main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

28/11/201709:57
Entrega dos premios do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores.
Santiago de Compostela

Un reloxo intelixente para axudar ás persoas dependentes e os seus familiares, premiado pola USC

A semana pasada a Universidade de Santiago entregou os galardóns da sexta edición do seu Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores, unha convocatoria dirixida novamente a impulsar a creación de empresas con servizos e ferramentas que acheguen puntos de inflexión na evolución do noso tecido investigador e produtivo, postas en marcha por universitarias e universitarios dos campus composteláns. Entre os proxectos premiados atopábase unha iniciativa para axudar con novas tecnoloxías ás persoas que sofren alzhéimer. Trátase de E-Wear Tecnologies, impulsada polos investigadores-emprendedores Ángel Rodríguez Cerdeira, Carlos García Campos e María Luz Mosteiro del Pilar.

A proposta, distinguida como mellor Proxecto Empresarial Start-Up, ten a súa orixe na situación persoal dun dos seus co-fundadores, con persoas enfermas da dita doenza no seu fogar. O punto de partida foi o seguinte: como usar as novas tecnoloxías para axudar no día a día destes familiares e do resto das persoas que teñen a mesma doenza, e todo buscando a meirandes comodidade e efectividade?

Segundo fixeron saber os seus creadores, E-Wear Technologies pretende proporcionar seguridade e independencia a persoas maiores dependentes. A iniciativa foi recoñecida co premio ao mellor proxecto empresarial Start-Up e unha premio metálico de 2.000 euros. O proxecto aspira a levar ao mercado un reloxo asistente para persoas maiores, que envía alarmas de cando teñen que tomar a medicación e permite avisar á familia ou servizos de emerxencias en caso de necesidade. 

O reloxo ten unha tarxeta SIM que o capacita para facer e recibir chamadas e enviar mensaxes de aviso. Á súa vez, a familia ten unha aplicación móbil que permite facer seguimento do usuario do reloxo, sabendo en todo intre se toma a medicación ou se sufriu algunha caída. Son os seus promotores Ángel Rodríguez Cerdeira, Carlos García Campos e María Luz Mosteiro del Pilar. 
 

Empresa EBT 
Dotado con 2.000 euros, o premio destinado a empresas coa cualificación de Empresa de Base Tecnolóxica (EBT) da USC recaeu en HGBeyond Materials Science, spin-off que centra a súa actividade na ciencia de materiais, especializada en tecnoloxía de hidroxeles. Constituíuse en xuño de 2015 como Lentimed Medical Devices, nome que mudou en 2017 ao medrar a súa proxección internacional e o seu ámbito de actividade. Na actualidade HGBeyond deseña e desenvolve novos materiais para lentes de contacto de alto valor engadido, que sirvan como correctores de visión máis confortables e como plataformas de cesión sostida de sustancias activas. O seu obxectivo principal será a explotación das primeiras lentes medicadas do mundo. 

A actividade empresarial desta spin-off aséntase sobre unha das liñas de investigación do Grupo I+D Farma da USC, que ten unha importante actividade científica, sendo un referente no seu campo de traballo. Esta é unha sociedade que promoven Carmen Álvarez Lorenzo, Ángel Concheiro Nine e Paloma Cabello Esteban. 
 

Proxectos EBT 
Na categoría de proxectos EBT outorgaranse idénticos premios de 2.000 euros a Biorecovery e Pharmatox-Lab. No primeiro caso o proxecto propón unha empresa enfocada á reciclaxe e valorización de subprodutos das industrias agroalimentarias. A curto prazo o seu obxectivo é a transformación de sangue dos matadoiros, que constitúe un residuo perigoso, en fariña de sangue, un composto inocuo con aplicación na elaboración de fertilizantes para agricultura, tanto convencional como ecolóxica. Promoven este proxecto Abraham Rivera Peña, Hiram Varela Rodríguez, José Manuel Magide Ameijide, Adrián Rodríguez Chantres e Juan José Redondo Floriano. 

