
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Alumnos da aula CeMIT de Ortigueira participaron esta semana nunha actividade formativa de tres días na que elaboraron obxectos adaptados a persoas con discapacidade con impresión 3D. O material elaborado foi entregado á Asociación Pro Minusválidos do Ortegal (ASPROMOR), que traballa con persoas con discapacidade intelectual.
As persoas participantes nesta formación crearon, mediante impresión 3D, diferentes obxectos destinados a facilitar as tarefas cotiás de persoas con discapacidade intelectual tales como agarrar unha culler, atar as cordas dos zapatos ou extraer a pasta do tubo dentífrico.
O obxectivo destas xornadas, ademais da creación dos materiais adaptados, era facer fincapé na importancia de formar á cidadanía en tecnoloxías como a impresión 3D e as súas posibles aplicacións, neste caso cun fin social. A impresión 3D facilita a creación, dun xeito sinxelo, a un custe moi baixo e nun tempo mínimo, dun material adaptado ao que, doutro xeito, tanto persoas con discapacidade como as súas familias terían complicado acceder.
Con esta iniciativa búscase que esta experiencia serva de punto de partida para outras colaboracións similares con outras asociacións e localidades galegas, contando coas capacidades, tanto humanas como técnicas, da Rede CeMIT.
Esta formación enmarcase nas actividades que se están a desenvolver grazas á dotación de novo material tecnolóxico á Rede, tras distribución este ano de máis de 1.300 dispositivos entre impresoras 3D, kits de robótica, drons ou gafas de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación.
Sobre ASPROMOR
ASPROMOR é unha entidade de acción social fundada no ano 1984, por iniciativa dun grupo de nais e pais co fin de mellorar a calidade de vida e dar cobertura ás necesidades de apoio das persoas con discapacidade intelectual. Nun inicio a súa labor centrábase na poboación infantil, pero no ano 1990 créase o Centro Ocupacional ASPROMOR para prestar servizo a persoas adultas con discapacidade intelectual.
A Rede CeMIT
A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, CeMIT, é unha iniciativa impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia que conta coa colaboración de 90 concellos. Está integrada por 96 aulas públicas que ofrecen capacitación dixital a toda a sociedade, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital.
Preto de 10.000 persoas maiores de 75 anos incorporáronse ao uso de internet entre 2021 e 2022, o que supón un incremento superior ao 15%, o maior do conxunto da sociedade galega nese período. Este crecemento reflíctese tamén nos máis de 5.400 fogares con residentes maiores de 74 anos, que contrataron internet no último ano. Crece tamén a porcentaxe de internautas de entre 65 e 74 anos, que roza o 60%.
Son parte das conclusións do estudo Seniors Dixitais. Edición 2022 elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga) -adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica- que reflicten a progresiva redución da fenda dixital que está a rexistrar Galicia naqueles tramos de idade nos que era máis acusada.
Cun 26% de persoas maiores de 65 anos e cunha media de idade de 48 anos fronte aos 44 de España e os 44,4 anos da UE, a Administración autonómica galega leva desenvolvendo medidas específicas nas súas tres estratexias dixitais para fomentar unha sociedade dixital inclusiva. O Plan DigiTalent e a capacitación dixital da Rede de aulas públicas CeMIT teñen contribuído a esta incorporación das persoas maiores á tecnoloxía.
Uso de dispositivos
O estudo sinala que o 87,3% das persoas de 65 a 74 anos usan o teléfono móbil, unha porcentaxe que no tramo de idade de máis de 74 anos sitúase no 55,3%. O uso doutros dispositivos como a tablet ou ordenador sitúase no 34% para persoas de entre 65 e 74 anos e nun 12,6% entre as persoas de máis de 74 anos. Sen embargo, estas porcentaxes ascenden a preto do 50% nas persoas de entre 65 e 74 anos que viven en concellos de máis de 50.000 habitantes, e a preto dun 74% se teñen estudos superiores. No caso das persoas de máis de 74 anos as porcentaxes superan o 21% se viven en concellos de máis de 50.000 habitantes e acadan o 48% se teñen estudos superiores.
Tendencias dixitais
A mensaxería instantánea é empregada por un 93,7% dos internautas de entre 65 a 74 anos e por un 89,4% no caso do maiores de 74 anos, cuns niveis de uso moi similares aos dos internautas de 16 a 64 anos, que están no 97,7%.
