
Coñece os proxectos e iniciativas postos en marcha en colaboración cos Aliados Dixitais, relacionados cos costumes e necesidades do territorio e que nos axudarán a achegar as TIC á cidadanía.
A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), no marco das súas actividades como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 da Amtega, vai a ofrecer unha serie de vinte charlas informativas adicadas cada unha delas a diferentes aplicacións móbiles que nos ofrece internet para mellorar a vida dos nosos maiores e das persoas en xeral.
Os contidos, explicados dunha forma amena e sinxela, están orientados cara a sacar maior partido ao uso habitual da tecnoloxía mediante o descubrimento de novas aplicacións e recursos orientados a diversas facetas da nosa vida cotidiá, como poden ser a planificación de viaxes, os trámites electrónicos, a fotografía e o video, os pagos por internet ou as aplicacións relacionadas coa saúde e os coidados para una madurez mais activa.
“Ao lado dos nosos maiores” é o nome da iniciativa que se pon en marcha este mes de xullo en diversas localidades con aula CeMIT de Galicia, grazas a colaboración do operador de telecomunicacións Orange e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Trátase dun ciclo de talleres gratuítos, cunha duración máxima de 2 horas, que se levarán cabo ata o mes de outubro nos centros CeMIT de 23 concellos de Galicia. Estarán impartidos por persoal de Orange, que facilitará as tabletas e móbiles necesarios para que todos os asistentes poidan realizar as actividades do curso.
O obxectivo principal desta actividade é ensinar aos participantes as pautas básicas do funcionamento das tabletas e móbiles para facer a súa experiencia máis doada, que adquiran maior autonomía persoal e se familiaricen coa tecnoloxía móbil. Entre outros contidos tratarase como acceder ás redes móbiles e wifis, enviar e recibir WhatsApp, enviar fotos, vídeos e mensaxes, gardar os contactos e todas aquelas dúbidas que lles poidan xurdir no uso normal do teléfono e/ou tableta.
O único requisito para poder asistir a estas actividade gratuíta é solicitar praza na localidade de interese, ben directamente na aula CeMIT de cada concello, ou a través da web http://cemit.xunta.gal.
A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), no marco das súas actividades como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 da Amtega, ofrece dous ciclos formativos sobre o manexo de móbiles e tablets.
O primeiro itinerario formativo, que comezou o pasado 12 de maio e rematará o 23 de xuño leva por título “Saca o máximo partido ao teu teléfono intelixente ou tablet e goza de todo o que Internet che ofrece” e está destinado a persoas cun nivel de uso inicial das novas tecnoloxías.
Esta primeira quenda chegará a 12 aulas da rede CeMIT, que ofertan preto de 200 prazas en total, e cuxa inscrición figura aberta na web https://cemit.xunta.gal. As aulas desta primeiro ciclo son: Arzúa, Beariz, Boborás, Catoira, Celanova, Cuntis, Fisterra, Marín, Oroso, Sada, Santa Comba e Valga. Os seminarios impartiranse presencialmente desde unha aula CeMIT e poderanse seguir por videoconferencia nas restantes aulas.
O segundo dos itinerarios, “Usa as novas tecnoloxías para unha madurez máis activa e positiva”, terá lugar unha vez remate o período estival, nos meses de setembro e outubro, cando se celebrarán outras sete xornadas con outras 200 prazas dispoñibles.
A introdución das persoas maiores no manexo dos teléfonos móbiles intelixentes permite achegalos ao mundo dixital e que poidan sacar o máximo aproveitamento que ofrecen as TIC para mellorar a súa calidade de vida. Por este motivo, estanse a desenvolver actividades formativas totalmente practicas, co apoio de guías en papel e vídeos formativos, ao longo de toda a xeografía galega a través da rede de aulas CeMIT.
“Aprende a usar o teu smartphone”, púxose en marcha coa colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Fundación Vodafone, así como pola importantísima colaboración dos dinamizadores das aulas da Rede CeMIT en Galicia.
Esta iniciativa consiste na realización de xornadas formativas totalmente prácticas a través do manexo de terminais móbiles, e adicionalmente facilítase a todos os asistentes unha guía en papel que recolle todas as operacións máis básicas.
Por medio deste proxecto as persoas maiores súmanse á sociedade dixital e perciben os beneficios que lles ofrecen as TIC (maior seguridade a través da teleasistencia, novas formas de relacionarse e de lecer, etc).
Esta iniciativa impulsada coa colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación Inserta Empleo, entidade de emprego e formación da Fundación ONCE, busca mellorar a accesibilidade e a empregabilidade das persoas con discapacidade e especiais dificultades de inserción a través de accións formativas nas que se potencie a mellora da súa cualificación e na posibilidade de obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática mediante a superación dunha proba específica.
Tras a adhesión de Inserta Empleo da Fundación ONCE como aliada dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, en 2016 comezouse a realización das primeiras actividades formativas tanto de alfabetización dixital como de ofimática de 190 horas de duración nos que participan diversas aulas da Rede CeMIT como son A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Santiago e Lugo.
A realización destes itinerarios formativos está cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social e pola cofinanciación da Iniciativa de Emprego Xuvenil e do Fondo Social europeo no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil e ten como obxectivo propoñer oportunidades de integración social e laboral ás persoas con discapacidade, implementando as condicións necesarias de hardware e software que poidan requirir estas persoas co fin de garantir un correcto desenvolvemento e mellora das súas capacidades dixitais.
Como complemento a estes cursos, unha vez rematada a formación as persoas que superen os mesmos poderán obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX) mediante a superación dunha proba presencial de carácter voluntario.