main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

15/01/201809:51
Seeing AI.
Santiago de Compostela

Seeing AI unha app para persoas con discapacidade visual

O gran aliado da discapacidade visual hoxe en día é o móbil. Aos poucos as aplicacións incorpóranse á vida diaria das persoas que necesitan axudas tanto técnicas como tecnolóxicas e facilítanlles tanto a orientación, no caso do GPS como localización se se perderon nunha cidade que non coñecen. Neste caso, Microsoft presentou a súa app intelixente chamada Seeing AI

Unha aplicación que está dispoñible de momento en IOS de forma gratuíta que permite mediante a intelixencia artificial e a cámara do smartphone que obxectos e lugares próximos sexan identificados. Desta forma, ao recoñecer o que ve, o usuario pode deambular e sabe exactamente que ten diante grazas ao asistente de voz que lle vai describindo brevemente o que ten diante cando apunta.

Unha das funcións que ten é o recoñecemento de persoas; a condición de que sexan identificadas previamente o usuario. Saberá dicirche que idade ten, que expresión mostra e a que xénero pertence. Así mesmo pode ler tickets ou facturas que se abonen en metálico de forma que saibamos se nos é devolto o cambio correctamente. As diversas canles que ten a aplicación poderá xestionar moitos dos problemas aos que se enfrontan as persoas con discapacidade visual e poderá aos poucos integrarse como ferramenta fundamental.

Este asistente persoal fará máis sinxela a vida das persoas con discapacidade visual de forma que poidan ler letreiros, cartas, facer a compra recoñecendo obxectos ou ben ver a contorna por onde deambulan. Saudar a unha persoa porque che “chiva” quen é ou dicir adeus porque sabes exactamente quen se vai.

A tecnoloxía sempre facilitou a vida das persoas con discapacidade sensorial; neste caso non só axuda senón que será un axudante imprescindible que se utilizará a diario. Persoas con baixa visión, discapacidade visual grave, cegas ou con problemas de visión tanto periférica como da visión central poderán axudarse desta aplicación durante a súa xornada. Unha realidade que aos poucos vai converténdose nunha gran axuda.

15/01/201809:43
Aula CeMIT.
Valga

Valga acolle en xaneiro media ducia de obradoiros de alfabetización dixital

O concello de Valga vai acoller este mes de xaneiro media ducia de actividades para introducir á veciñanza nos principais usos e vantaxes das novas tecnoloxías da información. Os obradoiros do programa formativo, centrado na aula CeMIT local (emprazada no auditorio municipal), teñen o nexo de facer fincapé na alfabetización dixital da cidadanía, como por exemplo as actividades para as que aínda hai prazas libres: o curso Crea o teu email, que se desenvolverá entre os días 15 e 17, e o curso Fai a túa compra online, que se celebrará entre os días 22 e 31 de xaneiro. 

Amais das actividades devanditas, desenvolverase o curso Iniciación á informática, con datas por confirmar, e os cursos Personaliza o teu calendario, Descubre Google Earth e Sorprende coas túas presentacións en Impress. 

Por outra banda, a aula tamén informa que o vindeiro 26 de xaneiro ás 10 horas realizaranse no dito local TIC os exames presenciais dos cursos EMA de teleformación. Soamente poderán inscribirse nestas probas as persoas que activaran a opción de Cuestionario de avaliación na plataforma de teleformación EMA, unha vez seguidos todos os contidos do curso. Unha vez realizada a súa inscrición, é necesario ter recibido o correo confirmatorio de matriculación para asistir ás probas.

15/01/201809:40
Logo Diccionario Fácil.
Madrid

O Dicionario Fácil de Plena Inclusión Madrid cumpre un ano e inclúe termos como 'brexit' e 'emponderamento'

O Dicionario Fácil de Plena Inclusión Madrid, o primeiro dicionario en español e en lectura fácil, cumpriu o seu primeiro ano de vida, durante o cal incluíu termos que foron actualidade ao longo do ano como 'Brexit' e palabras vinculadas á actividade das persoas con discapacidade intelectual como 'emponderamento'.

Este dicionario, que conta xa con 1.500 termos introducidos, 1.400 publicados e atesoura unha media de 9.000 páxinas vistas mensuais, está realizado con apoio da Fundación Repsol, e conta coa colaboración de Fundéu BBVA e a validación da comprensión lectora dos termos por parte de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

Entre as novas incorporacións aparecen termos marcados por momentos que foron actualidade ao longo do ano, como 'Brexit' ou 'roaming'; palabras de uso complexo como 'pictograma' ou 'icona'; de difícil comprensión como 'fotosíntese' ou vinculadas á actividade das persoas con discapacidade intelectual, como 'emponderamento', 'comisión' ou 'portavoz'.

En total, este dicionario contabilizou ao longo do ano 90.000 páxinas vistas e entre as palabras con mellor valoración atópanse 'accesibilidade cognitiva', 'faba', 'lura', 'a destempo' e 'Brexit'.

Boa parte das novas incorporacións proceden de diferentes traballos de adaptación de informacións a lectura fácil realizadas polo Servizo Adapta de Plena Inclusión Madrid, así como dos termos buscados polos usuarios e tamén dos propostos a través do formulario de contacto da web.

O Dicionario Fácil foi recoñecido en outubro como Práctica Admirable no Primeiro Congreso Estatal de Accesibilidade Cognitiva, e resultou finalista en maio dos Premios Discapnet ás Tecnoloxías Acccesibles que concede a Fundación ONCE.

Segundo Plena Inclusión Madrid, en 2018 o dicionario consolidarase como ferramenta de consulta e entre as súas previsións confía en duplicar o número de termos que contén o dicionario fácil e realizar melloras na sensibilidade do seu motor de procura.

15/01/201809:26
O concelleiro José Manuel Sande, xunto ao alcalde, Xulio Ferreiro, e a directora das Bibliotecas Municipais, Isabel Branco, no acto de celebración do 25 aniversario das bibliotecas.
A Coruña

O goberno local da Coruña pon en marcha un programa de inclusión dixital nas bibliotecas municipais, co obxectivo de "democratizar e facilitar o acceso ás tecnoloxías da información"

  • A formación incluirá 54 cursos e un novo Servizo de Atención Tecnolóxica personalizado, que liquidará consultas e demandas puntuais de axuda das persoas usuarias dos centros

 

A Concellería de Cultura, Deporte e Coñecemento porá en marcha este ano un novo programa, que ten como finalidade facilitar que a cidadanía adquira as competencias necesarias en tecnoloxías da información. Así, as bibliotecas municipais ofrecerán a partir deste mes de xaneiro o Programa de Inclusión Dixital, dirixido a mellorar as capacidades e habilidades da veciñanza para buscar, utilizar e valorar información e sistemas e ferramentas telemáticas de comunicación, á vez que fomentará o uso destas tecnoloxías nos ámbitos cotiáns, administrativos, sociais e participativos da cidadanía. O obxectivo da proposta, como explica o concelleiro José Manuel Sande, é democratizar o acceso á información e as tecnoloxías mediante os dispositivos electrónicos actuais. Segundo concreta, a proposta está dirixida particularmente "a aqueles colectivos que, por diversas motivacións xeracionais, laborais ou formativas, fan un uso nulo ou primario das ferramentas". "As bibliotecas municipais teñen unha relevancia fundamental dentro das políticas culturais do Concello, pois sitúanse como un axente activo e centro de referencia na vida dos barrios. Son, en si mesmas, centros democratizadores do coñecemento, e este novo programa afonda no papel das bibliotecas como o axente idóneo á hora de promocionar a aprendizaxe das habilidades e actitudes idóneas no ámbito dixital", expresa Sande, quen sinala que a medida supón "un paso máis" dentro do Programa de Alfabetización Dixital da rede de bibliotecas.

En total, desde este mes xaneiro e ata finais de outubro, ofreceranse 54 cursos dentro desta nova liña formativa, dirixidos a diversas tipoloxías de persoas usuarias, desde aquelas que non dispoñen de coñecementos neste ámbito ata as que queiran adquirir habilidades necesarias para o uso seguro da rede. Serán seis as propostas que se impartan: Iniciación á informática e Internet e correo electrónico --dirixidos a persoas cun descoñecemento absoluto do manexo dun computador e internet--, Empregabilidade --para persoas interesadas na procura e mellora de emprego--, Procesamento de textos --para o deseño, elaboración e impresión de documentos con procesadores de textos--, Configuración de teléfono móbil --para persoas sen coñecementos sobre as posibilidades de persoalizar o seu dispositivo--, Marca persoal na internet --para aquelas persoas con presenza activa na internet, especialmente en redes sociais--, Seguridade na internet --para pais, nais, educadoras e persoas usuarias preocupadas polas implicacións non visibles do ámbito dixital-- e, finalmente, Libro electrónico --para o uso e manexo deste tipo de libros impulsando o consumo legal de contidos dixitais de calidade e actualizados---.

Todos os cursos impartiranse nas bibliotecas do Ágora, Castrillón, Infantil e Xuvenil, Fórum, Monte Alto, Rosales e Sagrada Familia. Nesta última terá lugar o primeiro dos talleres deste ano, Iniciación á informática, Internet e correo electrónico, que se celebrará do 22 de xaneiro ao 2 de febreiro, en 10 sesións, e cuxa inscrición estará aberta a partir do próximo día 15. Esta poderá formalizarse de maneira presencial na propia biblioteca da Sagrada Familia. Todos os cursos, datas de realización e de inscrición poderanse consultar tanto na páxina web municipal http://www.coruna.gal/bibliotecas/gl/actividades/formacion/informatica-e-tecnoloxia como en calquera dos centros da rede municipal.

 

Servizo de Atención Tecnolóxica

O novo proxecto de inclusión dixital ten como compoñente fundamental o modelo clásico de formación, baseado na impartición e avaliación de contidos por parte do profesorado, pero engade, como principal novidade, un modelo de atención formativa máis flexible. Esta aprendizaxe "máis informal, pero de carácter máis cotián", segundo apunta o concelleiro José Manuel Sande, tradúcese no novo Servizo de Atención Tecnolóxica, unha proposta mediante a cal, unha persoa educadora ou monitoria atenderá, na aula de informática da biblioteca correspondente ou noutro espazo habilitado, as consultas e demandas puntuais de axuda de calquera persoa usuaria das bibliotecas. "Estamos a falar dunha atención personalizada sobre o ámbito dixital, na que unha persoa experta liquidará as dúbidas en días e horas concretos nos centros da rede de bibliotecas", explica o edil. Este novo servizo de referencia, que se atopará no Ágora, Castrillón, Infantil e Xuvenil, Fórum, Monte Alto, Rosales e Sagrada Familia --os mesmos centros nos que se ofertarán os cursos formativos--, atenderá cuestións básicas, pero concretas, relacionadas coa configuración de dispositivos móbiles, con ferramentas e plataformas de redes sociais e da internet en xeral, ou con trámites concretos que necesiten asesoramento puramente tecnolóxico.

O servizo está dispoñible desde hoxe na Biblioteca de Monte Alto --todos os luns, excepto os festivos, en horario de 10.00 a 13.00 horas-- e desde o próximo 15 de xaneiro na Biblioteca do Castrillón. Neste centro, as consultas poderán realizarse todos os luns do ano, excepto na última semana de agosto e os dous últimos luns de decembro, en horario de 17.00 a 20.00 horas. As dúbidas poderanse resolver de forma personalizada tamén todos os xoves do ano desde o 18 de xaneiro --excepto os festivos-- en horario de 10.00 a 13.00 horas. Para coñecer os días e horarios da atención tecnolóxica personalizada nas demais bibliotecas, pódese consultar a web municipal http://www.coruna.gal/bibliotecas/gl/usa-as-bibliotecas/as-bibliotecas-ofrecenche/atencion-tecnoloxica-personalizada

15/01/201809:11
Cartel de 'Youtubeir@s'.
Santiago de Compostela

A segunda edición de Youtubeir@s entregará 5.500 euros en premios

As entidades impulsoras da segunda edición do certame Youtubeir@s, destinado a encher a Rede de contidos audiovisuais na nosa lingua (facendo especial fincapé en YouTube), non queren rematar o ano 2017 sen lembrar o seu cometido (incrementar a presenza do galego na rede social de vídeos máis grande do mercado global), os xeitos de participar no concurso e os interesantes premios que se poñen en xogo para as gañadoras e gañadores. Segundo nos recorda hoxe a Universidade de Santiago, a segunda edición xa está en marcha, acollendo vídeos de opinión ou videotitoriais sobre os máis variados temas de interese. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios repartidos nun conxunto de categorías que incrementan o seu número con respecto ao pasado ano. 

Por modalidades, a convocatoria contempla os apartados de vídeos-facermos, vídeos-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica ou calidade lingüística. 

A USC tamén recorda que outra das novidades desta segunda convocatoria é o apartado Premio do público. As persoas usuarias da rede social Facebook poderán propoñer a través dun simple comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayoutubeira. As pezas propostas han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. As bases ao completo pódense consultar no web www.youtubeiras.gal e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no que o xurado dará coñecer os vídeos gañadores. 

A nova convocatoria promóvena os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, de nove concellos (Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove) e a Deputación da Coruña.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS