O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ten aberto até o 22 de maio o prazo de presentación de propostas para a XII edición do concurso de relatos Inspiraciencia, iniciativa que xunta ciencia e literatura. Os escritos poderán presentarse en castelán, catalán, galego ou éuscaro e poden estar encadrados nunha temática científica xeral ou na da Intelixencia Artificial.
O CSIC explicou que poden presentarse, a través da web do concurso, relatos curtos dun máximo de 800 palabras en dúas categorías: Joven (de 12 a 17 anos) e Adultos (a partir dos 18 anos).
O certame, promovido desde a Delegación do CSIC en Cataluña, ten a colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) - Ministerio de Ciencia e Innovación e o apoio continuado dunha manchea de entidades culturais e científicas, entre as que cabe citar Cultura Científica e Ciencia Cidadá do CSIC; delegacións e institutos do CSIC en Andalucía, Aragón, Baleares, Canarias, Estremadura, Galicia, Euskadi e as comunidades de Madrid e Valencia, así como entidades culturais e científicas (Escola d'Escriptura de l'Ateneu Barcelonès; Escola de Escritores; Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; Editorial Galaxia; Euskal Etxea - Centre Cultural Barcelona; Elhuyar Fundazioa; Mètode - Revista de Difusió da Investigació da Universitat de València; Associació d'Escriptors en Llengua Catalá; Investigación e Ciencia; Biblioteques de Barcelona; Efervesciencia - Radio Galega e Conexión AIHUB.CSIC).
Esta edición contará coa participación especial tanto da Delegación do CSIC na Comunitat Valenciana para a organización do acto de entrega de premios, previsto para setembro, como de Conexión AIHUB.CSIC, unha rede que aglutina ao persoal investigador desta institución dedicado á IA e que achegará financiamento e premios na temática de IA do concurso. Concederanse dous premios, un institucional, para cada categoría e idioma, e outro do público. Ademais, entregaranse dous premios especiais: o de Intelixencia Artificial, novidade deste ano, e o premio De ciencias e de letras, dirixido ao profesorado.
O xurado estará composto por persoas ligadas ao ámbito científico e literario como o galego Manuel Vicente, do programa Efervesciencia de Radio Galega; Conxi Ayala, investigadora no Instituto de Geociencias de Barcelona (CSIC); e Pura Salceda, representante da Asociación de Escritoras en Lingua Galega, entre outros.