sen problemas auditivos. Tamén esperamos que o lanzamento de 'StorySign' xere máis conversación sobre a importancia da igualdade das persoas xordas en toda Europa en todos os aspectos das súas vidas".

 

Doazóns

Huawei España colabora coa CNSE no apoio e difusión deste proxecto, que ten como obxectivo favorecer un acceso sen barreiras á lectura para os nenos xordos e conseguir doazóns para futuros proxectos relacionados con este ámbito.

En España hai 1.064.000 persoas xordas, das cales un 7% teñen entre 6 e 15 anos. Moitos nenos xordos teñen dificultades para aprender a ler porque non conseguen unir palabras e sons, nin tampouco escoitar aos seus pais cando lles len un conto á hora de durmir. Ademais, para un neno xordo as palabras escritas non se traducen directamente en signos, o que implica unha dificultade engadida.

A aplicación 'StorySign', xunto cun 'smartphone' e un libro físico, axuda a pais e fillos a aprender a ler dunha forma máis sinxela.

As funcións de Recoñecemento de imaxe e Recoñecemento óptico de caracteres (OCR) foron optimizadas utilizando a intelixencia artificial de Huawei para crear a mellor experiencia de lectura posible. O recoñecemento de imaxe permite que o 'smartphone' recoñeza as palabras en cada páxina, mentres que o OCR asegura que a aplicación funcione con maior precisión.

O rendemento da intelixencia artificial tamén permite aumentar a velocidade á que se cargan as páxinas do libro na aplicación, evitando que os nenos teñan que esperar para descubrir que sucede a continuación en cada capítulo do conto.

Ao longo do mes de decembro poderanse realizar doazóns a través desta web, que se destinarán ao apoio de proxectos de alfabetización de nenos xordos en toda Europa, entre os que se atopan o desenvolvemento de máis contos para 'StorySign'.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS