main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

09/06/201608:43
Logo AceleraTIC
Santiago de Compostela

Arranca o programa formativo AceleraTIC da Amtega para a tranformación dixital da Peme galega

  • A sesión “Estratexia para a nova contorna dixital” inaugura hoxe este itinerario formativo para directivos e xerentes de pequenas e medianas empresas
  • Impartido pola Escola de Negocios Afundación, aborda en seis xornadas as estratexias de negocio para a nova contorna dixital

O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acolle hoxe a primeira xornada do  Programa Formativo AceleraTIC para a Transformación Dixital da Peme (https://cdtic.xunta.gal/programa-formativo-aceleratic), impartido pola Escola de Negocios Afundación.  

A finalidade principal deste programa formativo, que esgotou as prazas dispoñibles, é achegarlles ás persoas asistentes as claves e as principais novidades no ámbito dixital, que poden ser de utilidade no día a día das empresas. AceleraTIC busca contribuír á creación dun perfil directivo que manexe o dixital dende un punto de vista estratéxico, é dicir, que adquira as habilidades necesarias para entender o valor que achegan as tecnoloxías ao negocio e impulse os cambios necesarios na empresa para unha verdadeira transformación dixital.

Os directivos seleccionados pola Amtega que completen o ciclo formativo recibirán o diploma “Programa Especializado en Transformación Dixital da Empresa” outorgado pola Escola de Negocios Afundación.

Un total de seis sesións conforman o programa
O programa formativo desenvolverase en Santiago de Compostela ao longo de seis sesións de 8 horas de duración nos meses de xuño e xullo. Cada unha das sesións céntrase en distintos aspectos fundamentais para a transformación dixital da empresa.

A sesión inaugural de hoxe, “Estratexia para a nova contorna dixital”, trata os fundamentos dunha estratexia dixital, os novos modelos de negocio baseados no dixital e as tendencias (cloud, bigdata, mobilidade ou internet das cousas), e analizará as oportunidades e os retos da contorna dixital.

Seguiranlle o día 16 deste mes “Marketing dixital para pemes”; “Comercio electrónico”, o día 23; e “Big Data & Business Intelligence para o control de xestión empresarial”, o 29. Xa no mes de xullo impartiranse as sesións “Análise de datos para o control da estratexia dixital”, o día 7; e “Transformación e xestión do cambio na organización”, o 13.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.

08/06/201614:01
Logo Codix
Santiago de Compostela

A Amtega abre unnha nova convocatoria do curso para obter a Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática da Xunta

  • O prazo de inscrición será de cinco días hábiles desde mañá, 9 de xuño
  • Tras 12 semanas de teleformación titorizada, as persoas inscritas terán que superar un exame presencial en novembro
  • O certificado, que emite a Amtega, acredita a formación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada
  • En outubro abriranse novas convocatorias de avaliación para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios e non precisen cursos de formación

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá o prazo de inscrición para a obtención da Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) con 180 prazas para este curso preparatorio, que comezará en setembro e cuxo exame presencial terá lugar en novembro.

Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame. O curso de preparación impartirase desde setembro na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

O prazo de inscrición será de cinco días hábiles a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días desde a data da súa publicación a taxa de 10 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.

 

Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

 

Próximas convocatorias de exames presenciais
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este segundo semestre do ano 2016, que tivo o seu inicio na primeira metade do ano cunha primeira edición dun curso de teleformación titorizada que vén de rematar o mes pasado.

Ademais destes cursos preparatorios, realízanse ao longo do ano dúas convocatorias de exames presenciais en marzo e outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios ou que opten pola modalidade autoformativa, ata chegar a un total de 1.000 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron preto de 1.000 as prazas convocadas en cursos de teleformación titorizada e de 1.900 as persoas que se someteron á avaliación dos seus contidos nas diferentes edicións das probas presenciais convocadas e que se realizaron en diversas aulas da rede CeMIT.

 

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

07/06/201608:49
PC con la imagen de ILUNION
Santiago de Compostela

Fundación ONCE lanza unha enquisa para analizar a accesibilidade web de medios de comunicación

O seu obxectivo é coñecer as barreiras que atopan as persoas con discapacidade nestes sitios web e poder mellorar o seu acceso.

O Observatorio de Accesibilidade TIC da Fundación ONCE deseñou unha enquisa para coñecer as barreiras de acceso que presentan as páxinas web dos medios de comunicación en España para as persoas con discapacidade.
 
Desta forma, o obxectivo da sondaxe é coñecer as barreiras que atopan as persoas con discapacidade cando tratan de acceder aos sitios web de xornais, emisoras de radio e canles de televisión, para poder así mellorar a súa relación con Internet e o exercicio do seu dereito á información.
 
Na enquisa online, á que se pode acceder mediante a aplicación accesible desenvolvida por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, pregúntase aos usuarios cales son as principais barreiras que atopan cando acceden á versión dixital de diferentes medios de comunicación a través da web ou de aplicacións móbiles.
 
A enquisa, que é anónima, estará dispoñible até o próximo 20 de xuño a través da seguinte ligazón: http://mediosdecomunicacion.consultaopinion.com/encuesta.aspx?idEncuesta...
 
Convídase a participar nela a calquera persoa con discapacidade usuaria de televisión, prensa e/ou radio.
 
O Observatorio de Accesibilidade TIC de Fundación ONCE leva desenvolvendo estudos desde 2004, dispoñibles no portal Discapnet
(www.discapnet.es).
 
A súa finalidade é, por tanto, contribuír ao desenvolvemento dunha sociedade da información inclusiva a través de iniciativas orientadas a xerar coñecemento sobre a accesibilidade dos produtos e servizos baseados nas tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC).
 

07/06/201608:32
Proyecto “Somos, estamos y te lo contamos”
Santiago de Compostela

Descobre como a tecnoloxía axuda a persoas con parálise cerebral no proxecto "Somos, estamos e contámoscho"

Este proxecto xorde da colaboración de Fundación Vodafone España con Confederación ASPACE, APAMP Vigo e AVAPACE.

O proxecto "Somos, estamos e contámoscho" púxose en marcha en 2015 nas dúas entidades APAMP Vigo e AVAPACE. Tivo como obxectivo difundir a realidade e os dereitos das persoas con parálise cerebral desde a súa propia perspectiva, xa sexa realizando visitas a centros educativos, institutos ou universidades, ou ben aproveitando as visitas que fan distintos colectivos aos centros de parálise cerebral.

Este proxecto ten as súas raíces na iniciativa "Mellor cóntocho eu" que impulsou AVAPACE no 2012 e que tamén foi premiada en #ASPACEnet. Agora, dúas entidades traballan conxuntamente e suman esforzos para dar voz ás persoas con discapacidade.

Coñece as súas experiencias destes meses a través da videomemoria.

07/06/201608:26
Acto de entrega de las tablets
Santiago de Compostela

CERMI Galicia e a Fundación Vodafone España entregan tablets a persoas con discapacidade para realizar un estudo sobre aplicacións accesibles

A iniciativa pretende obter información sobre a utilidade práctica dos dispositivos móbiles avanzados en situacións diversas para persoas con discapacidade, mediante a descarga e evaluación de diferentes aplicacións.

O pasado venres, Carlos Fernández Lamigueiro, en representación de CERMI Galicia e José Suárez responsable de Administracións Publicas de Vodafone en Galicia, fixeron entrega de 60 tablets de última xeración a 60 persoas con discapacidade pertencentes a distintas asociacións da rexión entre as que se atopan ASPACE, Autismo Galicia, COGAMI, DOWN Galicia FADEMGA (Plena Inclusión), FAGAL (Alzheimer Galicia), FAXPG (Federación Asociacións Xordas Galicia), FEGADACE (Dano Cerebral) e ONCE, nun acto celebrado na Sala de Formación de COGAMI (Rúa Dublín 3 de Santiago de Compostela), que presidiu o Conselleiro de Política Social do Goberno galego, José Manuel Rey.

O obxecto de dita entrega non é outro senón realizar un estudo sobre a utilidade e idoneidade de diferentes aplicacións deseñadas especificamente para axudar a mellorar a calidade de vida das persoas. Entre as devanditas aplicacións atópanse Medicamento Accesible Plus, Tur4all AudescMobile, Accesibility plus, Color Reader, Dicionario Dilse ou Hermes Mobile.

As probas realizaranse durante un prazo de tres meses. Unha vez finalizado o devandito período verificarase cales das diferentes aplicacións son as que presentan maiores vantaxes ou son máis utilizadas polas persoas con discapacidade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS