main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

30/05/201609:23
Web Faite Dixital
Santiago

A Amtega publica o portal “Faite Dixit@l!”, que integra todos os recursos e iniciativas do Plan de Inclusión Dixital de Galicia

  • O Plan ofrece á sociedade galega un servizo integral de dixitalización para que todo o mundo poida explotar e aproveitar o potencial das TIC a nivel persoal, profesional e relacional
  • Conta xa co apoio de 700 aliados dixitais e pódense adherir ao Plan profesionais e entidades públicas ou privadas que estean interesadas en colaborar para conseguir un efecto multiplicador das súas actuacións

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar o portal Faite Dixit@l, a páxina que integra nun único espazo os servizos, proxectos e actividades impulsadas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020.

Coa posta en marcha de http://faitedixital.xunta.gal/, a cidadanía conta cun único punto de acceso ás distintas iniciativas que se están a desenvolver en Galicia en torno aos tres eixos principais do Plan, tanto os da alfabetización e a capacitación dixitais, como o orientado ao impulso da innovación social dixital.

 

Estrutura da Web
Faite Dixit@l dispón dunha portada inicial, onde se presenta o Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, así como a formación e os proxectos dispoñibles en cada un dos tres eidos de actuación. O resto do contido estrutúrase en cinco bloques: A Estratexia, Os Aliados Dixitais, Os Servizos, Os Recursos e A Actualidade.

No apartado da Estratexia, a web ofrece toda a información relacionada con Plan de Inclusión Dixital de Galicia: os seus valores, obxectivos, os destinatarios, os servizos, así como o camiño percorrido cos proxectos da Rede CeMIT e o Programa de Voluntariado Dixital, xa que foron o punto de partida para posta en marcha do Plan.

O espazo dos Aliados Dixitais explica os pasos para adherirse ao Plan como aliado dixital e mostra os diferentes perfiles de aliados: mecenas, referentes, menores, voluntarios e entidades colaboradoras, e as súas achegas.

O bloque dos Servizos presenta o catálogo de servizos dixitais dispoñibles tanto de formación presencial, teleformación, certificación de competencias dixitais en ofimática, proxectos e iniciativas singulares, faladoiros e apoios dixitais.

En Recursos os usuarios acceden aos diferentes tipos recursos que teñen a súa disposición: a rede de aulas CeMIT, o mapa de e-Servizos de inclusión dixital, a comunidade virtual do voluntariado dixital, o espazo multimedia de aprendizaxe así coma contidos e publicacións de interese. Finalmente a web tamén dispón dun apartado de Actualidade, que permite acceder as novas e eventos, proxectos, informes de interese en torno á inclusión dixital.

 

Accesibilidade e fácil navegación
A organización dos contidos céntrase en darlle un maior protagonismo aos usuarios finais do Plan de Inclusión Dixital, xa que facilita a busca e acceso áxil á información que máis se adapte as súas necesidades, cuns contidos estruturados.

Ademais, o deseño interactivo e innovador faino máis atractivo aos usuarios e o ton e linguaxe accesible e amigable facilita a lectura. Faite Dixital interacciona coas outras Webs operativas relacionadas co Plan como a da Rede CeMIT: https://cemit.xunta.gal, a do voluntariado Dixital:https://voluntariadodixital.xunta.gal, a do Centro Demostrador TIC: https://cdtic.xunta.gal/ e o Blog Xente Dixital http://blogs.xunta.gal/xentedixital/es/

 

Un Plan con máis de 700 aliados
O Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, presentado o pasado 18 de maio ante os máis de 700 aliados cos que conta, busca acadar unha sociedade plenamente dixital formada e capacitada no uso das tecnoloxías, capaz de explotar e aproveitar todo o potencial das TIC a nivel persoal, profesional e relacional.

Cun orzamento de máis de 7 millóns de euros en cinco anos o Plan articúlase en torno a un novo modelo de relación flexible e en rede, sustentado en alianzas dixitais entre a Xunta de Galicia e os diferentes axentes do ecosistema dixital que permitirá sumar capacidades, recursos e iniciativas.

O Plan ofrece á sociedade galega un servizo integral de dixitalización que abrangue desde as accións para a alfabetización dixital ata aquelas que permitan a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC. Para acadar este obxectivo o Plan establece actuacións en 3 grandes eixos estratéxicos: a alfabetización dixital, a capacitación dixital e a innovación social dixital e participativa.

26/05/201609:43
Pleno OSIMGA 2016
Santiago

O Osimga aborda este ano tres novas liñas de estudo sobre o uso das TIC na comunidade

  • Por primeira vez elaborará informes específicos sobre o emprego das TIC entre as persoas maiores, entre as persoas con discapacidade e sobre a situación da sociedade da información no ámbito rural
  • Ademais, presentará dous traballos vinculados a medidas da Axenda Dixital de Galicia 2020: o Mapa da Innovación Social Dixital en Galicia e o Estudo sobre a Demanda de novos perfís Dixitais
  • Mar Pereira deu conta no pleno do organismo das actuacións do primeiro ano da Axenda 2020, que mobilizaron 158 millóns de euros

O Observatorio da Sociedade da Información e a Comunicación de Galicia (Osimga) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía o seus ámbitos de análise con tres novos estudos específicos sobre: o uso das TIC entre as persoas maiores e entre as persoas con discapacidade; e a situación da sociedade da información no rural.

Ademais, o Osimga presentará este ano dous traballos vinculados a medidas da Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG2020): Mapa da Innovación Social Dixital en Galicia, enmarcado no Plan de Inclusión; e o estudo sobre a Demanda de novos Perfís Dixitais, contemplado no Plan Transformatic. O Observatorio realizou o pasado ano un total de 40 informes e a súa web recibíu máis de 100.000 visitas.

O traballo do Osimga permite coñecer o nivel de desenvolvemento, a tendencia e os problemas que poden afectar á extensión da Sociedade da Información na Comunidade e facilita a definición das políticas públicas neste ámbito. Ademais, o Observatorio é o organismo encargado do seguimento e avaliación das medidas políticas tecnolóxicas da Administración autonómica.

O pleno anual do Observatorio celebrouse esta mañá en Santiago, presidido pola directora da Amtega, Mar Pereira, que deu conta das medidas desenvolvidas no primeiro ano da ADG 2020. En 2015 a Axenda Dixital para 2020 mobilizou 158 millóns de euros nas actuacións das súas cinco liñas estratéxicas: Valoración da Administración, Énfase na vida Dixital, Aceleración da Economía Dixital, Estímulo ao Crecemento do Sector TIC e Articulación Dixital do Territorio.

 

Valorización da Administración
No eido da Administración avanzouse na consolidación dunha administración dixital co 70% dos trámites dispoñibles online na sede electrónica, a entrada en funcionamento do sistema Chave 365 para simplificar o uso da sede; e a posta en marcha da plataforma de interoperabilidade Pasaxe! que rexistrou 1,8 millóns de consultas. O arranque do Arquivo Electrónico da Xunta foi outro dos fitos para avanzar cada unha administración totalmente dixital.

Na Administración da Xustiza continuouse coa dotación de equipamento e medios TIC prevista no Plan Senda, que permitiu consolidar o uso de Lexnet con 4,5 millóns de notificacións; estender o sistema de gravación de vistas con sinatura dixital ata o 79% das salas e que o 84% dispoña de videoconferencia.

 

Énfase na vida dixital
O proceso de transformación da educación tradicional en dixital avanzou da man do Proxecto Abalar, con máis de 6.000 rapaces e rapazas integrados en eDixgal, empregando só contidos dixitais no curso 2015-2016.

As aulas públicas de formación dixital CeMIT, incrementaron en 10.000 o número de usuarios, rexistrando a finais de 2015 un total de 53.800. Emitíronse 790 certificacións de Competencias Dixitais en Ofimática e desenvolvéronse 20 proxectos de innovación social dixital.

En canto á modernización do servizos sociais, sentáronse as bases para a entrada en funcionamento da Historia Social Única Electrónica, que entrará en funcionamento despois do verán.

 

Aceleración da Economía Dixital e Estímulo ao sector TIC
Potenciar a transformación dixital do tecido empresarial galego é un dos obxectivos da Axenda. As preto de 100 actuacións do Centro Demostrador TIC de Galicia así como o acordo entre Amtega e Igape para impulsar a dixitalización empresarial e a industria 4.0 no no período 2016- 2020 entre as pemes galegas que buscan avanzar cara ese obxectivo

O estímulo ao sector TIC é outra das prioridades da Axenda Dixital que se materializa coas medidas do Pacto Dixital como Galicia Open Future e outras actuacións como Vía Galicia e e a aprobación da Estratexia de Internacionalización da Empresa 4.0.

 

Articulación Dixital do Territorio
A aprobación do Plan de Banda Larga 2020 para dotar de acceso a redes ultrarrápidas a todos os galegos e a posta en marcha da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia, son dúas das medidas para garantir unha Galicia conectada e adaptada ás novas demandas da sociedade dixital.

24/05/201609:16
Logo Fundación Vodafone España
Santiago

A Fundación Vodafone España recibirá o Premio e-Inclusión, un dos galardóns da “Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”

  • As actividades da entidade diríxense ao desenvolvemento das TIC para fomentar a accesibilidade universal e a inserción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de facer público o recoñecemento á Fundación Vodafone España, gañadora do premio e-Inclusión pola súa acción social que realiza en todos os países nos que opera, un total de 27, nos cinco continentes. A acción en todos eses estados englóbase baixo o lei motiv “Connecting for Good” (C4G).

O CPEIG fará entrega do galardón o vindeiro día 3 de xuño dentro da “Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, que terá lugar no Hotel-Monumento San Francisco en Santiago de Compostela.

A Xunta de Goberno do CPEIG valorou que a Fundación Vodafone España é unha institución non lucrativa, de ámbito nacional, que forma parte do Grupo Vodafone, unha das principais corporacións do mundo do sector das telecomunicacións.

A prol dos grupos vulnerables
As actividades da Fundación Vodafone España  diríxense ao desenvolvemento das TIC para fomentar a accesibilidade universal, a vida independente e a inserción socio- laboral a prol dos grupos vulnerables, especialmente maiores e persoas con discapacidade.

Realiza os seus proxectos  en colaboración con institucións representantes deses colectivos relacionadas coa investigación, a formación e a atención (Cruz Vermella, ONCE, CNSE, Conf ASPACE, COGAMI, CEOMA, FEGAUS, ATEGAL, PREDIF, PLENA Inclusión, Orden de San Juan de Dios ou Down España, entre outras). Ademais, contribúe á difusión das telecomunicacións na sociedade a través de publicacións e informes. Pódese ver, resumido, en:  https://www.youtube.com/watch?v=iISkEqfRkik

Catro programas principais enmarcan as devanditas actividades:

  • Promoción do Coñecemento C4G: estudos, investigacións, obradoiros e congresos para divulgar as oportunidades das TIC  para dar resposta ás necesidades de colectivos vulnerables; ademais de convocatorias nacionais, entre outras, os Premios Vodafone de Periodismo.
  • Desenvolvemento e despregamento de Solución C4G: proxectos de innovación en TIC accesibles para mellorar a calidade de vida de grupos vulnerables e transferilos á sociedade de forma sustentable.
  • Formación C4G, para conseguir, por un lado, a empregabilidade das persoas con discapacidade a partir da formación nesas novas tecnoloxías e, por outro, evitar a fenda dixital nas persoas maiores.
  • Colaboracións C4G: acordos e participacións estratéxicas en fundacións e/ou a través de acordos marcos de colaboración que vinculen asociacións de colectivos vulnerables. 

E un quinto, complementario:

  • Outras actividades adicionais, que recollen accións puntuais, tanto rexionais como a nivel de Grupo.

En Galicia, a Fundación Vodafone España está presente cos seus programas desde a súa creación.

19/05/201613:09
Logo do evento
Ourense

Riscos e vantaxes das novas tecnoloxías e obradoiros para grandes e pequenos, o venres en Ourense da man de Rapaciñ@s

  • Xornada para nais e pais para previr riscos na Internet organizada polo CPEIG e Amtega, coa colaboración do Concello de Ourense e o Centro de Coñecemento “La Molinera”
  • Nenos e nenas de entre 8 e 14 anos poderán participar en diferentes obradoiros
  • Cómpre inscrición previa en https://www.ticketea.com/entradas-taller-rapacinos-ourense/

O vindeiro venres, 20 de maio, o Centro de Coñecemento “La Molinera”, sito na rúa Bebedoiro da cidade de Ourense, acollerá a xornada Rapaciñ@s, impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Colaboran o Concello de Ourense e o Centro “La Molinera”. O horario do evento, que é gratuíto, vai de 18.30 H. a 19.30H.

Nais, pais e docentes aprenderán as vantaxes das novas tecnoloxías e como previr os riscos que tamén presentan. Namentres os adultos asisten a unha charla dun colexiado do CPEIG, os nenos participan en obradoiros de programación e robótica educativa. Cómpre inscrición previa en:https://www.ticketea.com/entradas-taller-rapacinos-ourense/.

Rapaciñ@s é un ambicioso programa que consta dunha serie de charlas informativas que percorren Galicia da man das colexiadas e colexiados do CPEIG. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros pensados para que se divirtan e aprendan.

Sobre o CPEIG
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.

Programa

18/05/201615:08
Santiago de compostela - Gaias

Feijóo destaca e gaba a colaboración dos máis de 700 aliados dixitais para acadar a plena dixitalización de Galicia

Incide na utilidade da tecnoloxía dixital para resolver desde o ámbito local retos ligados á educación, á saúde, ao emprego e, en definitiva, ao benestar da cidadanía

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou e gabou hoxe a colaboración de voluntarios, de empresas tecnolóxicas e de entidades e asociacións de acción voluntaria para acadar a plena dixitalización de Galicia; “a implicación, en definitiva, dos máis de 700 aliados dixitais para que ningún galego nin ningunha galega perda o tren da sociedade dixital” e para que na terceira década do século XXI, todos os galegos estean capacitados para aproveitar as oportunidades que brinda este contexto.

Durante un encontro mantido esta mañá con este colectivo, Feijóo subliñou que este obxectivo está recollido no Plan de inclusión dixital de Galicia 2020 que aspira a crear hábitos de uso das TIC entre aqueles que aínda non as empregan; a incrementar os coñecementos dixitais daqueles que xa empregan as tecnoloxías da información e comunicación; e a fomentar o uso das TIC como unha forma innovadora de resolución dos desafíos sociais.

O titular da Xunta destacou a utilidade da tecnoloxía dixital para resolver desde o ámbito local retos ligados á educación, á saúde, ao emprego e, en definitiva, ao benestar da cidadanía. E, nesta liña, referiuse tamén aos avances que as TIC supuxeron para a sanidade, coa receita e a historia clínica electrónica, “unha ferramenta de traballo para os facultativos”.

Así como para a Educación, co proxecto Abalar, grazas ao cal máis de 70.000 alumnos teñen un ordenador na aula; para o eido dos servizos sociais, co Plan Trabe, e para a Administración autonómica, coa sede electrónica para axilizar os trámites e simplificar o papelame.

Na actualidade xa se conseguiu dotar de cobertura máis de 700.000 galegos, a finais da década a práctica totalidade da poboación terá cobertura de 30 megas como mínimo e os núcleos de máis de 500 habitantes accederán a máis de 100 megas, Feijóo incidiu na necesidade de seguir traballando para que todos os galegos saiban usar internet. Non en van, a porcentaxe de poboación que emprega internet incrementouse nun 40%; a Comunidade galega ocupa o terceiro posto na clasificación de comunidades que interactúan coas administracións públicas a través de internet, e tres de cada catro fogares teñen internet de banda larga.

Nesta mesma liña, cómpre subliñar que as empresas de máis de dez traballadores incrementaron en cinco puntos as vendas en internet e se duplicou a porcentaxe das microempresas que fan uso do comercio electrónico.

Feijóo concluíu a súa intervención facendo fincapé na necesidade de fomentar o uso de internet entre os 160.000 galegos que non o empregan, un colectivo formado maioritariamente por persoas maiores. E, para iso, avogou por ensinar a empregar mellor os dispositivos móbiles e por promover a confianza en internet e a seguridade dixital.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS