main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

26/03/201808:59
Participantes no DemoDay.
Lugo

Os proxectos de ViaGalicia Lugo luciron potencia innovadora

ViaGalicia, a aceleradora do Consorcio da Zona Franca de Vigo, celebrou este venres Lugo a xornada DemoDay para esculcar as moitas posibilidades de mercado de cada unha das iniciativas aceleradas na vertente norte de ViaGalicia (vertente que vai pola súa terceira edición e que está a ser xestionada pola Fundación CEL). Na xuntanza déronse cita unhas oitenta persoas. A sesión serviu para para que cada un dos proxectos que participaron e remataron con éxito a fase de academia do programa, moitos deles proxectos directamente dixitais ou apoiados no uso das novas tecnoloxías, se presentasen por vez primeira e de forma pública da man das persoas que os puxeron en marcha. 

Foron xeiras de presentación breves, en formato elevator pitch, desenvolvidas perante o comité técnico da aceleradora (CZFV, GAIN, Xesgalicia e Vigo Activo) e as entidades colaboradoras do mesmo, así como ante observadores convidados do ecosistema galego de emprendemento. A xornada tivo continuidade este sábado na sede de ViaGalicia en Vigo.

Os DemoDays servirán, en última instancia, para que o comité técnico cualifique cada proxecto e seleccione, de entre os 40 participantes iniciais nas dúas fases de academia celebradas en Lugo e Vigo, os 15 como máximo (en total, de ámbalas sedes) que pasarán á última fase do programa, a de aceleración, onde xa recibirán unha proposta formal de financiamento por parte da Xunta e o CZFV, en forma de préstamos participativos e subvención a fondo perdido, e máis formación e titorías. Entre os proxectos que superaron a fase de pre aceleración ou academia con éxito atópanse: 

  • Besherpa (TIC/Turismo), ferramenta en liña para venda de escapadas de aventura recomendadas por usuarios reais, dirixida a xente sen tempo para planear o seu tempo libre.
  • Bisquato (Agroalimentario/Pesca), taller lácteo artesanal adicado á produción de queixos (pasta branda e cortiza lavada) e á súa comercialización, transformando leite galego en produto de alto valor engadido.
  • CC Datos (TIC/Industria 4.0), deseño, produción e comercialización de produtos e servizos para o seguimento de procesos utilizando tecnoloxías de fonte aberta (open source).
  • Exclusive Cellar (Enerxía, recursos naturais), adegas domésticas para conservación e goce do viño activadas mediante intercambiadores xeotérmicos aire-terra 100% autosuficientes e sustentábeis.
  • Emérita Legal (TIC/Legaltech) Comparador cualitativo de avogados. Permite aos usuarios atopar o mellor avogado para o seu caso, baseado en datos públicos de millóns de resolucións xudiciais para coñecer de maneira obxectivo a taxa de éxito dos avogados.
  • Experiencias del destino (TIC/Turismo), plataforma en liña de produtos turísticos e de lecer (experiencias); aplicados en tempo real, para todo tipo de público e en todas as provincias de España.
  • A Gran Faba (Agroalimentario/Pesca), comercialización da faba de Lourenzá e produtos de quinta gama.
  • Legalmit (TIC/Legaltech), servizos para avogados que permite a dixitalización das tarefas dun bufete. Celebración de acordos legalmente vinculantes mediante videoconferencia que funciona como firma dixital avanzada. Transformamos o MP4 da videoconferencia en PDF.
  • LudoApp (TIC/Educación), aplicación móbil orientada á educación das crianzas dunha maneira divertida e coa que aprenden de forma natural, a esforzarse, valorar as cousas e a ser máis autónomas mediante a gamificación das relacións entre pais e fillos.
  • Noukee (TIC/Industria 4.0), solución de Internet das Cousas (IoT), software e hardware, de control de accesos e seguimento de activos da industria de forma segura, sen necesidade de conexión a Internet.
  • Netfeeling (TIC/comercio), servizos avanzados para sector retail (grandes comerciantes polo miúdo, franquías, etc.), achegando a creación de programas de mantemento no tempo de clientela, e servirse das opinións e a bagaxe xerada polos usuarios para segmentar e obter a percepción de valor do cliente dunha forma altamente precisa e pouco intrusiva.
  • Orballo, té de Galicia (Agroalimentario/Pesca), produción e comercialización do primeiro té ecolóxico certificado e producido en Europa que poida ofrecer ao consumidor un sabor propio, unha orixe única e as garantías de produción que esixe a normativa europea tanto a nivel laboral como sanitario.
  • Osigris (TIC/Agroalimentario) é unha startup de agricultura de precisión, baseada na utilización de SIX (Sistemas de Información Xeografía) e na mellora da precisión para aumentar a cantidade de datos que se poden recoller de calquera cultivo. Como resultado obtense unha mellor resposta ás incidencias e un maior coñecemento dos datos de cada parcela.
  • RocketForms (TIC), software-servizo enfocado na xeración de formularios en liña e a súa integración de forma sinxela en calquera web para a validación, captura e priorización de leads ou potenciais clientes que logo se integran noutras aplicacións para axilizar o procesameento da información.
  • SCS Logistics, servizos B2B de aluguer, desenvolvemento e xestión 360º de embalaxe industrial reutilizable.
  • SmartWood (TIC/Agrícola-Forestal) é a plataforma de apoio á decisión dentro do ámbito das parcelas rurais. Propietarios e empresas poden obter a información crítica para pór en valor as súas parcelas agrícolas e forestais de xeito sinxelo e cómodo, así como contratar os traballos relacionados con esas producións.
  • Tidyant cloud utilities (TIC/Outros servizos), solución dirixida a empresas e servizos técnicos. Xestiona, automatiza e optimiza os procesos rutineiros de postventa. Utiliza os dispositivos móbiles como canle de comunicación cos clientes.
  • Tractus (TIC/agroalimentario), ferramenta para a xestión integral do proceso produtivo e de elaboración en empresas alimentarias, desenvolvido nativamente en web, cun manexo cómodo, visual e fluído. Permite un manexo doado dos distintos pasos na transformación de alimentos, a través dun computador/móbil/tableta, non só por unha programación pensada nun manexo moi visual, senón tamén pola instalación de controladores para control de procesos e recollida de información que é tratada automaticamente por Tractus. 

Os proxectos seleccionados de Lugo e Vigo que pasen a aceleración terán acceso a un financiamento de ata 125.000 euros para lanzamento. En total, ViaGalicia mobiliza nesta edición até 1.875.000 euros de financiamento para emprendedores, entre préstamos participativos e achegas a fondo perdido. Desde a Fundación CEL destácase que é, por tanto, “unha gran oportunidade para os emprendedores seleccionados, non só polo acceso a financiamento senón tamén e sobre todo pola evolución positiva e maduración que experimentan as empresas participantes”.

26/03/201808:42
Xornada sobre a nova normativa de protección de datos destinada a concellos.
Santiago de Compostela

Mar Pereira sinala que o novo Regulamento de Protección de Datos obriga ás administracións a xerar un clima de confianza nas súas relacións cos cidadáns no actual contexto dixital

  • A Directora da Amtega inaugurou este venres unha xornada sobre o impacto do RXPD nas entidades locais
  • Sostén que a nova normativa contribuirá a concienciar á sociedade sobre a necesidade de xestionar adecuadamente a súa privacidade na rede
  • A Xunta está a traballar na adaptación da súa política de seguridade TIC ao novo regulamento definindo accións a curto prazo como o nomeamento do Delegado de Protección de Datos ou a publicación do rexistro de actividades de tratamento

 

Empresas e administracións públicas están a afrontar a adaptación ao novo Regulamento Xeral de Protección de Datos, que entrará en vigor o 25 de maio de 2018. Este proceso e o seu impacto nas entidades locais son o obxectivo da xornada que se celebrou este venres en Santiago, organizada pola Federación Galega de Municipios (FEGAMP) e Colexio de Enxeñaría en Informática (CPEIG) e Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Balidea.

A directora da Amtega, Mar Pereira, foi a encargada de inaugurar o encontro, xunto co presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o vicepresidente da FEGAMP, Manuel Mirás. Na súa intervención, Pereira destacou que o novo Regulamento Xeral de Protección de Datos obriga ás Administracións a xerar un clima de confianza cos cidadáns no actual contexto dixital e que tamén contribuirá a concienciar á sociedade sobre a importancia de xestionar adecuadamente a súa privacidade na Rede e nas súas relacións online con empresas e entidades públicas.

Mar Pereira fixo fincapé na complexidade que supón a adaptación ao novo regulamento, especialmente para as entidades de menor tamaño como os concellos e avanzou as liñas que está a seguir a Xunta para cumprir co RXPD.

 

Medidas da Administración autonómica

A Xunta enmarca este proceso no seu Plan Director de Seguridade TIC, que se está a adaptar ás esixencias da nova normativa cunha folla de ruta en dúas fases. Entre as accións a curto prazo están o nomeamento dos delegados de protección de datos, que serán empregados públicos, un por consellería e tamén un da Amtega, que actuará de coordinador; a publicación do rexistro das actividades de tratamento; a modificación das cláusulas informativas; o desenvolvemento de análises de riscos e avaliacións de impacto; a implantación das medidas de seguridade correspondentes e asegurar a correcta atención dos dereitos dos interesados.

A Xunta contará con servizos de apoio para a adecuación ao RXPD. Por unha banda, implantarase un completo sistema de xestión da protección de datos persoais, que garanta un cumprimento pleno do RXPD e que permita demostrar sen dúbidas a debida responsabilidade proactiva. Por outra, porase en marcha un servizo especializado de asesoramento para os Delegados de Protección de Datos.

Estes servizos están en fase de licitación e contémplase a posibilidade de articular a súa extensión a outros organismos públicos non integrados na Amtega e as Administracións locais, a través de convenios.

26/03/201808:37
Consello da Xunta.
Santiago de Compostela

A Xunta facilitará a través do Plan de banda larga o acceso a internet de 100 megas a máis de 74.000 galegos de 181 concellos

  • Este plan conta cun investimento de máis de 14 millóns de euros e diríxese aos núcleos de menos de 300 habitantes
  • Esta iniciativa compleméntase coa que ten en marcha o Goberno central, que se centra en núcleos de maior tamaño e coa que se mobilizarán 21 millóns de euros para dotar de conexión por fibra óptica a 258.000 galegos máis

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou o xoves na rolda de prensa do Consello que o Plan de banda larga facilitará o acceso a internet de 100 megas a máis de 74.000 galegos de 181 concellos.

Cun investimento de máis de 14 millóns de euros, Feijóo precisou que esta iniciativa da Xunta para garantir á rede en núcleos de menos de 300 habitantes compleméntase coa que ten en marcha o Goberno de España, centrada en núcleos de maior tamaño e coa que se mobilizan 21 millóns para dotar de conexión por fibra óptica a 258.000 galegos máis.

Deste xeito, o traballo conxunto de ambas administracións posibilitará que en 2020 máis do 74% dos galegos poidan acceder a Internet de alta velocidade.

Entre as dúas iniciativas, sinalou o titular do Goberno galego, beneficiaranse máis de 332.000 galegos que viven nas zonas brancas, é dicir, sen conexións de máis de 30 megas. A continuación, valorou a nova de que este venres o Consello de Ministros aprobe un investimento de 150 millóns en axudas á extensión da banda larga.

O titular da Xunta garantiu o compromiso de seguir impulsando o Plan de banda larga 2020, que supón mellorar a dotación de Galicia dunhas infraestruturas esenciais para as comunicacións neste século XXI: as redes ultrarrápidas de Internet. Neste sentido, Feijóo subliñou que dispoñer dun acceso a Internet de calidade supón máis oportunidades para as empresas situadas no rural; máis facilidades para as persoas que viven en lugares pouco poboados e de difícil acceso; e un importante aliciente para que a xente nova se asente no rural galego.

Feijóo concluíu lembrando que a segunda edición deste plan, que se estende ata 2020, ten tres liñas fundamentais: internet en polígonos industriais, cun investimento de 3,4 millóns de euros, e este ano completarase a conexión a redes de ata 350 megas para que Galicia dispoña de 130 polígonos con este tipo de redes. Internet para empresas situadas en zonas illadas, unha liña de axudas de 400.000 euros da que se benefician máis de 30 empresas. E Internet para núcleos de menos de 300 habitantes, “unha liña de actuación que vimos de activar no Consello de hoxe”.

26/03/201808:32
José Luis Costa e Mar Pereira.
Santiago de Compostela

A Xunta pon á disposición do Consello Consultivo ás súas plataformas de Administración dixital para facilitar a súa adaptación á Lei 39

  • Mar Pereira e José Luis Costa asinaron hoxe un convenio que articula o acceso do Consello Consultivo ao catálogo de servizos dixitais da Amtega
  • Esta colaboración enmárcase no Plan de Administración e Goberno Dixital 2020 da Xunta, que aposta pola interoperabilidade e a reutilización das plataformas e recursos dixitais

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa, asinaron hoxe un convenio de colaboración para facilitar á adaptación deste órgano á Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Este acordo facilitará ao Consello Consultivo o acceso ao catálogo de servizos dixitais que a Amtega ten á disposición doutras administracións públicas no marco do Plan de Administración e Goberno Dixital 2020. Un dos principios deste Plan é a aposta pola interoperabilidade e a reutilización das plataformas e recursos dixitais entre os diferentes niveis administrativos para simplificar o acceso á Administración electrónica, tanto aos empregados públicos como aos cidadáns e empresas.

A colaboración entre a Amtega e o Consello Consultivo comezará coa posta á disposición deste órgano do Portasinaturas, a plataforma da Xunta que permite asinar documentos de xeito electrónico, evitando desprazamentos, o uso do papel e axilización da tramitación.

Progresivamente e, en función das necesidades que se determinen, o Consello Consultivo poderá acceder a outros servizos como as notificacións electrónicas, a plataforma de interoperabilidade, ou o Arquivo Electrónico.

Segundo recolle o acordo asinado hoxe, o Consello Consultivo achegará a Amtega 73.800 euros ata 2021 para financiar as actuacións previstas.

 

Plan de Administración e Goberno Dixital 2020

A Xunta de Galicia vén traballando na dixitalización da Administración cunha folla de ruta desde o ano 2010, primeiro con Plan de Modernización da Administración Autonómica, co que se asentaron as bases da Administración electrónica e agora co Plan de Administración e Goberno Dixital 2020 co que se dá resposta ás esixencias do novo marco normativo. Un Plan aprobado en 2015 cun investimento de 27,7 millóns de euros en 5 anos que nos permitiu afrontar as esixencias das Leis 39/40 desde un bo punto de partida.

Como complemento ao cumprimento destas leis, a Xunta está a tramitar a Lei de Administración Dixital de Galicia para universalizar o uso e o acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais, así como os instrumentos de funcionamento interno para a xestión dixital da Administración.

26/03/201808:24
Portada do estudo.
Santiago de Compostela

A contratación de internet nos fogares galegos con nenos en idade escolar increméntase ata o 94%, 5 puntos máis que o ano anterior

  • A contratación deste servizo aumenta aínda máis nos fogares onde residen estudantes maiores de 16 anos, acadando o 98,1%
  • A diferencia de contratación de internet entre os fogares nos que conviven nenos e mozos e aqueles nos que non residen rapaces é de 20 puntos 
  • As barreiras principais para non ter internet nos fogares con nenos son os custos da conexión ou equipos
  • Nos fogares sen nenos a principal causa para non contratar internet é a percepción da falta de utilidade
  • A frecuencia do uso diario de internet entre mozos de 16 a 34 anos sitúase no 91,1%, 16 puntos máis que as persoas de 35 a 74 anos

 

A contratación de internet nos fogares galegos con nenos en idade escolar, de 3 a 16 anos, increméntase ata o 94%, 5 puntos máis que no ano anterior e 20 puntos máis que nos fogares nos que non residen nenos. A contratación deste servizo increméntase aínda máis nos fogares onde residen estudantes maiores de 16 anos, acadando o 98,1%.

 

Son datos do estudo “A mocidade e as TIC” correspondente ao ano 2017, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga) adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

 

 

Incremento da actividade dixital nos máis novos

Un 97,2% de mozos de 16 a 34 anos navegou por internet nos últimos 3 meses, fronte ao 66,4% das persoas de 35 a 74 anos que navegaron por Internet nese período.

 

En relación á frecuencia do uso de internet, o 91,1% dos mozos e mozas de 16 a 34 anos navega diariamente, fronte ao 75,2% de internautas de 35 a 74, o que amosa unha diferenza xeracional de 15,9 puntos porcentuais neste indicador.

 

Respecto aos hábitos dos internautas, aumentan as compras de bens ou servizos a través de internet nos 3 últimos meses entre os mozos ata o 48,7%, 3,7 puntos máis que o ano anterior e tamén entre os internautas de maior idade que alcanzan o 32%, (0,5 puntos máis que o ano anterior).

 

Respecto aos trámites coas administracións públicas, os internautas máis novos (16 a 34 anos) relacionáronse en maior medida coas administracións públicas a través de internet, especialmente na procura de información (79,5%) ou no envío de formularios cubertos (75,4%). As diferenzas cos trámites feitos por internautas de 35 a 74 anos están entre os 18 puntos no caso da procura de información e os 14 puntos no envío de formularios.

 

 

Os obstáculos no uso das TIC varían segundo a convivencia con nenos

As motivacións para non contratar aínda internet nos fogares con nenos e nenas en idade escolar continúan sendo os custos de equipamento e conexión. Pola contra, nos fogares que non teñen menores en idade escolar, nin estudantes maiores de 16 anos, a motivación principal para non dispoñer de internet é a percepción de que non lles resulta útil nin interesante.

 

Ligazón ao estudo

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS