main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

05/07/201810:08
Carmen Basadre.
Lugo

Formación audiovisual e reparación de móbiles, entre a oferta de actividades de Lugo para a mocidade

O Concello de Lugo presentou os días pasados as súas actividades estivais dirixidas á mocidade, inseridas na iniciativa +Xtí (a prol da prevención do consumo de drogas) e todas elas co nexo común de abrir vieiros saudables de colaboración, interacción e creatividade. Parte das accións foron dadas a coñecer no Edificio de Novas Tecnoloxías da cidade vella pola concelleira de Cultura, Turismo e Xuventude, Carmen Basadre, quen puxo o foco no variado da proposta: hai dende xogos tradicionais, populares e interxeracionais até actividades ligadas directamente ás novas ferramentas. 

Na vertente programa atópanse cursos relacionados coa formación audiovisual: un obradoiro de iniciación á curtometraxe, do 16 ao 26 de xullo, e outro de creación, do 30 de xullo ao 20 de agosto. Serán na Casa da Xuventude, e impartiranos Andrés Goteira e Suso López. As inscricións tamén deben formalizarse no 010.

Asemade, tal e como sinalou previamente a propia Basadre (acompañando a cita cos medios dun chamamento á poboación máis nova para “ocupar o seu tempo de lecer aprendendo novas habilidades deportivas ou sociais, ao tempo que se relacionan con outros mozos e mozas da súa idade”), haberá este mes de xullo un obradoiro para aprender a reparar móbiles e electrónica básica; día 2 ao 20, en horario de 11:00 ás 14:00 horas, no Vello Cárcere. A inscrición debe facerse na Casa da Xuventude ata o 28 de xuño.

O programa tamén inclúe, entre outras moitas cousas, un actividade de habilidades de comunicación e xestión emocional, previsto para este mes de xullo (do día 2 ao 30 de xullo) na Casa da Xuventude. Está dividida en catro módulos: desenvolvemento e adestramento en habilidades emocionais, desenvolvemento das habilidades comunicativas, adestramento en oratoria e linguaxe comunicativa para crear mensaxes e beneficios da comunicación para a xestión de equipos e conflitos. O límite de prazas é de 15 por actividade para a mocidade de 18 a 35 anos censada no municipio ou que estude e traballe en Lugo.

05/07/201807:45
Concello de Vigo.
Vigo

Vigo quere poñer 150 edificios na vangarda das cousas conectadas

O Concello de Vigo quere avanzar no camiño de converterse en cidade smart. Ou sexa, no vieiro de ser unha urbe mellor comunicada, xestionada e sustentable. Con este obxectivo, vén de dar a coñecer que concorrerá ás axudas europeas para edificios intelixentes solicitando 5 millóns para máis de 150 inmobles, entre os que se contan os predios que pertencen á entidade local: dende bibliotecas a mercados, pasando por museos e estacións. 

Este proxecto piloto prevé instalar nos ditos emprazamentos o chamado Nodo IoT, que permitirá captar e procesar información en tempo real do que acontece nos edificios a través da tecnoloxía da Internet das Cousas e das redes que fan posible conectar obxectos de maneira efectiva e co mínimo esforzo: as redes 5G. Esta colleita de datos a tempo continuo posibilitará, en palabras do Concello, tomar as mellores decisións ambientais, de seguridade e de mobilidade. 

O alcalde Abel Caballero explicou onte que a devandita achega de 5 millóns de euros virá dada a través da axenda dixital para España con edificios intelixentes. O proxecto piloto de Vigo, dixo, “está enfocado á mellora do benestar e calidade de vida das persoas”.

Segundo o rexedor, a instalación do Nodo IoTpermitirá facer cousas como “comunicar en tempo real o que pasa nos edificios para extraer datos e tomar medidas como a elaboración de mapas de ruído, de contaminación e de consumo enerxético”. Caballero mostrouse convencido de que a cidade de Vigo reúne as condicións establecidas para ser beneficiaria, xa que nesta convocatoria poderán participar municipios de máis de 200.000 habitantes de Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia e Madrid. O prazo para presentar propostas é o 26 de xullo e Vigo concorrerá cunha selección de máis de 150 inmobles da cidade.

Liderada polo Concello, a proposta incluirá todos os edificios administrativos, o parque de servizos do Concello, o Auditorio Mar de Vigo, os museos, as bibliotecas, o Estadio de Balaídos, a Escola de Artes e Oficios, o Albergue Municipal, os mercados, os centros cívicos, os aparcamentos subterráneos, o VigoZoo, o edificio da Xerencia de Urbanismo, o aeroporto, a estación de ferrocarril, a estación de autobuses e o porto. Tamén se proporán edificios de sectores privados como vivendas, centros comerciais, hoteis ou Zona Franca.

05/07/201807:39
Presentación do mapa.
Lalín

Lalín lanza un mapa dixital con preto de 1.200 recursos patrimoniais rexistrados

A semana pasada o Concello de Lalín presentou unha nova iniciativa tecnolóxica para afianzar o municipio na primeira liña dos municipios turísticos galegos. Trátase dun novo mapa dixital que abrangue e mostra a longa e rica listaxe de recursos patrimoniais que atesoura. A iniciativa, accesible a través de turismo.lalin.gal, foi dada a coñecer polo concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, e máis os auxiliares municipais da dita área, Nuria Álvarez e Martín Riádigos. En concreto, o mapa rexistra máis de 1.176 elementos (igrexas, cruceiros, muíños, pontes, castros, mámoas, petroglifos, pazos, fontes, fervenzas, etc...). 

Segundo engadiron, a ferramenta foi creada tirando proveito do servizo dixital Google Maps, dando como resultado un recurso libre, de balde e utilizable dende calquera soporte informático ou trebello móbil con conexión a Internet. Isto polo que se refire á vertente técnica, ao alicerce tecnolóxico. No que atinxe ao fondo, o mapa elaborouse en base ao inventario municipal de patrimonio etnográfico e turístico creado polo Concello o ano pasado. “Con esta iniciativa”, sinalaron o edil e máis os técnicos, “ademais de poñer en valor os múltiples elementos patrimoniais de Lalín, localizámolos e describímolos”, e todo co obxectivo de incrementar e mellorar as experiencias á hora de visitalos”.

Francisco Vilariño explicou que "agora mesmo non coñecemos ningún outro concello que teña este tipo de ferramenta". O edil sinalou que o mapa rexistra 1.176 elementos contabilizados actualmente e clasificados en diferentes categorías: 

  • Bens relixiosos: Igrexas e capelas (70), petos de ánimas (1), cruceiros (41).
  • Arquitectura civil: pazos (17), casas e casais (69), outros (6).
  • Castros mámoas e petroglifos: castros (31), mámoas e sartegos (42), petroglifos (11).
  • Muíños, hórreos e alvarizas: muíños (9), hórreos (774), alvarizas (24).
  • Pontes, fervenzas e fontes: pontes (8), fontes (9) e fervenzas (2).
  • Esculturas (30)
  • Miradoiros, áreas de lecer e áreas naturais (31) e outros (11).

Finalmente o concelleiro de Turismo puxo de relevo o traballo que está realizando o Goberno de Lalín para “darse a coñecer tamén a través das redes e de Internet”, como plataforma imprescindible na actualidade para a promoción turística.

04/07/201817:00
Presentación do portal.
Santiago de Compostela

A Xunta renova o Observatorio da Lingua Galega

  • O portal e o seu boletín de noticias celebran dez anos en funcionamento como referente informativo en materia de linguas e espazo de difusión da diversidade lingüística mundial
  • O secretario xeral de Política Lingüística e a directora da Amtega presentaron hoxe en rolda de prensa a versión actualizada

 

A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), renovan o portal web do Observatorio da Lingua Galega que chega, canda ao seu boletín de noticias, aos dez anos en funcionamento como referente informativo en materia de linguas e espazo de difusión da diversidade lingüística mundial.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora da Amtega, Mar Pereira, acompañados de Miguel Costas, representante da consultora Eosa, xestora do proxecto, presentaron hoxe ao mediodía en rolda de prensa a versión actualizada, á que xa se pode acceder no enlace www.observatoriodalingua.gal.

“Presentamos a versión actualizada dunha ferramenta xa consolidada como referente no eido das linguas, que nos ofrece, semana a semana, cumprida información da actualidade lingüística e, periodicamente, resultados de estudos e diagnoses que permiten orientar as políticas públicas de promoción do uso da lingua propia de Galicia desde os diferentes ámbitos sociais e sectores que marca o Plan xeral de normalización da lingua galega”, salientou o secretario xeral na súa intervención.

Pola súa banda, a directora da Amtega sinalou que a renovación destes espazos web e o incremento de servizos online forma parte da estratexia da Xunta para consolidar unha Administración dixital. O obxectivo é facilitar e axilizar o acceso da cidadanía á información e a os novos servizos electrónicos. Nos últimos anos, a Administración autonómica consolidou un modelo de presenza en internet que ten como piar central o portal corporativo xunta.gal, ao redor do cal se integran os restantes portais institucionais. Xunta.gal recibe máis 6 millóns de visitas anuais e conta con máis de 1,4 millóns de seguidores nas redes sociais.

 

Dez anos do proxecto en cifras

O web do Observatorio da Lingua Galega, ferramenta dixital de acceso libre e de balde creada en 2008 como instrumento divulgativo e informativo sobre a situación da lingua galega en diferentes ámbitos sociais, chega aos seus dez anos de funcionamento como referente en materia de linguas e espazo de difusión da diversidade lingüística mundial. Ao longo deste tempo, recibiu visitas de máis dun cento de países diferentes (dos cinco continentes) e subscribíronse ao seu boletín máis de 1200 persoas (tanto de Galicia coma do exterior), ás que lle chegaron 500 boletíns con máis de 16 000 novas sobre linguas.

No web están tamén dispoñibles as observacións feitas nos ámbitos da educación, medios de comunicación, economía e empresa, sanidade, tecido asociativo, telecomunicacións, cidadanía e organismos de intermediación, elaboradas todas elas seguindo unha metodoloxía de traballo centrada tanto na vertente cuantitativa (a través da elaboración e realización de enquisas, levadas a cabo nas diferentes organizacións que integran cada un dos ámbitos sinalados) como na cualitativa (traducida na realización de 25 paneis de escoita en cada un dos cales participaron entre cinco e sete persoas relacionadas co ámbito de análise -148 en total- e asistidas por un grupo de apoio, co obxectivo de contrastar opinións e debater sobre temas vinculados á lingua galega para recompilar información e valoracións sobre aspectos non tratados nos estudos cuantitativos).

 

Imaxe renovada

O web do Observatorio da Lingua Galega, que ofrece os seus contidos en galego e en castelán, estrea o dominio .gal e unha imaxe máis moderna e dinámica, na que se reducen as seccións e se amplían os contidos informativos para un aproveitamento máis eficiente e eficaz da súa usabilidade e unha maior adaptación tanto a novos dispositivos coma ao novo Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD), en vixencia desde o 25 de maio.

Desde a súa páxina de inicio, pódese navegar por seis bloques de información (carrusel de mensaxes, destacados, últimas noticias, axenda de actividades, accesos directos a seccións internas e subscrición ao boletín) e cinco seccións (observatorio, actualidade, proxectos, información e recursos). Canto ao novo boletín, que se continuará enviando aos enderezos electrónicos das persoas subscritas con periodicidade semanal, cada xoves, configúrase en seis bloques de información (nova en portada, novas de Galicia, de España e do mundo, axenda e destaques), cun deseño no que priman a cabeceira e o contido gráfico.

04/07/201814:00
Cartel do evento.
A Coruña

O CPEIG organiza coa Amtega un taller de creación de personaxes de animación impartido polos creadores de Tadeo Jones

  • Celebrarase mañá xoves e o venres no marco do congreso internacional "Mundos Digitales" no Palexco da Coruña, de 10 a 13 horas
  • Participarán gratuitamente dez rapaces que aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de Concept Art ata o seu modelado en 3D

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza un taller xuvenil de “Creación de personaxes. Do deseño 2D ao modelado 3D” conxuntamente coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que se celebrará mañá xoves e o venres 6 de xullo, entre as 10:00 e as 13:00 horas, no Palexco da Coruña dentro das actividades da XVII edición do Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media –Mundos Digitales–, o evento de referencia para a industria da animación e efectos visuais en España dirixido e impulsado por Manuel Meijide.

Este taller, impartido polos creadores de Tadeo Jones, é unha actividade enmarcada no programa TechKids do CPEIG coa Amtega. Os máis pequenos aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de Concept Art ata o seu modelado en 3D. Ademais, coñecerán os trucos necesarios para enfrontarse aos puntos clave do proceso, como son a anatomía, dimensións, proporcións, sensacións que debe transmitir, así como a ambientación e historia do personaxe. 

O taller, de seis horas de duración, está destinado a rapaces e rapazas de 14 a 18 anos que soñan con ser deseñadores de personaxes. Participarán gratuitamente no obradoiro dez rapaces, elixidos entre todos os participantes no concurso de debuxos onde tiñan que recrear un monstro e un neno ou nena, deseñados con calquera técnica artística e materiais (lapis de cores, rotuladores, pastel, témpera, collage, etc.) e en calquera formato ou soporte (papel, cartón, dixital, etc.).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS