main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

03/08/201609:22
Sistema web SvIsual
Santiago de Compostela

O CERMI incorpora "SVIsual", un servizo que mellora a comunicación da entidade coas persoas xordas signantes

O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) incorporou á súa oferta de canles de atención e relación co público o servizo de vídeo-interpretación "SVIsual".

Así o materializaron mediante a firma dunha adenda ao convenio de colaboración o presidente do CERMI, Luis Cayo Pérez Bueno, e a presidenta da Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE), Concha Díaz, durante un acto celebrado esta mañá na sede do CERMI, no que se presentou este servizo, que foi posto en marcha pola Fundación CNSE

"Este acto ten dúas dimensións: por unha banda a incorporación dunha solución de accesibilidade demandada polas persoas xordas signantes á nosa entidade, o CERMI; e, por outro, un exemplo, para todas as organizacións sociais, de que deben non só reclamar, senón pór en práctica a accesibilidade", afirmou Luis Cayo Pérez.

Pola súa banda, Concha Díaz, manifestou que a través de "SVIsual"  "garántese que calquera persoa xorda usuaria da lingua de signos poida contactar co CERMI Estatal recibindo unha atención completa". Ademais, a presidenta reiterou que o CERMI é "exemplar ao ser a primeira entidade social da discapacidade en aplicar as reivindicacións que se esixen ás administracións e empresas".

"SVIsual" é o primeiro servizo de vídeo-interpretación en lingua de signos española que existe no noso país. Está promovido pola Fundación CNSE para a Supresión das Barreiras de Comunicación, en colaboración coa Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE), e inscríbese no uso estratéxico das novas tecnoloxías ao servizo da comunicación para asegurar que as persoas xordas signantes teñan o mesmo acceso á información que o resto da cidadanía.

"SVIsual" permite a comunicación entre persoas xordas usuarias da lingua de signos española e oíntes en tempo real, a través dun vídeo-intérprete que realiza os labores de interpretación solicitada por cada usuario, establecendo unha comunicación fluída entre ambos os grazas a unha plataforma tecnolóxica que funciona como un centro de chamadas capaz de integrar simultaneamente audio e vídeo.

Coa inclusión de "Svisual" na súa carteira de servizos o CERMI amplía a súa oferta global de accesibilidade nas relacións cos seus distintos grupos de interese.

"Estamos enormemente compracidos e queremos agradecer á CNSE a realización desta tecnoloxía intelixente que, aínda que levada a cabo polo propio grupo de interese, debe estenderse ás administracións, empresas e calquera ONG, sobre todo se se trata dunha entidade social", aseverou Luis Cayo Pérez.

03/08/201608:24
Nenos de Chernóbil
Arteixo

Balidea apoiou unha xeira deportivo-tecnolóxica con sesenta nenos de Chernóbil

A empresa galega Balidea está a amosar unha importante vertente solidaria. Se hai uns días falamos en Código Cero dos seus desenvolvemento tecnolóxicos para a saúde cántabra e para o Concello de Terrassa (Catalunya), agora é a quenda de informar do seu apoio ao programa de acollida de nenas e nenos de Chernóbil levado a cabo pola Asociación Ledicia Cativa. Máis polo miúdo, este apoio materializouse nunha xornada de convivencia celebrada este sábado 30 de xullo na praia de Sabón, en Arteixo, ao abeiro das actividades do campus de verán da Escola de Fútbol Praia RA10, impulsada polo xogador Ramiro Amarelle.

O respaldo de Balidea con estas actividades ten a súa razón de ser na necesidade de botar unha man cun colectivo de nenas e nenos residentes en Rusia, Ucraína e nos países da contorna que, lonxe de ser testemuñas dunha diminución dos problemas derivados do accidente nuclear acontecido en 1986 (debido aos anos transcorridos), son vítimas dun incremento das doenzas oncolóxicas provocadas (aínda) pola radiación. Os nenos (arredor duns sesenta) que participan no programa de Ledicia Cativa proceden da rexión rusa de Briansk, unha das máis afectadas pola radiación de Chernóbil. Balidea convidounos por segundo ano consecutivo a participar nunha xornada de convivencia dentro do programa de actividades do campus de verán da Escola de Fútbol Playa de Ramiro Amarelle. Ademais, co engadido extra de acompañaren a súa xeira deportiva coa presenza da tecnoloxía Adestrapp de Balidea, que como lembraremos permite a gravación e visualización de imaxes deportivas que logo se poden ver ao detalle co fin de corrixir erros e mellorar as técnicas.

02/08/201612:04
ICC Kids
Ourense

Preto dun cento de rapaces participaron no campamento ICC Kids de Ourense

Case un cento de nenas e nenos de Ourense (de idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos) participaron do Campamento Tecnolóxico ICC Kidsque se celebrou os días pasados na cidade (durante o mes de xullo). A actividade, desenvolvida en La Molinera, estivo moi centrada no lecer, pero facendo fincapé no uso das novas tecnoloxías tanto dende un punto de vista lúdico como tamén educativo. O acto de peche desta primeira edición do campamento celebrouse o pasado sábado 30 e xuntou non só aos nenos participante senón tamén aos monitores, ás familias e aos principais representantes das entidades implicadas na organización da actividade: o Concello e a Deputación de Ourense.

O seu obxectivo foi fomentar a vocación tecnolóxica, innovadora, científica e investigadora da rapazada. Os obradoiros incluídos no programa centráronse (por exemplo) en introducilos nos segredos do deseño de aparellos tecnolóxicos, na construción de robots, no manexo de impresoras 3D ou no desenvolvemento de videoxogos, entre outras cousas. Asemade, a achega de actividades abrangueu sesións sobre fotografía, técnicas stop-motion e vídeo-mapping. Segundo informou a organización, “unha das grandes finalidades do campamento foi fornecer ás familias un programa alternativo de actividades, obradoiros abertos á experimentación das nenas e dos nenos coas novas tecnoloxías e as artes dixitais”. E engadiron dende La Molinera: “A través destas experiencias sorprendentes e co xogo e a curiosidade como motores, os pequenos aprenden de forma interactiva e indagando en equipo á vez que se converten en artistas”.

02/08/201609:56
Pebble Watches
Santiago de Compostela

O poder do 'crowdfunding': Kickstarter contribuíu á creación de 300.000 empregos

  • Grazas á plataforma tamén se fundaron unhas 8.800 empresas entre 2009 e 2015.

Aínda que aos investidores máis conservadores as sudadeiras con carapuchas inchables, os xogos de cartas sobre gatos explosivos ou as neveiras portátiles multifuncionais poidan parecerlles produtos pouco serios que apenas merecen uns minutos de atención, outros moitos quixeron darlles unha oportunidade e propiciar a súa creación converténdose nos mecenas de centos de emprendedores grazas ao crowdfunding.

Segundo un recente estudo da Universidade de Pennsylvania, as súas achegas non caeron en saco roto xa que a máis coñecida e veterana das plataformas dedicadas ao micromecenazgo, Kickstarter, contribuíu á creación de máis de 300.000 postos de traballo nos seus primeiros seis anos de vida.

Concretamente trátase de 29.600 empregos a tempo completo e outros 283.000 a tempo parcial, segundo os datos proporcionados polos responsables dos proxectos que lograron os seus obxectivos de financiamento e saíron adiante.

Grazas aos mecenas de todo o mundo tamén se fundaron unhas 8.800 empresas entre 2009 e 2015. Quizais a compañía que máis éxito e recoñecemento a nivel mundial logrou nestes anos foi Pebble, cuxos impulsores tamén ostentan a honra de converter a campaña da súa Pebble Time na que máis financiamento obtivo na historia de Kickstarter: máis de 20 millóns de dólares.

A primeira versión deste smartwatch, Pebble, ocupa o cuarto posto dese ranking cunha recadación de 10,3 millóns. Así mesmo, as últimas apostas da tecnolóxica, Pebble 2, Pebble Time 2 e Pebble Core (dous reloxos intelixentes e un novo sensor de actividade que non leva na boneca), lograrón recadar 12.779.843 dólares.

Outro exemplo é Oculus, firma que a plataforma catapultó, en certo xeito, cara aos brazos de Facebook.

Unha lombeirada profesional

Á marxe do seu impacto económico, un 37% dos emprendedores e demais profesionais involucrados nos proxectos que tiveron éxito consideran que grazas ao impulso da plataforma de micromecenazgo avanzaron nas súas carreiras. Ademais, un 21% viu como o seu salario se incrementaba grazas ao éxito das súas campañas.

Iso si, o estudo deixa claro tamén que Kickstarter non é a panacea e que neste seis anos foron máis os proxectos que pasaron por ela sen conseguir o financiamento que necesitaban para saír adiante que os que si o lograron. Ademais, lembra que das 109.662 campañas exitosas, un 10% non alcanzou as metas que se propuxo nun principio e tivo que devolver aos seus mecenas todo o investido.

02/08/201609:00
ictwomenpower
Santiago de Compostela

Concurso fotográfico: O poder da tecnoloxía para as mulleres #‎ICTWomenPower‬

Dentro do programa "Networking for improvement independency and entrepreneurship to disadvantaged women" (Redes para mellorar a independencia e o emprendemento de mulleres en situación de exclusión sociodixital), grazas ao apoio do programa europeo Eramus+, en Fundación Cibervoluntarios xunto ao coordinador Fundacja Instytut Rozwoju Regionalnego de Polonia e tres socios máis europeos, concretamente: Associazione Moltivolti Capovolti (Italia), Milli Egitim Mudurlugu Koçarl Ilce (Turquia), Integración do Alla (Suecia) crearon un proxecto para compartir a experiencia e mellorar a participación das mulleres no mercado laboral, facilitando a conciliación da vida laboral e promover o espírito emprendedor feminino. Women4Women ten como obxectivo proporcionar un enfoque holístico de emprendemento feminino e a igualdade de participación para fomentar a igualdade de oportunidades como unha resposta para o problema do desemprego das mulleres así como a dependencia económica.

Co fin de alcanzar visibilidade, lanzaron este concurso fotográfico para que mulleres maiores de 18 anos mostren nunha imaxe que significa para elas o poder que outorgan as ferramentas tecnolóxicas no seu día a día, carreira profesional, lecer e tempo libre, emprendemento ou educación. As normas son moi sinxelas:

  • Postea a túa imaxe explicando en inglés co hashtag #"ICTWomenPower explicando xunto á foto que significa o poder da tecnoloxía para as mulleres.
  • Páxina de Facebook para postear as túas fotos.
  • Poden participar mulleres maiores de 18 anos que vivan en España, Suecia, Turquía, Polonia e Italia (Os países integrantes do proxecto)
  • Publicarán nas súas redes as fotos con máis likes :)

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS