
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Cruz Vermella e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) únense en Mos para integrar a persoas maiores na contorna dixital. Farano a través da xira Enredando Tour, que chegará á localidade pontevedresa o vindeiro xoves 31 de agosto con obradoiros lúdicos de capacitación para romper a fenda dixital. O propósito, en palabras do Concello, é “enredar” a persoas maiores no universo das novas tecnoloxías dunha maneira lúdica, ofrecéndolles a degustación dun “menú tecnolóxico” á súa medida.
A xira, que está a percorrer un total de 20 localidades galegas este verán, busca “reducir a fenda dixital entre a poboación e loitar contra os procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, de idade, nivel educativo ou zona de residencia, entre outros”. A iniciativa recalará en Mos o vindeiro xoves 31 de agosto en horario de 10.30 a 12.30 horas. Esta actividade está organizada por Cruz Vermella no marco do convenio de colaboración coa AMTEGA para a execución do programa formativo itinerante en competencias dixitais.
Nesta ocasión, está especialmente dirixida a persoas maiores de 55 anos (aínda que aberta a calquera persoa que queira participar), ás que se apoia para que aprendan conceptos básicos do uso das tecnoloxías, así como para derrubar os temores e inseguridades que poidan ter respecto diso. Talleres de capacitación dixital e menús formativos. Mediante unha furgoneta superequipada ofrécense contidos formativos vinculados ás novas tecnoloxías. Nela transpórtanse os smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes… e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá. En cada unha das localidades onde recale o circuíto organízanse varios obradoiros relacionados cos menús existentes. Cada persoa participante pode “pedir” formarse nun ou varios contidos de cada menú.
O concelleiro de Facenda e Novas Tecnoloxías de Narón, Román Romero, anunciou este luns 21 de agosto a apertura do prazo de inscrición para dous cursos tecnolóxicos que se impartirán na Aula CeMIT de Xuvia. O edil informou que se trata das accións formativas Internet e informática básica e Xestión de Recursos Humanos (RRHH). As persoas interesadas en anotarse poden inscribirse a través das ligazóns específicas de cada curso. As sesións impartiranse, en ambos casos, do 11 de setembro ao 24 de outubro.
O curso de Internet e informática básica terá unha duración de 120 horas e impartirase en quenda de mañá, de 9.30 a 13.30 horas. Entre os temas abordar inclúense os fundamentos da informática, que é un computador, hardware e software, elementos dun computador, introdución ao sistema operativo, uso do procesador de texto e introdución a Internet, á Web 2.0 e á Administración Electrónica.
En canto ao curso de Xestión de RRHH, terá tamén unha duración de 120 horas, que se impartirán neste caso en quenda de tarde, dende as 16.00 ata as 20.00 horas. As alumnas e alumnos terán a oportunidade de abordar temas como definición do posto de traballo, definición de perfís laborais, competencias e formación, normativa laboral, seguridade social e cotizacións, liquidación do recibo de salarios, liquidación de cotizacións e aplicacións informáticas de xestión de RRHH.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia abre a convocatoria de axudas para a realización de proxectos que teñan por obxectivo a realización de actividades de difusión e fomento do uso do software e hardware libre en Galicia, segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG). Esta convocatoria de carácter bienal comprende as anualidades 2023 e 2024 e está dotada con 60.000 euros.
Poderán acollerse a estas subvencións as asociacións galegas de persoas usuarias de software libre, coñecidas como AGUSL, que estean formadas por persoas físicas, correctamente rexistradas no rexistro de asociacións de Galicia, e que teñan recollido nos seus estatutos, como un dos seus obxectivos principais, a difusión ou fomento do software e hardware libre.
O prazo de presentación, segundo se recolle nas bases, é de 1 mes dende hoxe, día de publicación no DOG. A solicitude terá que facerse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou a través do procedemento AP400E e achegando a documentación correspondente, segundo especifican as bases da convocatoria. As asociacións interesadas poden contactar coa oficina de software libre da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para calquera aclaración que precisen ou axuda no proceso.
Actuacións subvencionables
Terán a consideración de actuacións subvencionables os proxectos ou actividades destinadas ao fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto as que encaixen nos seguintes puntos:
Plan Anual de Software Libre
Esta convocatoria de subvencións enmárcase dentro das actuacións que a Axencia desenvolve anualmente no Plan de acción en materia de Software Libre, que define a senda das políticas e das actuacións a desenvolver para o incremento do uso do Software Libre en Galicia, nos ámbitos empresarial, da administración pública e da cidadanía, sempre dentro do marco da Estratexia Galicia Dixital 2030.
Dende que no ano 2010 a Xunta de Galicia puxera en marcha, por primeira vez en Galicia, un plan específico orientado ao fomento do Software libre, na Comunidade téñense conseguido grandes avances na súa adopción e uso nos diversos ámbitos da nosa sociedade.
Os eixos principais de actuación para o fomento de solucións tecnolóxicas baseadas en software libre teñen como obxectivos o fortalecemento do sector empresarial galego, o achegamento de software libre ao conxunto da sociedade e o fomento da reutilización do software na administración pública.
A Concellería de Novas Tecnoloxías do Concello de Redondela que xestiona Antonio Cabaleiro desenvolverá durante os meses de setembro, outubro e novembro, a través das Aulas CeMIT de Redondela e Chapela, cursos totalmente gratuítos dirixidos ao público en xeral. Estas actividades formativas abranguerán diferentes ámbitos da informática como creación de blogs, edición de fotografías, creación de álbums e presentacións, e trámites coa administración online.
Para estes cursos ofértanse en diferentes horarios máis de 130 prazas para diferentes cursos e horarios na aula de Redondela, cun total de 16 postos e na de Chapela con 12 postos. En ámbolos dous casos as prazas serán asignadas por estrita orde de inscrición, sendo o prazo de inscrición do 16 de agosto ao 5 de setembro.
Aula CeMIT Redondela os luns e mércores
Aula Aberta: obradoiros para adultos
Aula CeMIT Chapela os martes e xoves
Aula Aberta: obradoiros para adultos
Segundo engadiu o Concello, as instancias para participar nos cursos, con matrícula aberta dende o mércores 16 de agosto ata o 5 de setembro, pódense recoller na páxina web de Redondela, no Centro de Formación A Marisma (ao carón da Piscina Municipal) e no Multiusos da Xunqueira en Redondela. En Chapela pódense solicitar nas Dependencias dos Servizos Sociais.
A Aula CeMIT de Valga, emprazada no Auditorio Municipal, acolleu este xoves 17 de agosto unha sesión práctica de experimentación tecnolóxica na que participaron unha decena de nenos e nenas do termo municipal con idades comprendidas entre os 8 e os 11 anos de idade.
Esta iniciativa, promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), ten como obxectivo “espertar vocacións tecnocienfíticas entre a mocidade e reforzar as súas capacidades en ámbitos coma a ciencia, a enxeñaría ou as matemáticas a través de obradoiros nos que aprender e experimentar”. Neste caso os rapaces, dirixidos pola docente Paula Tubío, traballaron na elaboración de circuítos eléctricos con papel e, a despois, crearon unha peza audiovisual en formato stop motion. Para iso, deseñaron e deron forma a diferentes personaxes con materiais coma cartolina, plastilina ou pompóns.
A vindeira semana, o venres 25, celebrarase na mesma localización un segundo obradoiro dirixido a mozos de 12 a 15 anos que poderán experimentar coa creación de tecidos intelixentes. Os participantes aprenderán a programar sensores para construír un proxecto sobre unha prenda téxtil que reaccione a cambios de distancia, luz, inclinación, etc. As inscricións poden realizarse a través da Rede CeMIT ou de xeito presencial no Concello ou no Auditorio. A través destas actividades trátase de “potenciar o desenvolvemento das competencias tecnolóxicas asociadas ás ciencias, introducindo a creatividade e empregando materiais innovadores relacionados coa arte para que as sesións resulten máis atractivas para os participantes”.