main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

21/11/201609:15
Reunión de membros da Fundación TIC
Lugo

A Fundación TIC centra no social o seu orzamento para 2017

Este xoves 17 aprobábase un orzamento de 1,8 millóns de euros para 2017 por parte do padroado da TIC da Deputación de Lugo. Segundo anunciaba o seu presidente, Darío Campos, este capital será investido dun xeito máis social e apostando pola promoción dos recursos da provincia. Entre as actividades previstas figuran: a realización de máis cursos de balde sobre novas tecnoloxías da información para maiores, a colaboración con todos os Concellos para fomentar os seus recursos (como exemplo a Lugo Film Commision, unha ferramenta aseguradora da promoción desta provincia como destino de gravación e rodaxe de audiovisuais), amais de emprestar apoio ao conxunto do tecido asociativo para promover a súa actividade, superando xa os 160 convenios de colaboración con entidades sociais.

Alén disto, quérese manter un ensino de calidade e con matrícula gratis por décimo curso consecutivo na Escola de Imaxe e Son (EIS), garantindo deste xeito a igualdade de oportunidades. Campos engadiu que: “na TIC apostamos por un ensino de calidade. Por iso, faremos fincapé nun dos sinais de identidade do noso modelo educativo: as prácticas dos nosos alumnos en escenarios reais e as actividades complementarias coa experiencia de profesionais de prestixio”. En canto á función desenvolvida pola TIC mediante o InLugo, Campos subliñou que mantén unha encomenda da Deputación por valor de 175.000 euros para continuar co Plan de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia. Asemade, informouse que a TIC reforzará o banco de recordos Memoria Dixital Lugo, “que naceu da man do InLugo e que agora ampliamos a todos os lucenses interesados en formar parte dun arquivo sen precedentes da nosa provincia”.

21/11/201609:05
Fotografía de grupo dos participantes en Galiciencia 2016
Ourense

Un espantallo 2.0 e un chaleco vibrador para discapacitados auditivos destacan en Galiciencia 2016

O xurado de Galiciencia 2016 seleccionou entre 50 proxectos os máis salientables para poder acudir á feira científica estatal Exporecerca 2017, entre os que non podemos evitar destacar os gañadores que fan un maior uso das TIC, entre os que estarán o segundo premio absoluto e o proxecto máis innovador.

Como segundo premio temos o espantallo 2.0 deseñado por Natalia Fariña, das Aulas científico-tecnolóxicas Isidro Parga Pondal de Ponteceso. A investigadora construíu dous modelos de espantallo para comparar a súa eficacia: un convencional feito con roupa vella, xornais e unha pelota, e outro innovador, con forma piramidal. Este último estaba impreso en 3D, recuberto de papel reflectinte para molestar á vista dos paxaros e tamén se reforzou con LED para poder funcionar cando non houbese sol. No seu interior leva unha placa electrónica na que están conectadas, aparte das luces, unha placa de humidade, unha de son e un sensor de movemento. Sobra dicir que tras as probas realizadas o espantallo 2.0 demostrou maior eficacia que o tradicional.

Por outra banda, José María Blanco e David Zapatero, do Colexio Plurilingüe Montecastelo de Vigo, recibiron o premio ao proxecto máis innovador polo seu sistema de percepción somatosensorial mediante a estimulación vibrotáctil en persoas xordas. Este proxecto pretende mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade auditiva, para o que crearon un chaleco axustado ao corpo no que se sitúan uns micromotores vibradores estimulados polos sons do ambiente e interceptados por un micrófono conectado a unha placa Arduino que emite sinais eléctricas que chegan aos motores producindo distintas combinacións de vibracións polas que os usuarios perciben o que acontece ao seu redor.

18/11/201609:16
Logo Feacem Core.
Valladolid

Feacem e a Fundación Vodafone presentan Feacem Core, 'app' que permite acceder ao catálago de centros especiais de emprego

A Federación Española de Asociacións de Centros Especiais de Emprego (Feacem), en colaboración coa Fundación Vodafone España e o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi), presentou este xoves en Valladolid Feacem Core, aplicación móbil que permite acceder ao catálogo de Centros Especiais de Emprego (CEE).

O acto de presentación, presidido polo conselleiro de Emprego da Junta de Castilla y León, Carlos Javier Fernández Carriedo, contou tamén coas intervencións da directora xerente de Feacem, Pepa Torres; do director xeral de Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, e do presidente do Cermi, Luís Cayo Pérez Bueno.

Esta aplicación accesible agrega toda a actividade dos 14 centros que integran a Federación Española de Asociacións de Centros Especiais de Emprego e permite filtrar a información dispoñible en función de diversos criterios.

Durante a súa intervención, a directora xerente de Feacem sinalou que “esta nova aplicación, desenvolvida grazas ao financiamento de Fundacion Vodafone, é un escaparate de todo o que os CEE poden achegar á sociedade como empresas que poden ofrecer emprego e competitividade”. Ademais, Torres recalcou que os CEE son “un potencial de empresas xeradoras de emprego para aquelas persoas que se atopan con barreiras á hora de acceder a un posto de traballo, pero tamén para aquelas persoas que non teñen discapacidade e que ademais contribúen ao desenvolvemento local”.

Pola súa banda, o director xeral de Fundación Vodafone manifestou que “o desenvolvemento desta aplicación móbil vai permitir acceder a todas as entidades que forman parte de Feacem e tamén vai contribuír á formación duns profesionais cada vez máis cualificados”.

Polo seu lado, o conselleiro de Emprego da Junta de Castilla y León indicou que “en Castela e León hai un forte compromiso cos Centros Especiais de Emprego, xa que impulsaron a actividade económica da rexión”. De feito, Carriedo destacou que nos últimos anos a comunidade autónoma pasou de ter 47 CEE a 195 centros, que xeraron 4.600 postos de traballo, “aínda que o noso obxectivo é chegar aos 5.000”.

 

FEACEM CORE

A 'app' Feacem Core conta cunha área pública que permite atopar información dos máis de 500 CEE asociados á federación a través de criterios sectoriais e territoriais. A ficha de cada un estes centros informa do tipo de actividade que desenvolve, da súa dirección web, do correo de contacto, da asociación empresarial á que está adscrita e da cualificación administrativa para contratar coa Administración Pública. Pola súa banda, a área privada, á que se accede cun usuario e contrasinal facilitados por Feacem, ofrece a posibilidade de compartir contactos xerenciais das diferentes CEE co fin de xerar unha rede de experiencias e de poñer en marcha proxectos conxuntos como as licitacións de envergadura. No recurso 'Xestión de licitacións' da área privada, o usuario pode atopar información sobre o organismo adxudicador, o obxecto do contrato, a tramitación, o orzamento, as garantías esixidas, os requisitos e as datas de participación das ofertas de licitación.

A aplicación, xa dispoñible para Android e iOS, está preparada para presentar a información en varios idiomas e é accesible para persoas con discapacidade. ILUNION desenvolveu a aplicación para cumprir cos requisitos de accesibilidade que fan a Feacem Core compatible con produtos de apoio a persoas con discapacidade.

O obxectivo da aplicación é construír un espazo de diálogo e cooperación entre CEE que permita xerar novas iniciativas.

Feacem Core nace do convenio marco subscrito o 15 de abril de 2015 entre a Fundación Vodafone España e Cermi. Feacem pretende poñer en valor unha forma de facer empresa na que priman criterios de responsabilidade social e sustentabilidade, cunha aposta clara pola súa competitividade e unha xestión de calidade.

18/11/201609:00
Persoa maior abrazando á foca robotizada "Nuka".
A Coruña

A robótica asistencial xaponesa deixarase ver na Coruña

Entre os días 23 e 25 de novembro vai celebrarse a I Semana Cultural Xaponesa en Galicia, con actividades en A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela que van dende exhibicións de judo, kendo e aikido, até charlas e obradoiros de cociña xaponesa, entre as que queremos destacar unha conferencia que terá lugar na sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) sobre a estratexia robótica no Xapón.

A este encontro acudirá Kenji Hirata, ministro da embaixada do Xapón, quen estará acompañado por Celestino Álvarez, CEO de Adele Robots, quen presentará a Nuka, un exemplo de robótica asistencial que consiste nun robot con forma de bebé foca desenvolvido no Instituto Nacional de Ciencia e Tecnoloxía Industrial Avanzada do Xapón (AIST) e que ofrece uns beneficios semellantes aos da terapia animal suprimindo os riscos derivados desta.

O deseño do robot convérteno nunha criatura entrañable, indicada para ser utilizada en tratamentos con persoas con síntomas de demencia, persoas maiores, nenos hospitalizados ou persoas con algunha discapacidade psíquica, onde é preciso traballar a parte afectiva.

A conferencia está aberta ao público xeral, con entrada libre até completar aforo, e terá lugar o venres 25 ás 18:00 horas no salón de actos sito no terceiro andar do MUNCYT Coruña, dende onde tamén dan conta de que durante o sábado e o domingo desenvolverán obradoiros e diversas actividades sobre robótica dirixidas a toda a familia, o que facilitará que os visitantes coñezan a BeeBot, Primo, Dash, Kbot e mBot, creen videoxogos 3D con Kodu ou manexen un simulador de viaxe espacial no obradoiro de Kerbal.

18/11/201608:49
Cartel da charla.
Vigo

A obsolescencia programada e os hábitos TIC éticos, a debate o día 28 en Vigo

Segundo unha boa parte dos usuarios críticos de tecnoloxía, unha porcentaxe importante dos aparellos electrónicos e informáticos do mercado actual teñen menores capacidades operativas ao longo do tempo cós aparellos equivalentes de hai décadas. Isto ten unha explicación e non é outra que a obsolescencia programada. Ou sexa, a funcionalidade máis ou menos explícita dun aparello para achegar unha vida útil premeditadamente curta, favorecendo deste xeito o seu máis ou menos inmediato recambio (en última instancia o exceso de consumo). Falar da existencia (ou non) desta funcionalidade, das súas implicacións e das posibles alternativas é un dos obxectivos da charla que organizan o vindeiro luns 28 en Vigo as organizacións Amigos da Terra e Enxeñaría Sen Fronteiras.

Será na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo e, ademais das devanditas, tentarase responder á seguinte pregunta: é realmente posible unha electrónica ética? Na xornada, María Fernández, de Amigos da Terra, achegará aos presentes ao devandito concepto da obsolescencia programada, así como ás súas implicacións sociais e ambientais no uso dos recursos naturais tanto no norte como no sur. Asemade, amosaranse na sesión as ligazóns da obsolescencia coa redución, o reemprego e a reciclaxe de refugallos electrónicos e informáticos. Por outra banda, Daniel Vila, de Enxeñería sen Fronteiras, falará de como afecta este concepto aos aparellos eléctricos “e se realmente é posible falar de electrónica ética”.

Na mesma liña de subministrar alternativas reais e viables, Amigos da Terra presentará o proxecto Alargascencia, así como medidas sinxelas e prácticas que todos e todas podemos levar a cabo.

A cita será como dixemos o 28 de novembro ás 18.00 horas na sala de graos da Escola Superior de Enxeñaría en Telecomunicacións, no Campus de Vigo. As charla é de balde pero para poder asistir será necesario inscribirse no correo electrónico, voluntariado.galicia@amigosdaterra.net.

Blog Xente Dixital

Como aumentar a túa visibilidade en Instagram

Ven 30 Nov

Aínda que as redes sociais naceron orixinariamente para relacionarnos entre nós, é un lugar no que se pode sacar moito rédito empresarial se sabemos como explotalas de maneira adecuada para os nosos intereses. Instagram é unha das redes máis populares na actualidade, polo que estar presente nela é...

LER MAIS

Tres alternativas gratuitas a YouTube para ver contidos orixinais

Mar 06 Nov

Cando falamos de creadores audiovisuais é habitual pensar en directores de cinema ou guionistas que levaron as súas obras a algún gran formato adaptado ao gran público. Pero con Internet o termo de creador audiovisual expandiuse, describindo tamén aos famosos  youtubers, que crean e producen...

LER MAIS

Un tipo de letra para recordar mellor o que les

Mar 09 Out

Ao ler algo que necesitamos memorizar, é habitual que poñamos o “piloto automático” e acabemos lendo todo sen realmente memorizar nada. É algo que ocorre a miúdo cando a lectura é obrigada e a única solución ata agora era poñer máis interese no que estamos a ler. E dicimos ata agora porque un...

LER MAIS