main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

18/05/201600:00
Santiago de Compostela

Convocados os Premios Raíña Letizia de discapacidade

O Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade convocou os Premios Raíña Letizia 2016 de Prevención da Discapacidade e de Tecnoloxías de Accesibilidade.

Os Premios Raíña Letizia 2016 de Prevención da Discapacidade disporán de dúas dotacións de 25.000 euros cada unha, destinadas unha á candidatura española e outra á candidatura dos outros países que resulte galardoada.

A candidatura española será dotada pola Fundación ONCE e a candidatura dos outros países financiarase con cargo ao orzamento de gastos do Real Padroado sobre Discapacidade para o ano 2016.

Os interesados terán 60 días desde este mércores 18 de maio para presentar as solicitudes, que terán que ir acompañadas dunha memoria explicativa, por duplicado, do conxunto de investigacións e traballos polos que se opta aos premios, cunha extensión entre 30 e 50 páxinas.

Premios Tecnoloxías de Accesibilidade

Ao premio de Tecnoloxías da Discapacidade poderán concorrer as persoas físicas ou xurídicas, tanto de forma individual como conxunta ou con traballos de equipo ou calquera entidade de xestión pública ou privada inscrita en territorio español, excluíndo ás entidades que forman parte do Padroado da Fundación Centro Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade (CENTAC).

O obxectivo deste galardón, segundo o Ministerio de Sanidade é "recompensar ben" un labor continuado dunha persoa física ou xurídica levada a cabo nun período de tempo non inferior a cinco anos, ou premiar un proxecto con perspectiva de continuidade, en ambos os casos sempre no campo da accesibilidade ás tecnoloxías da información e a comunicación para as persoas con discapacidade, apoiando a igualdade de oportunidades e a inclusión tecnolóxica.

O premio consiste nunha dotación máxima de 20.000 euros, financiada ao 50% pola Fundación CENTAC e o Real Padroado sobre Discapacidade. O prazo de presentación será de corenta días hábiles a partir deste mércores 18 de maio.

17/05/201600:00
Galicia

Declaración institucional con motivo do día mundial das telecomunicacións e da sociedade da información

O Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información apela este ano ao “Espírito empresarial do sector TIC en aras do impacto social” para destacar a importancia do sector tecnolóxico como un elemento chave da nova economía dixital. Unha nova realidade económica, que ten o seu epicentro na Rede, e que promove novos modelos de negocio que priman elementos intanxibles como o coñecemento, a información ou a innovación para crear valor á sociedade. 
 
A aposta galega pola economía dixital quedou plasmada na Axenda Dixital 2020, que se presentou o pasado ano e na que, tanto o impulso ao hipersector TIC como a dixitalización empresarial, son dúas das súas liñas estratéxicas para avanzar cara un crecemento intelixente, sostible e integrador.  

Con este obxectivo, desde a Administración autonómica promovemos o aliñamento entre a demanda tecnolóxica dos sectores produtivos e a oferta do sector TIC galego, unha baza fundamental para deseñar novas solucións tecnolóxicas que contribúan a incrementar a competitividade do tecido empresarial ao tempo que consolidan a posición do sector TIC como elemento tractor da economía.

Iniciativas que arrancan este ano como ReaccionaTIC para impulsar a empresa 4.0 e a dixitalización da actividade empresarial, xunto con outras, como as desenvoltas polo Centro Demostrador TIC como escaparate tecnolóxico da Comunidade, permitirán continuar afondando na transformación dixital das pemes. Maior calidade, posicionamento, visibilidade, mobilidade e detección temperá de novos nichos de mercado, son algunhas das vantaxes ao alcance das empresas que non se manteñan á  marxe da evolución tecnolóxica.

O pulo ao sector TIC virá da man das actuacións do Programa TransformaTIC que, en colaboración co sector empresarial, universidades, centros tecnolóxicos, centros de investigación, colexios profesionais e o propio sector TIC, facilitará o desenvolvemento de iniciativas  para reforzar a innovación tecnolóxica no sector empresarial, promover as vocacións tecnolóxicas, reforzar a capacitación dos profesionais TIC e fomentar a incorporación dos titulados galegos no mercado tecnolóxico para satisfacer as súas necesidades actuais e futuras.

Cunha achega de preto do 2% do PIB e empregando a máis de 15.600 profesionais, o sector das TIC en Galicia representa un sector de alto potencial e de recoñecida capacidade dentro e fóra da Comunidade. A súa aposta innata pola innovación e a súa flexibilidade para adaptarse ás novas necesidades do mercado, xunto co esforzo dos empresarios e a súa capacidade de identificar novas oportunidades de mercado,  o converten en cooperador necesario da estratexia tecnolóxica autonómica.

 A Axenda Dixital de Galicia 2020 está a sumar o apoio e os recursos da Administración autonómica, a achega do sector e dos seus profesionais para conseguir unha Administración máis próxima á cidadanía; para dar resposta aos cambios sociais derivados das novas tendencias tecnolóxicas para evitar a segunda fenda dixital; para implantar novas solucións TIC que contribúan á sostibilidade do sistema dos servizos sociosanitarios; para reforzar os recursos territoriais; para modernizar o sector patrimonial, cultural e turístico; e conseguir unhas Infraestruturas asequibles e de alta calidade para todos, capaces de servir de soporte aos novos servizos dixitais avanzados.
 

12/05/201614:34
San Sadurniño - III Carballo Interplay

"Teño unha horta en San Sadurniño" participou no III Carballo Interplay

No proxecto "Teño unha horta en San Sadurniño" tres mulleres de San Sadurniño comparten o coñecemento e a experiencia do traballo no campo. Con móbiles e cámaras fotográficas gravan as labores dunha pequena horta, ensinando trucos e tarefas tradicionais. Ao mesmo tempo, contar coa colaboración e asistencia na gravación de persoas novas, supón un intercambio interxeracional entre os coñecementos en novas tecnoloxías e os traballos tradicionais do campo.

Na primeira temporada realizáronse 11 capítulos nos que participan: na "horta de Consuelo", Consuelo Picos, a filla Ana e a neta Birtukan. Na "horta de Cruz", Cruz Piñón e o fillo Roberto Bouza. Na "horta de Lucita", Lucía Pita e a súa amiga e veciña Antía. Actualmente estamos a preparar a segunda temporada con máis protagonistas.

"Teño unha horta en San Sadurniño" posto en marcha pola Aula Cemit de San Sadurniño, xurde como un dos proxectos piloto na primeira edición do programa CeMIT-Innova de AMTEGA no 2015, que busca o fomento da Innovación Social Dixital en Galicia desde a Rede Cemit.

O proxecto foi seleccionado en abril de 2016 para participar no prestixioso festival internacional de contidos dixitais Carballo Interplay na categoría de "Galiza V.O.". O festival, celebrado do 5 ao 7 de maio, busca explorar as posibilidades de internet como medio para a narración, o humor, a non ficción, cultura dixital, o patrimonio audiovisual ou a performance interactiva, sempre co vídeo como base.

11/05/201600:00
Ourense

Galisenior 2016 celebrarase os días 25 e 26 de maio en Ourense

As xornadas técnicas profesionais da décima edición de Galisenior, Salón Internacional das Persoas Maiores, estarán centradas na análise do concepto de fraxilidade aplicado ás persoas maiores.

As xornadas técnicas profesionais da décima edición de Galisenior, Salón Internacional das Persoas Maiores, estarán centradas na análise do concepto de fraxilidade aplicado ás persoas maiores. Unha temática de actualidade que centra a maior parte dos artigos recolleitos por publicacións de impacto neste sentido a nivel mundial.

Así mesmo, abordaranse outras temáticas como o envellecemento da poboación; recomendacións nutricionais e dietéticas (pautas da Sociedade Española de Nutrición); política social, servizos sociosanitarios e oportunidades empresariais ou de emprendimiento; I+D+i aplicada ao envellecemento saudable e apoios técnicos.

Galisenior ofrece, ademais, unha ampla mostra de produtos deseñados en exclusiva para brindar unha mellor calidade de vida aos maiores, proporcionándolles a oportunidade de intervir activamente na sociedade, fomentando a súa autonomía, independencia e liberdade. Doutra banda, pon en coñecemento de todos os profesionais e das súas familias os servizos de atención que ofrecen entidades públicas e privadas. Con iso, perséguese orientar a este colectivo, abordando entre outras cousas, unha preparación física e psicolóxica que permita gozar dun envellecemento activo e saudable.

Os obxectivos de Galisenior son:

  • Fomentar a colaboración, compromiso e intercambio de experiencias entre profesionais, Administración e outras entidades implicadas en Galicia na atención ás persoas maiores.
  • Crear un foro de intercambio de opinión onde se aborden as últimas tendencias en distintos aspectos que interveñen na atención xeriátrica.
  • Divulgar todos os recursos, servizos e novas tecnoloxías que poden incrementar a calidade de vida dos maiores galegos.
  • Facilitar o acceso das persoas de idade avanzada á información que lles sexa útil para dar resposta ás súas necesidades básicas: asistencia, saúde, apoio social, cultura, etc.
  • Promover a participación dos propios maiores na sociedade actual a través do asociacionismo e o voluntariado, como medios de intervención social.
  • Suscitar neste colectivo unha reflexión sobre o seu propio rol no mundo actual.
  • Impulsar unha imaxe positiva e máis acorde coa realidade actual dos maiores.
10/05/201600:00
Santiago de Compostela - Cidade da Cultura

O 14 de maio volve Rapaciñ@s, a tecnoloxía ben segura

A era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos. Rapaciñ@s vai de normas e límites para un uso seguro de Internet e tamén de valores e oportunidades na esfera dixital.

A era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos. Rapaciñ@s vai de normas e límites para un uso seguro de Internet e tamén de valores e oportunidades na esfera dixital.

Na enquisa feita aos asistentes das xornadas ”Navega con Rumbo polo Ciberespazo”, impulsadas polo CPEIG en máis de 170 centros, en relación á pregunta "Que outros aspectos do campo das novas tecnoloxías cre que serían necesarios abordar en charlas no seu centro?" hai dúas temáticas claramente destacadas: as redes sociais e menores, elixida polo 75,58% dos participantes, e técnicas de control parental, elixida polo 58,72% dos participantes.

Destas preocupacións naceu o ano pasado a iniciativa Rapaciñ@s, unha serie de charlas informativas que volverán a percorrer Galicia da man das colexiadas e colexiados do CPEIG e que arrinca cun gran evento na Cidade da Cultura. Familias e docentes atoparán información e recursos de interese, namentres as nenas e nenos desenvovlen a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros pensados para que se divirtan e aprendan.

Inicio das xornadas
As xornadas arrincan o 14 de maio na Cidade da Cultura de Galicia. Na parte adicada ás nais e pais analizarase o uso que fan os menores da Internet e dos seus riscos desde diferentes perspectivas, ofrecendo instrumentos de apoio ás familias para evitar riscos.

Será ás 17:30 no Salón 1 do Edificio CINC cando Mar Pereira, directora da Amtega e Fernando Suárez, presidente do CPEIG, dean a benvida e fagan a presentación da xornada. A continuación, ás 17:45, a psicóloga social Dolors Reig dará unha conferencia que leva por título "Internet non é doutro mundo: acompañando aos nosos rapaces na nova contorna dixital".

Obradoiros para nen@s
Desde as 16:30 e ata as 19:30, nos espazos abertos da Cidade da Cultura próximos ao auditorio, haberá actividades relacionadas coas novas tecnoloxías nas que se combinan o aspecto lúdico co didáctico para nenas e nenos de 8 a 14 anos. As empresas encargadas dos obradoiros son Tech Academy e Arkitas Robótica sendo as prazas e horarios dos obradoiros os seguintes:

  • 3 obradoiros de Minecraft (30 prazas): 17:00, 17:45 e 18:30.
  • 2 obradoiros de Scratch (20 prazas): 17:00 e 17:30.
  • 4 obradoiros de Robótica educativa (24 prazas): 17:00, 17:30, 18:00 e 18:30.
  • 1 obradoiro de Robótica (20 prazas): De 17:00 a 19:00.

Os participantes deberán traer un ordenador portátil para a realización dos obradoiros. A inscrición poderá realizarse en https://goo.gl/VRmmjK.

Concurso
Os centros de ensino poden participar tamén en Rapaciñ@s a través do concurso de programación organizado este ano como novidade. Así, grupos mixtos de alumnos de 10 a 14 anos, dirixidos por un docente, deberán desenvolver unha historia en formato story telling sobre o Día das Letras Galegas utilizando a ferramenta scratch. O prazo de inscrición xa está aberto no enderezo info@cpeig.gal e remata o 12 de maio ás 23.00 horas.
Un xurado composto por representantes do CPEIG e da Amtega seleccionará o proxecto gañador e os seus creadores recollerán o galardón, un kit de robótica, ao peche da xornada de Rapaciñ@s, o día 14 de maio.

Máis información
Programa da xornada.
Bases do concurso de programación en Scratch co motivo do Día das Letras Galegas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS