main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

18/06/201809:11
Parte do cartel do evento.
A Coruña

A XVII edición de Mundos Digitales contará cos mellores creadores de contidos dixitais do mundo

Mundos Digitales, o congreso internacional máis importante para os profesionais do sector da animación, os efectos especiais, videoxogos e os novos media que se celebra en España, abrirá de novo as súas portas do 5 ao 7 de xullo na Coruña para celebrar as súa XVII edición. De novo, os tres días do congreso acollerán conferencias, obradoiros e encontros cos mellores creadores da industria, que expoñerán as máis novas técnicas de creación dixital en cinema, televisión, videoxogos, publicidade e novas aplicacións que van desde a arquitectura dixital ata o márketing. 

«Un ano máis, teremos a responsables de grandes estudos norteamericanos e europeos como Walt Disney ou Epic Games e a estrelas do sector como Jayse Jansen ou Mike Ladlaw, pero tamén entre os conferenciantes hai moitos profesionais españois: algúns traballan nas grandes multinacionais do sector e outros evolucionaron ata crear as súas propias compañías, convertéronas en punteiras e están a desenvolver proxectos de gran envergadura de forma independente», sinala o director de Mundos Dixitais, Manuel Meijide, quen engade que «estamos nun momento clave para o sector en Galicia, coa posta en marcha dun grao de creación de contidos dixitais, animación e videoxogos que se suma ao posgrao en videoxogos que ofrece a Universidade da Coruña, que nos obriga a afrontar retos como a identificación de talento, a aceleración e a internacionalización».

Por iso, nesta edición de 2018 de Mundos Digitales, que se celebrará un ano máis en PALEXCO, hai espazo para a industria galega. É o caso da produtora coruñesa Gato Salvaxe, que xunto a Mundos Dixitais puxo en marcha Videoxogos. gal Asociación galega de Videoxogos e Contidos Interactivos, presentada o xoves en sociedade nun encontro na Coruña

«Videoxogo. gal naceu con cinco socios pero está aberta a que se sumen máis, e non só produtoras, senón que nos gustaría incorporar a medios, profesionais, empresas auxiliares ou calquera industria que teña que ver cos contidos interactivos», sinala Fernando Prieto, de Gato Salvaxe. No encontro, ao que asistiron numerosos profesionais do sector en Galicia, anunciouse que o ingreso en Videoxogo.gal dará dereito a entradas de balde para Mundos Dixitais durante os tres días de celebración do congreso. 

Ademais das conferencias, obradoiros e encontros entre profesionais, unha das actividades máis importantes de Mundos Digitales é a feira de emprego, a segunda máis importante de Europa no sector, na que preto de 20 empresas buscarán este ano novos talentos para os seus proxectos. «É unha das claves de Mundos Digitales: a posibilidade de abrir a porta ao mundo laboral a mozos creadores, desenvolvedores ou técnicos», asegura Meijide. 

Nesta edición, Mundos Digitales incrementa os contidos da sección Out of the Box, centrada en novas aplicacións industriais e empresariais da creación dixital e reforza a sección School Leads, dedicada aos centros formativos, universidades, escolas e academias españolas do sector da animación, os efectos visuais e os contidos dixitais en xeral. A oferta de actividades complétase co Festival Internacional de Curtas de Animación.

 

Conferencias

Na edición deste ano repite asistencia Rajesh Sharma, director tecnolóxico de Walt Disney Animation Studios, que protagonizou unha das conferencias máis concorridas da pasada edición e que nesta ocasión describirá, de principio a fin, o proceso de facer películas de animación e os retos do futuro deste xénero.

Sebastian Sylwan, CTO e socio creativo de Felix & Paul Studios, presentará as últimas tendencias no puxante sector de narrativas en ambientes inmersivos. Sylwan é o creador de experiencias inmersivas de alta calidade como Jurassic Park e Inside the White House with Barack and Michelle Obama. Outro conferenciante de primeira fila será Jayse Hansen, o cerebro detrás de interfaces de usuario ficticias como as que ven en películas de éxito como Los Juegos del HambreIron Man e Star Wars.

Tamén están confirmados Mike Ladlaw, un dos mellores consultores da industria dos videoxogos que colabora agora coa empresa coruñesa Gato Salvaje na súa nova creación, The Waylanders. Fernando Prieto, socio e produtor executivo de Gato Salvaje será outro dos conferenciantes. Os responsables do Ranchito, a produtora de FX máis internacional do noso país que colaborou en series e películas como Juego de Tronos e Un monstruo viene a verme, desvelarán o seu traballo para reproducir a Verona de Romeo e Julieta na serie Still Star Crossed.

18/06/201809:05
Cartel da campaña.
Santiago de Compostela

Ábrese a convocatoria dos Proxectos de Transformación Dixital 2018-19

A Fundación Vodafone España anuncia que se atopa aberta a convocatoria pública dos Proxectos de Transformación Dixital, co obxectivo de apoiar novas iniciativas baseadas na innovación tecnolóxica aplicada ás persoas con discapacidade, que favorezan a súa plena inclusión e participación na nosa sociedade.

Este proxecto forma parte de Conectados pola Accesibilidade, unha comunidade de persoas, entidades e organizacións que serve de punto de encontro para conseguir, a través do uso de solucións e ferramentas TIC, ser un referente para os procesos de Transformación Dixital nas contornas de vida das persoas con discapacidade. Actualmente, na comunidade participan máis de 150 entidades locais e son máis de 4.095 persoas con discapacidade e profesionais os que comparten retos e experiencias que dignifican ás persoas con discapacidade e contribúen ao seu desenvolvemento persoal. Conectados pola Accesibilidade púxose en marcha pola Fundación Vodafone España co apoio de Plena Inclusión España, Down España, Orde Hospitalaria San Juan de Deus, FEDACE, Confederación ASPACE e Hospital Vall D'Hebrón.

Na convocatoria poderán participar todas as entidades e federacións do ámbito da discapacidade que estean acollidas ao réxime fiscal especial previsto para este tipo de organizacións. Os proxectos deben presentarse conxuntamente en colaboración de dúas ou máis entidades e consistirán en poñer en práctica distintos escenarios de uso de novas solucións tecnolóxicas, tecnoloxía xa existente, ou que leve pequenas adaptacións. Ademais da innovación, valorarase entre outros criterios, a escalabilidade e sustentabilidade da solución. A convocatoria conta cun orzamento total de 225.000 euros, no que cada candidatura pode recibir ata 15.000 euros, sendo seleccionadas ata un máximo de 15 proxectos. O prazo para presentarse en liña finaliza o día 15 de xullo.

18/06/201808:58
Mar Pereira e José Manuel Rey Varela firmando o convenio.
Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia organiza por primeira vez dous campamentos tecnolóxicos de verán dirixidos á mocidade

  • O albergue xuvenil de Gandarío acollerá do 1 ao 8 de setembro dúas novas iniciativas para o fomento das vocacións tecnolóxicas entre os máis novos, que lles permitirán coñecer os principios necesarios para crear animacións de vídeo e os fundamentos para a creación, control e voo dun dron

 

A Xunta de Galicia amplía a oferta de actividades de ocio e formación dirixidas á xente nova para esta tempada estival coa organización de dous novidosos campamentos centrados no fomento das vocacións tecnolóxicas. Esta acción, enmarcada, no Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia (Digitalent 2020) que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), engádase á programación da Campaña de Verán 2018 que impulsa a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, na que tamén se enmarca 

Precisamente, o conselleiro José Manuel Rey Varela, e a directora da Amtega, Mar Pereira Álvarez, veñen de asinar o convenio de colaboración para o desenvolvemento destes novos campamentos de educación non formal que terán como sede as instalacións do Albergue Xuvenil de Gandarío, situado no municipio coruñés de Bergondo. En concreto, estas novas accións denomínanse ‘Vídeo Mapping. Fai visible o que levas’ e ‘A vista de paxaro. Primeiros pasos con drons’, de 20 prazas cada un e que se celebrarán do 1 ao 8 de setembro. 

Na primeira destas dúas propostas, os participantes poderán coñecer os principios necesarios para crear animacións de vídeo, e mediante o emprego de ferramentas informáticas serán quen de crear as súas propias composicións e compartilas cos seus compañeiros, mesmo con proxeccións nocturnas no propio albergue. Pola súa banda, na segunda, os mozos e mozas achegaranse aos fundamentos que permiten a creación, o control e voo dun dron.

Aos mozos e mozas que participen facilitaráselles aloxamento no albergue de Gandarío durante as sete noites que dura o campamento, manutención completa e o material preciso para o desenvolvemento do programa de actividades establecido. 

O obxectivo da oferta de accións de verán da Xunta é que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal moi diversas: culturais, deportivas, ambientais, de voluntariado ou, como é o caso, de carácter tecnolóxico. Trátase de que a xente nova se divirta ao mesmo tempo que se fomenta o seu enriquecemento vital e persoal.

Por outra banda, estimular o talento precoz no ámbito TIC e fomentar o talento vocacional das profesións científico-tecnolóxicas desde idades temperás é tamén un obxectivo prioritario da Xunta, recollido na Axenda Dixital de Galicia e que se materializa en actuación como o Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega.

15/06/201810:00
Debuxo para a iniciativa #TrátameBien.
Santiago de Compostela

Os nenos e os nenas españois reclaman unha sociedade libre de violencia

  • Trátase da iniciativa #TrátameBien que une á infancia por unha causa común.

 

ONG Educo e a rede de 46 entidades que forman parte do seu Programa de Acción Social en España lanzan #TrátameBien, unha iniciativa que pretende visibilizar a través das redes sociais diferentes formas de bo trato cara á infancia co obxectivo de conseguir unha sociedade libre de violencia.

 

Segundo datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade o 9% das nenas e 20,5% dos nenos de 11 a 12 anos declaran ser golpeados, pateados, empuxados ou encerrados no seu colexio algunha vez nos dous últimos meses.

 

Por outra banda, o informe Érase unha Voz... o que opinan nenas e nenos sobre a violencia, publicado en 2016 por Educo, recolle as voces de case 700 nenos e nenas que contan as súas percepcións sobre situacións de violencia, as súas causas e algunhas posibles solucións. Entre outras reflexións, os nenos e as nenas consideran que unha boa solución para a violencia é ensinar aos adultos para tratar ben á infancia.

 

Ante estas evidencias, a iniciativa #TratámeBien consistirá en compartir desde o día 13 de xuño debuxos, cartas e murais realizados por nenos e nenas en Facebook e Twitter. Así, farán chegar ao mundo dixital mensaxes sobre como lles gustaría que os tratasen ou cartas de agradecemento sobre o bo trato que recibiron nalgunha ocasión.

 

Os protagonistas da acción son nenos e nenas que participan nas actividades educativas e de lecer dalgunha das 46 entidades de ámbito local de todo o territorio español que traballan coa infancia en risco de exclusión e que forman parte do Programa de Acción Social de Educo.

 

Máis información na Web de Twitter de Educo.

15/06/201809:53
Imaxe do prototipo de BrightSign.
Santiago de Compostela

Unha luva que traduce a lingua de signos a texto

Con motivo da celebración do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, traémosvos a historia dunha estudante británica que desenvolveu unha luva capaz de traducir os movementos da lingua de signos a texto para facilitar a comunicación con persoas non signantes.

A luva é capaz de rexistrar os movementos dunha persoa signante e traducilos a texto a través dunha pantalla, á vez que rexistra as palabras pronunciadas polo non signante e pásaas tamén a texto para que as poida ler a persoa xorda.

Este proxecto, que se denomina BrightSign, está aínda pendente de recibir o financiamento necesario para comercializar o dispositivo, pero a súa fundadora, Hadeel Ayoub, confía en poder comercializalo antes de que termine o ano, segundo apunta nunha reportaxe publicada na web www.diginomica.com.

Esta luva ten algunhas vantaxes respecto doutros proxectos similares. Por unha banda, é capaz de aprender signos propios, de maneira que vai evolucionando en liña co seu usuario. Por outro, a súa creadora ten o obxectivo de comercializalo a un prezo moi inferior a outras opcións parecidas, situándoo por baixo dos 1.000 euros.

Este tipo de desenvolvementos son os que demostran a capacidade da tecnoloxía para facilitar a vida de persoas con discapacidade, pero atópanse co escollo de lograr o financiamento necesario para a súa comercialización.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS