main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

15/06/201808:23
Cartel do proxecto.
A Coruña

O Concello da Coruña implica á cidadanía na transformación smart dos seus edificios públicos

O Concello da Coruña vén de abrir unha consulta coa cidadanía para determinar as súas preferencias á hora incorporar sistemas intelixentes nos edificios públicos. A iniciativa, posta en marcha pola Concellería de Rexeneración Urbana, está concibida para desenvolverse coa axuda da cidadanía en materia de suxestións e propostas en relación a diferentes eidos (mobilidade, seguridade, eficiencia enerxética, xestión, control), co fin de dar forma a un proxecto piloto que optará á convocatoria do Plan Nacional de Territorios Intelixentes (Red.es, Ministerio de Economía). A Concellería recolle as suxestións a través dunha enquisa en liña dispoñible na web http://coruna.gal/edifintel. A enquisa pode facerse durante todo o mes de xuño e responde á estratexia do Goberno local de “involucrar á veciñanza nos procesos municipais”.

Xiao Varela fixo fincapé “na oportunidade que supón este proxecto para a mellora dos edificios en aspectos que teñen unha grande influencia en todas as persoas que fan uso deles, como son a mellora da mobilidade, a eficiencia enerxética e a seguridade”. Ao fío disto, informou que o seu departamento está a realizar unha rolda de contactos coa Universidade da Coruña, diferentes consellerías da Xunta, ministerios, a Deputación provincial, entidades sociais e as autoridades de transporte, que xestionan os inmobles de nodos de comunicación como son o aeroporto, a estación de trens ou de autobuses. Os froitos de todos estes contactos e da devandita enquisa á cidadanía incorporaranse ao documento de traballo da concellería. Esta iniciativa insírese no plan para converter á Coruña nunha Cidade Intelixente. O plan pretende (entre outras cousas) equipar os edificios públicos da cidade, que suman case 300, de sensores que se comuniquen coa plataforma Smartcity Coruña. Os datos servirán como base de análise para levar a cabo unha xestión máis eficiente da cidade e a concreción de novos servizos para a cidadanía. Estes sensores tamén se poderían dispor no exterior dos edificios, de maneira que sirvan para a mellora da mobilidade sustentable e das contornas dos inmobles.

14/06/201817:38
Home sentado diante dun portátil.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha a primeira convocatoria das unidades formativas en empresas con 332 cursos dirixidos a 3.200 persoas

  • Este programa conta cunha achega de 5,4 millóns de euros: 3,1 M€ destinados a mellorar a cualificación de 2.000 traballadores ocupados e 2,3 M€ orientados a desempregados
  • Estas unidades contarán con formación á carta en sectores estratéxicos, como o naval, a automoción, o aeronáutico, o forestal, o téxtil, as enerxías renovables ou a conserva
     

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe a posta en marcha da primeira convocatoria das unidades formativas en empresas que, cunha achega de 5,4 millóns de euros, permitirá desenvolver 332 cursos para dar formación adaptada ás demandas do tecido empresarial a 3.200 persoas, tanto desempregados como ocupados.

Trátase do programa de formación máis ambicioso do Estado que está dirixido ao tecido empresarial, o único programa de formación á carta. O presidente do Goberno galego precisou que estas unidades estarán centradas nos sectores estratéxicos da economía galega. Así, no sector naval formaranse máis de 1.000 persoas, a través de 139 cursos; na automoción serán máis de 800 persoas en 66 cursos; no sector TIC, 431 traballadores por medio de 51 unidades; e no metal formaranse unha 340 persoas a través de 31 cursos.

Así mesmo, tamén contarán con formación á carta en sectores como a conserva, o aeronáutico, o forestal, a pedra e a lousa, o téxtil, o sociosanitario, as enerxías renovables e os vinculados ao plástico e envases.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo explicou que as axudas para as unidades formativas dividiranse en dúas modalidades: as dirixidas a traballadores ocupados, nas que se investirán 3,1 millóns para mellorar a cualificación de 2.000 persoas; e as orientadas a desempregados, cun investimento de 2,3 millóns para chegar a 1.200 persoas.

“No caso destas últimas, as empresas comprométense a contratar ao 40% das alumnas e alumnos”, dixo, subliñando que aquelas compañías que superen o compromiso de contratación contarán con apoio da Xunta para as fichaxes, financiándose os contratos indefinidos con entre 7.000 e 16.000 euros.

Cómpre salientar que, a proposta das propias empresas, deseñáronse 27 programas de formación personalizados que foron aprobados polo Goberno central e que terán validez en toda España, entre os que destacan: a creación de dúas novas especialidades de soldadura; unha programación avanzada en materia de robótica industrial e técnicas de automatización; e, no sector naval, cursos especializados de electricista, aplicador e climatización.

14/06/201816:38
Cartel da campaña.
Santiago de Compostela

Os dominios .gal poden rexistrase até o domingo a 5 euros + IVE

Tal día como hoxe do ano 2013 deuse a coñecer a aprobación por parte de ICANN do dominio .galpara a lingua e a cultura galegas, e para celebrar estes 5 anos da concesión do dominio (que delegaríase en abril de 2014estrearía a súa primeira páxina en maio e abriríase ao público en decembro do mesmo ano) lánzase unha promoción de duración limitada, que permitirá o rexistro de dominios .gal até o vindeiro día 17 a un prezo máximo de só 5 euros + IVE a través dos rexistradores BlackKnight, CDmon, Core, Dinahosting, Don Dominio, Com Laude e Openprovider.

Os dominios .gal superan actualmente a barreira dos 4.700 rexistros, e pretenden superar os 5.000 antes de rematar o presente ano, obxectivo para o que están a realizarse diversas promocións e campañas que principalmente buscar dar unha maior visibilidade ao dominios de primeiro nivel ideal para representar á nosa sociedade na Internet.

14/06/201813:58
Participantes no curso.
Ferrol

Unha vintena de mozos desempregados de Ferrol fórmanse en márketing dixital nun curso impulsado pola Xunta e Incyde

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, entregou onte en Ferrol os diplomas do curso desenvolvido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Fundación Incyde no Centro de Formación Ocupacional ferrolán, que permitiu formarse en márketing dixital e emprendemento a 22 mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego.

A iniciativa forma parte dos acordos de colaboración en materia de formación no eido comercial nos que a Xunta coopera coa Fundación Incyde, que contan cun orzamento conxunto de 300.000 euros e que inclúen tamén accións destinadas á creación e diagnose de plans de acción para a mellora da competitividade do sector.

14/06/201813:56
Metade dunha cara anciá xunto a unha metade dunha cara nova.
Vigo

Vigo acolle dous cursos de envellecemento activo e saudable

Activiza "unidade de innovación, formación e consultoría de Saraiva", en colaboración coa entidade Afundación e os espazos 60, organiza dous novos cursos de 'Envellecemento activo e saudable'. A cita será os días 20 e 21 de xuño, na sede de Afundación  de Vigo "rúa Policarpo Sanz 26, 2ª planta".

O obxectivo desta formación é aproximar aos asistentes ao envellecemento activo, ofrecéndolles, en primeiro lugar, unha base teórica deste concepto, así como enumerando os retos e oportunidades que brinda a denominada revolución da lonxevidade. Así mesmo, trátase, segundo sinalan desde Activiza, de entender as diferentes modalidades de intervención neste ámbito e o rol do dinamizador. Doutra banda, o curso pretende dar a coñecer e como aplicar ferramentas áxiles e de pensamento creativo para o deseño de actividades de envellecemento activo e saudable.

 

A formación está dirixida a: Profesionais do sector sociosanitario que queiran desenvolver a súa carreira profesional no ámbito das persoas maiores e o envellecemento activo; profesionais do ámbito sociosanitario que xa leven a cabo programas de intervención ou actividades no campo do envellecemento activo e queiran reciclarse e/ou incorporar novas ferramentas de traballo; profesionais que ofrezan servizos ao público sénior ou queiran dirixirse a este público; e estudantes ou emprendedores que queiran orientar a súa carreira profesional neste campo.

 

Inscrición

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS