A edición 2022 da histórica party informática galega XGN R Encounter celebrarase do 7 ao 9 de outubro, volvendo reunir a profesionais e seareiros da informática e as novas tecnoloxías nunha cita que alcanza xa a súa 22ª edición. O encontro, o maior de Galicia das súas características (unha xuntanza da mocidade para compartiren experiencias e coñecementos arredor das ferramentas dixitais) artellarase nas súas zonas habituais nos dous pavillóns principais da Feira Internacional de Galicia Abanca: a Intranet, orientada a inscritos, permitíndolles desfrutar dun posto con dereito a acampar e a participar en actividades exclusivas, e a Extranet, que ofrecerá un completo programa de propostas tanto para inscritos como para quen visite o recinto.
Segundo informa a organización, o evento desenvolverase de novo “no seu formato completo”, recuperando a súa área de acceso libre no recinto logo das celebracións online de 2020 e presencial (para inscritos en 2021).
A Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda irá deseñando nas vindeiras semanas esta edición, que é a sexta coa operadora galega R como colaboradora e patrocinadora oficial e que de novo conta co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, impulsora da party. “XGN é unha cita que seguirá incorporando melloras na súa aposta por converterse na segunda lanparty de España”, sinalan dende as entidades organizadoras, poñendo o foco nos seus vencellos coa rede de Encounters do Grupo Euskaltel, á que R pertence a través da súa Fundación e que inclúe desde hai máis de 25 anos as parties de Euskadi: Euskal Encounter, Gipuzkoa Encounter e Araba Encounter.
Propostas formativas e de lecer
Aprendizaxe, intercambio de experiencias e diversión serán os eixos dunha cita que contará cun amplo programa tanto para rexistrados como para as persoas que acudan á Extranet. A organización salientou “as interesantes novidades que pretenden sorprender como en cada edición aos participantes”, cun programa ateigado de competicións, obradoiros, conferencias, actividades de Realidade Virtual (RV) e tamén de xogos diversos.