main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

18/01/202419:44
Comisión de expertos para o asesoramento no desenvolvemento e uso ético da intelixencia artificial en Galicia.
Santiago de Compostela

Rueda pon en valor o potencial de Galicia para situarse á vangarda no impulso de novas tecnoloxías

  • O presidente da Xunta reúnese coa Comisión de expertos para o asesoramento no desenvolvemento e uso ético da intelixencia artificial en Galicia
  • Asegura que a futura lei sobre intelixencia artificial vai consolidar Galicia como referente no uso ético desta tecnoloxía e como lugar atractivo para a inversión empresarial neste eido

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o potencial de Galicia para situarse á vangarda no impulso de novas tecnoloxías e das medidas que garantan un uso seguro e axeitado das mesmas.

Durante un encontro coa Comisión de expertos para o asesoramento no desenvolvemento e uso ético da intelixencia artificial en Galicia, Rueda puxo como exemplo a futura lei sobre intelixencia artificial na que se está a traballar o Goberno autonómico. Unha normativa que vai consolidar Galicia coma referente europeo no uso ético destas tecnoloxías e coma lugar atractivo para a inversión empresarial neste sector.

Rueda agradeceu o labor de asesoramento desta Comisión e lembrou que o obxectivo último dos avances tecnolóxicos sempre ten que ser “mellorar a calidade de vida das persoas”. Para iso, salientou, é preciso o traballo conxunto entre administracións, universidades e o tecido produtivo.

 

14/01/202412:49
XuntaEU.
Santiago de Compostela

XuntaEU concentra nunha aplicación para móbiles os principais servizos da Administración dixital

  • A nova ferramenta facilita a accesibilidade aos servizos públicos e xa está dispoñible para a súa descarga en dispositivos móbiles con Android e iOS
  • Para acceder aos servizos é necesario identificarse dun xeito seguro coa Chave 365 ou co DNI electrónico
  • A aplicación permite, entre outras utilidades, consultar notificacións e expedientes, recibir avisos ou xestionar citas

A aplicación de referencia para móbiles da Xunta de Galicia, XuntaEU, xa está dispoñible para a súa descarga en dispositivos con Android e iOS.

Esta ferramenta concentra o acceso a información e servizos dixitais que xa estaban dispoñibles en diferentes canles en internet e facilita a accesibilidade a estes servizos grazas á universalización na utilización dos dispositivos móbiles e a súa conectividade a alta velocidade. Ademais, a aplicación simplifica e garante a seguridade da relación da cidadanía coa Administración.

Para poder acceder aos servizos, as persoas usuarias deben identificarse dun xeito seguro a través dos sistemas Chave 365 ou do DNI electrónico. Este último está, polo de agora, dispoñible unicamente para dispositivos Android. No primeiro caso haberá tamén un dobre factor de autenticación, polo que a persoa recibirá un código PIN no teléfono a primeira vez que acceda á aplicación. Neste primeiro acceso tamén deberá expresar o seu consentimento opcional para a recepción de avisos, para o uso da cámara coa única finalidade de ler códigos QR, ou para permitir o inicio de sesión con recoñecemento facial ou pegada dixital.

Na súa primeira versión, a aplicación permite acceder ás notificacións postas a disposición en Notifica.gal, consultalas, aceptalas ou rexeitalas. Tamén dá acceso á información básica dos expedientes e presentacións nos que a persoa usuaria figure como solicitante ou representante. Para a realización de tramitacións relacionadas con estes expedientes, a aplicación proporciona un acceso directo á sede electrónica.

A aplicación permite o acceso ao listado de tarxetas ou carnés emitidos pola Xunta de Galicia, que poden ser validados por terceiros directamente dende o dispositivo a través dun código QR. Na actualidade xa están dispoñibles neste sistema o Carné Xove, o Carné profesional en instalacións térmicas de edificios, o Carné profesional de operador de guindastre torre, o Carné de operador de guindastre móbil autopropulsado Categoría A e o Carné profesional de operador de guindastre móbil autopropulsado Categoría B.

XuntaEU proporciona tamén acceso aos certificados dos que dispoña a persoa usuaria. Neste momento, os documentos dispoñibles son o Certificado de habilitacións profesionais, a Licenza de pesca marítima de recreo en superficie, a Licenza de pesca marítima de recreo submarina e a Licenza de pesca marítima de recreo en embarcacións.

Tamén permite consultar as citas programadas coa Administración. Na actualidade están integrados o sistema de citas das Oficinas de Atención á cidadanía e Rexistro e o sistema de citas das Oficinas de Atención das consellerías. Ademais, os usuarios e usuarias poden consultar ou dar de alta apoderamentos do Rexistro Electrónico de Apoderamentos de Galicia.

Outras utilidades son a xestión do sistema de Chave 365 para renovar os datos de usuario ou dalo de baixa; a posibilidade de consultar ou modificar os datos persoais almacenados na Carpeta Cidadá, así como a recepción de avisos personalizados.

XuntaEU inclúe tamén unha utilidade para comprobar a validez de documentos asinados electronicamente, tanto de maneira manual como mediante o uso da cámara para escanear o código QR.

 

11/01/202418:22
Mans usando un teléfono intelixente.
Santiago de Compostela

A Xunta crea un nodo de colaboración público privada para adaptar as tecnoloxías de telecomunicación ás necesidades do territorio

  • O nodo Conectivi.gal supón unha evolución do nodo 5G e buscará adaptar todo tipo de tecnoloxías sen fíos ás necesidades específicas de Galicia e aos desafíos como a extensión do internet das cousas e o territorio intelixente
  • Desta estrutura de colaboración formarán parte a Xunta, as tres universidades públicas, os centros tecnolóxicos e as operadoras Telefónica, Vodafone e Orange
  • Entre os obxectivos do nodo está o de consolidar en Galicia un ecosistema de entidades especializadas no eido da conectividade

O Consello da Xunta recibiu hoxe o informe sobre “A evolución ao nodo Conectivi.gal”, unha estrutura de colaboración público – privada que dedicará os seus esforzos a adaptar as novas tecnoloxías de telecomunicacións sen fíos ás necesidades específicas de Galicia.

O despregamento de redes de telecomunicacións sen fíos adquire unha importancia singular en Galicia polas dificultades que existen para facer chegar as infraestruturas terrestres a todo o territorio e a unha poboación moi dispersa.

Esta nova estrutura de colaboración é unha evolución do nodo 5G, constituído no ano 2018, que permitiu situar á nosa Comunidade na vangarda do desenvolvemento desta tecnoloxía. Puxéronse en marcha 30 casos de uso adaptados ao territorio en aspectos como a sanidade, loxística, emerxencias, realidade aumentada ou agricultura, entre outros, e producíronse fitos como a primeira experiencia mundial de roaming en 5G entre Galicia e Portugal.

As necesidades de despregamento de telecomunicacións amplíanse hoxe a todo tipo de dispositivos que deben estar conectados para facilitar información sobre o territorio ou para a xestión de datos, con tecnoloxías como o internet das cousas, e utilidades como o territorio intelixente, a mobilidade ou o desenvolvemento dos sectores primarios e infraestruturas rurais. Para cubrir estas necesidades, existen alternativas ao 5G que se axustan a estes novos desafíos (como NB-IoT, LoraWan ou WiFi Halow). Adaptar estas tecnoloxías ás necesidades específicas de Galicia é o obxectivo do nodo Conectivi.gal.

Entre os seus obxectivos están tamén o de consolidar en Galicia un ecosistema de entidades especializadas no eido da conectividade; desenvolver actividades formativas e demostrativas orientadas aos perfís tecnolóxicos en telecomunicacións; a dinamización da implantación de solucións de conectividade; e a promoción da dixitalización e innovación das administracións públicas galegas a través da conectividade.

O nodo Conectivi.gal está promovido pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Universidades e Formación Profesional; do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Entre os membros fundadores estarán tamén as tres universidades públicas de Galicia (Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo); así como Telefónica, Vodafone e Orange. Tamén formará parte do nodo a Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia (ATIGA – Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia).

 

11/01/202418:14
Mans usando unha tablet.
Santiago de Compostela

A Xunta publica unha guía para facilitar a adopción da intelixencia artificial polas administracións públicas

  • O documento achega pautas e indicacións que poden ser adoptadas por calquera administración pública de acordo coa súa idiosincrasia
  • Identifica as distintas fases e axentes que interveñen na xestión de proxectos que integran sistemas de IA
  • Aliñada coa normativa europea, a guía busca poñer ao alcance de todas as administracións a capacidade da intelixencia artificial para ofrecer eficiencia, personalización e anticipación en la prestación dos servizos públicos

A Xunta pon a disposición das administracións do sector público galego unha guía para facilitar a xestión da intelixencia artificial nas súas organizacións. O documento, aliñado coa normativa europea, identifica as distintas fases e axentes que interveñen na xestión de proxectos que integran sistemas de IA e achega pautas e indicacións, que poden ser adoptadas por calquera administración pública de acordo coa súa idiosincrasia.

O documento, enmarcado nas liñas de actuación da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030 (EGIA 2030), busca poñer ao alcance de todas as administracións a capacidade da intelixencia artificial para ofrecer eficiencia, personalización e anticipación na prestación dos servizos públicos.

Con este obxectivo, a Guía práctica para a xestión da intelixencia artificial nas administracións públicas explica que é un sistema de IA e as fases do seu ciclo de vida, proporcionando unha visión integral do proceso, destacando as actividades esenciais de cada etapa, ademais de analizar erros comúns que poden xurdir e identificar os roles responsables.

O documento establece como primeiro paso a identificación e avaliación de oportunidades, establecendo unha área de mellora á que se lle pode dar resposta incorporando un sistema de IA. O segundo paso é o deseño, desenvolvemento e implantación do sistema. A guía detalla todos os pasos de cada fase, así como os axentes que interveñen: desde a persoa delegada da implantación de IA, a comisión de avaliación, o persoal funcional e o persoal tecnolóxico.  

A guía aborda a xestión do ciclo de vida dun sistema de IA como un proceso integral, que permite asegurar que o sistema observa en todo momento as condicións que garanten a súa idoneidade, o seu uso confiable e sustentable no tempo, así como o cumprimento normativo e os requirimentos éticos asociados a esta tecnoloxía.

Neste sentido a guía, tal e como fixa a normativa europea, considera unha parte central do proceso de deseño e implantación dun sistema de IA, a clasificación do nivel de risco e a adopción de medidas coherentes con cada nivel de risco. A identificación clara e continua de riscos, a súa avaliación periódica e a implantación de medidas de resposta son aspectos chave do éxito da adopción desta tecnoloxía por parte do sector público.

A elaboración desta guía enmárcase na Estratexia Galega de Intelixencia artificial 2030, a folla de ruta do Goberno autonómico para o desenvolvemento e a implantación dunha intelixencia artificial ética e fiable, que respecte os valores e normas da rexión e que, ante todo, sirva á cidadanía. Actualmente, estase a tramitar a futura lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia co obxectivo de establecer un marco legal uniforme para o deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de intelixencia artificial na Administración Xeral e do Sector Público Autonómico de Galicia, así como fixar os principios éticos reitores do deseño, adquisición e implantación dos sistemas de intelixencia artificial en Galicia.

 

29/12/202312:43
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

Máis de 430 persoas participaron no ciclo formativo sobre ciberseguridade para a cidadanía

  • Baixo o lema “O teu día a día en liña, con seguridade” leváronse a cabo un total de 38 sesións formativas entre marzo e decembro
  • Estas xornadas realizáronse de xeito presencial en 20 aulas da Rede CeMIT das catro provincias galegas e no centro GaiásTech da Cidade da Cultura

Máis de 430 persoas participaron no ciclo formativo sobre ciberseguridade para a cidadanía entre os meses de marzo e decembro deste ano.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pechou unha nova edición desta actividade para concienciar á cidadanía, e especialmente ás persoas maiores, sobre os posibles riscos da contorna virtual e as medidas para poder previlos.

Durante estes nove meses e baixo o lema “O teu día a día en liña, con seguridade”, leváronse a cabo 38 sesións formativas en 20 concellos de toda Galicia de xeito presencial nas aulas da Rede CeMIT e no Centro GaiásTech da Cidade da Cultura. No 2024 está previsto dar continuidade a esta programación.

O obxectivo desta actividade é favorecer unha contorna dixital segura e afrontar de forma colaborativa os novos retos da cidadanía no seu día a día no marco do reforzo das medidas de concienciación en materia de seguridade dixital e en liña coa Estratexia Galega de Ciberseguridade.

A Rede CeMIT

A Rede Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega, que conta coa colaboración de 90 concellos. Ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación e amosar as vantaxes da sociedade dixital.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS