main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

02/04/202417:25
Reunión comisión IA.
Santiago de Compostela

A Comisión de Expertos en Intelixencia Artificial analiza o modelo de xestión e seguimento para o uso desta tecnoloxía na administración autonómica

  • A Comisión reuniuse hoxe por segunda vez na Cidade da Cultura 
  • Os expertos avanzaron na discusión sobre o proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, a primeira que se tramita nunha rexión europea 
  • A reunión centrouse no debate sobre o procedemento para a identificación, avaliación de riscos e eficiencia para a adquisición de sistemas de IA por parte da Xunta de Galicia

A Comisión de Expertos para o Desenvolvemento e Uso Ético da Intelixencia Artificial en Galicia celebrou hoxe a súa segunda reunión en Santiago de Compostela, para avanzar no debate sobre os contidos do proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, que se atopa actualmente en elaboración. 

En concreto, neste segundo encontro buscouse coñecer a opinión dos expertos sobre as posibles alternativas para a xestión e seguimento da implantación desta tecnoloxía na Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia. A regulación sobre a identificación, desenvolvemento e implantación desta tecnoloxía na Xunta protagoniza o segundo gran bloque da lei que está en fase de elaboración, e que converterá a Galicia na primeira rexión europea en dispoñer dunha regulación específica sobre intelixencia artificial.

Na súa primeira reunión, celebrada en xaneiro, a Comisión analizou os principios éticos e xurídicos que deberán fundamentar a nova lexislación, entre os que se atopan os de transparencia, claridade, imparcialidade e ausencia de nesgos, reserva de humanidade e revisión humana, precaución ou avaliación no impacto nas persoas, na sociedade e no medio ambiente. Naquela ocasión tamén se analizaron os dereitos da cidadanía, así como os mecanismos que a lei debe prever para garantilos.

Ademais da implantación e uso da IA, a lei tamén regulará o establecemento de medidas para o impulso desta tecnoloxía nas empresas, como axudas, bonificacións ou incentivos.

Un dos obxectivos para a creación da Comisión de Expertos foi, precisamente, o compromiso da Xunta de aprobar nesta lexislatura a normativa necesaria para facilitar a incorporación de tecnoloxías de alto impacto, tanto no sector público como nos diferentes sectores económicos.

A comisión está formada por dez persoas expertas en diferentes ámbitos, como a economía, a filosofía e evolución humana, a tecnoloxía aplicada, a ética e normativa ou a política pública. 

A Comisión de Expertos para o Desenvolvemento e Uso Ético da Intelixencia Artificial  en Galicia foi creada polo Goberno galego a finais de 2023 e está presidida polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.

Entre as funcións da Comisión destacan a elaboración de recomendacións e asesoramento sobre o desenvolvemento e o uso ético da IA ​​en Galicia; asesoramento para impulsar accións formativas e de sensibilización en IA, dirixidas a empresas, administración pública e cidadáns; a formulación de propostas sobre a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, co obxectivo de adaptar as súas medidas aos novos escenarios; e o asesoramento na avaliación do impacto da IA ​​nos diferentes sectores produtivos de Galicia, Administración Pública e sociedade.

01/04/202413:11
Tecnólog@ por un día.
Santiago de Compostela

A décima edición de tecnólog@ por un día ofrece preto de 50 prazas para o alumnado de 12 a 17 anos

  • Esta iniciativa brinda a estudantes de secundaria e bacharelato a oportunidade de coñecer o funcionamento dunha empresa tecnolóxica
  • Ata o 9 de abril, os interesados en participar poden inscribirse a través dos seus centros educativos
  • Esta actividade enmárcase nas actuacións do Plan DigiTalent 2030 para fomentar as vocacións dixitais entre os máis novos

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de poñer en marcha a décima edición do programa Tecnólog@ por un día, que ofrece aos estudantes de secundaria e bacharelato a oportunidade de formar parte dunha xornada laboral dunha empresa tecnolóxica.

Esta nova edición conta con 48 prazas dispoñibles para visitar o Centro GaiásTech ou as instalacións das empresas TIC que colaboran coa iniciativa: Altia, Bahía Software, DXC Technology, NTT DATA, Quobis e Duacode.

Tecnlóg@ por un día é unha actividade lúdica e interactiva que permite a rapaces e rapazas de 12 a 17 anos coñecer o funcionamento dos centros de traballo das empresas tecnolóxicas galegas, achegarse a proxectos reais e tomar contacto coas novas profesións dixitais da man do persoal experto destas compañías.

Inscrición a través dos centros educativos

Os centros educativos, a través do seu persoal docente, serán os encargados de solicitar a inscrición dos mozos e mozas con interese en converterse en tecnólog@s por un día; e o prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 9 de abril.

O formulario de inscrición está dispoñible no espazo de Tecnólog@ por un día da web DigiTalent, no que se deberá achegar a autorización de participación asinada polos pais, nais ou titores/as responsables dos estudantes. Neste espazo, ademais, docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras poden atopar toda a documentación de referencia sobre esta actividade.

Sorteo para listaxe definitiva

Durante a terceira semana de abril celebrarase o sorteo público para a asignación das prazas e a listaxe de reservas e, a partir do 16 de abril, docentes e empresas comezarán a recibir no seu enderezo electrónico as comunicacións co resultado do sorteo e os pasos a seguir para a participación na actividade.

Todos os detalles desta e outras actuacións dirixidas á infancia e adolescencia, así como as instrucións para participar atópanse en constante actualización na web DigiTalent.

Plan DigiTalent

Tecnólog@ por un día forma parte do catálogo de actividades do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, para o impulso  da inclusión, capacitación e talento dixital galego que, a través do seu terceiro eixe estratéxico, canaliza iniciativas dirixidas a fomentar as vocacións dende idades temperás e o talento dixital avanzado en Galicia.

O obxectivo desta iniciativa é fomentar as vocacións STEAM, mellorar a súa perspectiva sobre os perfís dixitais e resolver as súas inquedanzas sobre as profesións científico-tecnolóxicas.

16/03/202412:16
Ciberseguridade.
Santiago de Compostela

Máis da metade da poboación de Galicia declara que sufriu un incidente de ciberseguridade no último ano

  • O Observatorio da Sociedade da Información e Modernización publica o seu informe anual sobre “O estado da Ciberseguridade en Galicia”
  • Máis do 70% das persoas consultadas asegura ter coñecementos sobre a información que se comparte en internet e un 42% denega permisos para usar datos con fins publicitarios
  • Un 5% das empresas de menos de 10 persoas empregadas tivo algún ciberincidente e a porcentaxe elévase ao 16% no caso das empresas de maior tamaño
  • O 24,6% das empresas TIC de Galicia ofrecen servizos ou produtos para a seguridade da información, o que representa o 34,5% da súa facturación

Un 53,3% da poboación de Galicia sufriu algún incidente de ciberseguridade no último ano, segundo os datos publicados hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA) no seu informe anual “O estado da ciberseguridade en Galicia”.

O 70,3% das persoas galegas usuarias da internet afirman que posúen coñecemento sobre o uso e funcións das cookies (información compartida polos navegadores de internet). O 49% fai copias de seguridade dos dispositivos e o 42% utiliza activamente a posibilidade de denegar o permiso de uso da información persoal para fins publicitarios.

Por outra banda, o mercado da ciberseguridade crece, e xa traballan nel o 24,6% das empresas TIC, para as que supón o 34,5% da súa facturación.

O estudo do OSIMGA, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, baséase en datos procedentes do Instituto Galego de Estatística (módulo de novas tecnoloxías da Enquisa estrutural a fogares), do Instituto Nacional de Estadística (Enquisa sobre uso das TIC e comercio electrónico nas empresas) e do propio Observatorio (Enquisa ás empresas TIC de Galicia).

Poboación xeral

O 53,3% da poboación sufriu algún incidente de ciberseguridade no último ano, a maioría deles relacionados co spam (92,8%) ou con intentos de estafa (26,2%).

O estudo reflicte que, a maior nivel de estudos maior é o risco de sufrir un incidente de ciberseguridade. As persoas con estudos de nivel superiores sofren máis incidentes deste tipo, pero tamén son as que usan de forma máis frecuente e avanzada os servizos e produtos de internet.

Tamén existen grandes diferenzas entre as principais cidades galegas na probabilidade de que os internautas sufran algún incidente de ciberseguridade. Pontevedra é a cidade de Galicia coa probabilidade máis alta, ao alcanzar unha cifra superior ao 75%, mentres que en Ferrol é onde menos probabilidade existe, cunha porcentaxe do 42%.

O móbil é un dispositivo electrónico máis utilizado pola cidadanía e a medida de seguridade máis habitual para protexelo é o pin ou patrón de desbloqueo, cun uso do 90,4% da cidadanía galega. A medida que máis aumenta é o uso da identificación por pegada ou outros datos biométricos, que usan o 50,4% das persoas.

Facer regularmente copias de seguridade da información persoal é a acción máis realizada para protexer a información. Entre a poboación que usou Internet no último ano en Galicia, o 49% leva a cabo esta acción, seguida da negación de permisos do uso da información persoal para fins publicitarios, co 42%. Un 58% da poboación declara que actualiza periodicamente os produtos de seguridade informática.

Empresas de Galicia

Menos dun 5% das empresas de cero a nove persoas empregadas con sede en Galicia tiveron algún incidente de ciberseguridade no último ano. Esta porcentaxe elévase cando aumenta o tamaño da empresa e sitúase ao redor dun 16% nas empresas con máis de 10 persoas.

É nestas empresas de maior tamaño onde máis medidas de seguridade TIC se empregan. Un 86,2% declaran facer uso delas. A medida máis empregada polo conxunto de empresas é a autenticación mediante contrasinal forte.

Apréciase unha tendencia negativa nos últimos dous anos no emprego de medidas de seguridade TIC nas empresas. Dende o ano 2020 ata o ano 2022 o emprego das medidas que se analizaron na enquisa evolucionou dende un 67,5% ata un 52% no caso das pequenas empresas.

O 8,2% das empresas que contan con 10 ou máis persoas empregadas e teñen a súa sede en Galicia dispoñen dun especialista en ciberseguridade dentro do seu persoal TIC.

Sector TIC

A porcentaxe de empresas TIC galegas que en 2022 ofreceron servizos e produtos de ciberseguridade era do 24,6%. Subiu dous puntos sobre o ano anterior, coincidindo co aumento da demanda de produtos de ciberseguridade altamente especializados.

Entre os servizos de ciberseguridade ofrecidos destaca a certificación normativa, cunha presenza do 72% entre as que ofertan ciberseguridade. O ano anterior este servizo non alcanzaba o 7%.

Outro servizo que crece ata máis do 60% é a xestión de incidentes, que aumenta case dez puntos porcentuais no último ano. Das empresas que venden servizos ou produtos de ciberseguridade, o 84,5% ten entre a súa clientela ao sector industrial. O resto dos sectores, xa moi detrás deste, son loxística e transporte, agroalimentario, téxtil e madeira.

Os que máis crecen no peso da clientela no último ano son o sector audiovisual (+10,8 puntos), sector naval (+7,5 puntos) e o da loxística e transporte (+5,3 puntos).

Ao longo do ano 2022, aproximadamente un 25% das empresas TIC de Galicia declaran que sufriron un incidente de seguridade informática.

O incidente de seguridade máis común nas empresas TIC son as estafas ou intentos de estafa, que ademais aumentou de forma sostida dende o ano 2019 ata o 67,6%. As infeccións con virus son os segundos incidentes máis comúns nestas empresas pero a súa incidencia tende á baixa durante os últimos anos, ata o 28,3%. A suplantación de identidade acada o 17,5%, mentres a perda de información, co 15,5%, presenta tendencia irregular, máis ben ascendente.

O 96,9% das empresas TIC empregan medidas de seguridade que se analizan e, entre estas medidas, destacan a de manter o software actualizado. Outras medidas relevantes entre as empresas TIC son a autenticación mediante contrasinal forte e copia de seguridade de datos nunha ubicación separada.

Pódense consultar os resultados detallados no informe, publicado en osimga.gal.

15/03/202412:09
Muller usando equipamento TIC.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha unha aplicación que permitirá á cidadanía acceder de forma áxil e sinxela aos servizos da Axencia Tributaria de Galicia

  • A través desta APP os usuarios poderán pedir cita, pagar taxas ou obter os certificados de estar ao corrente de pago coa Xunta, entre outros servizos
  • Neste momento, está dispoñible para o sistema iOS e nos vindeiros días xa estará tamén en Android
  • Está dispoñible en galego e en castelán e inclúe servizos de acceso libre e outros que requiren acreditar a identificación do usuario
  • Esta nova aplicación irá ampliando os servizos dispoñibles e enmárcase nas actuacións para reforzar a información e simplificar a asistencia a toda a cidadanía

A Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha unha aplicación para dispositivos electrónicos (App) que permitirá á cidadanía acceder de forma áxil, sinxela e intuitiva aos servizos da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga). Neste momento, está dispoñible para o sistema iOS e nos vindeiros días xa estará tamén en Android.

A aplicación está dispoñible en galego e en castelán e inclúe servizos de acceso libre e outros que requiren acreditar a identificación do usuario. Esta identificación pode realizarse mediante a Chave365, o certificado electrónico ou o DNI electrónico (polo momento estes dous últimos só estarán dispoñibles para Android).

Servizos dispoñibles

A través desta App e sen necesidade de identificarse, as persoas interesadas poden realizar unha solicitude de cita (tamén consultala, anulala ou modificala) para ser atendido de xeito presencial. O sistema de cita é opcional para a cidadanía e permite garantir a hora e o día no que se lle vaia a atender. A Atriga atendeu no 2023 a preto de 148.000 galegos e galegas de xeito presencial.

Tamén permite realizar o pago de taxas e prezos, multas e sancións a través de tarxeta bancaria ou da plataforma Bizum. Neste marco, hai que lembrar que o ano pasado realizáronse 221.511 operacións a través do TPV virtual, das que o 92% foron taxas; e 26.258 operacións empregaron a plataforma Bizum (das que o 97% foron taxas). Ademais, pódense consultar as oficinas de presentación da Atriga (cos datos de contacto); consultar as entidades colaboradoras coa Axencia; ou verificar documentos por CSV (Código Seguro de Verificación), tanto de xeito manual como a través da captura do código de barra do documento coa cámara do dispositivo móbil.

Por outra banda, a cidadanía tamén poderá, previa identificación, consultar e realizar o pago de débedas notificadas pola Atriga mediante tarxeta ou Bizum; ou obter os certificados de estar ao corrente de débedas coa Xunta e de ser ou non declarantes do Imposto de Patrimonio, necesarios para obter axudas, subvencións ou participar en procesos de contratación. No ano 2023, a Oficina Virtual Tributaria (OVT) galega expediu preto de 48.000 certificados de estar ao corrente.

Esta nova aplicación, que irá ampliando os servizos dispoñibles, enmárcanse nas actuacións desenvolvidas pola Atriga para reforzar e avanzar na información e simplificar a asistencia a toda a cidadanía. Trátase en definitiva, de facilitar o cumprimento das súas obrigas tributarias, evitando os desprazamentos e co conseguinte aforro de tempo e custos na realización dos trámites tributarios.

Plan Xeral de Control Tributario 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) tamén publica hoxe o Plan Xeral de Control Tributario para 2024 que ademais de incrementar os servizos da nova aplicación para dispositivos móbiles recolle algunhas novidades.

Así, a Axencia Tributaria de Galicia simplificará a linguaxe utilizada nos documentos máis comúns e habituais co obxectivo de facilitar a comunicación coa cidadanía. Neste marco, engadirase un resumo no que se indicará que é ese documento, para que se lle envía á persoa interesada, que ten que facer con el ou onde pode obter axuda.

Tamén se redeseñará a páxina web da Atriga para simplificar o seu uso e operatividade, cunha linguaxe máis sinxela, buscadores, e información destacada das operacións máis frecuentes para obter o que se precise de maneira áxil, e outorgando un maior protagonismo aos servizos dos contribuíntes e á realización de trámites por vía electrónica.

Ademais, habilitarase como medio de pago a transferencia bancaria para o pago daquelas débedas que, conforme á normativa vixente, poida ser efectuado a través da Oficina Virtual Tributaria, cando o contribuínte non dispoña de conta aberta nas entidades bancarias colaboradoras na xestión recadatoria coa Atriga.

A Axencia Tributaria de Galicia tamén subscribirá un convenio coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) que regulará a colaboración entre ambas para o intercambio electrónico dos datos do Rexistro de Vehículos e do cumprimento das obrigas fiscais. Isto axilizará os trámites a realizar para cambiar a titularidade dos vehículos, pois facilitarase unha tramitación integramente electrónica a todo tipo de interesados e minimizarase o intercambio de datos persoais.

Hai que lembrar que a Xunta atendeu o ano pasado un total de 262.018 galegos e galegas co obxectivo de facilitar o cumprimento das súas obrigas tributarias. Do total, 147.990 foron atendidas de maneira presencial nos 47 puntos de información que a Atriga ten distribuídos por toda Galicia; e ás 114.028 restantes prestóuselles asistencia pola vía telefónica. Do total, 7.695 recibiron atención tributaria a través da canle preferente para maiores de 65 anos posta en marcha no 2022.

15/03/202411:28
Reunión nunha oficina.
A Coruña

A Xunta e o Clúster TIC suman esforzos para promover o talento galego para unha transformación dixital adaptada ás necesidades de Galicia

  • O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participou hoxe nunha sesión de presentación de ideas no marco do proxecto TechAngels
  • TechAngels forma parte das actuacións do convenio entre a Axencia, o IGAPE e o Clúster TIC
  • O obxectivo da iniciativa e poñer en contacto a emprendedores e startups con investidores e empresas tecnolóxicas con capacidade para poñer en marcha os proxectos
  • As actuacións da Xunta sobre conectividade, xestión do territorio, mobilidade e transporte, servizos sociais, ou Administración e servizos dixitais requiren de solucións adaptadas e autóctonas que utilicen tecnoloxías de alto impacto como a intelixencia artificial

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou hoxe na Coruña que Galicia “necesita talento local e empresas propias para afrontar os retos dunha transformación tecnolóxica singular, nun proceso adaptado ás necesidades específicas do noso país”.

Cerviño fixo estas manifestacións na Cidade das TIC da Coruña durante a inauguración da sesión de presentación de ideas (pitching) no marco do proxecto TechAngels, que forma parte dun convenio de colaboración entre a axencia autonómica, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Clúster TIC de Galicia.

TechAngels, por unha banda, selecciona e coñece proxectos empresariais innovadores non tecnolóxicos que precisen dun socio tecnolóxico e, pola outra, busca emprendedores e proxectos cunha forte compoñente tecnolóxica para poñelos en contacto con investidores.

Julián Cerviño referiuse ás “singularidades” de Galicia relacionados co territorio, a poboación, a Administración e servizos dixitais ou os sectores estratéxicos, así como á aposta da Xunta de Galicia polo emprego de tecnoloxías de alto impacto, como a intelixencia artificial, o internet das cousas, a economía do dato ou os vehículos non tripulados ao servizo do benestar das persoas e a xeración de riqueza.

Neste sentido, subliñou que o talento de Galicia ten que contribuír a ese desenvolvemento con solucións adaptadas para afrontar os proxectos que a Xunta ten en marcha no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030. Entre os proxectos que requiren desa visión “autóctona”, Cerviño referiuse á xestión intelixente do territorio cos datos e información procedentes da rede de sensores de iCousas (internet das cousas); á plataforma de mobilidade que racionaliza e facilita o uso e eficiencia dos transportes públicos; o modelo de asistencia apoiada na tecnoloxía en residencias intelixentes e fogares intelixentes para persoas maiores ou con discapacidade; á automatización e robotización para lograr unha Administración dixital máis eficiente, máis personalizada e máis accesible; ou á evolución da xustiza e a educación dixital que xa están implantadas en todas as salas de vistas e en practicamente todas as aulas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS