O Concello de Narón vai ofrecer a través da Deputación da Coruña un obradoiro do proxecto Cuidadanas enmarcado no Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no Medio Rural e que se leva a cabo en colaboración coa Fundación Mujeres. O obradoiro porá o foco en loitar contra a fenda dixital deste colectivo.
En termos máis xenéricos, a iniciativa ten entre os seus obxectivos mellorar a calidade de vida das coidadoras familiares, polo que se dirixe a mulleres que de xeito non profesional coiden ou coidasen a persoas en situación de dependencia. As edís de Benestar Social, Catalina García, e Igualdade, Mar Gómez, deron a coñecer a convocatoria, anunciando que é de balde e que se será preciso para que se imparta cubrir alomenos oito prazas, tendo preferencia persoas de Narón.
O curso desenvolverase os xoves, entre o 23 de setembro e o 25 de novembro entre as 10.30 e as 12.30 horas no Centro Comunitario das Vivendas da Mariña (rúa San Vicente, 1). Entre os contidos que se abordarán inclúense os seguinets: Saúde e autocoidado, Quen coida de min; Xestión do tempo, O teu tempo, o teu lecer; Escoita activa, Se me escoito, escóitote; Dixitalizadas, Manexando o móbil e Prevención do acoso na rúa.
Coa finalidade de mellorar os coñecementos dixitais das mulleres a través do programa Digitalizadas (Fundación Mujeres) impartirase un obradoiro de uso de teléfonos móbiles para que desenvolvan as súas competencias tecnolóxicas e reducir deste xeito a fenda dixital de xénero. Neste último abordaranse temas como o uso do móbil intelixente, a xestión do correo electrónico e seguridade nas redes. As persoas interesadas en acudir poden informarse chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).