- En 2017 impartiranse nestas aulas públicas 31.500 horas de formación gratuíta e prevese acadar os 65.000 usuarios rexistrados
- A Rede é un servizo fundamental para cumprir o obxectivo do Plan de inclusión dixital 2020 de incrementar en 8 puntos a porcentaxe de poboación que emprega internet
- As actividades da Rede buscan reducir a fenda dixital, facilitar unha aprendizaxe permanente neste eido e contribuír á mellora da empregabilidade a través da formación tecnolóxica
A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) colaborarán de novo en 2017 para garantir que a capacitación dixital chegue a todos os galegos a través das actividades que desenvolve a Rede de aulas CeMIT.
Así se recolle nun convenio, aprobado hoxe polo Consello do Goberno galego, e que asinarán proximamente a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Vicepresidencia e Consellería de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Fegamp.
Con este acordo garántese e continuidade e mellora dun dos instrumentos fundamentais do Plan de inclusión dixital de Galicia 2020 para reducir non só a primeira fenda dixital, a do acceso ás TIC, senón tamén a segunda fenda dixital, a das habilidades dixitais, facilitar unha aprendizaxe permanente neste eido e contribuír á mellora da empregabilidade.
Investimento
O acordo establece que en 2017 a Amtega achegará aos concellos a través da Fegamp 782.774,70 euros para a realización de actividades en materia de inclusión dixital nas consideradas aulas de referencia da Rede. Este orzamento distribuirase atendendo a criterios de actividade das aulas, así como da poboación do concello.
O acordo inclúe a posibilidade de dispor dunha listaxe de aulas de reserva de xeito que, cando unha aula de referencia sexa baixa por vontade propia ou por incumprimento dos criterios establecidos, as aulas de reserva poderán pasar a ser aula de referencia sempre e cando cumpran os requirimentos de actividade.
Plan de inclusión dixital 2020
Os obxectivos previstos da Rede para 2017 son impartir 31.500 horas de formación dixital gratuíta e acadar os 65.000 usuarios rexistrados.
As aulas CeMIT son un dos instrumentos fundamentais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, que a Amtega puxo en marcha este ano para facilitar non só a alfabetización dixital senón tamén unha capacitación máis avanzada no eido das TIC.
O plan é unha estratexia cimentada na cooperación, no consenso e na implicación de todos os axentes do ecosistema dixital, que conta co apoio de 700 aliados dixitais e que mobilizará máis de 7 millóns de euros de fondos públicos ata 2020 para abordar tres obxectivos.
O primeiro, continuar reducindo a fenda dixital e crear hábitos de uso das TIC entre aqueles que non as empregan. O plan busca incrementar en 8 puntos (do 67% no día de hoxe ao 75% en 2020) a porcentaxe da poboación galega que acceda a Internet habitualmente.
En segundo lugar, incrementar os coñecementos dixitais dos que xa empregan as TIC. O Plan reforzará os itinerarios formativos avanzados e o asesoramento á busca de emprego co apoio das TIC e, ademais, difundirá as oportunidades de emprego que ofrece o sector tecnolóxico.
O terceiro obxectivo é fomentar o uso das TIC como unha forma innovadora de resolución dos desafíos sociais, grazas a iniciativas de innovación social dixital.
204.000 horas de formación e preto de 58.000 usuarios en 5 anos
A rede CeMIT conta cun total de 98 aulas, presentes en 92 concellos. Desde a súa posta en marcha pola Amtega, hai cinco anos, a Rede leva impartidas máis de 204.000 horas de formación gratuíta, principalmente en alfabetización e capacitación dixital a preto de 58.000 usuarios rexistrados.
A rede ofrece tamén formación especializada por colectivos grazas á súa colaboración co Centro Demostrador TIC, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública, retransmitindo xornadas e actividades a través da súa rede de videoconferencias.
Ademais, desde 2014, CeMIT é a rede habilitada para acreditar á cidadanía a certificación galega de competencias dixitais en ofimática (Codix), da cal xa se examinaron máis de 1.900 persoas.