No caso de Pharmatox-Lab, o proxecto baséase na oferta de análises toxicolóxicas específicas non cubertas actualmente polos laboratorios existentes no mercado. Estas análises inclúen a determinación de drogas e fármacos nas mostras biolóxicas clásicas como son sangue ou ouriños, pero tamén en mostras alternativas, que proporcionan solucións a problemas non resoltos coa análise das mostras clásicas. Os seus promotores son Ana de Castro Ríos, Salvador Blanco Turnes, Elena Lendoiro Belío, Angelines Cruz Landeira e Manuel López-Rivadulla. 
 

Muller Emprendedora 
AYeconomics Research Centre, premio na modalidade Muller Emprendedora dotado con 2.000 euros, é unha spin-off especializada en investigación de calidade e recomendación de políticas derivadas da mesma en temas socioeconómicos. Conta con metodoloxías innovadoras que permiten facer análises de impacto con escaseza de información (PATH-RAS) e análises espaciais (EVAL-SET). O equipo de promotoras confórmano Aizhan Samambayeva, Yolanda Pena Boquete, Melchor Fernández Fernández e Manuel Fernández Grela. 
 

Promoción da lingua galega 
A proposta gañadora, cunha dotación de 1.000 euros, é Coeduca, en palabras da USC “a primeira entidade especializada en coeducación de España” que implanta plans de igualdade con metodos finlandeses para centros escolares, administracións públicas e entidades que queiran promover unha sociedade máis igualitaria entre mulleres e homes. O proxecto social nace “coa intención de previr a violencia de xénero dende a educación en igualdade e co obxectivo de implantar a primeira rede de centros co educativos de Galicia e a primeira de España da formación profesional”. Esta é unha proposta de María del Pilar, Cecilia e Sandra Porral Iglesias. 

Os proxectos gañadores terán acceso de balde á incubadora do edificio Emprendia durante seis meses, contados a partir da data de constitución da empresa. Ademais, a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) facilitará aos distintos proxectos e empresas gañadoras reunións de contacto coas entidades inversoras Unirisco e Xesgalicia. No caso das empresas gañadoras poderán participar nos fondos de inversión organizados por IGAPE e Xesgalicia.

28/11/201709:52
Aula informática de Cabanas.
Cabanas

O Concello de Cabanas crea dúas aulas multimedia no antigo consistorio

Concello de Cabanas (A Coruña) vén de crear dúas aulas multimedia na antiga casa consistorial. Os novos espazos foron dados a coñecer polo alcalde, Germán Castrillón, quen informou que se trata de dúas estancias equipadas “coas últimas tecnoloxías” que requiriron, para o seu acondicionamento (derrube de tabiques, ampliación de superficie útil, achega de equipamento TIC de alumeado), dunha intervención orzamentada nuns 59.000 euros co-financiados por AGADER e a Consellería de Cultura. Coas dúas aulas multimedia, sinalou o rexedor, potenciarase a actividade do inmoble, até o de agora sede da Escola Municipal de Música. A intención do Concello é entrar á formar parte da Rede CeMIT de Galicia nos vindeiros meses e iniciar a achega de accións formativas no eido da alfabetización dixital e do emprendemento. 

As novas aulas están emprazadas no primeiro andar e, segundo engadiu Castrillón son cen por cen accesibles. A primeira sala conta con 13 CPU con monitor LED, impresora láser, proxector de vídeo, equipo de son con altofalantes, pantalla de proxección, cámara motorizada para vídeo-conferencias, mesas de aula e cadeiras. A segunda, concibida como complementaria da primeira, é unha aula multiusos con mesa para reunións, cadeiras, CPU con monitor LED e armario. Por último, o Concello tamén dotou o inmoble dun sistema de alarma para garantir a súa seguridade

28/11/201709:46
Web de vilardesantos.gal.
Vilar de Santos

Vilar de Santos optimiza a súa web e implanta servizo de eAdministración

O Concello de Vilar de Santos (Ourense) vén de levar a cabo unha serie de importantes avances en materia de tecnoloxías, transparencia e participación. Estas melloras, que responden ao Plan de Modernización Dixital posto en marcha hai uns meses, abranguen a modernización da web municipal e máis a implantación local da Administración Electrónica. O obxectivo xenérico do Concello é “fomentar a transición do modelo analóxico ao dixital co horizonte de 2018”, incorporando novos servizos e impulsando a xestión interna municipal. A orixe deste Plan está no convencemento de que as TIC e a Internet son “unha ferramenta fundamental para axilizar e dotar de maior eficiencia a relación que mantemos cos novos veciños e veciñas”.

Respecto á modernización e actualización do portal web, abrangueu a adopción dun novo formato, adaptado e adaptable, cunha maior presenza nos dispositivos móbiles e nas redes sociais cara ao novo dominio, vilardesantos.gal, que xa está operativo. Segundo informou o Concello, grazas ás melloras aplicadas “poderemos compartir directamente os contidos en calquera aplicación social”, gozando, no que ao portal se refire, “dun deseño máis moderno, limpo, contidos máis accesibles e con capacidade para adaptarse a calquera dispositivo de navegación”. Ademais, o sitio tamén permite crear novos apartados “dun xeito máis doado de cara a adaptarse con maior axilidade ás necesidades informativas e de comunicación do Concello”.

Os traballos de actualización e optimización, levados a cabo pola empresa Ainet, deixan marxe ampla para a inclusión de novos servizos e funcionalidades e para ficar “en permanente actualización”. Ademais, a estrutura da nova web persegue estruturar os contidos en función do interese de quen a visite. 

O novo portal, a maiores, incorporará unha aplicación municipal que arestora atópase en fase de probas e que se prevé estea operativa en xaneiro. Esta ferramenta, en palabras do Goberno local, permitirá non só acceder a contidos de interese, senón tamén comunicar de xeito electrónico ao Concello todo tipo de incidencias e consultas sobre cuestións como avarías de auga, saneamento, alumeado público, camiños, mobiliario urbano, etc. 

A outra gran novidade da web, como dixemos, é a incorporación do novo servizo da Administración Electrónica, co que se pretende “dar cumprimento ás esixencias e normativas legais actuais e futuras”. O Concello comunicou que irá introducindo de maneira paulatina este servizo nos seus procedementos. Dentro deste proceso estase abrindo a sede electrónica (vilardesantos.sedelectronica.gal/info.0), que será “o punto de referencia para as xestións administrativas online coa Administración local, de información e de transparencia municipal”. O obxectivo é acadar “unha Administración sen papel, baseada nun funcionamento que non só sirva mellor aos principios de eficacia e eficiencia, de aforrar custos, senón que tamén reforce as garantías dos veciños nas xestións coa administración: simplificando e facilitando os procedementos con transparencia, en calquera momento e desde calquera lugar con acceso a Internet”.

Este proceso iniciouse no mes de agosto para implantar a Administración Electrónica na actividade diaria e os servizos municipais, coa plataforma Gestiona e a necesaria formación e acompañamento do persoal dos diferentes servizos municipais, ademais da adquisición de novos equipos.

27/11/201710:31
Presentación das orientacións sobre Identidade Dixital.
Santiago de Compostela

Identidadedixital.gal, unha nova ferramenta para orientarnos no mundo dixital

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de facer públicas as orientacións sobre Identidade Dixital dirixidas ao profesorado e ás familias, para un coñecemento máis exhaustivo da contorna dixital no ámbito educativo, resultado dun proxecto no que participaron un grupo de persoas relevantes do mundo dixital galego que responder a 57 preguntas concretas.

O material elaborado ao redor deste proxecto concretouse nun libro dixital bilingüe que pode descargarse de balde en formato PDF e unha serie de vídeos informativos (recollidos nunha canle de YouTube) que abordan cuestións como os riscos da Rede, a suplantación de identidade, as compras en liña por parte de menores ou incluso a explicación de terminoloxías propias do contorno TIC como netiqueta, infoxicación ou sexting. Todos estes contidos están recompilados nunha páxina web accesible a través do dominio identidadedixital.gal.

A participación nos vídeos do proxecto Identidade Dixital foi moi variada, de xeito que tanto podemos atopar docentes como profesionais do sector TIC. Algúns casos serían a doutora en Filoloxía Inglesa Alba Alonso, a docente e profesional do mundo da Informática Luz Castro, o profesor da IE Business School Enrique Dans, o presidente da asociación TADEGa Juan José Fernández García, o webmaster de Código Cero Marcus Fernández, o xornalista e docente Luis Fraga, a enxeñeira en Telecomunicacións Edita de Lorenzo, o informático co-autor do libro Los Nativos Digitales No Existen Javier Pedreira, o psicólogo Javier García, o avogado Víctor Salgado e o presidente do CPEIG Fernando Suárez, entre outros.

Estes materiais foron presentados na sala Eisenman da Cidade da Cultura nun encontro con docentes da Rede de Formación do Profesorado e con profesorado encargado de elaborar contidos en materia de convivencia, no que tamén participaron o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila.

Estas orientacións enmárcanse dentro da Estratexia Galega de Convivencia 2015-2020 e súmanse a outros protocolos postos en marcha pola Consellería de Educación como os de Protección de Datos Persoais, de Atención Educativa Domiciliaria, de Urxencias Sanitarias, ou de Acoso e Ciberacoso. Todos eles teñen como finalidade dar apoio aos centros, aos docentes e ás familias con documentos e guías específicas.

27/11/201710:24
Pantallazo do novo tradutor Gaio.
Santiago de Compostela

A Xunta actualiza o servizo de tradución Gaio, que incorpora vocabulario específico do ámbito xurídico e administrativo

  • A nova versión de Gaio permite empregar nas traducións de galego e castelán tres dicionarios personalizados diferentes, o xeral, o administrativo e o xurídico
  • Incorpora a tradución inmediata, que se xera mentres a persoa introduce o texto
  • Está adaptado a dispositivos móbiles e permite reverter nun só clic o sentido da tradución
  • En dous anos o portal rexistrou máis de 2,6 millóns de visitas e traduciu 430 millóns de palabras

 

A Xunta vén de actualizar o servizo de tradución Gaio, que incorpora tres vocabularios personalizados diferentes: o xeral, o administrativo con nomenclatura das administracións galegas e nomes propios de lugares e persoas, e o xurídico con terminoloxía propia do campo xudicial e lexislativo. É unha das novidades da nova versión deste portal, que posibilita a tradución directa e inversa de textos e de webs en galego, castelán, portugués, inglés, francés e catalán.

A Amtega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística puxeron á disposición da cidadanía este servizo hai 2 anos, nos que rexistrou máis de 2,6 millóns de visitas e traduciu 430 millóns de palabras.

 

Novidades

Xunto coa incorporación de vocabulario específico, renovouse o deseño e mellorouse e simplificouse o funcionamento do tradutor, que agora permite introducir na mesma caixa tanto o texto como a url da web que se quere traducir.

A nova versión de Gaio está adaptada a todos os dispositivos móbiles, permite reverter nun só clic o sentido da tradución e copiar, tamén, nun só clic o texto traducido. Outra das novidades é a tradución inmediata, que se vai xerando mentres o usuario introduce o texto orixinal.

 

App

Gaio tamén está dispoñible como aplicación móbil desde xullo de 2016 para dispositivos IOS e Android. A aplicación móbil Gaio conta cunha interface moi sinxela e intuitiva, permite a tradución de textos entre galego, castelán, inglés, portugués, francés e catalán. O usuario que descargue Gaio pode gardar as súas traducións favoritas, enviar suxestións para completar e mellorar os dicionarios de Gaio, configurar os idiomas por defecto e predeterminar se a aplicación debe ou non marcar as palabras descoñecidas.  Está previsto que nas novas actualizacións a app incoporte as melloras da web.

Gaio é unha das 28 as apps dispoñibles no catálogo de servizos en mobilidade  da Xunta de Galicia e que abranguen servizos para demandantes de  emprego (Mobem); para o ámbito educativo (abalarMóbil); para a mocidade (Carné Xove); relacionadas coa meteoroloxía (Meteogalicia, MeteoRoute); coa pesca (Non piques-Non peques); co turismo (Enoturismo, Sendegal, Turismo de Galicia, Bono Iacobus, Camiño de Santiago); coa prevención da violencia de xénero (escAPP) ou coas TIC na empresa (aplicación do Centro Demostrador TIC, CDTIC), entre outras.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS