main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

21/08/202307:58
Cartel da iniciativa.
Guitiriz

A Aula CeMIT de Guitiriz comeza setembro cun obradoiro creativo sobre tecnoloxías disruptivas

Aula CeMIT do Concello de Guitiriz acolle o vindeiro 2 de setembro, en horario de 10:00 a 14:00 h, un obradoiro creativo sobre equipamento para a inclusión e a capacitación dixital da veciñanza. A actividade está definida no marco do convenio de colaboración entre a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) destinada a adultos sen necesidade de coñecementos previos aínda que si con competencias básicas no uso das TIC.

Será unha sesión “demostrativa e experimental” na que se exporán varias aplicacións e usos dos sistemas e equipamentos tecnolóxicos disruptivos presentes nos centros da Rede. Está destinada a persoas adultas con interese profesional ou persoal sobre este tipo de tecnoloxía cun enfoque divulgativo e ocio-educativo. Abordaranse recursos como a impresión FDM, a Raspberry Pi, o hardware-software libre Arduino, o dron DJI Tello ou o Wonder Building Kit con micro:bit V2.

Tamén se mostrarán as posibilidades da Realidade Virtual a través dos Kits Educa 360. Esta formación irá acompañada de pílulas informativas de cada elemento, sintetizando os seus aspectos técnicos e principais posibilidades así como diversos recursos para o seu aprendizaxe. As prazas son limitadas e as persoas interesadas poderán anotarse, así como recibir máis información, no correo electrónico cemit.guitiriz@xunta.gal ou chamando ao 982 370 062.

18/08/202308:11
Participantes na formación.
A Cañiza

A mocidade da Cañiza adquiriu este verán novas habilidades informáticas

O pasado 9 de agosto clausurouse na Aula CeMIT do Concello da Cañiza unha actividade formativa para afianzar os coñecementos informáticos avanzados entre a mocidade local, con vistas a mellorar a súa formación e a súa empregabilidade futura. Estamos a falar do Curso de Informática para Estudantes de ESO e de Bacharelato, que deu comezo o pasado 10 de xullo e rematou o 9 de agosto.

Incluíu 40 horas de formación de balde, impartida polo Concello da Cañiza na Aula CeMIT da Casa de Cultura, para estudantes maiores de 11 anos, co obxectivo concreto de “mellorar as súas habilidades informáticas de cara a que poidan realizar con facilidade as tarefas e traballos académicos”.

18/08/202308:07
Cartel da iniciativa.
Ribadeo

Os días 23 e 24 a rapazada de Ribadeo poderá formarse en tecnoloxías creativas na Aula CeMIT local

A Aula CeMIT do Concello de Ribadeo acollerá os días 23 e 24 de agosto uns obradoiros tecnolóxicos para a rapazada. Para participar é preciso inscribirse ata o día 22. As prazas son limitadas e poden reservarse online en cemit.ribadeo.gal. O 23 de agosto os obradoiros estarán destinados a nenas e nenos de 8 a 11 anos. E o 24 de agosto para rapazas e rapaces de 12 a 15 anos. O horario será de 10 a 13 horas.

Desde a Concellería de Mocidade explican que "se trata de impulsar actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas á rapazada, especialmente ás nenas, para rachar estereotipos e espertar o seu interese e confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (siglas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, artes e matemáticas) a través de obradoiros lúdicos, onde aprender e experimentar coa tecnoloxía, coa finalidade principal de fomentar o talento e espertar vocacións tecnocientíficas". Durante os obradoiros, o monitorado adapta os contidos ás características de cada grupo, tendo en conta as áreas STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, artes e matemáticas). Desde Mocidade de Ribadeo engade que "o grupo de 8-11 anos participará nun obradoiro de stop motion con luces LED, e o grupo de 12-15 anos realizará unha actividade de introdución aos tecidos intelixentes”. Durante os obradoiros traballarán de xeito transversal cuestións como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía e o seu uso creativo, “máis alá do mero uso e consumo, a importancia da colaboración e o traballo en equipo, así como a relevancia das artes como ferramenta de desenvolvemento", sinalan dende o Concello.

O curso está organizado pola axencia AMTEGA e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (iniciativa Girl STEAM), co apoio do Concello.

17/08/202309:24
Stickers de Mulleres en Tech.
Santiago de Compostela

Mancomún lanza stickers de tecnólogas galegas ao abeiro de Mulleres en Tech

Dende Mancomún (iniciativa galega de fomento do software libre impulsada dende AMTEGA) aproveitaron este mes de agosto para levar a cabo unha nova reivindicación do papel das mulleres no ámbito STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática). Consistiu no lanzamento de novos stickers ao abeiro de Mulleres en Tech.

A iniciativa puxo o foco nos códigos e formatos comunicativos empregados polas novas xeracións e levouse a cabo nas redes sociais e no propio portal de Mancomún.

A colección de stickers pódese empregar nas ferramentas de mensaxería instantánea e teñen o obxectivo de “visibilizar o traballo das mulleres que se dedican ás áreas STEM”. Esta colección de stickers irá medrando ao longo do ano. Entre as novas achegas figuran as galegas Ana Jimenez, Cristina Barreiro e Cristina Pampín. Podemos descargar os stickers directamente no noso dispositivo móbil para usalos no Telegram ou no WhatsApp.
A iniciativa tivo un precedente inmediato nos stickers lanzados polo Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

16/08/202315:11
Moza usando un microscopio.
Santiago de Compostela

O Bacharelato STEMbach de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía chegará a arredor de 750 alumnos de toda Galicia o vindeiro curso

  • Súmanse os institutos IES As Mariñas (Betanzos) e Primeiro de Marzo (Baiona), así como os colexios CPR Miraflores (Ourense), Lar (Mos) e Montecastelo (Vigo)
  • A iniciativa, enmarcada na Estratexia Educación Dixital 2030, busca desenvolver competencias STEM e fomentar vocacións científico-tecnolóxicas
  • Este programa educativo contempla a realización dun proxecto de investigación codirixido por un docente universitario que inclúe a defensa pública, unha materia extracurricular semanal e actividades complementarias de formación

O Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, chegará o vindeiro curso a aproximadamente 750 alumnos, tal e como se deprende da resolución publicada pola Xunta cos centros que se incorporan e continúan o vindeiro curso 2023-24 neste programa.

Tal e como se pode consultar no Portal Educativo, son cinco os centros que se suman ao proxecto, en concreto os institutos IES As Mariñas (Betanzos) e Primeiro de Marzo (Baiona), así como os colexios plurilingües CPR Miraflores (Ourense), Lar (Mos) e Montecastelo (Vigo). A Xunta de Galicia implantou esta iniciativa por primeira vez no curso 2018/19 como experiencia piloto e foise consolidando ata chegar ás cifras actuais, con case medio cento de centros participantes.

A iniciativa enmárcase na Estratexia Educación Dixital, Edudixital 2030 e busca o desenvolvemento de competencias STEM a través de contidos curriculares asociados ao pensamento computacional e ás tecnoloxías inmersivas (como a realidade virtual e aumentada e a intelixencia artificial). Ademais, quere fomentar a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, afondando no traballo das competencias matemáticas e en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría mediante os elementos e os procedementos da investigación e do método científico, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico.

Facilita tamén a adquisición de competencias transversais como a creatividade, o sentido da iniciativa e o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global; así como a mellora das destrezas comunicativas e expresivas, con énfase na comunicación e divulgación científica, nas competencias dixitais e na incorporación da intelixencia artificial.

Proxecto de investigación

Este programa educativo ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidades de Bacharelato. Os participantes desenvolverán un proxecto de investigación, no segundo curso desta etapa, relacionado con calquera ámbito de coñecemento das materias cursadas na etapa, que estará codirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno realizará unha defensa do traballo en sesión pública.

Así mesmo, estes estudantes cursarán unha materia extracurricular de afondamento relacionada co ámbito STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), en 1º e 2º de Bacharelato, cunha carga lectiva semanal de dúas ou tres horas fóra do horario ordinario do alumnado.

Xunto a investigadores recoñecidos

A maiores, este alumnado realizará actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia, como conferencias, obradoiros ou proxectos.

Ao remate dos dous anos do proxecto, e logo da avaliación positiva tanto da extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, os alumnos recibirán unha credencial da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa, que tamén se fará constar no seu historial académico.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS