main content

main content
27/12/201911:12
Man sostendo un smartphone.
Santiago de Compostela

A Xunta aumentará a capacidade da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia e incrementará as súas funcionalidades

  • Actualizará a plataforma e permitirá o acceso de smartphones autorizados á rede TETRA con todas as garantías de seguridade
  • O operador público Retegal vén de licitar o contrato para o mantemento e mellora da Rede
  • RESGAL integra nun mesmo sistema a todos os colectivos de emerxencias e seguridade da Xunta, os consorcios de Bombeiros e a 116 concellos galegos
  • O radio de acción desta rede acada o 90% do territorio e o 96,5% da poboación

A Xunta de Galicia aumentará a capacidade da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia (RESGAL) e incrementará as súas funcionalidades. Son os obxectivos principais, xunto co mantemento da Rede, que se recollen na licitación que vén de publicar o operador público Retegal, dependente da Amtega, e responsable da xestión de RESGAL.

O contrato, que ten unha duración estimada de 48 meses por un importe de 2,27 millóns de euros, garante o mantemento de RESGAL nas condicións de esixencia e continuidade que require unha rede deste tipo. Ademais, contempla a actualización do sistema de xestión da plataforma, o que permitirá aumentar a súa capacidade e incorporar novas funcionalidades como a integración de smartphones.

Esta posibilidade permitirá aos profesionais usuarios da Rede poder conectarse a RESGAL, a través dunha aplicación instalada nos seus móbiles en caso de atoparse fóra dunha zona de cobertura da Rede ou non dispoñer do terminal adaptado que empregan para conectarse a ela. En todo caso, as comunicacións serían tamén encriptadas e coas mesmas garantías que se o fixesen desde o terminal adaptado.

Unha rede única con máis de 5.500 terminais

A día de hoxe empregan RESGAL profesionais do 061, SERGAS, AXEGA, 112, UPA, Axentes de Medio Ambiente, Axentes Forestais, Consorcios de Bombeiros, Policías Locais e Protección Civil de 116 Concellos de Galicia.

Estes efectivos empregan dispositivos móbiles adaptados a condicións extremas e están dados de alta máis de 5.500 terminais.

Máis cobertura

Entre os anos 2016 e 2017 incrementouse a cobertura poboacional e territorial de Resgal, facendo especial fincapé nas zonas con máis risco de incendio. A instalación de 25 novas estacións radio base, 4 repetidores e unha nova estación transportable permitiron reducir nun 34% as zonas de sombra no conxunto da Comunidade e en máis dun 44% nas 565 parroquias identificadas como de alto risco de incendio.

O reforzo das infraestruturas de RESGAL ampliou o seu radio de acción acadando o 90% do territorio e o 96,5% da poboación. Con esta medida, ademais da mellora en zonas rurais, incrementouse a cobertura da Rede en núcleos de poboación de máis de 1.000 habitantes e nos Hospitais de Barbanza e Burela. Resgal conta con cobertura plena nas 7 grandes cidades e garante unha cobertura moi alta nas principais vías de comunicación, portos, aeroportos e zonas industriais de especial risco.

Tecnoloxía de última xeración

RESGAL emprega tecnoloxía TETRA, a máis punteira para este tipo de comunicacións, que garante a súa dispoñibilidade cando o resto de redes de telefonía móbil se colapsa. Este sistema caracterízase pola súa fiabilidade incluso en situacións extremas ou de saturación.

A diferenza dos sistemas convencionais posibilita a realización de chamadas en grupo, tanto dentro dunha mesma organización, como entre dispositivos de distintas organizacións que nun momento dado poidan estar traballando conxuntamente nunha mesma emerxencia.

Este sistema posibilita a incorporación de diversos servizos como a xeolocalización en tempo real da posición de todos os dispositivos de emerxencia vía GPS. Ademais, permite a consulta de bases de datos, a gravación de conversas e o encriptado das comunicacións, garantindo a súa confidencialidade.

RESGAL, froito dun convenio de colaboración entre a Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería do Medio Rural, a Amtega e a entidade pública estatal Red.es, entrou en funcionamento en 2015 para posibilitar a interconexión segura entre todos os colectivos de emerxencias, mellorando a súa coordinación, empregando a tecnoloxía máis avanzada neste tipo de redes.

Blog Xente Dixital

Como aumentar a túa visibilidade en Instagram

Ven 30 Nov

Aínda que as redes sociais naceron orixinariamente para relacionarnos entre nós, é un lugar no que se pode sacar moito rédito empresarial se sabemos como explotalas de maneira adecuada para os nosos intereses. Instagram é unha das redes máis populares na actualidade, polo que estar presente nela é...

LER MAIS

Tres alternativas gratuitas a YouTube para ver contidos orixinais

Mar 06 Nov

Cando falamos de creadores audiovisuais é habitual pensar en directores de cinema ou guionistas que levaron as súas obras a algún gran formato adaptado ao gran público. Pero con Internet o termo de creador audiovisual expandiuse, describindo tamén aos famosos  youtubers, que crean e producen...

LER MAIS

Un tipo de letra para recordar mellor o que les

Mar 09 Out

Ao ler algo que necesitamos memorizar, é habitual que poñamos o “piloto automático” e acabemos lendo todo sen realmente memorizar nada. É algo que ocorre a miúdo cando a lectura é obrigada e a única solución ata agora era poñer máis interese no que estamos a ler. E dicimos ata agora...

LER MAIS