Catro de cada dez galegos de 65 a 74 que emprega internet concerta citas médicas online, ben a través dunha páxina web ou dunha aplicación móbil, e buscan información sobre temas de saúde. Nos maiores de 74 anos, ambas actividades superan o 30%.
O 47,2% dos internautas maiores de 74 anos utilizou Internet para realizar xestións coas administracións públicas, mentres que no tramo deidade dos 65 a os 74 anos a porcentaxe elévase ao o 56,4%. Na maioría dos casos fixérono para realizar xestións sanitarias, buscar información e enviar formularios cumprimentados.
A banca electrónica é empregada polo 52,9% dos internautas galegos de 65 a 74 anos e o 36,9% dos maiores de 74 anos. No uso da banca electrónica aínda se detecta unha gran fenda dixital entre homes e mulleres, concretamente entre os maiores de 74 anos, con máis de 20 puntos de diferenza a favor dos homes, .
A compras por internet increméntanse entre as persoas maiores, destacando o crecemento dun 20% entre os compradores maiores de 74 anos, que representan o 13,8% do total, mentres que as persoas de entre 65 e 74 anos que mercan online son o 17,5%.
Os resultados detallados do informe Seniors Dixitais. Edición 2022 poden ser consultados en https://www.osimga.gal/.
Máis de 140 persoas participaron nas distintas actividades da iniciativa “Enredando Tour”, organizada pola Cruz Vermella e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, para impulsar a autonomía dixital das persoas con 55 ou máis anos. A iniciativa pechouse esta mañá en Santiago de Compostela, nun acto no que participaron o director de Área de Sociedade Dixital da Axencia autonómica, Miguel Rodríguez Quelle; e o presidente comarcal de Cruz Vermella na capital galega, José Luis Barreiro Conde.
O circuíto, que se desenvolveu entre o 10 de xullo e o 27 de setembro, percorreu unha vintena de localidades das catro provincias galegas. En cada unha das 20 localidades instalouse unha furgoneta equipada con materiais dixitais de Cruz Vermella, desde a que se ofrecían 4 talleres para elixir: navegar por internet e correo electrónico; utilizar a mensaxería instantánea para comunicarse; facer xestións cotiás co Sergas, banca electrónica ou compras online ou ben coñecer a factura electrónica. As persoas participantes podían escoller, segundo os seus gustos e intereses, entre diferentes dispositivos: Smartphone, tablet ou portátil.
En cada localidade impartíronse obradoiros adaptados ás necesidades das persoas, ao seu nivel de coñecemento tecnolóxico e aos seus intereses dixitais. O “Enredando Tour Amtega” sumou máis de 100 horas de capacitación en competencias dixitais básicas e percorreu preto de 1.500 quilómetros entre xullo e finais de setembro.
Un dos aspectos destacados desta iniciativa é o de fomentar o achegamento da contorna dixital ás persoas que viven en núcleos rurais grazas á furgoneta que transporta os dispositivos e accesorios necesarios. As aulas móbiles localízanse en zonas céntricas ou prazas, o que facilita ao máximo a asistencia das persoas, non tendo que desprazarse a unha cidade ou a outro pobo.
Tanto quen participou no circuíto como as persoas que queiran achegarse ao mundo dixital e contar con asesoramento, teñen á súa disposición a páxina enredando.gal.
Plan DigiTalent
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ten entre os seus obxectivos o de facilitar á cidadanía a adquisición de competencias dixitais e reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais por parte dos colectivos máis vulnerables. Estes obxectivos están recollidos no Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, no que se enmarca a actividade da Rede de Aulas CeMIT e esta actuación en colaboración con Cruz Vermella.
Sobre Cruz Vermella
Cruz Vermella leva 159 anos colaborando con entidades públicas e privadas para que a humanidade e a dignidade chegue a todas as persoas en calquera lugar e en todo momento e circunstancias.
En España, Cruz Vermella conta con máis de 263.000 persoas voluntarias dando resposta en máis de 6.500 municipios, que permiten atender anualmente a máis de 12,2 millóns de persoas no ámbito nacional e ter máis de 13,4 millóns de persoas como beneficiarias no ámbito internacional e máis de 8 millóns de persoas en actividades de sensibilización e contorna. Todo iso co apoio de preto de 1,4 millóns de socios, empresas e aliados en todos os sectores da sociedade.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez, asinaron hoxe o convenio de colaboración para desenvolver durante o presente curso escolar o programa Navega con rumbo, que chegará a 240 centros educativos de toda a Comunidade.
Esta colaboración, que xa vai pola súa duodécima edición, enmárcase na aposta da Xunta de Galicia por avanzar na transformación dixital da educación tendo en conta como unha das prioridades o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías. Isto é, tal e como se recolle na Estratexia Educación Dixital 2030, que o desenvolvemento tecnolóxico sexa un medio de apoio ao proceso de aprendizaxe.
Neste obxectivo enmárcase esta iniciativa, encamiñada, por unha banda, ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO e 1º de FP Básica, para guialos cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede. Por outra banda, faise partícipe a profesorado e familias das recomendacións que eles poden aprender de xeito que tamén sexan transmisores para o alumnado.
Ao abeiro do mesmo, especialistas do Colexio de Enxeñaría Informática levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración en colexios e institutos. Ademais, o programa dispón dunha páxina web asociada ao proxecto e unhas guías de boas prácticas en internet dirixidas ao alumnado, proxenitores ou titores, e ao profesorado accesibles tanto en soporte dixital como en formato impreso nos propios centros escolares.
Desde que se puxo en marcha, a través do Navega con rumbo leváronse a cabo máis de 2.000 accións formativas.
A terceira edición do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que se celebrará en Santiago os días 2 e 3 de novembro, volverá a acoller entre as súas actividades máis destacadas o concurso escolar Ciberseguridade no cole! dirixido a centros educativos de Galicia de Primaria e da ESO.
No certame, que conta co patrocinio de Telefónica baixo o paraugas do III Encontro CIBER.gal e da súa colaboración como entidade adherida ao Nodo de Ciberseguridade de Galicia, poderá participar o alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO. Realizarán unha rolda clasificatoria en liña o día 18 de outubro, na que haberá que responder a unha seria de preguntas sobre ciberseguridade. Durante esta fase seleccionaranse tres equipos de cada unha das categorías (Primaria e ESO), que participarán nunha final presencial o día 3 de novembro no marco das actividades do Encontro e na que colaborará a presentadora do programa DígochoEU da TVG, Esther Estévez.
Os centros que queiran participar poderán inscribirse neste enlace ata o vindeiro 9 de outubro antes das 14:00 horas. Os organizadores agardan superar os resultados da edición anterior, na que participaron case 4.000 escolares entre 10 e 14 anos, e mais de 150 centros educativos de toda Galicia.
A terceira edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, promovida e organizada polo Nodo CIBER.gal, espazo de colaboración público-privado fundado pola Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), entre outros, reunirá no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela aos principais expertos de España en seguridade informática. Proximamente publicarán os detalles dos relatorios e actividades no seu espazo web.
Iniciación segura á pegada dixital
O programa de Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais ten entre os seus obxectivos o de reforzar a competencia básica do alumnado en seguridade na xestión dos seus perfís nas redes sociais. Busca tamén explicar a identidade dixital e a importancia da pegada dixital, afondar na configuración das opcións de seguridade e privacidade das redes sociais máis actuais entre nenos e nenas. Ofrece, así mesmo, ferramentas e recursos aos que poder acudir coas dúbidas sobre o uso seguro da tecnoloxía.
Vai dirixido a alumnado de 2º, 3º e 4º de educación secundaria de centros públicos e concertados. Consiste na realización dun único obradoiro por centro de carácter eminentemente práctico que abordará a xestión segura das redes sociais que máis están a utilizar os escolares. A impartición da dinámica, de hora e media de duración e para un máximo de 30 persoas (da mesma ou de diferentes aulas), correrá a cargo de especialistas da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
En total, executaranse 250 obradoiros que terán lugar desde outubro de 2023 a xuño de 2024 e que se realizarán presencialmente.
Os Centros que desexen solicitar os ditos obradoiros, deben enviar ao enderezo electrónico asesoria.participacioneducativa@edu.xunta.gal un correo co seguinte asunto: “Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais”. Para formalizala, achegarase como arquivo adxunto o documento Anexo I desta resolución.
O prazo de presentación de solicitudes será ata o 30 de setembro e cóntase con adxudicacións limitadas, e os centros seleccionaranse segundo a orde de entrada da solicitude, ata un máximo de 250 centros. En caso de quedar prazas sen cubrir, distribuiríanse entre os centros que indicasen o interese de realizar máis dun obradoiro, seguindo o criterio anterior. Para mais información: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/40951