- Este primeiro capítulo, titulado ‘Non vexas que estilo', contou coa colaboración de Ágatha Ruiz de la Prada
A cuadrilla de ‘On Fologüers', a serie animada da Fundación ONCE, volve reunirse para estrear unha nova tempada que se inicia este venres co capítulo ‘Non vexas que estilo', no que colaborou Ágatha Ruiz de la Prada.
Tras o éxito da primeira tempada, estreada en xuño de 2016, a Fundación ONCE volve insistir neste formato para visibilizar e tratar de normalizar o día a día das persoas con discapacidade retratados nunha cuadrilla de amigos que se enfrontan a situacións cotiás e que resolverán con moito sentido do humor.
Constará de seis capítulos e, do mesmo xeito que a pasada tempada, son moitas as persoas e entidades que quixeron sumarse á iniciativa. Se na primeira tempada puidemos ver e escoitar nun dos capítulos a Isabel Gemio, esta segunda quenda arrinca co personaxe de Ágatha Ruiz de la Prada dobrado pola propia deseñadora.
Tamén terán o seu propio debuxo animado o actor Kike San Francisco ou o ex seleccionador Vicente del Bosque, ademais do apoio de diversas entidades como Bankinter, que quixeron mostrar a súa aposta pola accesibilidade e a inclusión de persoas con discapacidade.
Segundo sinala José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, a gran acollida que tivo a serie e o convencemento de que é unha boa fórmula para promover a normalización das persoas con discapacidade e mostrar a discapacidade sen que se fale dela, é o que nos levou a seguir apostando por este formato. “Apostamos por construír un mundo mellor para todos a través do humor”, subliña.
Proba do éxito deste proxecto é o interese mostrado por Atresmedia que fixo posible que esta segunda tempada de ‘On Fologüers' conte cunha canle propia dentro da plataforma Flooxer, que apoia a creadores audiovisuais con talento. Flooxer recibe unha media de 1,5 millóns de visitas ao mes.
Ademais, desde Atresmedia tamén se apoiará a difusión desta serie a través das distintas canles de redes sociais cos que contan as empresas do grupo, como Antena 3, La Sexta, Onda Cero Radio e Europa FM.
Juan Carlos Martínez, social media da Fundación ONCE e coordinador da serie, móstrase satisfeito co resultado da primeira tempada que contou en redes sociais con máis de 20 millóns de impactos e máis de 3.000 tuits xerados. Ademais rexistráronse máis de 21.000 reproducións directas en YouTube. “Esperamos que co apoio de Atresmedia a serie chegue a todos os recunchos e, o que é aínda máis importante, contribúa a que os mozos vexan a discapacidade dunha forma normalizada e inclusiva”.
A Cuadrilla ‘On Fologüers'
Os personaxes da serie son mozos con e sen discapacidade que desenvolven a súa vida en distintas contornas e protagonizan tramas a través das que coñecemos as barreiras sociais e arquitectónicas ás que deben facer fronte no seu día a día.
Ao longo da tempada, que comeza este venres, o espectador poderá coñecer cada mes a Adolfo e ao resto da súa cuadrilla: María (unha estudante en cadeira de rodas), Laura (avogada cega), Toni (mecánico xordo que se comunica en linguaxe oral), Amaia (química que representa unha persoa xorda signante) e Daniel (empresario hostaleiro con discapacidade intelectual).
En cada capítulo verase como cada personaxe conseguirá os seus obxectivos, facendo unha denuncia construtiva e con humor de situacións concretas coas que se atopan as persoas con discapacidade. Neste primeiro capítulo Laura decide comezar a facer un videoblog de moda asesorada pola deseñadora Ágatha Ruiz de la Prada.
“Reflectimos en cada un dos capítulos o concepto do deseño para todos. Transmitimos cun sorriso valores como a solidariedade, o compromiso, o compañeirismo, que levados ao noso día a día permítennos lograr a inclusión das persoas con discapacidade”, resume José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE.
Ademais de en Flooxer, a serie poderá seguirse en: