
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia inicia no día de hoxe un novo ciclo formativo en materia de ciberseguridade co obxectivo de sensibilizar á cidadanía e, especialmente, ao colectivo de persoas maiores da importancia da formación en ámbitos como protección de credenciais, navegación segura, seguridade nos dispositivos e, en definitiva, no uso da tecnoloxía no día a día.
As sesións formativas estenderase ata o mes de maio baixo o lema “Ciberseguridade, os teus primeiros pasos” e desenvolveranse de xeito presencial nas aulas CeMIT de 23 concellos de toda Galicia.
O prazo de inscrición xa está aberto e pode realizarse a través da páxina web da Rede CeMIT ou de xeito presencial nas aulas de Celanova, Castrelo de Miño, Ribadeo, Pontevedra, Santa Comba, Valga, Vigo, Cuntis, A Fonsagrada, Poio, Brión, A Coruña, Ribeira, Vimianzo, Cerceda, Boiro, Quiroga, Campo Lameiro, O Vicedo, Guitiriz, Fisterra, Ortigueira e Leiro.
Todas as xornadas terán un compoñente eminentemente práctico e contarán cunha duración de dúas horas.
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia autonómica, que conta coa colaboración de 90 concellos e está integrada por 94 centros. Entre os seus obxectivos está o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.
O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de publicar en formato aberto os datos do Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia. Este directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, coñecemento e competencias dixitais, especialmente nas tecnoloxías disruptivas, ofrece información de máis de 340 entidades, arredor de 1.400 produtos e servizos e 78 tecnoloxías.
O obxectivo da publicación desta información, no portal Abert@s da Xunta, é ofrecer á cidadanía e a outras entidades públicas ou privadas a posibilidade de reutilizar estes datos e proporcionar produtos ou servizos de valor engadido. A publicación de datos en formato aberto enmárcase na política de transparencia e de compartir e reutilizar información das administracións públicas.
A información do Mapa de Capacidades Dixitais súmase así aos datos dispoñibles en Abert@s, que constitúen unha valiosa fonte de información aproveitable, tanto pola cidadanía como pola industria de contidos dixitais e outros axentes reutilizadores.
Mapa de Capacidades Dixitais
O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia é un dos servizos que ofrece o centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia co que busca potenciar o ecosistema TIC galego, favorecer as relacións do sector cos restantes sectores produtivos e constituír un escaparate cara ao exterior.
O Mapa está dispoñible na web do GaiásTech e facilita a localización de empresas a través dun completo buscador no que se poden aplicar múltiples filtros e que presenta as entidades, tanto en forma de lista coma xeorreferenciadas no mapa.
Calquera empresa, centro tecnolóxico, universidade, colexio profesional ou asociación interesada pode darse de alta neste directorio, que ten o obxectivo de recoller toda a oferta tecnolóxica da comunidade.
Coa incorporación dos datos do Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia ao portal Abert@s, o GaiásTech suma un novo servizo aos xa dispoñibles: eventos, axenda, boletín, reserva de espazos, equipamento e xemelgo virtual, entre outros.
Centro GaiásTech
O Centro GaiásTech, situado na cidade da Cultura, ten como obxectivo contribuír á transformación dixital do tecido produtivo galego favorecendo a xeración de produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. A través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital e a especialización tecnolóxica.
A Xunta de Galicia pon en marcha un servizo de videointerpretación para dar atención ás persoas xordas nas urxencias sanitarias. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, no transcurso da súa visita ao PAC da Casa do Mar da cidade herculina, un dos 90 nos que se incorpora este servizo en toda Galicia. Tal e como detallou o máximo responsable do Sergas, este servizo de videointerpretación estará dispoñible 24 horas e 365 días ao ano no 061, así como en todos os servizos de urxencias hospitalarias, e en todos os puntos de atención continuada.
No acto de hoxe, no que o conselleiro estivo acompañado polo presidente da Federación de Persoas Xordas, Iker Sertucha, así como polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, o titular da carteira sanitaria remarcou que, con esta medida, a Xunta dá cumprimento a un acordo unánime do Parlamento de Galicia co obxecto de poñer en marcha este servizo a disposición do colectivo de persoas xordas as 24 horas do día na sanidade pública.
Comesaña lembrou que as persoas xordas podían acudir á sanidade pública con intérprete a través do convenio que a Consellería de Política Social ten coa Federación, por preto dun millón de euros anuais para financiar ese servizo, pero as visitas urxentes á sanidade non se poden programar e solicitar, como esixe ese servizo, e moitas veces se producen a horas nas que non é posible contar fisicamente cun intérprete.
Ao respecto, o conselleiro dixo que o seu departamento decidiu optar por un servizo de videointerpretación, colaborando con quen xa o implantara no ámbito administrativo da Xunta, como era a AMTEGA. Polo tanto, a Consellería de Sanidade súmase ao acordo que este organismo tiña xa coa Federación de Persoas Xordas e, dentro dese convenio, inclúese o servizo que hoxe se presentou na Casa do Mar.
Comunicación entre persoal sanitario e doente
Comesaña detallou que, a partir de agora, os servizos de urxencias dos 14 hospitais galegos e os 90 Puntos de Atención Continuada terán instalados en todos os seus ordenadores unha plataforma que permitirá abrir videoconferencia dun intérprete de lingua de signos que facilite a comunicación entre persoal sanitario e paciente. Esta plataforma conéctase cun servizo de videointerpretación do que dispón a Federación, e que funciona 24 horas ao día e os 365 días do ano.
O conselleiro incidiu en que o persoal da Federación estivo xa realizando visitas ás áreas de urxencias para asesorar aos responsables no uso deste sistema e, ademais, Sanidade contou con eles para preparar o material formativo que se facilitou aos traballadores destes servizos para familiarizarse con esta plataforma.
O máximo responsable do Sergas subliñou, así mesmo, que o acordo incorpora a un técnico de apoio intérprete de lingua de signos para que estea a disposición do Sergas, co obxecto de coordinar o proxecto e axudar nas novas necesidades de melloras ou de formación que requiran profesionais ou pacientes.
Para o conselleiro, trátase dunha colaboración moi útil entre a Federación, a Amtega e o Sergas. Deste xeito, a Federación amplía o uso do servizo de videointerpretación que presta aos seus asociados e o leva a novos servizos públicos; a Amtega avanza na súa Estratexia Galicia Dixital 2030 para facilitar a accesibilidade da administración a través da tecnoloxía; e, pola súa banda; o Sergas consegue dar un paso máis na universalización da sanidade pública.
Colectivos con atención especial
O conselleiro de Sanidade remarcou na súa intervención que non todas as persoas necesitan o mesmo tipo de asistencia. Así, hai cidadáns que requiren dunha atención especial, como poden ser os maiores, os cativos e as persoas con discapacidade.
Ao respecto, un dos retos da Estratexia Galega de Saúde é precisamente personalizar a atención sanitaria e adaptala ás necesidades do doente, e o paciente xordo, -proseguiu o conselleiro-, tiña a necesidade de poder acudir a un servizo de urxencias de xeito autónomo e independente, sen necesidade de ir acompañado dun familiar ou amigo que teña que enterarse de todo o que lle ocorre, para trasladarllo ao persoal.
Polo tanto, do mesmo xeito que o Sergas fixo coa plataforma TELEA de seguimento de pacientes crónicos, ou con outros avances, a sanidade pública galega utiliza a innovación tecnolóxica para potenciar a autonomía do paciente.
Para rematar a súa intervención, Comesaña agradeceu á Federación, á Amtega e ao persoal da Consellería de Sanidade, do Sergas e da Axencia de Coñecemento en Saúde, por poñer en marcha os instrumentos xurídicos, os medios técnicos e a formación necesaria para que este proxecto botase a andar. Sen dúbida, vai ser un instrumento útil e completará o apoio integral que a Xunta dá ás persoas xordas a través das distintas consellerías, co apoio fundamental da súa Federación, -concluíu o conselleiro-.
Máis de 6.000 galegos e galegas acceden xa aos principais servizos da Xunta a través da aplicación XuntaEu. Esta ferramenta, dispoñible desde hai un mes para dispositivos IOs e Android, concentra o acceso á información e servizos dixitais que xa estaban dispoñibles en diferentes canles en internet.
Tras o seu lanzamento o pasado mes de xaneiro, a Xunta acaba de publicar unha nova versión da aplicación, un proceso de mellora continua que dá resposta, tamén, a suxestións de usuarios. Os cambios están dirixidos a incrementar o seu uso e accesibilidade. Con este obxectivo reorganizáronse os servizos en torno á Carpeta Cidadá, na que se inclúe toda a información personalizada do usuario, e baixo o epígrafe “Utilidades”, desde onde se pode acceder aos avisos xerais dos diferentes servizos e á verificación de documentos.
Ademais, xa se pode acceder desde XuntaEu ao Titulo de familia numerosa. É a última incorporación á aplicación, que ten dispoñibles 10 tarxetas, carnés ou certificados emitidos pola Xunta de Galicia, que poden ser validados por terceiros directamente dende o dispositivo a través dun código QR.
Neste momento XuntaEu permite o acceso ao Carrné Xove, ao Carné profesional en instalacións térmicas de edificios, o Carné profesional de operador de guindastre torre, ao Carné de operador de guindastre móbil autopropulsado Categoría A e ao Carné profesional de operador de guindastre móbil autopropulsado Categoría B.
Ademais, a aplicación tamén permite acceder ao certificados de grao de discapacidade e ás licenzas de pesca marítima de recreo en superficie, de pesca marítima de recreo submarina, e de pesca marítima de recreo en embarcacións.
XuntaEu
O obxectivo desta aplicación é o de simplificar a relación dos cidadáns coa Administración e facilitar a accesibilidade aos servizos públicos, aproveitando o uso, practicamente universal, dos dispositivos móbiles.
XuntaEu garante un acceso seguro aos servizos dispoñibles a través do sistema Chave365 ou do DNI electrónico, este último só dispoñible para Android polo de agora. No caso de empregar Chave 365 a aplicación establece un dobre factor de autenticación, polo que a persoa recibirá un código PIN no teléfono a primeira vez que acceda á aplicación. Neste primeiro acceso tamén deberá expresar o seu consentimento opcional para recibir avisos, para o uso da cámara coa única finalidade de ler códigos QR, ou para permitir o inicio de sesión con recoñecemento facial ou pegada dixital.
As persoas usuarias de XuntaEu poden consultar, aceptar ou rexeitar desde o móbil as notificacións que a Administración lle faga chegar a través do sistema Notifica.gal, Ademais, poden acceder á información básica dos seus expedientes e presentacións e acceder de xeito directo á sede electrónica para tramitalos.
Tamén se poden consultar as citas programadas coa Administración desde a aplicación. Na actualidade están integrados o sistema de citas das Oficinas de Atención á cidadanía e Rexistro e o sistema de citas das Oficinas de Atención das consellerías. Ademais, os usuarios e usuarias poden acceder ou dar de alta apoderamentos do Rexistro Electrónico de Apoderamentos de Galicia.
Outras utilidades que proporciona XuntaEu son renovación dos datos de usuario o a xestión da baixa no sistema de Chave; a posibilidade de consultar ou modificar os datos persoais almacenados na Carpeta Cidadá, e a recepción de avisos personalizados.
XuntaEu inclúe, tamén, unha funcionalidade para comprobar a validez de documentos asinados electronicamente, tanto de maneira manual como mediante o uso da cámara para escanear o código QR. A aplicación irá incorporando máis servizos de xeito progresivo e en sucesivas actualizacións.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acaba de asinar un acordo de adhesión á Alianza Global de Ciberseguridade (GCA). Esta incorporación permitirá achegar a labor desta importante organización internacional ao ecosistema galego de ciberseguridade, agrupado no Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal.
A adhesión da Axencia comezou a xestarse coa colaboración con Dominio PuntoGal, entidade que forma parte da GCA e tamén de CIBER.gal. A GCA destaca que, como socio, PuntoGal mostrou un compromiso firme coa misión xeral da organización e con iniciativas específicas, como Domain Trust, que permite a posta en común de dominios sospeitosos.
A Axencia galega e a GCA acordaron poñer en marcha iniciativas de colaboración na protección do Internet das Cousas. Abordarán tamén accións de divulgación e explorarán unha colaboración reforzada a través da futura incorporación da GCA ao Nodo CIBER.gal.
Esta incorporación, ademais de fortalecer o ecosistema creado en torno ao Nodo, reforza a súa presenza internacional e a posición de Galicia como rexión pioneira na sensibilización, concienciación e investigación neste ámbito. A colaboración coa GCA aportará valor ao aliñarse co obxectivo de reforzar a ciberseguridade para a cidadanía, empresas e Administracións Públicas.
Philip Reitinger, presidente e CEO da Global Cyber Alliance, indicou que con este acordo se amplía a valiosa colaboración con socios activos e cunha forte implantación en Galicia, que teñen a visión de levar a ciberseguridade máis lonxe”. Engadiu, neste sentido que a Axencia “e o seu magnífico labor na posta en marcha do Nodo CIBER.gal, é un aliado extraordinario para conseguir avanzar na nosa misión".
Global Cyber Alliance (GCA) é unha organización internacional sen ánimo de lucro dedicada a crear comunidades para despregar ferramentas, servizos e programas que proporcionen ciberseguridade a escala global. Para elo, traballa coas comunidades; implica aos propietarios e operadores de infraestruturas; e impulsa mobilizacións estratéxicas para a acción colectiva en materia de ciberseguridade.