main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

02/11/202312:05
Participantes no Ciber.gal.
Santiago de Compostela

A Xunta seguirá avanzando para consolidar a madurez dixital de Galicia e convertela nunha rexión especializada en tecnoloxía

  • O consellerio de Facenda e Administración Pública inaugurou hoxe o III Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afirmou hoxe que o Goberno galego seguirá avanzando para consolidar a madurez dixital de Galicia e convertela nunha rexión especializada en tecnoloxía.

Durante a inauguración do III Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, Miguel Corgos subliñou que neste proceso, a prevención e seguridade son dous elementos claves, xunto co coñecemento e a colaboración.

Nesta liña, recordou que a aposta da Xunta pola ciberseguridade foi clara desde o primeiro momento, coa sinatura de acordos de colaboración co CCN e co Incibe; coa posta en marcha do Centro de Resposta a Incidentes de Seguridade da Información (CSIRT.gal); ou coa creación do nodo CIBER.gal.

Así mesmo, salientou que a Comunidade conta hoxe cunha estratexia galega de ciberseguridade; está construíndo en Ourense o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia; participa en proxectos como o RETECH e leva a cabo campañas de concienciación dirixidas á cidadanía nesta materia.

Ao longo da súa intervención, Miguel Corgos referiuse tamén a aprobación da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial; a creación do nodo galicIA; e á inminente Lei galega de Planificación, Organización e Impulso da Intelixencia Artificial, que situará de novo á Comunidade como pioneira na actuación lexislativa, no ámbito rexional e da Administración pública.

O conselleiro concluíu asegurando que o Goberno galego, da man das tecnoloxías intelixentes, seguirá avanzado para proporcionar unha administración máis eficiente, máis personalizada e máis accesible, para configurar un territorio intelixente e conectado, e para dotar á cidadanía duns servizos públicos dixitais de calidade.

30/10/202313:53
Premios Galicia de Acción Voluntaria.
Santiago de Compostela

A Xunta convoca unha nova edición dos ‘Premios Galicia de Acción Voluntaria’ para recoñecer o labor de persoas e entidades no 2023

  • O certame premiará con 4.000 euros á persoa voluntaria do ano, á entidade de acción voluntaria e ao mellor proxecto, levado a cabo por unha organización de xeito individual ou por varias de maneira conxunta

A Xunta de Galicia convoca a cuarta edición dos Premios Galicia de Acción Voluntaria para recoñecer publicamente o labor solidario de persoas e organizacións durante este ano. O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a nova convocatoria deste certame, que ten tres modalidades dotada cada unha delas de 4.000 euros: galardón á persoa voluntaria, á entidade de acción voluntaria do ano e ao mellor proxecto de acción voluntaria, levado a cabo por unha organización de xeito individual ou por varias de maneira conxunta.

As entidades e persoas interesadas en concorrer a estas distincións, teñen a partir de mañá un mes de prazo para presentar as súas candidaturas, e deberán facelo preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta. Só se permitirá unha candidatura por cada modalidade e entidade.

As propostas candidatas terán que achegar co impreso de solicitude unha memoria do proxecto ou traxectoria; documentación oficial acreditativa dos méritos que alega emitida por organismo público ou privado, tal como diplomas e certificados; unha relación das actividades realizadas e calquera outra documentación que a persoa solicitante considere de relevancia, como por exemplo: apoios á súa candidatura.

O exame e valoración das candidaturas correrá a cargo dun xurado formado por un máximo de 11 membros que serán designados entre persoas destacadas no ámbito institucional e social.

Premiados

Na última edición deste certame, o premio á voluntaria ou voluntario do ano foi para Abraham Benítez Somoza, de Ribeira, voluntario da Asociación Ambar e que adestra atletismo a persoas con discapacidade intelectual. Na modalidade de entidade, o galardón foi para a Asociación Cultural O Castro, de Vilanova, pola súa ampla traxectoria no ámbito do voluntariado cultural, medioambiental e de acompañamento de persoas maiores. E, por último, na categoría de acción voluntaria o premio foi para a Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER).

Galicia solidaria

Galicia é unha das comunidades máis solidarias a nivel estatal ao contar cunha gran rede de entidades e voluntarios que axudan a facer de Galicia un mellor lugar no que vivir. Na actualidade hai máis de 1.000 entidades e máis de 55.000 persoas voluntarias inscritas no rexistro oficial da Xunta de Galicia.

23/10/202308:28
Ciberseguridade no cole!
Santiago de Compostela

Máis de 6000 escolares participaron no III Concurso Ciberseguridade no cole!, que celebra a súa final no encontro CIBER.gal

  • Terá lugar o vindeiro 3 de novembro e será presentada pola comunicadora galega Es-ther Estévez
  • O obxectivo deste certame é concienciar aos escolares dos riscos no uso da tecnolo-xía e ensinarlles boas prácticas en materia de ciberseguridade
  • O III Encontro CIBER.gal aborda os retos da ciberseguridade coa participación de 50 profesionais de referencia neste ámbito como o hacker Chema Alonso, os responsa-bles de Ciberseguridade de Renfe, Iberia, Microsoft e Google, ou o director da Cyber-zaintza, entre outros
  • O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 1 de novembro con límite de prazas para a asistencia presencial

A terceira edición do “Concurso Ciberseguridade no cole!” acadou un récord de participación con máis de 6.000 escolares de 120 educativos rexistrados. O certame, unha das actividades do Encontro CIBER.gal, vén de celebrar a semifinal en liña, na que se clasificaron coma finalistas os seis centros que participarán na final presencial, que se celebrará o vindeiro 3 de novembro na Cidade da Cultura e que presentará a comunicadora galega Esther Estévez.

Os centros finalistas da categoría de primaria son o CEP Carlos Casares – Alxén, o CPR Plurilingüe San Fermín e o CPR San Francisco de Vilagarcía de Arousa. Na categoría de secundaria clasificáronse o Colexio Montespiño, o IES de Foz e o CPR Plurilingüe Losada. Á final, ademais, dos participantes e finalistas poden asistir as persoas que o desexen previa solicitude a través do mail edg2030.ciberseguridade@xunta.gal.

O concurso, patrocinado por Telefónica no marco do III Encontro CIBER.gal, está dirixido a escolares de 10 a 14 anos co obxectivo de conciencialos sobre os riscos aos que se enfrontan no uso das tecnoloxías dixitais  e ensinarlles boas prácticas en ciberseguridade dun xeito ameno.

Tras a final, os asistentes poderán asistir á obra de teatro “Amanda_T”, que abordará as malas prácticas nas redes sociais e as consecuencias reais que poden ter. A continuación terá lugar unha actividade organizada polo INCIBE: “Sobe de nivel en ciberseguridade!”, na que se amosarán pautas sinxelas sobre a ciberseguridade no uso diario de dispositivos e plataformas online. Nesta actividade poderán participar todos os asistentes presenciais en vivo e en directo, pois tratará de involucrar á totalidade do público alí presente.

Ademais das anteriores, o Encontro CIBER.gal ofrecerá outras actividades complementarias como o concurso “Capture the Flag” -que terá lugar na xornada do 2 de novembro pola tarde, con sorteos entre os participantes e premios para os clasificados- e catro talleres prácticos de especial interese para perfís tecnolóxicos: “Instalación e configuración de Snort sobre raspberry pi para a detección de intrusións en redes industriais”, “Escalada de privilexios e persistencia en sistemas Linux”, “Automatización de ataques e emulación de adversarios con MITRE Caldera” e “Adquisición de evidencias para análise informática forense”. As actividades adicionais contan con prazas moi limitadas, entre 24 e 30 participantes como máximo.

CIBER.gal, cita de referencia

A terceira edición de CIBER.gal celebrarase os vindeiros días 2 e 3 de novembro e contará coa participación de expertos de referencia no eido da ciberseguridade como o hacker Chema Alonso; o responsable de Ciberseguridade e DPO de Renfe, Francisco Lázaro; o CISO de Iberia, Jesús Mérida; o Security Account Executive de Mi-crosoft, Pablo Chapinal; e o director Office of the CISO en Google, Jorge Blanco. Tamén intervirán diferentes responsables de entidades públicas como Javier Candau, xefe do Departamento de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional e Javier Diéguez, director da Cyberzaintza (a nova Axencia Vasca de Ciberseguridade). Ademais, desde unha perspectiva máis social a comunicadora galega, Esther Estévez, coñecida pola súa labor á fronte do espazo divulgativo “Dígocho Eu”, falará dos riscos das ciberameazas nas redes sociais. Toda a información sobre o evento está dispoñible no portal https://ciberseguridadegalicia.gal/es/cibergal/encontro-cibergal/2023-iii-encuentro-cibergal.

Os interesados en participar poderán inscribirse ata o día 1 de novembro a través deste enlace https://inscricioncibergal.ciberseguridadegalicia.gal/gl, tendo en conta que a asistencia presencial está limitada ao aforo do espazo.

O encontro CIBER.gal, organizado polo Nodo Ciber.gal, está a consolidarse como unha cita de referencia no ámbito da ciberseguridade pola súa vocación de chegar a todo tipo de públicos, xa que está dirixido tanto a profesionais e expertos do sector, como á sociedade: familias, sector educativo, menores, persoas maiores e profesionais de todos os sectores.

Nodo CIBER.gal

CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado medio centenar de entidades de diversos sectores, entre as que se atopan as tres universidades públicas galegas.

19/10/202320:07
"Impulsar o crecemento e o talento dixital en Galicia".
Santiago de Compostela

A Xunta destaca a importancia de promover o talento dixital para afrontar a especialización tecnolóxica de Galicia

  • A Estratexia Galicia Dixital 2030 asume os retos de xerar e reter talento e favorecer o fortalecemento do hipersector TIC para posibilitar a adopción das tecnoloxías disruptivas polos distintos sectores produtivos
  • A Administración autonómica puxo en marcha os nodos 5G, de ciberseguridade e de Intelixencia Artificial, fomentando a colaboración público privada para impulsar estas tecnoloxías disruptivas
  • O director de Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participou hoxe na inauguración da Galicia TIC

A Xunta de Galicia aposta por afrontar a especialización tecnolóxica de Galicia impulsando a promoción do talento dixital e contribuíndo ao fortalecemento do hipersector TIC, como se plasma nos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030. Así o destacaba esta mañá o director de Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Miguel Rodríguez, na mesa-debate de apertura de Galicia TIC, na que participaron o director de EDISA, Carlos Suárez; o CEO de IMATIA, Fernando Vázquez; e a presidenta da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (INEO), Lourdes Guerra.

Na súa intervención, o responsable de Sociedade Dixital da Axencia autonómica lembrou os pasos dados pola Xunta para avanzar na especialización tecnolóxica da Comunidade como a posta en marcha dos nodos 5G, de ciberseguridade e de Intelixencia Artificial, fomentando a colaboración público privada para impulsar estas tecnoloxías disruptivas. Ademais, recordou que Galicia foi das primeiras comunidades en contar cunha Estratexia de Intelixencia Artificial, que xunto co Nodo GalicIA e a elaboración dun marco ético e normativo galego sobre o uso desta tecnoloxía foron factores chave na elección da Comunidade como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.

Por outra banda, a Administración autonómica está a desenvolver diferentes iniciativas para incorporar as tecnoloxías disruptivas como a estratexia GobTech para impulsar o uso de tecnoloxías avanzadas por parte do sector público en colaboración coas pemes e start-ups galegas; a plataforma territorio intelixente, o xemelgo dixital de Galicia ou a Rede Galega de IoT para a sensorización do territorio. Unhas iniciativas que permitirán realizar simulacións e análises preditivos sobre o impacto da acción da sociedade sobre a contorna.

21 edición Galicia TIC

A Cidade da Cultura acolle hoxe e mañá a 21 edición de Galicia TIC, que este ano se desenvolve baixo o lema “Impulsar o crecemento e o talento dixital en Galicia”. Consolidado como un encontro de referencia do sector na Comunidade, ademais de conferencias e mesas temáticas, conta tamén cunha feira de emprego centrada no sector TiC, stands para asesoramento e espazos de networking.

17/10/202310:04
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Xa está aberto o prazo de inscrición para a terceira edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, que terá lugar o 2 e o 3 de novembro na Cidade da Cultura

  • A inscrición é gratuíta e con límite de prazas para a asistencia presencial
  • Un total de 50 profesionais de referencia de entidades públicas e privadas, do sector TIC e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado abordarán os retos da ciberseguridade para a sociedade, as administracións públicas e o tecido empresarial
  • O hacker e experto en ciberseguridade Chema Alonso, os responsables de Ciberseguridade de Renfe, Iberia, Microsoft e Google, e o director da Cyberzaintza, entre outros, participarán en diferentes relatorios do Encontro
  • A comunicadora galega, Esther Estévez, dinamizará o certame de cibersegurida-de para os escolares e abordará as ciberameazas nas redes sociais
  • Un ano máis, CIBER.gal ofrecerá actividades complementarias como o reto “Capture the Flag”, obradoiros prácticos, unha obra teatral sobre a mala práctica no uso da tecnoloxía e o “Conecta Senior” para concienciar ás persoas maiores na importancia da ciberseguridade
  • Ademais, celebrarase a III edición do concurso “Ciberseguridade no cole!”, que este ano rexistrou récord de participación con máis de 6.600 escolares

Xa está aberto o prazo de inscrición para a terceira edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, que se celebrará os vindeiros 2 e 3 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. A longo das dúas xornadas, un total de 50 profesionais doutras tantas entidades públicas e privadas, do sector TIC e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado abordarán os retos da ciberseguridade para a sociedade, as administracións públicas e o tecido empresarial.

O encontro CIBER.gal, organizado polo Nodo CIBER.gal, está a consolidarse como unha cita de referencia no ámbito da ciberseguridade pola súa vocación de chegar a todo tipo de públicos, xa que está dirixido tanto a profesionais e expertos do sector, como á sociedade: familias, sector educativo, menores, persoas maiores e profesionais de todos os sectores.

Os interesados en participar poderán inscribirse ata o día 1 de novembro a través deste enlace https://inscricioncibergal.ciberseguridadegalicia.gal/gl/, tendo en conta que a asistencia presencial está limitada ao aforo do espazo. Ademais, poderán optar por inscribirse nun ou máis bloques de actividades, segundo as súas preferencias ou intereses.

As xornadas están organizadas por bloques temáticos. Así, durante a mañá do primeiro día abordaranse os retos da ciberseguridade nas administracións públicas, mentres que durante a tarde o público obxectivo será o tecido empresarial. A segunda xornada está orientada á cidadanía e afondarase na importancia da concienciación neste ámbito e na aposta por unha ciberseguridade inclusiva.

O encontro contará coa participación de expertos de referencia no eido da ciberseguridade como o hacker Chema Alonso; o responsable de Ciberseguridade e DPO de Renfe, Francisco Lázaro; o CISO de Iberia, Jesús Mérida; o Security Account Executive de Microsoft, Pablo Chapinal; e o director Office of the CISO en Google, Jorge Blanco. Tamén participarán diferentes responsables de entidades públicas como Javier Candau, xefe do Departamento de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional e Javier Diéguez, director da Cyberzaintza (a nova Axencia Vasca de Ciberseguridade). Todos eles abordarán os retos desta tecnoloxía clave desde os seus ámbitos. Ademais, desde unha perspectiva máis social a comunicadora galega, Esther Estévez, coñecida pola súa labor á fronte do espazo divulgativo “Dígocho Eu”, falará dos riscos das ciberameazas nas redes sociais e dinamizará a final do concurso de ciberseguridade dirixido aos escolares.

Actividades complementarias

Ademais de relatorios e paneis, CIBER.gal ofrece unha serie de actividades complementarias, que nesta terceira edición abranguen o concurso “Capture the Flag”, patrocinado por Gradiant, e no que os participantes terán que resolver diferentes retos, no menor tempo posible, demostrando a súas habilidades para resolver problemas relacionados coa criptografía, a análise forense, networking e reversing. Un ano máis, haberá representación teatral coa participación da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e catro talleres prácticos.

O concurso de escolares “Ciberseguridade no cole!”, patrocinado por Telefónica no marco do Encontro CIBER.gal, celebra este ano a súa terceira edición con récord de participación, máis de 6.600 escolares de 120 centros educativos galegos distintos. O colectivo de persoas maiores volve a ter un espazo específico co “Conecta Senior”, patrocinado tamén por Telefónica, unha actividade  para favorecer a súa confianza no uso de tecnoloxías dixitais.

O Encontro conta co apoio de entidades pertencentes ao Nodo CIBER.gal, entidade que organiza as xornadas, pero tamén con outras non vinculadas a este ecosistema como mostra do seu compromiso na concienciación sobre a ciberseguridade a todos os niveis no día a día. Deloitte, Abanca, Ednon, Seresco, Grupo Oesía e Huawei son patrocinadores estratéxicos do III Encontro CIBER.gal.

Nodo CIBER.gal

O Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do Nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado medio centenar de entidades de diversos sectores, entre as que se atopan as tres universidades públicas galegas.

A ciberseguridade e unha das tecnoloxías máis relevantes no momento actual e a Estratexia Galicia Dixital 2030 considera prioritario o seu impulso na Comunidade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS