main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

30/11/201710:55
Web www.caminodesantiago.gal nun smartphone.
Santiago de Compostela

Os peregrinos, cada vez máis tecnolóxicos

Os peregrinos que chegan a diario a Santiago de Compostela estanse a sumar cada vez máis ao uso das tecnoloxías como apoio ao seu percorrido polo Camiño de Santiago, enriquecendo así a súa experiencia da peregrinaxe. Nos dez primeiros meses do ano, medraron as consultas á web do Camiño de Santiago e tamén as descargas da aplicación móbil da Xunta de Galicia, así como o uso da conexión Wi-Fi nos setenta albergues da rede pública.

As descargas da app do Camiño de Santiago, que contén información útil sobre o trazado dos diferentes itinerarios xacobeos, dos albergues, dos recursos turísticos e dos distintos eventos dos que poderán participar no seu percorrido medraron no que vai de ano en máis dun 45% con respecto ao ano pasado. 

Gratuíta, dispoñible en galego, castelán e inglés e apta para as plataformas iOS e Android, suma xa preto de 13.000 descargas só nese período e continúa a ser a máis descargada das apps de Turismo de Galicia. Grazas a ela, os peregrinos poden consultar horarios, localización ou teléfonos en cada tramo. Ademais, teñen acceso ás condicións meteorolóxicas e ás direccións e contactos dos centros de saúde e emerxencias. A maior parte das súas funcións están dispoñibles sen necesidade de cobertura no móbil.

E tamén os peregrinos consultan cada vez máis a páxina web. Neste caso o número de visitas a www.caminodesantiago.gal superou as 221.000 nestes dez primeiros meses do ano. E cómpre subliñar dous datos: a duración media da sesión de visita é especialmente elevada, con máis de 5 minutos e medio por persoa, o que demostra que os contidos que atopan na web resultan de interese e satisfán as súas necesidades. Ademais, a maioría deles visitan máis dunha páxina, consultando unha media de 4.

 

WIFI para máis de 123.000 peregrinos nos albergues

Outra mellora impulsada grazas ao Smart Camiño é a dotación de conexión Wi-Fi na Rede Pública de Albergues, que suman un total de 70 establecementos. E o seu uso tampouco deixa de medrar. Nos dez primeiros meses do ano, son xa máis de 123.000 os peregrinos aloxados nalgún dos establecementos da Rede Pública de Albergues que se conectaron a ela. 

Todas estas iniciativas están incluídas no plan Smart Camiño, desenvolvido conxuntamente por Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Trátase dunha das iniciativas enmarcada no Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, a folla de ruta coa vista posta no Xacobeo 2021 coa que a administración autonómica está a actualizar o Camiño de Santiago ao século XXI, dando resposta á súa internacionalización e diversificación.

30/11/201710:50
Antonio Fernandes.
Vigo

Antonio Fernandes salienta na UVigo as posibilidades laborais do ámbito hacker

A figura do hacker perante a sociedade está ateigada de connotacións negativas (mesmo delitivas), sendo esta visión tan simplista algo que dista bastante da realidade pois na actualidade a experiencia dalgunhas destas persoas están a axudar a atallar debilidades, atopar puntos febles e introducir medidas máis seguras dentro do ciberespazo. É o caso de Antonio Fernandes, hacker de Vigo que se achegou até a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dentro do ciclo Enxeñaría e Sociedade para falar de diferentes aspectos relacionados coa ciberseguridade.

Segundo explicaba Fernandes, “a ciberseguridade é unha materia transversal a calquera eido no que estea presente a tecnoloxía” e, pouco a pouco, mediante a transformación dixital, estará presente en “todos os sectores profesionais e no noso día a día”. De feito, o Internet da Cousas é un dos retos da ciberseguridade e “moitos dispositivos de IoT (Internet of Things) para uso persoal carecen das medidas de seguridade suficiente” e é preciso concienciar á sociedade da cantidade de “información de carácter persoal que damos consciente ou inconscientemente a estes aparatos no noso día a día”.

Dende a automatización da industria aos coches intelixentes, das casas domóticas aos teléfonos móbiles, a sociedade está cada vez máis conectada e, segundo o hacker, “temos que comezar a considerar que todos os servizos e produtos que se creen, deben pensarse coa ‘seguridade por deseño’, cousa que actualmente podemos dicir que en multitude de produtos non está ocorrendo”.

Para rematar, Fernandes quixo facer fincapé en que o eido doshackers estase a converter nunha opción máis a nivel laboral encamiñada ao alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. De feito, o centro porá en marcha o vindeiro curso un Máster en Ciberseguridade e conta, dende 2016, coa Cátedra Deloitte en Ciberseguridade.

30/11/201710:47
Galardoados nos premios da revista Gadget.
Madrid

Os Fablabs Sociais, da Fundación Orange, gañan o Premio Gadget 2017 ao Impacto Social TIC

  • Os proxectos Fablabs Sociais, da Fundación Orange, foron galardoados polos Premios aos Mellores Gadgets do Ano da revista Gadget

 

A revista Gadget fixo entrega dos Premios aos Mellores Gadgets do Ano. Nesta VII edición, por primeira vez, incluíuse a categoría Impacto Social TIC, na que foi galardoado o programa Fablabs Sociais. Trátase dunha aposta pola formación e creación colaborativa na contorna dixital aberta para mozos en situación de vulnerabilidade.

Os FabLabs Sociais, da Fundación Orange, competiron  nesta categoría, xunto cos proxectos finalistas:  ProFuturo da Fundación TelefónicaEva Facial Mouse, da Fundación Vodafone, e Smart School, de Samsung.

 

Os Fablabs Sociais

Desenvolvéronse internacionalmente en 11 países. En España, vertebraron este proxecto a través dos programas Breakers e GarageLabs.

Breakers é un programa formativo dirixido a mozos en vulnerabilidade no que se estimula tanto a aprendizaxe de habilidades técnicas de deseño, prototipado electrónico ou fabricación dixital, con outras competencias transversais como o traballo en equipo, a presentación das propias ideas, etc. A iniciativa desenvólvese en distintos espazos da contorna Fab Lab e maker en tres convocatorias anuais

GarageLabs propón un espazo dixital e transformador na aula destinada a Escolas de Segunda Oportunidade ou centros de Formación Profesional Básica.

30/11/201710:33
Logos das entidades participantes.
Santiago de Compostela

Inserta Empleo apóiase en influencers para axudar aos mozos con discapacidade a atopar traballo

  • Mediante a serie de videotutoriais ‘Atopa traballo Por Talento' presentados por Juan Merodio e o Youtuber Breifr9

 

Inserta Empleo, a entidade da Fundación ONCE para a formación e o emprego das persoas con discapacidade, acaba de lanzar ‘Atopa traballo Por Talento' (https://youtu.be/qeXGioaLHRk), unha sinxela e práctica serie de seis videotutoriais de catro minutos cada un nos que se mostra aos mozos con discapacidade as claves para utilizar as ferramentas dixitais na procura de traballo de forma exitosa.

Ao longo destas pezas audiovisuais o Youtuber Breifr9, que conta con máis de 600.000 seguidores, sae á rúa para preguntar aos mozos sobre as maneiras que utilizan para atopar traballo e as dúbidas que se lles presentan. Unha vez formuladas, conecta con Juan Merodio, recoñecido conferenciante e consultor internacional en márketing dixital e en redes sociais, quen lles dá consellos para evitar os erros clásicos na procura de emprego e anímaos e informa sobre como facelo da maneira máis efectiva, utilizando as ferramentas dixitais.

Nesta produción, cofinanciada polo Fondo Social Europeo e subida á canle Por Talento, Breifr9 fálalles de forma coloquial, utilizando unha linguaxe fresca e mesmo atrevido, sobre as Apps de emprego, páxinas web, blogue, foros e redes sociais imprescindibles para crearse unha boa identidade dixital e lograr un emprego nesta contorna.

Os videotutoriais abordan temas de suma utilidade como a elaboración dun vídeo currículo e como facelo visible na contorna dixital. Tamén indican aos mozos as aplicacións que lles farán ser máis competitivos e cales son as máis efectivas para a procura dun traballo, ademais de ensinarlles a crear un blogue que se converta nunha presentación dixital para o mundo laboral.

Inserta Empleo leva anos apostando polas novas tecnoloxías para mellorar as oportunidades de emprego das persoas con discapacidade. Proba diso é a posta en marcha de www.portalento.es, unha plataforma de emprego para facilitar ás persoas con discapacidade a procura de emprego e ás empresas os perfís que buscan. 

A produción desta serie enmárcase nos programas operativos de Inclusión Social e da Economía Social (Poises) e de Emprego Xuvenil (POEJ), que está a desenvolver a Fundación ONCE a través de Inserta, coa cofinanciación do Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, para incrementar a formación e o emprego das persoas con discapacidade.

Usuario Twitter: @portalento_

Máis información sobre o mercado de traballo das persoas con discapacidade en España en: www.odismet.es

Máis información en: www.portalento.es

30/11/201710:22
Nena sendo identificada biometricamente en Bangalore.
Bangalore

A ONG Itwillbe aplica a identificación biométrica para visibilizar aos nenos da rúa na India e facilitarlles asistencia

Utilizar as últimas tecnoloxías para a protección da infancia é o que fixo a ONG Internacional de Cooperación ao Desenvolvemento e Concienciación, itwillbe, coa colaboración da tecnolóxica Fujitsu, aplicando o proxecto ChildMISS de identificación biométrica polo que, mediante un lector que captura información da persoa a través dunha exploración infravermella das veas e o osíxeno do sangue na palma da man, é capaz de identificar aos “invisibles”, os nenos e nenas da rúa.

O proxecto arrincou en Bangalore (India) e quere chegar pronto aos 11 millóns de nenos afectados en todo o país para crear unha base de datos correcta de menores para facer máis eficiente o traballo de intervención social dos centros e, o máis importante, mostrar ao Goberno indio datos, reais e transparentes, deste grave problema social. Antes de ser implantado, fíxose un proxecto piloto no colexio St. Michael's School en Madrid, con nenos de 6 e 14 anos, que foi todo un éxito ao conseguir un 100% de acerto na identificación con esta tecnoloxía.

 

Identificación biométrica das veas e o osíxeno do sangue

O sistema utiliza a solución de autenticación e identificación biométrica Palm Vein baseada nun lector ou escáner de veas sen contacto, que se integra a un portátil ou tableta onde se recollen todos os datos biométricos dunha persoa. Combina un sensor contacless xunto á seguridade biométrica e a identificación realízase en apenas un segundo. Cada patrón da vea da palma da man é único, mantense durante toda a vida e para poder facer a autenticación o sangue debe estar a fluír.

“En Itwillbe.org cremos firmemente nas novas tecnoloxías como ferramentas clave para acabar coa pobreza no mundo” sinala Arancha Martínez, directora da ONG, “se no sector privado os datos permiten ás empresas deseñar e producir os mellores produtos e servizos para cubrir as necesidades dos seus clientes, con máis razón o que traballa por erradicar os grandes problemas globais como a fame, a trata de persoas ou as epidemias debe ter acceso a datos fiables e a ferramentas de xestión dos mesmos innovadoras e eficaces”.

Itwillbe está na actualidade en conversacións con diferentes ONG como Mans Unidas, Acción contra a fame, Unicef India, entre outras moitas, para poder chegar a todos os colectivos vulnerables que carecen de identidade recoñecida, o cal dificulta o seu correcto seguimento para poder protexelos e axudalos. Entre estes colectivos figuran persoas migrantes e refuxiadas, vítimas de trata, desastres naturais, conflitos bélicos etc., ademais de ter aplicacións, por exemplo, en temas de epidemioloxía.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS