Primeira entrada da Guía para o teletraballo da cidadanía.
A situación actual de alerta sanitaria fixo que moitos galegos e galegas esteamos abordando o teletraballo por primeira vez, polo que hoxe gustaríanos falar de que é o teletraballo e o que precisamos para desenvolver a nosa actividade profesional desde as nosas casas.
Pois ben, a pesar de que non existe unha definición única de teletraballo, algúns dos aspectos comúns das diversas definicións son os seguintes:
É unha forma de organizar o traballo, e supón unha “nova forma de traballo”
A actividade profesional lévase a cabo sen estar fisicamente na empresa, “a distancia”
É preciso o uso das tecnoloxías da información e a comunicación e garantir a seguridade
Require compatibilizar a vida laboral e familiar, e un equilibrio entre a flexibilidade, a produtividade e a competitividade.
Tendo en conta todas estas características do teletraballo, a continuación identificaremos os elementos necesarios para garantir un bo teletraballo:
En primeiro lugar, será preciso preparar o espazo de traballo: un fogar non sempre está preparado para ser un lugar de traballo, por iso será imprescindible realizar unha serie de modificacións e tomar unha serie de medidas que eviten calquera tipo de risco:
Habilitar unha zona illada na vivenda: con suficiente espazo para conter o equipo e o material de traballo de maneira que ese espazo se dedique exclusivamente ao teletraballo. Sería conveniente que dispuxera de luz natural, e que o ruído, tanto externo como da casa fose o menor posible.
Ordenar o espazo da habitación para evitar caídas e golpes: desta maneira evitaranse accidentes innecesarios.
Igualmente como medida preventiva, é importante contar cun bo deseño do posto de traballo, tendo en conta as características do mobiliario e dos accesorios:
A mesa deberá contar con espazo suficiente para colocar a pantalla, o teclado, os documentos e o material accesorio, ademais debe ser regulable en altura. Os útiles de traballo deberán distribuirse, dependendo da frecuencia de uso, non máis lonxe de 35-45 cm.
A cadeira deberá ser estable e proporcionar liberdade de movementos, sendo regulable en altura e reclinable o respaldo, tamén deberá permitir a correcta transpiración tanto no asento como no respaldo e contar con apoia brazos, que reduzan a carga muscular na zona do pescozo e ombreiros e que permite máis facilmente o cambio de postura. O sistema mesa-cadeira debe permitir un espazo suficiente para aloxar as pernas con comodidade e permitir o cambio de postura.
O teclado deberá ser inclinable e independente da pantalla para permitir adoptar unha postura cómoda que evite o cansazo nos brazos e as mans e será preciso colocalo cun espazo suficiente para apoiar os brazos e as mans.
O atril, para evitar movementos incómodos da cabeza é convinte utilizar un atril estable e regulable.
O repousapés, recoméndase a súa utilización especialmente cando non se apoien ben os pés no chan e deberá ter unha superficie antiescorregadiza tanto na zona superior como nos seus apoios no chan.
Un bo traballo comeza por un espazo adecuado onde sentirnos cómodos e que favoreza a concentración. E non esquezas manter sempre unha boa posición! A continuación indicámosche algunas medidas de referencia para que as teñas en conta:
Por outra banda, necesitaremos unha conexión a Internet que conte cunha velocidade adecuada e suficiente para garantir o desenvolvemento das tarefas diarias e unha serie de ferramentas que nos permitan realizar o traballo e manter o contacto cos nosos equipos, provedores e clientes. Concretamente estas ferramentas orientaríanse a garantir a comunicación cos diferentes axentes, para organizar o traballo, así como para realizar as tarefas de xeito colaborativo e o acceso a formación entre outros. Sobre este tema realizaremos un post específico para propoñervos solucións de software libre que podería empregar calquera empresa, entidade ou organización que non conte con ferramentas propias.
Sabemos que o teletraballo non está sendo sinxelo dada a situación na que nos atopamos polo que proximamente achegarémosvos algunhas recomendacións e tamén falaremos de seguridade durante as xornadas de teletraballo.